EDLG |
O venres 27 de xaneiro foi o primeiro dos dous días nos que lle fixemos unha pequena homenaxe a Castelao no noso IES, con motivo de celebrar o seu nacemento (29 de xaneiro). Unimos esta pequena homenaxe coa terceira fase do proxecto "Ao son da paisaxe" coa que quixemos "humanizar" unha parte do noso patio, a que está atrás do pavillón. Antes, o alumnado do EDLG (Equipo de dinamización da lingua galega) de 1º e 2º ESO foi á parroquia de Ameixenda buscar varas de salgueiros, bidueiros e vimbios que logo plantamos nese espazo traseiro onde tamén colocamos a faixa coa mítica frase de Castelao, faixa que a rapazada pintou durante toda a semana previa. Abaixo podedes ver algunhas imaxes dese día. Ademais de ligar a Castelao co noso proxecto plurianual "Ao son da paisaxe", tamén o ligamos coa celebración do Día da paz na bibliteca, onde se lle fixo tamén unha pequena homenaxe. Rapazas do ENDLG leron viñetas de Castelao, tanto en contra da guerra, como en contra de calquera inxustiza, empregando como arma a retranca. Para finalizar, as irmás Dora e María Iglesias interpretaron o famoso poema de Castelao musicado (Lela): Durante os dous días dedicados a Castelao proxectáronse os dous vídeos relacionados, un sobre a súa vida e obra do rianxeiro como retranqueiro universal e outro sobre o que entendemos no EDLG que é a paz lingüística. |
|||
Convidados pola Concellaría de medio ambiente fomos á inauguración das figuras de madeira que se colocaron nesta carballeira de trasnos que arranxaron en Paramuíño, xusto detrás do CEIP de Ventín. A rapazada de 1º ESO D, e mais alumnado do EDLG de 1º ESO, compartiu espazo con alumnado da súa antiga escola, por grupos "apadriñaron" un carballo e leron uns textos sobre cada un dos posibles habitantes da carballeira (donosiña, píntega, curuxa...) |
|||
PAZ LINGÜÍSTICA "Lela" de Castelao. Interpretación: María Iglesias (piano) e Dora Iglesias (frauta) |
|||
CASTELAO: O SUPERHEROE RETRANQUEIRO |
|||
Actividades do Día Internacional da Non Violencia e a PAZ. Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Biblioteca. Departamento de Música 1º recreo |
|||
Volve o programa Vozes da lusofonia, que dirixen Uxía Reyes e Saínza Ruiz. Comeza a edición deste ano cunha homenaxe a José Saramago, para comemorar o centenario do seu nacemento. Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO fixeron unha breve presentación da súa biografía que introduce a lectura dunha das súas obras máis coñecidas (Ensaio sobre a cegueira) realizada por alumnado de 3º e 4º, coa colaboración dalgunha profesora. Dentro do programa Vozes da lusofonia, podedes escoitar varios podcast coa a lectura (dramatizada) das primeiras páxinas do Ensaio sobre a cegueira. Neste artigo deixámosvos dous, pero vanse publicar máis. Comeza a lectura: presentación da historia, unha rúa dunha cidade, xente nos carros, un home deixa de ver... Thiago e María Isabel póñenlle voz: Continúa a lectura, agora dramatizada polo alumnado que estuda portugués en 3º ESO: |
|||
Durante a última semana lectiva de decembro (do luns, 19 ao xoves, 22) o EDLG (Equipo de Dinamización da Lingua Galega) do noso centro desenvolve unha campaña solidaria de recollida de alimentos (produtos de Nadal) para entregarlle ao banco de alimentos do Concello de Ames. Esta acción serve de marco da Foliada Solidaria que se vai desenvolver o vindeiro mércores 21 de decembro, ás 11:00h, no Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta gala vanse presentar dous vídeos musicais que, a partir de dous poemas de Florencio Delgado Gurriarán, musicou o alumnado do noso centro e mais do IES Marco de Camballón de Vila de Cruces. A maiores teremos unha serie de actuacións do alumnado de ambos centros unindo música, danza e palabra baixo un mesmo propósito solidario. As familias que desexen asistir ao acto poderán entrar para ocupar as prazas libres que fiquen, unha vez entre o alumnado. Agradecemos a vosa axuda para colaborar, na medida das vosas posibilidades, se vos presta, nesta iniciativa achegando turrón, mazapáns, polvoróns… no espazo que estará habilitado na conserxería do IES desde o luns ao mércores 21.
