2021-2022

Actividades desenvoltas ao longo do curso escolar 2021/2022.

4ª SESIÓN DO CLUB DE CIENCIA 21-22: OS SERES MICROSCÓPICOS: O PLANCTO

Esta semana adicamos a sesión do club a coñecer os seres vivos de menor tamaño: os seres microscópicos. Son tan, pero que tan pequeniños que só os podemos ver a través do microscopio! E como non! María e David trouxeron un microscopio á sesión:

      

 

O microscopio é un aparello científico que se usa para poder ver a través das lentes do seu visor cousas que a simple vista son imposibles de observar polo seu minúsculo tamaño. Como este curso estámonos convertindo en grandes oceanógrafos, María e David nos presentaron o plancto: seres vivos microscópicos que viven no mar e nos océanos que poden ser animais ou algas e que sirven de alimento a moitas especies mariñas. 

  

 

Aprendimos moitas cousas sobre o plancto e os seres microscópicos e pasámolo moi ben experimentando co microscopio. Ata a próxima!

CIENCIA NA ESCOLA 21-22: OVOS DE CARACOL. CAPELA PRIMARIA

@s nos@s compañeir@s de Capela Primaria atoparon no patio ovos de caracol, decidiron observalos e protexelos para que deles nazan os novos caracois:

           

 

3ª SESIÓN DO CLUB DE CIENCIA 2021-2022: A AUGA FONTE DE VIDA.

Adicamos esta terceira sesión do clube de ciencia a estudiar as características e propiedades da auga.  Tamén falamos da auga como fonte de vida, todos os seres vivos do noso planeta necesitan auga para vivir.

        

 

Pasámolo moi ben e aprendimos un montón de cousas a través de diversos experimentos:

       

Ata á próxima!

2ª SESIÓN CLUB DE CIENCIA 21-22: A HISTORIA DO NOSO PLANETA.

Nesta segunda sesión do club de ciencia repasamos a historia da vida no noso planeta. Para entender moitas das cousas que imos tratar no noso club, e importante coñecer a orixe da vida, de onde veñen os seres vivos, como evolucionaron.... para rematar fixemos unha réplica dun fósil real!

                        

Quedaron chulísimos! Ata a próxima!

SESIÓN INAUGURAL CLUB DE CIENCIA "NAUTILUS" CURSO 2021-2022: INTRODUCCIÓN Á OCEANOGRAFÍA

O mércores 20 de outubro, tivo lugar a sesión inaugural do noso club de ciencia deste curso 2021-2022. Cada mércores pola tarde reunirémonos con María e David de Arenaria para compartir moitas actividades e experiencias que nos achegarán ao mundo da ciencia.

Este curso imos desenvolver no noso centro un proxecto titulado "OceanoCRAfico: estudo e conservación do medio mariño" e como non, pidémoslle axuda a David e María porque queremos aprender moitas cousas do mar e dos océanos! María e David saben un montón sobre isto porque eles son oceanógrafos! 

Así que nesta primeria sesión explicáronnos moitas cousas sobre o seu traballo e sobre a oceanografía que plasmamos nuns murais científicos!

                        

A verdade a que quedaron moi ben e aprendemos moitas cousas! Ata a próxima!

ADAPTACIÓN DO NOVO PROTOCOLO COVID PARA O CRA DE RIANXO.

O Ministerio de Sanidade acaba de publicar novos protocolos de xestión epidemiolóxica da Covid-19 para o ámbito educativo.

Resumimos a continuación, as modificacións máis importantes que atinxen ao noso centro:

- As persoas da comunidade educativa que sexan casos confirmados, deberán permanecer 7 días en illamento. Pasado ese tempo, e sempre que NON tiveran síntomas durante os últimos 3 días, poderán incorporarse ao centro, mantendo unha vixilancia activa sobre a posible aparición de síntomas ata completar polo menos 10 días dende o inicio do illamento.

ALUMNADO MENOR DE 12 ANOS:

- O alumnado que presente síntomas compatibles coa covid-19 NON DEBERÁ ACUDIR AO CENTRO ata ter resultado negativo dunha proba diagnóstica (PCR ou test de antíxenos). No caso de que non sexa posible realizar ningunha proba diagnóstica, permanecerá na casa 7 días e poderá incorporarse sempre que nos 3 días previos non presente síntomas.

- Aparición de casos positivos dentro da aula:

      -De 1 a 4 positivos ou menos do 20%: Ante a aparición dun primeiro caso e ata 4 positivos ou menos do 20% do alumnado dunha aula, non fan corentena independentemente do estado vacinal, excepto os positivos ou inmunodeprimidos.

