EDLG

Vídeos do Concurso "Medio minuto de ciencia en galego"

O pasado martes día 5 de decembro entregáronse os premios do concurso "Medio minuto de ciencia en galego". Presentáronse moitos vídeos e de moi alta calidade polo que o xurado tivo difícil escoller o mellor para cada categoría. Finalmente os vídeos gañadores foron:

"O arco da vella" de Lara Fernández (1º ESO)-Categoría A

 

 "Morte térmica do universo" de Paula Lourido e Sara Martínez (4º ESO). Gañadoras da categoría B

 

 

 

Aquí están os vídeos presentados do alumnado que deu permiso para seren publicados:

Hecho con Padlet

Pechamos o Mes da Ciencia... en galego

Este 30 de novembro pechamos o Mes da Ciencia en Galego ofrecéndolle ao alumnado de 1º da ESO unha demostración dos traballos realizados durante este trimestre polo alumnado do Club de Ciencia.

A temática deste curso xira en torno á saúde e os diferentes grupos de traballo investigaron sobre cultivos bacterianos; detección de catalasa en tecidos e de amidón e vitamina C en diversos alimentos; os efectos do tabaco, das bebidas enerxéticas e da radiación sobre a saúde; a utilización de pigmentos naturais como indicadores de pH; a posoloxía dos medicamentos; o proceso de dixestión ou a identificación de grupos sanguíneos.


O alumnado do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega preparou uns cartaces preciosos cos que puidemos sacar fotos e aproveitar esta xornada para reivindicar, un ano máis, a ciencia na nosa lingua.

Moitas grazas a todas e todos.

Premios do Concurso de relatos de terror

Fallouse o concurso de relatos de terror que un ano máis celebramos no noso centro. Foron premiadas dúas alumnas e un alumno. Trátase de:

Cristina Botana (2º ESO), Andrea Bravo (3º ESO) e Gael Rodríguez (2º ESO).

Os premios (cadanseu vale de 30 euros para un librería) foron entregados por membros do EDLG: dúas profesoras  (Mariló Padín e Patricia Calviño) e mais unha alumna (Gabriela Leis)

 

 

 

Gael tamén recibiu o diploma que acreditaba a súa colaboración na radio durante o curso pasado, xa que non puido estar o día que o director fixo a entrega de todos os diplomas das persoas colaboradoras da radio, voluntarias de biblioteca e mais dos diplomas dalgún alumnado do que fixo os exames de certificación de portugués o curso pasado e que puido achegarse. Deixámosvos unha mostra fotográfica, aínda que...Non toda a rapazada que recibiu o diploma quixo saír na foto...

 

Finalizou o Galitiktokers 2023 coa entrega de premios

O pasado venres 10 de novembro celebrouse na casa da cultura do Milladoiro a entrega de premios do certame de Galitiktokers organizado polo concello de Ames. Xa demos conta no seu día dos obradoiros que se fixeron aquí no centro para o noso alumnado, obradoiros que deron bo resultado xa que varios vídeos quedaron entre os primeiros, sendo gañador o realizado por Lorena Cabero, Antía Lourido e Xulia Rego (alumnas de 1º Bac.)

 Deixámosvos tamén os enlaces a outros vídeos que participaron realizados por alumnado do noso centro:

 

Vídeo de Mario Campos, Iago Varela, Óscar Pin e Hugo Mateos e : A violencia nunca é a solución.

Vídeo de Gabriela Leis, Celtia Lustres, Celia Lema, Aroa Riveiro e Antía Ramos: Como facer filloas

Enreguéifate

O pasado venres, 10 de novembro, estiveron durante a mañá, no noso centro, Lupe Blanco e mais Josiño da Teixeira, dúas grandes personalidades da Regueifa, para ofrecerlles obradoiros ao alumnado de 2º ESO. Estes obradoiros son subvencionados polo Concello de Ames dentro do proxecto Enreguéifate.

Aquí vos deixamos un vídeo coas imaxes da xornada e outro cunhas demostracións dos resultados

 

 

Celebración do centenario do nacemento do Seminario de Estudos Galegos

 En Ames, concretamente en Ortoño, na casa na que viviu algúns anos Rosalía, no ano 1923, isto é, hai 100 anos, fundouse o Seminario de Estudos Galegos.

