EDLG

Día das letras galegas 2022

Homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán do Colectivo Euterpe

Florencio Delgado Gurriarán

O Equipo de dinamización da lingua galega organizou no IES unha exposición para dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano; Florencio Delgado Gurriarán. Ademais do alumnado do Equipo, colaborou na elaboración da cartelaría alumnado de 1º e 2º ESO.

 

Desde hoxe ata o venres, durante os segundos recreos, vaise proceder ao recitado de poemas do autor e vanse amenizar as xornadas coa música do colectivo Euterpe.
 
 
 

Vídeo da proclamación de "Xente que fala" como gañador da final do Club de Debate 2022

Xa podedes ver a proclamación  que tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra, o venres 6 de maio, do grupo "Xente que fala" como gañador da final do Club de Debate, correspondente ao ano 2022

Final do Club de Debate. Primeiro premio para "Xente que fala"

 

 

O alumnado do IES do Milladoiro participou hoxe (venres, 6 de maio) na final do Club de debate no Pazo da Cultura de Pontevedra.

 

 

O grupo 1,2,3 Milladoiro abriu a xornada nun debate co CPI de Dodro co tema proposto: “Favorecen os espazos educativos o uso do galego”? Á última hora da mañá debateron contra o grupo Os peripatéticos do IES Xulián Magariños de Negreira.

 

 

O grupo Xente que fala arrincou a segunda hora da mañá debatendo tamén co grupo do IES de Negreira. Tocoulle o segundo debate a primeira hora da tarde contra o IES Punta Candieira de Cedeira.

Fixeron un traballo magnífico os dous equipos, e foi recoñecido co primeiro premio o equipo Xente que fala.

 

 

LIGAZÓN AO VÍDEO

 

Parabéns!
 

O Correo Galego. O equipo Xente que fala do IES do Milladoiro gaña a final do Club de Debate

Viaxe a Portugal

O mércores, 21 de abril, o alumnado de portugués de 1º e 2º ESO realizou unha saída didáctica ao norte de Portugal.
 
 
 
Visitaron pola mañá a vila de Viana do Castelo, o museo da fábrica de chocolate e mais ao santuario de Santa Lucia.
 
 
 
Pola tarde realizaron un roteiro por Braga onde tiveron que interactuar cos seus habitantes para completar un xogo de pistas.
 

 

Vídeos do club de debate

Velaquí tedes un resumo, en video, das intervencións realizadas polo noso alumnado nas actividades do club de debate, correspondentes a abril de 2022

VÍDEO 1: dinámicas grupais iniciais. Exposición inicial de Martina Bretaña. Refutación de Lia Barreiro.

 

VÍDEO 2: exposición inicial de Mario Campos. Primeiras refutacións ao IES de Ames de Diego Madarnás. Exposición inicial de Breogán Fajundes. 

 

VÍDEO 3: exposición inicial de Gabriel Blanco. Refutacións de Nacho Molina. Debate contra o IES Sánchez Cantón de Pontevedra.

Regueibertso 2022

Corenta alumnas e alumnos dos institutos do Milladoiro e de Vila de Cruces están participaron no encontro"Regueibertso"en Igorre, Biscaia, de improvisación oral en verso.

Regueifeiros/as da Galiza, glosadors dos Países Cataláns e bertsolaris vascos adolescentes reúnense neste encontro de dúas xornadas educativas.

A Regueifesta é un proxecto de innovación educativa que desde 2015 impulsa a regueifa como ferramenta para a normalización lingüística, a educación musical, a educación en valores como o feminismo, a autoxestión ou a transformación social.

Esta é a cuarta vez que regueifeiras adolescentes visitan Igorre, nun proxecto que vén reunindo cada ano repentistas de Galiza, Cataluña e Euskadi nun destes tres países.

Durante estas xornadas, o alumnado improvisador participou e organizou actividades de valoración das linguas e culturas propias, desde a poesía oral e a música até o baile ou o deporte tradicional. O día 7 de abril tivo lugar o festival Regueibertso no auditorio de Igorre, onde o alumnado improvisou con artistas do País Vasco como Onintza Enbeita.

A Regueifesta comprende a improvisación oral como un recurso educativo fundamental para unha educación humanista, onde as emocións e os afectos son motor das relacións persoais e do empoderamento individual e colectivo, a autoestima e o sentido crítico. 