|
|||
|
|||
Accesit e 3º premio forn os resultados obtidos polo IES do Milladoiro no Primeiro Premio Innovames Proxectos Educativos, orientados a promover a cultura do emprendemento e a innovación e que situáronse dentro da xornada desenvolvida 0 16 de decembro no Pabillón do Milladoiro, Innovames, organizada polo Concello de Ames e destinada a amosar as últimas tendencias das empresas de Ames no mundo da innovación Noraboa aos premiados! |
|||
Este pasado venres entregáronse un primeiro premio e un accésit do concurso de relatos de terror que organizamos polo Samaín.
O xurado reuniuse o 29 de novembro do 2022 e acordou por unanimidade entregar o 1° Premio da modalidade A a Paula Ramos Vilar, de 1° da ESO D, pola obra Vaticinios. Así mesmo, o xurado decidiu outorgar un accésit, na mesma modalidade, a Gael Rodríguez López, por Un Nadal diferente.
No acto de entrega de premios que se celebrou na biblioteca, a premiada e mais o galardoado co accésit resumíronlles aos asistentes os seus textos, e logo recibiron de mans do director do centro cadanseu vale para gastar na librería, así como cadanseu caderno.
|
|||
Dentro do Proxecto Regueifesta, no que participa o noso centro xunto ao CFR de Vimianzo, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e o CEIP Labarta Pose da Coruña, da man dun proxecto de Erasmus +, e que se centra na recuperación e impulso da Regueifa, desenvolveuse unha visita á illa de Sardeña, para contactar con distintas asociacións culturais da zona ou intérpretes como Bernardo Zizi, unha das grandes figuras da improvisación oral en verso de Europa. A actividade non pasou inadvertida para os diferentes medios de comunicación do país. Velaquí tedes algúns exemplos da súa recpercusión nas seguintes ligazóns: |
|||
O pasado xoves 24 de novembro, os profesores da Universidade de Cabo Verde, Lourenço Gomes e Elter Carlos, presentáronlle ao alumnado de portugués de 3º e 4º ESO o seu país e os aspectos máis destacados da súa historia, paisaxe e cultura. Nesta actividade, organizada polo departamento de lingua galega e o EDLG, a alumnado asistente descubriu o batuko, unha expresión artística cantada, tocada e bailada por mulleres, que estivo prohibida mentres non acadaron a independencia de Portugal. Na actualidade o batuko está vivo, tamén entre a comunidade caboverdiana de Burela, que formou o grupo Batuko-Tabanka. Ao final o noso alumnado interesouse por aspectos concretos da educación, da sanidade, do turismo ou da música caboverdiana sobre os que os profesores amablemente responderon.
|
|||
|
|||
Hoxe o noso alumnado de 4º da ESO mergullouse na tráxica historia do Prestige e no desastre ecolóxico que trouxo ás nosas costas. Dentro do proxecto "Ao Son da Paisaxe" seguimos sementando conciencia ecoloxista e, ao mesmo tempo, facemos memoria histórica do acontecido, para que non volva acontecer. Tivemos a sorte de contar coa visita de Brais Fernandes, para realizar unha entrevista moi instrutiva e produtiva; moitas grazas, compañeiro. Ao mesmo tempo, inauguramos hoxe unha exposición itinerante coas maletas viaxeiras, que estará na nosa Biblioteca unha tempada e posteriormente viaxará ao IES Antonio Fraguas.
|
|||
Esta semana tivemos a grande oportunidade de poder gravar na "Ponte Estudos" con Tomás e Alén como técnicos. Aprendemos moito e coñecemos a xente moi interesante, como Xurxo Souto, Antía Ameixeiras, Lola de Ribeira, Richi, Ricardo Gurriarán...