A conmemoración deste fito histórico desenvolveuse no centro durante o mes de outubro (o día 12 cumpríase o século do seu nacemento) por parte das alumnas e alumnos do EDLG. Fixeron e colocaron uns cartaces no centro e mais gravaron uns vídeos, tanto do proceso do seu traballo nos recreos, como con algunhas informacións que colgaron nas redes sociais do EDLG. Deixámosvos un par deles:

Vídeo de presentación do SEG

 Que foi o SEG?

Última semana para enviar os vídeos ao concurso de Galitiktokers

Desde o EDLG lémbrase que nesta semana remata o prazo para enviar os vídeos que está a facer o alumnado para participar no concurso que organiza o Concello de Ames: Galitiktokers 2023.

O pasado martes 3 de outubro, tivemos no centro unha formación ofrecida polo concello, sobre como facer vídeos e participar no concurso. Alumnado interesado de diferentes niveis educativos, desde 2º ESO  a 1º Bacharelato, tivo oportunidade de participar nos obradoiros, que ocuparon dúas sesións lectivas cada un.

A formadora foi @Pradorrua e a rapazada fixo unha valoración moi positiva da actividade.

PROXECTO FINAL "AO SON DA PAISAXE"

Ao son da paisaxe. Actividades do terceiro trimestre

 

O pasado 16 de maio, no marco das actividades das Letras Galegas e dentro do proxecto “Ao son da paisaxe”, veu ao noso centro Sabela Cobas, profesora no IESP de Ames (Bertamiráns).

Durante unha hora explicoulle ao alumnado do ENDLG en que consistiu a renovación do patio do seu IES e como se desenvolveu.

Aproveitando a visita, as alumnas que levan o proxecto de “Ao son da paisaxe” fixéronlle unha entrevista na radio:

  

E entrevistamos telefonicamente a unhas rapazas que traballaron con ela no proxecto:

 

Tamén entrevistaran os técnicos da aula da natureza cando viñeron en marzo replantar as árbores que secaran da plantación do curso pasado:

O martes 23 de maio foi o día escollido para irmos nós ao seu centro, de paso que fixemos un roteiro para gravar os vídeos de toponimia e mais para ir coñecer o traballo que, sobre este tema, fixo a rapazada do CEIP Agro do Muíño. Durante a visita, guiada pola profesora Sabela Cobas, a rapazada do noso instituto foi coñecendo as distintas partes do patio, que previamente xa lle explicara na charla que dera noso centro, sendo a charca o lugar que máis lles gustou. Aproveitaron para deixar alí uns barcos de papel cos seus nomes e algúns desexos:

 

O mesmo grupo de rapaces e rapazas aproveitaron ese día a visita a Bertamiráns para analizar a calidade medioambiental da auga do Rego dos Pasos, que desemboca alí no Sar, participando así no proxecto Ríos de Adega:

 

Pechouse o proxecto este curso na última semana de clase coa colocación dos bancos e mais dos chantóns nos que pegaron as placas que deseñamos no EDLG onde se indica o nome da árbore, o termo científico, un poema relacionado e o código QR que leva a unha páxina na que se poden ler e escoitar as características das especies, así como o poema e a canción asociadas á mesma.

A inauguración das placas fixérona Brais Fernandes e Américo Festinhas aproveitando a súa visita ao centro:

 

Resumo do proxecto no seguinte vídeo:

 

 

 

 

A-PORTAS OU A-PARTAS

curtametraxe escrita, realizada e producida polas alumnas de Artes Escénicas e Danza de 4º da ESO do noso instituto.

Así foi a final do Club de debate 2023

Así foi a final do Club de debate 2023

XENTE QUE FALA, GAÑADOR DO CLUB DE DEBATE ALINGUA 2023

O equipo "Xente que fala", do IES do Milladoiro, composto neste curso por Diego Madarnás, Andrea Caramés, Javier Conde, Sara Antón, Mario Campos e Óscar Pin, participaron na final do Club de debate, á que chegaron tras quedar xa primeiros na fase comarcal celebrada en Teo un mes e pico antes.
 
Tras debater a favor e en contra sobre o tema "A mocidade renuncia ao galego?" acadaron o primeiro posto.
 
