EDLG |
O pasado venres celebreouse na Casa de Cultura de Bertamiráns a Gala de Rosalía, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística do concello. Convidouse, coma todos os anos, a todos os centros de ensino de Ames para que o alumnado fose homenaxear a Rosalía de Castro, lendo, recitando, cantando... Un grupo de alumnas do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega, composto por Martina Bretaña, Irene Enríquez, Clara Barral, Uxía Riveiro, Sara Iglesias, Sara Antón e Nuria Lamas, fixo unha lectura dramatizada do poema de Follas Novas "A pobriña que está xorda". A escolla deste poema foi debido a que fala da Costa do mar de ovellas, un dos topónimos cos que andamos a traballar este curso.
Neste enlace da páxina do Concello, podedes oír e ver a dramatización durante a gala. |
|||
Moi pouco a pouco, pero case estamos xa preparadas e preparados para saír nas ondas da radio, grazas aos dous días en que nos impartiu o obradoiro Chema Bará. Xa vos avisamos cando teñamos listo o primeiro programa. Non vos habemos facer esperar moito.
|
|||
Lembrades que contamos que desde o Equipo de normalización e dinamización da lingua galega pediramos que mudasen o indicador do IES? Tratábase do que temos na entrada do aparcadoiro, que non respectaba a forma correcta do topónimo. Escribímoslles á concelleira de normalización lingüística e mais ao alcalde. A concelleira contestounos de alí a uns poucos días dicindo que tomaban nota do aviso e que ían proceder a mudar o indicador por outro correcto e... efectivamente! Xa está o cambio feito! Agradecemos moito a atención e a dilixencia con este tema. |
|||
O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia foi celebrado hoxe, 11 de febreiro, no noso IES coa realización dun cartel por parte da rapazada do EDLG e que foi colocado na parede central do corredor do Andar 0 xunto con algunhas sinopses biográficas de importantes científicas.
Ao mesmo tempo, o dpto. de Física e Química organizou a actividade Científicas que experimentan para o alumnado de 2º de ESO: o alumnado tivo a oportunidade de participar ao longo da mañá na realización de diversos experimentos dirixidos por catro mulleres.
|
|||
O día 28 de febreiro e o 2 de marzo o EDLG en colaboracion coa Biblioteca organizan nos recreos sesións de lectura dos poemas en galego de Rosalía de Castro. Poderá ler non só o alumnado, senón tamén o profesorado e o persoal non docente. O día 3 durante o primeiro recreo haberá un concurso de recitado. En O Millafaladoiro pode accederse a toda a información sobre a actividade. Animádevos a participar! |
|||
O venres 24 tivo lugar a xornada de formación conxunta para os participantes no Club de debate 2020; celebrouse na Casa da Cultura do Milladoiro e o noso alumnado tivo ocasión de xuntarse co do resto dos centros da contorna. A xornada estivo orientada á explicación do procedemento do debate e á práctica de habilidades comunicativas para mellorar as intervencións públicas orais en lingua galega. A formación completarase con catro sesións máis, esta vez xa no noso IES e para o noso alumnado: os días 6 e 20 de febreiro, 26 de marzo e 16 de abril en horario de 16.30 a 18.00 h.
|
|||
Un grupo de alumnas do Equipo de Dinamización da Lingua aGalega estiveron a facer unha campaña para que o concello mude o letreiro que ten colocado na entrada do aparcadoiro da Casa da cultura e que indica onde está o noso IES. Debido a que no EDLG estamos a comezar un proxecto de toponimia, o alumnado reparou en que o indicador pon "IES Milladoiro" cando debería poñer "IES do Milladoiro", xa que o topónimo da localidade é "O Milladoiro", con artigo.