A prensa di:

O CORREO GALEGO



21 NOTICIAS



ÁBRETE DE ORELLAS



BERTSOA

Saída didáctica a Portugal

 

O alumnado de portugués de 3º da ESO, 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato realizou unha saída didáctica a Portugal o pasado xoves día 7 de abril. Achegáronse ao Museo da fábrica de chocolate en  Viana do Castelo, onde se lles explicou, en portugués, toda a historia do chocolate e as fases da súa produción desde a antiguidade ata hoxe. Despois de dar un paseo polo centro desta cidade, foron ata a cidade do Porto, para realizar a pé un percorrido  que os levou polos principais monumentos: Torre dos clérigos, estación de São Bento, ponte de Luis I, Sé-Catedral etc.

 

 

Outro premio no Club de debate

 

O grupo "1,2,3 Milladoiro", que participou na segunda xornada do Club de debate celebrada onte, día 6 de abril, gañou o terceiro premio e o pase á final que se vai celebrar en Pontevedra no mes de maio.

 

 

Gabriel Blanco, Enid Alonso e Nacho Molina tiveron que afrontar o debate sen dúas das persoas que tamén conformaban o grupo, pero que estaban de baixa: Carmen Paredes e Sergio Mella.

Enfrontáronse ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES Sánchez Cantón e ao de 4º ESO do Colexio Sagrado Corazón de Praceres

 

 

O xurado fixo unha mención especial para o noso alumno Nacho Molina. Parabéns!

 

 

Premio para o grupo "Xente que fala" do IES do Milladoiro no Club de debate

 
 
"Xente que fala" é o nome do grupo que gañou o segundo premio do Club de debate e o pase á final, que se vai celebrar en maio en Pontevedra. Este equipo enfrontouse onte aos centros de Cedeira e de Dodro, e estivo conformado polos alumnos de 3º da ESO Diego Madarnás, Breogán Fajundes, Mario Iglesias e Javier Conde. O grupo completo configúrano, ademais, as alumnas Andrea Gallego, Sofía Chang, Iria Ferreiro e Marta Méndez, de 4º da ESO, que axudaron na preparación do argumentario mais non puideron acudir ao debate.
 

Participación do alumnado do IES do Milladoiro no Club de Debate

 

Durante o día de onte, martes 5 de abril, desenvolveuse no Auditorio do Centro Sociocultural de Negreira a primeira xornada do Club de debate. O tema que había que tratar foi o de “A liberdade individual pode estar por riba do interese colectivo?”.

 

 

Do noso centro participaron dous grupos. O primeiro estaba formado por alumnado de 3º ESO B do IES: Lía Barreiro, Andrea Caramés, Martina Bretaña, Clara Barral, Sara Iglesias, Anthony Rivera e Paola Torrado (que non puido achegarse por atoparse enferma). Realizaron dous debates durante a mañá, un contra o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro e outro contra o IES Punta Candieira.

 

 

Contra  o IES de Ames  debateu pola mañá o grupo  "Xente que fala", formado por 8 persoas, das cales só puideron participar Diego Madarnás, Breogán Fajundes, Mario Iglesias e Javier Conde. As alumnas Andrea Gallego, Sofía Chang, Iria Ferreiro e Marta Méndez estiveron na preparación do argumentario durante os meses previos mais non puideron acudir.

 

 

Pola tarde o noso alumnado enfrontouse ao IES Punta Candieira de Cedeira, neste caso defendendo que o interese individual non pode estar por riba do interese colectivo. 

 

 

Hoxe mércores participa o terceiro grupo inscrito, "1,2,3 Milladoiro", que ten que competir contra dous centros de Pontevedra: IES Sánchez Cantón e IES Sagrado Corazón de Praceres.

 

Manifesto regueifeiro: Non ás guerras

Este 1 de abril, o alumnado do IES do Milladoiro, concentrouse para participar no manifesto-regueifeiro-expansivo "NON ÁS GUERRAS". Un berro colectivo de alegría ante tantas guerras, para que as armas disparen flores e versos libres

 

Vídeos do recitado "Rosalía sempre viva"

Estes son os vídeos das alumnas participantes no Concurso de Recitado "Rosalía sempre viva" en Outeiro de Rei. Parabéns para Saínza Ruiz e Xiana Lorenzo:

 

VI Concurso de recitado "Rosalía sempre viva"

Este sábado 19 de marzo, nas vésperas do Día da poesía, celebrouse o VI concurso de recitado "Rosalía sempre viva", organizado pola Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei (Lugo).