No seguinte vídeo pódese ver unha pequena reportaxe do que foi a xornada, desde a chegada á Casa da cultura de Bertamiráns, onde revisaron as súas últimas notas, as actividades na praza de Chavián para desestresaren antes do comezo da actividade, as dúas duras sesións de debate (unha de mañá e outra de tarde), para finalizar con uns xogos, mentres o xurado deliberaba e sumaba a puntuación de todos os debates.
 
Rematou a sesión coa entrega de premios, despois de falaren as persoas representantes de cada concello e trala lectura das puntuacións finais por parte da presidenta do xurado.
 

 

MÁIS INFORMACIÓN:

https://www.concellodeames.gal/gl/novas/o-equipo-xente-que-fala-do-ies-do-milladoiro-gana-por-segundo-ano-consecutivo-final-do-club-de

O IES do Milladoiro no encontro ca Ministra de Ciencia e Innovación en Espazo A Proa

Hoxe tivo lugar un encontro en Espazo A Proa, de empresarios e galardonados  cos premios Innovames , no que o noso centro, dentro dos proxectos educativos, foi un dos premiados. O acto estivo presidido polo alcalde amesano, Blas García e a Ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant. Acudiron, acompañados pola vicedirectora Sonia Magariños, os alumnos Breogán Fajundes, Diego Madarnñas, Hugo Mateos e Carolina Rey.  No seguinte video podedes ver a explicación que fixeron das actividades que se desenvolven no centro:


 

Saída didáctica a Braga e Guimarães

O alumnado de 2º, 3º e 4º ESO participou o pasado martes 9 de maio na saída didáctica a Portugal. Nesta ocasión as cidades escollidas foron Braga, Guimarães e Ponte de Lima.

Na primeira dela puideron escoller entre a visita guiada ao estadio de fútbol do equipo local (Sporting Clube de Braga) ou facer un percorrido didáctico polo centro da cidade.

En Guimarães parte do alumnado estivo no Museo de Ciencia Viva e logo fixo a visita guiada á cidade que o resto do alumnado comezou con anterioridade. Pechouse a saída nun breve recorrido por Ponte de Lima.

No seguinte vídeo pódese ver unha reportaxe da xornada.

 

DÍA DAS LETRAS 2023

Onte, martes 16 de maio, o alumnado do EDLG de 1º e 2º ESO participou nunha homenaxe a Francisco Fernández del Riego. Escolleron unha árbore das plantadas no centro o curso pasado dentro do proxecto "Ao son da paisaxe"  para dedicarlla ao escritor de Lourenzá. A especie elixida foi un bidueiro ao que lle colocaron o cartaz identificativo. A idea é seguir con esta iniciativa en anos vindeiros.

 

Concerto de Xoán Curiel

 
O luns 8 de maio o alumnado de 3º ESO asistiu a un concerto de Xoán Curiel grazas á colaboración do Departamento de Lingua galega e o EDLG. O autor recoñecido cos Premios da Música Independente, os Martin Codax e os Frei Martín Sarmiento centrouse no seu último traballo, Treides comigo, un disco de once versións de cantigas medievais, que reactualiza sen perder a conexión co trobadorismo. Mais transitou tamén pola poesía popular, a neotrobadoresca e a lusófona.
Foi unha actividade moi didáctica e aberta á participación do alumnado.
 
 
 
 
 

Euterpe, terceiro posto na Gala Final Quero Cantar 2023

Noraboa a Euterpe polo seu sensacional éxito na Gala Final "Quero Cantar" que se desenvolveu hoxe, 23 de abril de 2023, no Teatro Colón da Coruña. ontendo o terceiro posto no certame.

 

O IES do Milladoiro consegue o primeiro premio na fase comarcal do Club de debate

Participamos este venres 21 de abril na fase comarcal do Club de debate organizado polos Servizos de Normalización Lingüística de varios concellos galegos celebrada este ano en Teo.

 

Desde o IES do Milladoiro acudiron dous grupos: Xente que fala (composto por Diego Madarnás, Javier Conde, Andrea Caramés, Sara Antón , Mario Campos, e Óscar Pin) e Debáteme esta! formado por Clara Barral, Sara Rey, Emma Medina, Xiana Cambeiro, Martina Bretaña, Iago Varela, Anthony Rivera, Brayan Colina e Carmen Fandiño

 

O equipo Xente que fala tivo que debater co IES de Bertamiráns defendendo a postura a favor do tema do debate “Somos menos sociais coas redes sociais?” e co IES Eduardo Pondal de Santiago defendendo a postura en contra. O equipo Debáteme esta tivo que defender a postura a favor diante do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro e a postura en contra diante do CPI dos Dices de Rois.