Ademais de elaborar un cartaz reivindicando o nome correcto do instituto, redactaron unha carta para a concelleira de normalización lingüística e mais para o alcalde, solicitando que se mude o devandito letreiro.
|
|||
Na Gala de entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido, Desata a Lingua 2019, que vén de celebrarse este xoves 19 de decembro, concedéronlle o Premio á mellor interpretación ao grupo Sacarina, formado por tres alumnas de 1º ESO do noso IES: Martina Bretaña, Carla Gato e Sara Iglesias. Os outros dous premios que outorgaba o Concello, mellor guión e mais o premio do público, recaeron en dous grupos do IES de Bertamiráns. A gala celebrouse este ano na Casa de Cultura de Bertamiráns e estivo dirixida por Isabel Risco e Marián Bañobre, que lle fixeron pasar a todo o público un momento moi divertido. Os premios entregáronos a Concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística e mais o Concelleiro de Educación. Parabéns a todo o alumnado participante polo traballo feito e o esforzo realizado e, en especial, ás premiadas! |
|||
Desde o 2014 a Real Academia Galega e a Fundación Barrié levan a cabo unha iniciativa que nos permite elixir a que será logo a palabra galega do ano. A través da web Portal das palabras pódese votar a palabra do ano 2019. Ata o 15 de decembro puidéronse facer suxestións; entre as palabras elixidas atópanse quecemento global, ecocidio, sentidiño ou feminicidio. O período de votación remata ás 23.59 do día 25 de decembro. |
|||
Desde hoxe luns, 2 de decembro, xa se poden escoitar as pezas do alumnado do IES que participou no Concurso Radifofónico de Teatro lido na edición Desata a lingua, 2019. A partir de mañá, martes 3, e ata o domingo 8, pódese votar pola peza que máis vos guste enviando un correo a radioteatro@concellodeames.gal. As persoas que queiran votar deberán identificarse e só se computa un voto por persoa que se sumarán para outorgar un dos tres premios: o premio do público. Ademais deste, haberá dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación. Tamén podedes escoitar todas as pezas en Ames Radio, emite do 2 ao 5 de decembro, no 107.2 FM ás 13.30h e ás 21.30 horas. Os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 19 de decembro de 2019, á que asistirá todo o alumnado participante. O alumnado do IES do Milladoiro que participou neste concurso é o que aparece no vídeo. Abaixo deixamos os enlaces ás súas pezas para que vos sexa doado escoitalas: |
|||
Hoxe, 25 de novembro, celebrouse no noso IES o Día internacional para a non violencia contra as mulleres. Desde hai un par de semanas o alumnado do EDLG, coa colaboración de alumnado de 1º de Bacharelato e mais de 4º ESO, estivo a preparar esta actividade. Ademais de preparar a cartelaría e mais as pulseiras que se repartiron en 1º ESO o pasado venres, léronse dúas obras que tratan o tema da violencia de xénero: en 4º ESO a novela Senllerias de Antía Yáñez e en 1º de Bacharelato o poemario Dos días escuros de Mª Carme Caramés Gorgal. Esta autora achegouse hoxe ao centro. En colaboración co biblioteca organizouse un encontro co alumnado de bacharelato que lera o citado poemario da autora. |
|||
O alumnado do IES anotado no Concurso radiofónico do teatro lido foi gravar as súas pezas esta semana. Tiveron que achegarse a Bertamiráns aos locais de AmesRadio. Catro grupos foron o luns e tres foron onte xoves. Todos en horario de tarde. Lembramos que este alumnado leva neste proxecto desde principios de outubro, elaborou os seus guións, asistiu aos ensaios cos profesionais de "Ibuprofeno teatro", preparou as pezas na casa, escolleu todos os sons para facer os efectos sonoros e agora xa deixaron as súas obras gravadas. Só nos queda escoitar e votar para outorgar o premio do público. |
|||
O xoves levouse a cabo o Obradoiro de Danza contemporánea para a igualdade, tal e como estaba anunciado. O alumnado de Música de 1º de Bacharelato tivo a oportunidade de pór en prática técnicas relacionadas coa expresión artística da danza da man da bailarina e coreógrafa Xiana Vilas. A actividade foi realizada ao abeiro de programa IGUAL-SON da Secretaría Xeral de Política lingüística e organizada polo departamento de Música en colaboración co EDLG. |
|||
O vindeiro xoves o alumnado de Música de 1º de Bacharelato participará nunha actividade de danza levada a cabo por Xiana Vilas, coreógrafa e bailarina.