O noso instituto estivo representado por dúas alumnas de 2º ESO: Saínza Ruíz, co poema "Eu ben vin estar o moucho", e Xiana Lorenzo, con "Nasín cando as prantas nasen".

Ao son da dobraxe

Ao son da dobraxe é un proxecto que busca implicar o alumnado para dobrar ou adaptar produtos culturais do seu interese ao galego. Sábese que unha das mellores maneiras de enganchar a mocidade ao galego é con produtos audiovisuais específicos para eles e na nosa lingua. Polo tanto, crear contidos dobrados ao galego, tanto para usar de entretemento como para aprender a lingua, é fundamental no proceso normalizador no que pretende inserirse este innovador proxecto.

Vídeo do concerto-faladorio de flamenco

 

Velaquí tedes o vídeo do concerto-faladoiro de flamenco,que levaron a cabo  Josemi Carmona (guitarrista de Ketama), Rafita de Madrid (cantador flamenco) e Moisés Fernández (tocador de caixón) para o alumnado do noso centro.

Concerto-faladoiro de flamenco

O xoves 10 organizouse no Auditorio do Milladoiro un concerto-faladoiro, dende o Departamento de Música, coa colaboración do alumnado da Radio e do Equipo de Dinamización Lingüística.

Tivemos a gran sorte de contar coa visita de tres grandes artistas internacionais de flamenco: 
Josemi Carmona (guitarrista de Ketama), Rafita de Madrid (cantador flamenco) e Moisés Fernández (tocador de caixón). O alumnado participou activamente no evento, posto que presentou Rebeca (que tamén bailou ao final), tocou Simón a guitarra e Diego bailou e cantou. Erik foi o encargado da loxística da gravación e da entrevista para a radio. 

 
A maiores de realizar o concerto, estes músicos fixeron un faladoiro moi interesante, no que o alumnado participou cunha serie de preguntas. Tratáronse temas moi diversos e interesantes que axudan a empoderar o alumnado para que siga estudando e perseguindo os seus soños. Xenerosos artistas con grandes palabras de ánimo para o alumnado, que serven para mudar narrativas cara a camiños motivadores.

Foi un día que seguro que o alumnado non esquecerá na vida. 


 

Moitísimas grazas a Josemi, Rafita e Moisés por tanta xenerosidade e arte.

Grazas tamén a Rosa Bugallo por facilitar que viñeran os artistas ao centro, e ao Concello por ceder as instalacións e acompañarnos no evento.

O alumnado do EDLG do IES do Milladoiro nos actos do Día de Rosalía organizados polo concello de Ames

As Rosalías do Milladoiro, nos medios

Celebración do "Día de Rosalía" no IES

Celebramos o Día de Rosalía 2022 adaptándonos á nova data na que se confirmou que naceu a autora de Cantares gallegos. Foi neste 23 de febreiro tamén o día no que naceu o colectivo musical Euterpe, que abriu e pechou os actos no centro. Co poema que Curros Enríquez lle dedicou a Rosalía de Castro, "No bico un cantar" (interpretado por María Iglesias na voz e piano, Dora Iglesias na frauta, Erik Cadavid na trompeta e Eloi Zabala na guitarra), déuselle paso á charla que Marilar Aleixandre, que lle ofreceu ao alumnado de 1º ESO A, B e C. Baixo o título de "Rosalía e as desposuídas, a terra e as mulleres", explicou a actualidade da poeta en temas como a emigración, o feminismo e a defensa da paisaxe natural galega. Pechouse o faladoiro coa interpretación do poema "Nasín cando as prantas nasen" na voz de Xiana Lorenzo, acompañada na guitarra por Simón Jiménez.

 

 

A seguir, o alumnado de 1º ESO, acompañado polo alumnado do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, saíu para a zona do patio destinada á plantación das árbores cedidas pola Aula da Natureza do Concello, cuxa brigada tamén previamente viñera ao centro para acondicionar o terreo. Alí procedeuse, seguindo as indicacións dos técnicos medioambientais, á plantación de 11 bidueiros, 3 érbedos, 2 castiñeiros, 2 carballos, 2 sobreiras, 1 cereixeira e 1 figueira. Todas estas árbores quedaron etiquetadas cuns cartaces, realizados  previamente polo alumnado do primeiro curso da ESO, e colocadas nunhas estacas que fixeron nas aulas de tecnoloxía. 

 

 

Durante a plantación, un grupo de alumnas do EDLG leu o manifesto da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) para o Día de Rosalía 2022, e xunto cos demais membros do EDLG recitaron versos da autora. Estiveron no acto o alcalde de Ames e mais o concelleiro de medioambiente.