 

Os gañadores da primeira xornada da primeira fase foron: Xente que fala (IES do Milladoiro) que conseguiu o primeiro premio, Ames a palabra (IES de Ames-Bertamiráns) que acadou o segundo premio e o CPI Eusebio Lorenzo Baleirón que conseguiu o terceiro premio.

 

Estes tres equipos, xunto cos tres que pasen na segunda xornada comarcal que se vai celebrar o vindeiro luns, irán á fase final galega que se vai celebrar a principios de xuño.

Kahoot da Historia das Matemáticas

O alumnado de 1º e 2º ESO tivo oportunidade de participar no kahoot da historia das matemáticas o pasado venres 31 de marzo. Desde 15 días antes o alumnado tiña unhas fichas para resolver posibles preguntas cuxas respostas se atopaban na exposición da Historia das matemáticas que organizou o Equipo de Dinamización da Lingua Galega durante o mes de marzo, mes das matemáticas.

O concurso estivo entretido e o alumnado participou activamente. Déronselle premios ás tres parellas que obtiveron máis puntuación, pero quedaron a pouca distancia varios dos seguintes clasificados. Noraboa para o alumnado gañador  e moitas grazas a todos e a todas as  participantes.

O primeiro premio foi para Sarah Uriona Vázquez e  Xiana Martina Alonso Castro de 2ºESO B

O segundo recibírono Yago Bouzas Durán e Miguel Franco González de  1ºESO D

e o terceiro  para Alicia Abelenda Pazos e Zoe Camila Alonso Castro de 2ºESO D

Preparación do grupo Euterpe para a Gala "Quero Cantar"

Hoxe fixemos sesión  promocional do grupo Euterpe. O video realizado será empregado para a presentación da súa actuación na Gala Final deo certame "Quero Cantar". Será  o próximo domingo, 23 de abril, ás 17:30 h no Teatro Colón da Coruña

Parabens para toda a rapazada pola seu esforzo e creatividade. E elmbrade que coma di a canción: "Con zocos córrese máis"

 

 

Saída didáctica a Portugal

O pasado martes 28 de marzo o alumnado de portugués de 1º ESO participou na saída didáctica a Portugal para poñer en  práctica o aprendido. Visitaron a Fábrica de Chocolate en Viana do Castelo,  onde recibiron as explicacións das guías, información que tiveron que trasladar ao seu caderno de campo. Logo subiron ata Santa Lucía, comeron no centro comercial de Viana e pola tarde foron a Braga onde realizaron un percorrido didáctico polo centro histórico.

"Ao son da paisaxe" replantamos árbores

 
O pasado xoves 23 de marzo realizamos unha nova actuación dentro do proxecto "Ao son da paisaxe", levando a cabo a replantación dunhas árbores que secaran na zona que fora plantada durante o curso 21-22.
 
 
Coa xenerosa colaboración da aula da natureza, de novo, conseguimos as árbores e mais a axuda na replantación. A actividade ía desenvolverse integramente no patio, pero por mor da chuvia houbo que reducción o tempo de estancia no exterior.
 
 
Nun primeiro memento as alumnas do Equipo de dinamización de 2º ESO, encargadas da xestión do proxecto, explicáronlles no corredor da entrada aos alumnos e alumnas de 1º ESO D como se desenvolvera a actividade o curso pasado e mais cales eran os seus obxectivos. Aproveitaron tamén ese espazo para facerlle unha entrevista ao persoal da aula da natureza que acudiu ao centro, co que xa enlazaron a explicarlle á rapazada de 1º ESO o necesario para que logo se axilizase a práctica, que non resultou doada debido ás adversas condicións metereolóxicas. Con todo, o noso alumnado implicouse a fondo na tarefa e deixaron ben chantados os carballos, castiñeiros e érbedos que faltaban.
 
 

Homenaxeamos a Rosalía no IES: Concurso de recitado

O pasado martes 28 de marzo tivo lugar o concurso de recitado para 1º e 2º ESO.

