Desata a lingua 2019

O alumnado do IES do Milladoiro que se anotou para participar no Concurso de teatro radiofónico, tivo hoxe, xunto co alumnado do IES de Bertamiráns, a primeira das dúas xornadas formativas que ofrece o concello.

A sesión desenvolveuse desde as 11 ata as 13,15 da mañá na Casa de cultura do Milladoiro. Desde o noso IES acudiron oito grupos e un total de 23 rapaces e rapazas que foron atendidos por dous membros do Grupo “Ibuprofeno Teatro” (Santiago Cortegoso e Marián Bañobre).


Na primeira parte da mañá todos xuntos recibiron unha formación xenérica sobre o xénero do teatro lido. Alí insistíuselle ao alumnado en que seleccionasen ben o tema a tratar e tamén o xénero (comedia ou drama). Puxéronlles uns audios con pezas que participaron no concurso de teatro radiofónico da Radio Galega para que lles servisen de exemplo.

 

A continuación repartíronse en dúas salas para traballar a guionización cunha explicación máis detallada, dar asesoramento aos diferentes grupos nos seus respectivos guións e atender dúbidas sobre a actividade.

 A seguinte sesión de formación vai ser o vindeiro 6 de novembro xa no IES para practicar a locución dos textos que xa teñen que estar rematados. Vaise gravar na semana do 18 de novembro nos locais de Ames Radio.