Foi un día cheo de emocións, no que o noso alumnado gravou voces, trompeta, percusións, baixo eléctrico, bailou...
En breve poderemos estrear o vídeo-clip para que todas e todos vexades o froito de tanto traballo, esforzo e compromiso polo labor en grupo. |
|||
Na canle de youtube do EDLG do IES do Milladoiro podedes acceder a dous videos relacionados ca actividade que fixo o alumnado da materira de Artes Escénicas e Daza, trala visión da obra teatral "N.E.V.E.R.M.O.R.E" no Auditorio de Galicia o 10 de novembro, representada por Xacobe Martínez Antelo, Patricia de Lorenzo, Mónica García e Xurxo Pinheiro. O primeiro vídeo é unha explicación sobre a técnica Foley e o segundo, unha entrevista a Xacobe Martínez Abtelo. A entrevista forma parte do proxecto educativo "ao son da dobraxe".
|
|||
Chega o Samaín e xa está aberto o prazo para que presentedes os vosos relatos no II Concurso de relatos de terror que convocamos desde o EDLG en colaboración coa biblioteca. Este ano, hai unha categoría máis, así que calquera persoa da comunidade educativa pode participar e ser premiada. Non vos despistedes! Aquí tendes as bases completas. Cada modalidade ten o seu premio e mesmo pode haber accésit. Lembrade entregar os vosos relatos antes do 2º recreo do día 15 de novembro. Deixádeos na caixa do terror que está na biblioteca!
|
|||
Hoxe martes, 18 de outubro, tivo lugar a entrega dos certificados de Lingua portuguesa no IES do Milladoiro no que participaron, Filipa Soares, Agregada de Educación da Embaixada de Portugal e Coordinadora do Ensino do Portugués em España e Andorra, acompañada polo Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. O pasado mes de xuño presentáronse ás probas de certificación do Camões Júnior trinta e cinco alumnos e alumnas, dos cales trinta e dous acadaron o nivel B1 e tres o A2 en Lingua portuguesa.
Filipa Soares parabenizou o esforzo feito no IES e explicou que este foi o centro que conseguiu examinar o maior número de alumnado, o que supuxo un gran desafío tamén para a entidade que representa, xa que estas probas se realizan en liña, mais en tempo real en conexión desde a escola e o centro en Lisboa. O alumnado que conseguiu os títulos podía levar dous ou tres anos estudando portugués, materia que se implantou neste centro no curso 19-20.
O acto, presidido polo director do IES e que contou coa presenza do presidente da ANPA, foi dirixido por catro alumnas que na actualidade cursan 3º ESO: Saínza Ruíz, Uxía Reyes, Ana Caamaño e Zoe González. Elas falaron en nome dos 130 matriculados en portugués este curso no IES, que enchían o salón, e mais do alumnado que conseguiu a certificación e que xa non está no centro. Agradeceron a oportunidade que se lle deu ao alumnado do IES do Milladoiro de obter esta certificación desde o propio centro e de forma progresiva. Lembraron tamén os proxectos que se desenvolven desde o Equipo de dinamización da Lingua Galega que poñen o foco na lusofonía como elemento normalizador do galego. Neste punto incidiu tamén Valentín García na súa intervención quen lles fixo ver aos discentes a vantaxe que lles supoñía saberen galego para acadaren un bo nivel de competencia en portugués nun curto período de tempo.