    -Con 5 positivos ou máis do 20% do alumnado nun prazo de 7 días: seguiranse as pautas xerais para determinar as corentenas dos contactos estreitos. Esta corentena será de 7 días dende o inicio dos síntomas do último caso confirmado (sempre que non se desenvolvan síntomas durante este período).

     -Cando xurde un positivo na aula, aínda que non sexa necesario gardar a corentena, durante 10 días deberán extremar as precaucións reducindo todo o posible as interaccións sociais, utilizando de forma constante a mascarilla de acordo coa lexislación vixente. No caso de aparición de síntomas compatibles, non acudirán á clase e contactarán co Sistema Sanitario.

      - NO CASO CUN CONTACTO POSITIVO NO ENTORNO FAMILIAR, tal e como establece o novo protocolo, o noso alumnado ao non ter a pauta de vacinación completa, GARDARÁ CORENTENA NA CASA DURANTE 7 DÍAS e poderá incorporarse rematado este período sempre que nos 3 días previos non presente síntomas. Se durante este período @ nen@ manifesta síntomas ou obtén resultado positivo nunha proba diagnóstica, deberán ser as autoridades sanitarias as que dicten as pautas a seguir.

 

PROCESO DE RESERVA DE PRAZA NOS CENTROS DE ADSCRICIÓN

Iníciase o proceso de solicitude de reserva de praza para o alumnado de 6º de Educación Infantil e 2º de Educación primaria que pretenda continuar os estudos de primaria nos centros de adscrición correspondentes, nestes casos:

- Quintáns, Rañó e Abuín: o CEIP ADR Castelao (Rianxo)

- Cuvide, Cruceiro, Outeiro e Capela: o CEP Xosé María Brea Segade (Taragoña).

Deberán presentar no centro de orixe, é dicir no noso centro CRA de Rianxo, o modelo que se achega.

Anexo I - Reserva de praza (en galego)

Anexo I - Reserva de praza (en castelán)

Tamén se permitirá presentar a solicitude en calquera dos lugares que establece a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, incluída a sede electrónica, para o que precisará de Chave 365 ou certificado dixital.

 Dentro da aplicación "admisionalumnado" hai instrucións para as familias que fagan a solicitude en rede. ENLACE ÁS INSTRUCIÓNS

 

Poderase entregar a documentación na sede do CRA de Rianxo no seguinte horario:

Luns: de 09:00 a 14:00 h

Martes: de 9:00 a 14:00 h

Xoves: de 9:30 a 10:45 h e de 13:15 a 14:00 h

Venres: de 10:00 a 13:00 h

 

O PRAZO para entregar a solicitudes REMATA o vindeiro 8 DE FEBREIRO DE 2022.

O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL: CURSO 2021-2022

 

Queridas familias,

Unha vez rematado o primeiro trimestre, como xa temos de costume, gustaríanos compartir con todos vós algúns dos momentos vividos na aula. Durante estes primeiros catro meses vivimos múltiples anécdotas, compartimos experiencias e aprendizaxes, pero sobre todo tamén nos botamos moitas risas.

Aínda que a día de hoxe xa nos coñecemos todos e todas, imos aproveitar para presentarnos e darvos a benvida, unha vez máis, á nosa aula, da que sen dúbida tamén formades parte indispensable.

 

       

 

No mes de setembro tivo lugar o reencontro entre os/as que xa compartiramos cursos os anos anteriores, pero tocounos tamén darlle a benvida a 3 novos compañeiros. Foron uns días cheos de cambios para todos/as, e de primeiras veces para outros/as.

 Ao longo das primeiras xornadas levamos a cabo diferentes xogos e dinámicas de presentación, para que os nenos/as novos nos fosen coñecendo, e empezamos a interiorizar as diversas rutinas establecidas durante a xornada, así como tamén a nosa organización da aula (zonas de traballo, perchas, zonas na asemblea...).

 

Como podedes ver, non nos quedou ningún recuncho por descubrir.

 

     

 

 

                                                                                       

 

 

A medida que o mes de setembro foi superado, continuamos avanzando no trimestre, e adquirindo pouco a pouco novos logros e obxectivos.