A actividade está organizada polo departamento de Música en colaboración co EDLG ao abeiro do programa IGUAL - SON que a Secretaría Xeral de Política Lingüística promove en execución do acordo de colaboración asinado entre a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo, para a educación en igualdade entre homes e mulleres, que introduce mensaxes positivas de rexeitamento de condutas machistas en desenvolvemento das actuacións do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, NÓS CONTRA A VIOLENCIA. |
|||
Hoxe, 4 de novembro, celébrase o Día da Ciencia en galego. Desde o EDLG, en colaboración co departamento de Física, de Tecnoloxía e de Matemáticas quixemos celebralo con varias actividades. Desde cienciaengalego.org propuxeron o lema A prol da ciencia galega e do galego na ciencia, que o alumnado do EDLG rotulou durante os recreos para elaborar o cartel anunciador.Ademais de reivindicar o galego como lingua válida para a ciencia, tamén é obxectivo da asociación promover o interese social pola ciencia e a innovación como base do progreso. Como este é o Ano Internacional da táboa periódica, ano no que se celebra o 150 aniversario da Táboa Periódica de Mendeleiev, no EDLG do IES do Milladoiro fixemos un vídeo para conmemoralo. Agradecemos a colaboración do alumnado de 2º ESO e mais das súas profesoras de física e matemáticas. Pola súa banda, tamén o alumnado de 2º ESO, coordinado pola profesora de Tecnoloxía, elaborou uns traballos sobre os principais inventos da humanidade que se expoñen polos corredores do IES.
|
|||
Nun centro coma o noso, no que hai moito alumnado de fóra, é preciso implicarse na normalización cultural como base para a normalización lingüística. Por iso estivemos desde o EDLG organizando unha exposición sobre as orixes e significado do Samaín. O alumnado do ENDLG estivo nos recreos elaborando cartaces explicativos ao respecto. Tamén se organizou a lectura de contos de medo polas aulas e mais na biblioteca e un concurso de microrrelatos de medo, cuxo gañador foi Adrián Dubra.
|
|||
Hoxe, martes 29 de outubro, tivemos a última xornada de convivio co alumnado de infantil a través dos xogos populares. O alumnado das dúas quendas que viñeron hoxe, ademais de aprender a xogar da man do noso alumnado, recibiu -igual ca os anteriores- as intrucións e a comunicación en lingua galega. O profesorado da Escola infantil, ao final da actividade, agasallou á nosa rapazada con galletas.
|
|||
Hoxe, luns 28, continuamos coa actividade "Xogamos no Samaín", organizada polo EDLG, en colaboración co Dpto. de E.Física. Visitáronnos dous grupos de alumnos e alumnas da EEI Milladoiro: entre as 8.50 e as 10.30 recibimos un grupo de 50 alumnos e alumnas de 5 anos, que compartiron xogos co alumnado de 4º ESO A e o alumnado de Portugués de 3º de ESO e de 1º de Bacharelato; entre as 10.50 e as 12.30 o alumnado de 3º ESO A e 4º ESO B recibiu a un grupo formado por 50 alumnos e alumnas de 4 anos. Toda a rapazada puxo en práctica os distintos xogos populares mentres conversaban en galego.
|
|||
Este venres, 25 de outubro, comezou a actividade dos Xogos populares polo Samaín, que este ano se vai realizar durante tres días para así poder atender a todo o alumnado de infantil de catro e cinco anos. Vanse realizar un total de cinco sesións para que todo o alumnado da EEI desa idade poida vir ata o instituto aprender a xogar da man do alumnado de 3º e 4º da ESO. Este, organizado por parellas, acolle a cadansúa parella de infantil para lle ir ensinando cada un dos xogos, ata un total de 23. O alumnado do instituto ten ademais o reto de explicarlles a actividade en galego e de manterse falando en galego coa rapazada xa que é unha iniciativa do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do Instituto, en colaboración co EDLG da escola infantil e mais co departamento de Educación física do IES. Este venres viñeron 50 rapaces e rapazas nunha quenda entre as 11h e as 12,30h. Para o luns haberá dúas sesións doutros 50 membros do infantil en cada unha das quendas e o martes outras dúas, unha de 50 e outra de 25.