Fíxose tamén referencia ao que supoñen as linguas como elemento de unión e de “fraternidade” entre as diferentes culturas que conforman a nosa comunidade educativa, composta por alumnado e familias de 22 nacionalidades diferentes. Para amosar este espírito de fraternidade, o colectivo Euterpe amenizou o acto coa interpretación da famosa canción do Zeca Afonso, Grándola, vila morena.
|
|||
A pasada semana acudiron ao noso centro varias persoas para difundir e animar a participar nos certames que organiza, ou coorganiza, o Concello de Ames. Trátase do III Certame de Galetiktokers e mais do Concurso Youtubeir@s. O primeiro deles está organizado polas áreas de Mocidade e Normalización Lingüística do noso concello. Nel poden participar mozos e mozas a partir dos 13 anos de calquera concello, repartidos en dúas categorías en función da idade. A primeira para a rapazada de 13 a 16 anos, e a segunda para quen teña de 17 anos en diante. Vanse dar seis premios de 300 euros, catro decidiraos un xurado de especialistas no ámbito audiovisual e nas redes sociais, e dous serán escollidos polo público, que votará cun 'gústame' os vídeos subidos ao perfil de Instagram da OMIX de Ames (@omixames). O martes pasado, a tiktoker Sara Seco estivo no noso centro explicando nos grupos de 3º e 4º ESO en que consistía a actividade, e mais animando o alumando a facer os seus vídeos de tiktok en galego.
Lembrade que tendes ata o 21 deste mes de outubro para presentarvos. O segundo dos certames, o xa tradicional Youtubeir@s, que vai na sexta edición, tamén foi presentado no noso centro o pasado mércores 5. Nesta ocasión foron os youtubeiros Mario Brión (olaxonmario) e Nee Barros (Neeumático) os que lle falaron ao alumnado de 1º de bacharelato sobre a súa experiencia en Youtube animándoos a participar nestoutro certame. Tendes ata o 15 de novembro. Animádevos! |
|||
O proxecto, "O poeta que baila" no que participaron, conxuntamente, o IES do Milladoiro e o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, obtivo a consideración de "excelente", no marco da Resolución dos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística 2021-2022 O proxecto trata do vínculo existente entre a obra literaria de Florencio Delgado Gurriarán e a música galega e latina, encargándose o alumnado do noso centro de analizar a vinculación das obras de Delgado Gurriarán con sons americanos como o da rumba, o veracruzano ou o tango. Noraboa a todos os participantes do noso centro neste proxecto que con este recoñecemento, ven a culminar o gran traballo feito polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, coordinado con outros departamentos como o de Música |
|||
O alumnado de portugués realizou as probas do Instituto Camões para obter a certificación oficial o pasado 15 de xuño. Foron 35 alumnos e alumnas, de entre 2º ESO e 2º de Bacharelato, que se anotaron para poder obter un título oficial de portugués a través das probas que a entidade denomina "Camões Júnior" e que permite que certifiquen, facendo os exames no propio instituto. Empregáronse as dúas aulas de informática, que houbo que preparar instalando un programa específico e mais atender todos os requisitos técnicos e formais que enviaron desde a organización. Aínda que houbo algún problema nos primeiros momentos por fallos na rede, todo se resolveu con éxito no día das probas, que duraron dúas horas e nas que o alumnado tivo que demostrar as súas competencias a nivel de comprensión oral e escrita, así como de expresión oral e escrita. Hoxe, 17 de xullo, enviaron as notas ao centro educativo. Segundo indican desde a Embaixada de Portugal en Madrid, a coordinadora de ensino do Instituto Camões virá facer entrega dos diplomas en setembro ao IES.
|
|||
O que na programación inicial do EDLG se pensou como un intercambio lingüístico e cultural a través da radio, acabou dando lugar, neste mes de xuño, á realización de catro podcast conxuntos entre o alumnado do noso centro e o do IES Félix Muriel de Rianxo. O nome, "Mentes referentes", porque o obxectivo principal era que o alumnado de cada centro localizase "mentes referentes" do seu concello, que traballasen en galego, e que llas presentase ao alumnado do outro instituto para que este preparase a correspondente entrevista. Con este esquema de traballo estivemos no terceiro trimestre e, aínda que parte do proceso se desenvolveu de xeito virtual, argallamos dúas mañás de convivio e traballo conxunto que deron moi bos resultados. O mércores 8 de xuño foi cando nos xuntamos en Rianxo, para que as nosas reporteiras entrevistaran a dúas mulleres referentes nese concello: Maruxa Miguéns (do mítico grupo Os Rosales) e Sabela Galbán, unha moza cunha grande traxectoria musical (Cuarteto de biselas, Carapaus, Sés..). Logo o pasado luns 20 acollemos no Milladoiro ao grupo da radio que chegaba desde a terra de Castelao para entrevistaren a Inés Suarez, integrante do grupo de música tradicional do noso concello "As maianas" e mais á xornalista, presentadora da TVG, Susana López Carbia. O alumnado de cada centro anfitrión fixo as presentacións e despedidas correspondentes, e entre alumnado dun e doutro centro explicaron o proxecto neste que chamamos "Introdución ao proxecto".