Así pois os nenos/as de 3 anos, contando sempre coa axuda dos compañeiros/as de 4 e de 5 anos fóronse achegando pouco a pouco ao coñecemento das  LETRAS, non só a través da súa grafía senón tamén a través dos seus sons. Partindo sempre de palabras significativas para todos/as nós como son por exemplo o noso propio nome,  e os nomes dos nosos/as compañeiros/as da escola, así como tamén os dos nosos familiares e amigos/as máis próximos; os días da semana; os carteis da aula; ou os títulos dos contos...; levamos a cabo diversas actividades: contar o número de letras, ver cal é a letra do inicio e a do final, recoñecer as letras iguais, representar a súa grafía, identificar as letras polo seu son...

Os nenos/as de 4 e 5 anos seguimos progresando no proceso da LECTOESCRITURA, a través tamén de diferentes actividades lúdicas e significativas como por exemplo: os bingos de letras; discriminación auditiva clasificando pictogramas ou imaxes en función da letra correspondente pola que comece cada palabra; escribir os nomes dos compañeiros/as en tarxetas así como tamén moito outro vocabulario; composición de palabras empregando o abecedario Montessori; conteo das sílabas que conforman unha determinada palabra; conteo de vogais e consoantes diferenciando cales son unhas e outras...

 Nas seguintes fotos podedes ver algunha desas actividades.

 

         

 

       

 

        

 

                                           

 

 

                                                                     

 

           

 

 

 De igual xeito os nenos/as de 3 anos tamén comezamos a introducirnos nos conceptos lóxico-matemáticos a través do método ABN (Método Aberto Baseado en Números), e os nenos/as de 4 e 5 anos seguimos afondando e experimentando, a través de actividades manipulativas, coa serie numérica, o conteo, a correspondencia, a asociación entre grafía e cantidade, as unidades e decenas,  o tableiro do 100, os amigos do 10 etc.

 

         

 

                                                  

 

 

                                                                 

 

             

 

              

 

                                                           

 

                                                            

 

                

 

                                                             

 

                                                           

 

                                                             

 

                                                           

 

 

Continuamos tamén co noso TALLER DE GRAFOMOTRICIDADE CREATIVA. Os nenos/as de 3 anos tiveron un primeiro contacto cos TRAZOS, concretamente os verticais e horizontais, dado que son os trazos que están presentes en case todas as letras que escribimos (maiúsculas). Con eles levamos a cabo diversas actividades: construílos sobre superficies amplas con obxectos e materiais da aula, trazalos na lousa con rotulador, representalos sobre papel con diferentes elementos... Pola súa parte os nenos/as de 4 e de 5 comezaron a representar algunhas formas xeométricas, en concreto o círculo, o cadrado, e o triángulo. Tamén realizamos algunha que outra creación aproveitando elementos naturais propios do outono como por exemplo as follas das árbores.

 

       

 

       

 

       

 

        

 

 

           

 

                                                         

 

                                                         

 

De forma paralela a todo isto, tamén lle dedicamos tempo ao noso ESQUEMA CORPORAL, o cal imos tendo cada vez máis interiorizado, tal e como se reflicte nas nosas representacións. 

 

                                                     

 

                                                     

 

Como xa sabedes, este ano o noso Proxecto Documental Integrado (PDI) xira en torno aos mares e océanos e leva como título “Oceanocráfico; estudo e conservación do medio mariño”.

En relación a isto, tivemos a sorte de participar nunha serie de actividades desenvoltas a cargode diversas entidades externas a partires das cales aprendemos un montón de cousas.

 

A primeira delas foi a actividade “Ti si que es un bo peixe”, enmarcada dentro do Plan Proxecta, no cal participa o noso centro. En dita actividade, convertémonos en maricadores/as, e aprendemos a clasificar os diversos moluscos en función do seu tamaño. Para iso tiñamos que empregar un calibre, e comprobar se tiñan a medida esixida ou non. A continuación explicáronnos en que consistía a pesca con rede, e fixemos unha representación na que tiñamos que deixar só nas redes os peixes grandes e intentar desbotar os peixes pequenos para que puidesen seguir medrando. De seguido simulamos unha subasta na lonxa, e a forma en que se procede en dita subasta. Por último, tamén nos explicaron as propiedades nutritivas tanto dos peixes como dos moluscos e a necesidade de consumilos de forma habitual, para contribuír deste xeito a unha alimentación saudable. 

 

        

 

                                            

 

 

Outra desas actividades foi unha saída que fixemos á nosa sede en Asados, onde tivemos a gran sorte de participar nunha sesión a cargo de David de Arenaria Coordinación, S.L., o cal nos compartiu moitos dos seus coñecementos como oceanógrafo: primeiramente explicounos que é a oceanografía; ensinounos algunhas especies mariñas; un traxe de buzo; e tamén realizou algún experimento. Por outra parte, logo na biblioteca de Daniel tamén participamos nun contacontos “El mar que más quiero”, e realizamos algunhas manualidades.