|
|||
O alumnado do IES do Milladoiro que se anotou para participar no Concurso de teatro radiofónico, tivo hoxe, xunto co alumnado do IES de Bertamiráns, a primeira das dúas xornadas formativas que ofrece o concello. A sesión desenvolveuse desde as 11 ata as 13,15 da mañá na Casa de cultura do Milladoiro. Desde o noso IES acudiron oito grupos e un total de 23 rapaces e rapazas que foron atendidos por dous membros do Grupo “Ibuprofeno Teatro” (Santiago Cortegoso e Marián Bañobre).
A continuación repartíronse en dúas salas para traballar a guionización cunha explicación máis detallada, dar asesoramento aos diferentes grupos nos seus respectivos guións e atender dúbidas sobre a actividade. A seguinte sesión de formación vai ser o vindeiro 6 de novembro xa no IES para practicar a locución dos textos que xa teñen que estar rematados. Vaise gravar na semana do 18 de novembro nos locais de Ames Radio. |
|||
O alumnado de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato asistiu á montaxe teatral Language Planning, baseada na obra Made in Galiza de Séchu Sende. A respresentación correu a cargo de Os Quintilláns Teatro e a actividade foi organizada polo EDLG e o Departamento de Lingua galega en colaboración co Concello. O alumnado foi agasallado cun exemplar de Made in Galiza (publicado por Galaxia) e ao final da representación puido manter un coloquio co autor e tamén cos actores.
|
|||
Ao longo da semana do 14 de xuño celebramos no noso centro o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. |
|||
A figura de Antón Fraguas foi homenaxeada no noso centro mediante os traballos realizados polo alumnado do EDLG e coa representación de Quen ten un mestre etnógrafo? |
|||
O IES do Milladoiro participou na final do certame de clubs de debate celebrada en Pontevedra o sábado 11 de maio. |
|||
Un equipo do noso centro participa este sábado día 11 na final galega do Club de Debate. Ver. |
|||
O alumnado de 1º ESO participou o 6 de maio na XXIX edición do Correlingua en Compostela. Baixo o lema "O galego é a fórmula" esta edición reuniu a máis de 1700 alumnos e alumnas de vinte centros educativos. |
|||
O mércores 3 de abril dous equipos do IES do Milladoiro, conformados por alumnado de 1º de bacharelato, baixo a coordinación do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e da profesora Valentina Formoso, e coa colaboración do Concello de Ames, participaron en Santiago na fase comarcal do "Certame de debate 2019". O traballo de todas as tardes previas de formación e de preparación no instituto deron os seus froitos e competiron a un bo nivel, deixando unha moi boa imaxe e demostrando que con ganas e con esforzo se acadan resultados positivos, polo que lles transmitimos as nosas felicitacións. Pero ademais, un dos equipos tamén veu recoñecido ese traballo polo xurado, que decidiu concederlle un 2º premio, que amais dunha importante dotación económica supón o pase para participar en maio, en Pontevedra, na fase xeral. Parabéns para eles!
|
|||
A Escola de Educación Infantil do Milladoiro envíanos unha carta de recoñecemento e gratitude ao alumnado de 1º ESO C. Parabéns polo voso traballo ben feito! |
|||
Os regueifeiros Josinho Porto e Sara Marchena iniciaron na arte da regueifa o alumnado de 1º de ESO nunhas divertidas sesións celebradas o 25 de marzo grazas á colaboración do concello de Ames. Información sobre o concurso Enreguéifate: AQUÍ |
|||
O luns 17 de marzo o alumnado de 3º ESO seleccionado polo EDLG tivo unha charla para coñecer o concurso Youtubeir@s e para animalo a participar. Os premios Youtubeir@s teñen como finalidade ser acicate da creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego. |
|||
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- seguinte ›
- última »