En ambos os casos compartimos, ademais dos estudos de gravación, unha troca de experiencias e de xeitos de traballar, que deu moi bos froitos, de feito temos pensado continuar no vindeiro cursos. Aquí quedan as entrevistas realizadas ás catro mentes referentes:
|
|||
Para o Día da Lingua materna ideamos un programa especial que dirixiu Diego Madarnás, entrevistando a estudantes do noso centro que cursaban entre 1º ESO e 2º Bac e que tiñan como lingua inicial o galego. Aínda que se fixeron as entrevistas antes do 21 de febreiro, día no que se conmemora este efeméride, houbo problemas técnicos coa montaxe e non se puido publicar ata agora. É este un programa que describe unha realidade dura para a rapazada que ten como lingua inicial o galego e que estuda nun centro no que se declara galegofalante menos do 2% do alumnado. Son testemuños do que supón "ser galegofalante no Milladoiro" que non vos van deixar indiferentes.
Con este episodio, Diego pechou o seu programa de entrevistas por este ano lectivo, pero volve en setembro! Mario Campos e Hugo Mateos na parte técnica.
|
|||
O grupo Xente que fala, gañador da X edición do Club de debate, foi recibido no Salón de Plenos da Casa do Concello de Ames polo alcalde, José Blas García Piñeiro. Acudiron sete dos oito formantes do grupo (Diego Madarnás, Mario Campos e Breogán Fajundes (3º ESO), Sofía Chang, Andrea García, Iria Ferreiro e Marta Méndez (4º ESO). Non puido acudir Javier Conde, e ocupou o seu lugar, convidado polos membros do grupo gañador, Nacho Molina, quen participou tamén na experiencia do club de debate con outro grupo que igualmente chegou á final. No salón de plenos, o alcalde e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín López, felicitaron o alumnado presente e á artífice deste logro, Valentina Formoso Gosende, polo premio que contribúe ao bo nome do Concello e a dignificar e impulsar o uso da nosa lingua, nun contexto de diversidade e riqueza cultural como a que temos no noso centro, grazas ás achegas dun alumnado de distintas procedencias. O noso alumnado foi entrevistado en Ames Radio, para o programa "Somos Ames". A continuación, podedes escoitar esta entrevista dende o minuto 32:30 ao 47:44. |
|||
O pasado martes, 7 de xuño, o alumnado de 2º ESO, saíu ata a casa da cultura para acudir á actuación teatral de Serafín Marcos: "Coa ledicia de voltar", organizada polo EDLG dentro das actividades organizadas co gallo das Letras Galegas para dar a coñecer a figura de Delgado Gurriarán. Durante as sesións da tarde, puideron achegarse de forma lúdica á vida e obra do personaxe homenaxeado este ano.
|
|||
O IES do Milladoiro foi gañador no Olloboi 2022, un festival de curtametraxes educativas, que se celebra en Boiro e que serve para visibilizar a creación galega nas aulas. O premio foi outorgado pola curta Terra da fraternidade, O Milladoiro que queremos. O centro non puido estar presente na recollida do premio, aínda que a súa ausencia intentou ser suplida cunha regueifa enviada dende as Terras de Compostela ao Barbanza. Parabéns e grazas ao alumnado de 3º de ESO do IES do Milladoiro do curso 2020/2021 polo seu traballo.
|
|||
|
|||
|
|||
|
|||
|
|||
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- seguinte ›
- última »