 

                                         

 

 

                                                                

 

                                                               

 

          

 

                                         

 

          

 

           

 

                                                        

 

                                                        

 

                                                        

 

                                                                 

 

Tendo en conta que Rianxo é unha localidade mariñeira, e que algunhas das familias traballan ou traballaron en algunha profesión ligada directamente ao mar, tamén tivemos a gran sorte de contar coa participación dalgún familiar ou amigo/a que de forma voluntaria se animou a vir á escola a compartir con nós os seus coñecementos, e anécdotas.

 

Foi o caso por exemplo de Manolo, un amigo do profe Martín, que fai uns anos traballou como mariñeiro, e que actualmente ten un posto de peixería na praza. Na súa visita, falounos das diversas artes de pesca que existen: palangre, bou, nasas, rastro, xeito...

 

                                   

 

 

                                                         

 

 

 O avó de Vera e de Teo, tamén nos visitou para contarnos as súas anécdotas como mariñeiro, e en concreto explicounos de forma moi detallada en que consistía a arte de pesca do Bou. Tamén nos trouxo e nos ensinou crías de mexillón, tal e como as colocan nas bateas para o cultivo do mexillón.

 

 

                                                        

 

E por último, a mamá de Elena, veunos a falar de como é o traballo nunha conserveira, e que tivo de moluscos e peixes traballan.

 

                                   

 

 

 

Ao par de todas estas actividades, na aula tamén estivemos investigando e descubrindo cousas acerca dos océanos e os mares. Observamos e manipulamos un globo terráqueo, e nel estivemos marcando onde vivimos nós, así como tamén buscamos e marcamos os 5 océanos, e os 5 continentes. Posteriormente, deste traballo, na PDI abrimos un mapamundi e nel pintamos os 5 continentes e os 5 océanos.  

 

                                 

 

 

           

 

                                                          

 

 

Algo que tamén tivo moita repercusión na aula o presente curso, foi a erupción do volcán Cumbre Vieja, na illa da Palma, a cal nos sorprendeu a todos/as o 19 de setembro, e dende aquela estivemos expectantes e pendentes todos os días da súa evolución. A raíz de dita situación, tamén quixemos investigar cousas acerca dos volcáns, pois foi un tema que nos interesaba moitísimo. Aproveitando isto, levamos a cabo un experimento no que puidemos ver como é a erupción dun volcán.

 

                                   

 

                                 

 

 

                                                       

 

 

 

 

 

 

 

 

O PRIMEIRO TRIMESTRE NA AULA DE PAZO INFANTIL CURSO 2021-2022

 

Ao longo do trimestre tamén nos tocou festexar os ANIVERSARIOS dos nenos/as que cumpriron un ano máis. E para iso, continuamos levando a cabo o ritual da “celebración da vida”, ao estilo Montessori. Para dito ritual colocamos o noso tapete no chan no cal aparece representado o sol, e os nomes dos 12 meses do ano (de diferentes cores, dependendo da estación á que pertenzan). O neno ou nena que está de aniversario colle na man o globo terráqueo, e colócase ao lado do mes no que naceu. Entón comezamos a explicar que naceu “x” día nese mes, e poñemos a primeira foto de bebé ao lado do nome do mes e o neno/a comeza a camiñar ao redor do tapete a medida que explicamos que mentres que van pasando os meses ese bebé vai medrando ata cumprir un ano (momento no que volve estar ao lado do mes no que naceu), e nese momento colocaríamos a foto de cando cumpriu o 1º ano de vida, e así sucesivamente ata chegar ao nº de anos que cumpre na actualidade. Durante ese proceso tamén explicamos que un ano, é o tempo que tarda a terra en dar a volta ao sol, e que durante ese tempo se van sucedendo as 4 estacións.

Esta celebración gústanos moito, pois fai que nos sintamos protagonistas no noso día e que poidamos compartir cos nosos/as compañeiros/as momentos moi significativos da nosa vida, sendo conscientes ademais de todos os cambios que se produciron dende o momento do noso nacemento ata o día de hoxe.  

E posto que seguimos sen poder soprar as velas, algo que sempre nos gustaba moito, este ano tamén mantivemos o momento da sorpresa: o neno/a que está de aniversario recibe unha pequeniña sorpresa que ten que coller na “nosa caixa misteriosa”. Todos/as agardamos con moita intriga dito momento e nos fai moita ilusión!