O Día de Rosalía pechouse no centro coa inauguración dos novos versos que se colocaron nas escaleiras. En dous tramos combinouse a poesía de Rosalía escrita no s. XIX  e tantas veces musicada "Miña terra, miña terra/ terra onde m'eu criei/ hortiña que quero tanto/ figueiriñas que prantei..." con algúns versos da tan actual canción Terra das Tanxugueiras ("Canta ti, cantarei eu/ co xeito das nosas nais..."). Remataron as actividades da mañá no IES con outra actuación do colectivo Euterpe, que aínda volveu intervir á tarde na inauguración do mural de Rosalía realizado na entrada da Casa da Cultura, onde as nosas alumnas volveron ler poemas e mais o manifesto da AELG.

Día de Rosalía de Castro 2022. Actuación musical. Colectivo Euterpe.

NO BICO UN CANTAR (MARÍA, DORA, ERIK E ELOI)

NASCÍN CANDO AS PRANTAS NASCEN (XIANA E SIMÓN)

Manifesto Día de Rosalía de Castro. IES do Milladoiro 2022

DÍA DE ROSALÍA

Entrega de premios

A semana pasada entregáronse os premios dos concurso do EDLG realizados no 1º trimestre (Concurso de relatos de terror "Coa pel de galiña" e mais o de "Xeometría con lema").

Poden lerse os textos gañadores no blog do EDLG.

 

La Voz de Galicia: Club de debate no IES do Milladoiro

A xornada do Club de debate, realizada no noso centro xunto co IES Plurilíngüe de Ames o pasado 24 de xaneiro, é obxecto dun artigo en La Voz de Galicia:

Ao son da paisaxe

 

La Voz de Galicia: Euro a de repente

O programa de erasmus +, Euro a de repente, na que participa o IES do Milladoiro, apareceu recollida nos medios de comunicación e en concreto en La  Voz de Galicia. Amosamos aquí o artigo

Bota a andar o Club de debate

 

Hoxe, 24 de xaneiro, desenvolveuse no noso centro a xornada de formación do club de debate para o alumnado participante dos dous centros do concello de Ames. Desde as 9,30 h da mañá, a rapazada do IES de Bertamiráns anotada a este certame, acompañou á do noso centro para recibir a formación xeral sobre o Regulamento e a dinámica desta actividade. Impartíronse nocións e consellos básicos sobre a procura de información e documentación para o debate e sobre a estruturación do argumentario, así como información sobre as habilidades comunicativas precisas para o desenvolvemento fluído das intervencións.

A sesión de hoxe desenvolveuse no salón de actos do noso IES, mais agora o alumnado de cada centro ten que preparar o seu argumentario de cara aos debates que se van celebrar en Negreira os días 5 e 6 de abril. Neste certame participan os centros anotados de diferentes puntos de Galicia e vai ser nesa data cando se determinen os finalistas que debaterán en Pontevedra no mes de maio.

Do IES do Milladoiro van participar tres grupos de 3º e 4º ESO. Un está formado por cinco membros, outro por sete e un terceiro por nove.

 

 

 

Premiadas no concurso de relatos "coa pel de galiña"

Os Equipos de Dinamización da lingua galega do IES de Ames e mais do IES do Milladoiro, xunto coas bibliotecas dos dous centros, organizaron este ano o 5º Concurso de relato fantástico e de terror en lingua galega “Coa pel de galiña”.

No IES do Milladoiro o xurado, formado por cinco membros do profesorado de distintas materias (David Amboage, Maruxa Fernández, Valentina Formoso, Manuel Maseda e Ismael Ramos) acordou premiar na modalidade A (que correspondía a 1º, 2º e 3º ESO) a:

Lucía Pájaro (1º ESO E) co texto “Aquela figura”

O xurado valorou especialmente a capacidade para crear unha atmosfera de medo, así como a orixinalidade na trama, evitando tópicos argumentais e clixés narrativos.

Reciben dous accésit:

Gabriela Leis (1º ESO A) co relato “Unha ponte no río”

Alba García (2º ESO E) co texto “Noite de camiños perdidos”

A entrega de premios vaise realizar o vindeiro martes 25 de xaneiro no 1º recreo na biblioteca, día en que se publicarán tamén os relatos no blog do EDLG.

A modalidade B, correspondente a 4º ESO e Bacharelato, quedou deserta.

Distribuir contido