Entregáronse os premios ás galardoadas este venres.

 

Participamos na Gala de Rosalía que organizou o concello de Ames

O noso IES participou, o pasado sábado 25 de febreiro,  na Gala de Rosalía que organizou o concello, coas seguintes actuacións:

Saínza Ruíz recitou "Eu ben vin estar o moucho" Claudia, Sara, Lena e Antía interpretaron as coplas que elas mesmas compuxeron: María Iglesias e mais Dora Iglesias interpetaron "Negra sombra"

A poeta e profesora do IES, Lara Rozados, recitou "Tecín soia a miña tea"

Participamos na Gala de Rosalía que organizou o concello de Ames

 

 

Homenaxeamos a Rosalía no IES: Faladoiro con María López Sández

María López Sández estivo no noso centro o pasado martes 28 de febreiro para pechar os actos que o EDLG desenvolveu en homenaxe a Rosalía. A profesora da USC desenvolveu un relatorio baixo o título "Rosalía ao son da paisaxe",  conectado co proxecto do mesmo nome ("Ao son da paisaxe") que estamos a desenvolver no Equipo de dinamización desde o curso pasado. A autora do Herbario de Rosalía fixo un percorrido pola intención de Rosalía en relación á paisaxe galega e presentoulle ao alumnado de 3º ESO o herbario elaborado a raíz da súa obra.

 Foi presentada aos seus compañeiros por Erik Cadavid, quen deu a coñecer tanto as súas obras ensaísticas como as súas novelas, das que temos exemplares na biblioteca. María L. Sández vai ler o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega o próximo 11 de marzo baixo o título: Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego.

Pechamos as xornadas dedicadas a Rosalía co enlace ao proxecto Ao son do paisaxe, plantando unhas roseiras cedidas pola Aula da natureza, xa que estas plantas, igual ca os pensamentos cos que decoramos o espazo Rosalía,  eran as preferidas da autora.

Homenaxeamos a Rosalía no IES: lecturas da obra

O día 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, unha das nosas autoras máis significativas. Tal e como anunciamos, desde o EDLG estivemos a organizar actividades para esa comemoración.

Entre o 23 e o 28 de febreiro durante os recreos, realizáronse as lecturas da obra de Rosalía no espazo que lle dedicamos á autora no corredor do 1º andar. O seguinte vídeo recolle a participación de gran parte da comunidade educativa.

 

 

Actividades arredor do Día de Rosalía

Volvemos do Entroido xusto o xoves 23 de febreiro, Día de Rosalía, momento en que comezan as actividades de homenaxe dunha escritora que tivo relación co noso concello. Así, durante os recreos desde o xoves 23 ao martes 28 vanse realizar lecturas da súa obra por parte de toda a comunidade educativa. Se non tes elixido un poema, desde o EDLG temos á disposición.

O martes 28 vaise celebrar o concurso de recitado (ver bases), ao que aínda vos podedes anotar, e ese mesmo día vai achegarse ao centro María López Sández para falarlle á rapazada de 3º ESO sobre a presenza da flora na súa obra, tal e como estudou para o seu recente libro: O herbario de Rosalía.

 Ademais destas actividades de lectura e recitado abertas á comunidade educativa en xeral,  vanse realizar outras, como a plantación de máis árbores de Rosalía, acción que comezou o curso pasado, así como a colocación dunhas roseiras na entrada do IES. Mais disto xa daremos conta no seu momento.

Unha música no insti

"Unha música no insti" é o último proxecto da artista multidisciplinar Laura Romero Pereira
 
Temos a sorte de contar no IES do Milladoiro coa súa primeira proposta de murais interactivos con información sobre referentes na música galega. É un proxecto artístico presencial e virtual pensado para xente moza, que consiste na creación de diferentes murais de pequeno formato espallados en diferentes IES e CPIs da provincia da Coruña. O obxectivo é familiarizar ás novas xeracións coas mulleres referentes da nosa música. 
 
No noso caso, o mural conta con artistas como Guadi Galego, Ameixeiras e Caamaño, Elba Souto e Aida Tarrío (Tanxugueiras). 

 

Obrigado compañeiras por tanto talento e creatividade!!!
Distribuir contido