 

                        

 

                                                                                                 

 

O presente curso seguimos incidindo tamén na importancia de alimentarnos dunha forma saudable para contribuír desta forma ao benestar da nosa saúde, e para manter ao mesmo tempo as nosas defensas moi altas. Así pois, tratamos de concienciarnos da importancia que ten o consumo de froita no noso día a día, e aínda que non a todos/as nos gustan da mesma forma, todos/as estamos intentando acompañar as nosas merendas diarias cunha peza de froita. En relación a isto, colocamos na aula un panel, o panel do “Club da froita” no que levamos a cabo un rexistro diario, sempre e cando comemos a peza de froita que traemos. Cada día estamos máis motivados/as, e xa houbo varios compañeiros/as que conseguiron completalo!! E como recompensa a dito logro recibimos unhas medallas moi particulares!

 

 

                                                                                                    

 

 

Este curso tamén lle demos continuidade ao traballo iniciado o ano pasado cos membros da asociación AVOAR, a través do proxecto que leva por título: VIDA, LECER E AFECTO, a través do cal afondamos:  nos estereotipos de xénero, no bo trato, na autonomía, o coidado persoal, o coidado social, crear un “bo patio”, como xogar ben, relacións no patio...

 Durante a primeira sesión, coñecémonos a través duns xogos de presentación e logo lemos un conto, que nos levou a grandes reflexións, pois o seu protagonista, chegaba a perder a súa identidade ao tratar de compracer a todos os que o rodeaban e deixar de lado os seus gustos e necesidades. Como remate da sesión fixemos unha valoración da mesma.

 

                                                     

 

              

 

 

 

    Durante a segunda sesión, abordamos o coidado dos nosos patios e a contorna. Por último, fixemos valoración da sesión.

 

 

                                                            

 

                        

 

 

Como cada curso tamén levamos a cabo algunha que outra celebración e conmemoración.

Así pois a primeira delas, foi a celebración do Magosto, na que pasamos unha xornada moi animada levando a cabo diversos xogos en común como por exemplo: xogos de destrezas e habilidades, os zancos, relevos con culleres... Tamén gozamos dunha merendola a cargo de doces caseiros, etc. proporcionados polas familias, así como tamén das ricas castañas asadas.

 

              

 

               

 

               

 

               

 

              

 

 

Outra celebración que tamén nos gustou moito, foi a do Samaín. Durante esa semana levamos a cabo un taller de decorado de cabazas, disfrazámonos de cousas terroríficas, e levamos a cabo un conxuro para queimar e espantar os nosos medos.

As palabras que diciamos no conxuro eran as seguintes:

“cabaza cabaciña,

aquí deixo os meus medos,

para que saian da miña cabeciña”

 

 

E por outra parte os nenos/as da aula de primaria dramatizaron o conto de Corre Corre Cabaciña, o cal nos gustou un montón!

 

        

 

        

 

         

 

         

 

 

             

 

                                 

 

                                                                                                                               

 

                                       

 

                                                                          

 

              

 

 

O 25 de novembro conmemoramos o Día internacional contra a violencia de xénero, e para iso a partir da lectura do conto “Os bonobos con lentes” fixemos uns debuxos nos que representamos aquelas cousas que podemos facer tanto homes como mulleres, nenos coma nenas, avós como avoas, etc. de forma que todos/as independentemente do xénero ao que pertenzamos nos poidamos sentir ben e felices. 

 

 

 

                                                                                                                            

 

 

 

 No mes de novembro tivemos unha saída ao Auditorio de Rianxo para gozar dun Concerto Didáctico de música jazz, e pasámolo xenial cantando algunhas das cancións que coñecemos.

 

                                               

 

 

 E xa para cerrar o trimestre, durante as últimas semanas de cole, estivemos facendo algunha que outra manualidade de NADAL para decorar un pouco a escola, tamén xogamos con algúns xogos de temática de nadal, e o último día do trimestre contamos coa visita das familias para elaborar entre todos/as algunhas manualidades e tamén nos reunimos no patio nunha gran roda para celebrar as 12 badaladas a modo de despedida. 

 

 

                                                                     

 

           

 

                                                                

 

                                                                 

 

                                                                        

 

                                                                        

 

                                                                         

 

                                                                  

 

                  

 

Vémonos á volta das vacacións, coas pilas ben cargadas de novo, e con moitos momentos e aventuras novas aínda por compartir!

 

 

BO NADAL E FELIZ ANO NOVO PARA TODOS/AS!

Distribuir contido