Inicio do Curso Escolar 2024/25

Presentacións do alumnado

O vindeiro 11 de setembro terá lugar o inicio das actividades lectivas do presente curso académico. As presentacións, primeiro co Equipo Directivo e a continuación cos correspondentes titores e titoras, será de forma escalonada no seguinte horario:

Alumnado de ESO

  • 1º ESO: 9:00 h (O alumnado deste nivel poderá estar acompañado polas súas familias na presentación co Equipo Directivo)
  • 2º ESO: 10:30 h
  • 3º ESO: 11:00 h
  • 4º ESO: 11:30 h Unha vez feitas as presentacións, o alumnado continuará no centro ata o final da xornada lectiva.

Alumnado de Bacharelarto

  • 2º BAC: 13:00 h
  • 1º BAC: 13:30 h

A partir do xoves 12 de setembro, as clases desenvolveranse no horario habitual (8:45 - 14:25)

Foguetes de auga

O alumnado de 1º da ESO o pasado 21 de xuño, último día de clase, realizaron o lanzamento dos foguetes de auga que construiron nas clases de Tecnoloxía coa profesora Carmen Castro.

Aquí tedes imaxes e videos da experiencia:

Cohetes de auga

Visita a DAVEIGA, SLL Empresa de Economía Social Galletas Mariñeiras

Alumnado de 1º e 2º Bacharelato de CC Sociais participou o martes 18 de Xuño nunha actividade didáctica organizada polo Departamento de Economía, visitando a empresa “DAVEIGA produción responsable“ en Chantada (Lugo).

A actividade iniciouse coa explicación por parte de Xosé Lois Lamazares, socio fundador da empresa, da posta en marcha do proxecto, a súa evolución e o modelo de Xestión empresarial Rural sustentable e Innovación baseado na Responsabilidade Socio-laboral, Económica, Medioambiental e Cultural.

Microteatro en Cultura Clásica

O alumnado de 3º de ESO de Cultura Clásica representa a escena do Cíclope Polifemo da obra do estradense Xosé Luna, " As Aventuras de Odiseo".

Únete ao DESCANSO DIXITAL

Agora que chega o curso ao seu remate e despois de tanto correo electrónico, de tanta tarefa dixital, de tanto uso de móbil para consultar e pasar información sobre as materias, de tanta consulta no grupo de WhatsApp para saber as tarefas que hai que entregar... e todo isto moitas veces a unhas horas pouco recomendables,  o alumnado de 1º ESO e a súa profesora de EPVA Mari Ruzo achégannos un consello para o verán e para o vindeiro curso:
"Planifícate e programa o envío das túas tarefas,
respecta o descanso dixital do alumnado, do profesorado... das persoas."
      
E lembra, non esquezas desconectar dixitalmente! Sae e descubre o mundo que te está a agardar!

Descanso dixital

Devolución libros ANPA - Bacharelato

O alumnnado beneficiario do préstamos de libros da ANPA o curso 2023-2024, agás aquel que se presente á convocatoria de xullo das ABAU, debe devolver todos os libros.

Para a recollida dos exemplares estarán no centro representantes da ANPA o día fixado para a matrícula de 2º de Bacharelato (a data publicarase na web nos próximos días).

Recordamos que a devolución dos libros é un requisito para poder beneficiarse do préstamo o vindeiro curso.

"Adolescentes galegofalantes, especie en perigo de extinción?", O Xornal da Estrada

Como froito dun gran traballo de investigación, análise e interpretación de datos de carácter sociolingüístico, podemos ver a reportaxe titulada "Adolescentes galegofalantes, especie en perigo de extinción?". Reportaxe en que se describe e debulla o emprego do galego por parte do noso alumnado, e tamén do alumnado do Nº 1 da Estrada, dentro dos centros educativos e no eido dos medios de comunicación e da creación de contidos que consomen.

Dende o IES Manuel García Barros queremos agradecer e felicitar, en primeiro lugar, a'O Xornal da Estrada por esta magnífica iniciativa e traballo xornalístico e, en especial, a Rubén Rosende, mais tamén a todo o alumnado que participou na súa elaboración (Borja Gorís, Andrea Silva, Aroa Carballo e Tania Carbia), na realización da enquisa e ao profesorado, tanto do noso centro coma do Nº 1, que achegaron a súa reflexión sociolingüística.
Parabéns pola reportaxe!! Seguide así!! Apostemos pola creación de contido en galego nas redes!!

Fonte: Canal youtube d'O Xornal da Estrada

Máis información na Web d'O Xornal da Estrada
  

Visita de estudos do alumnado de 1º ESO a Sotavento, MUNCYT e Casa das Ciencias

O alumnado de 1º de ESO realizou o martes 4 de xuño unha visita didáctica, organizada polo Departamento de Tecnoloxía, ao parque eólico experimental de Sotavento (situado no concello lucense de Xermade), no que puideron aprender dun xeito práctico e lúdico os fundamentos básicos das enerxías renovables e do aforro enerxético.

Posteriormente desprazáronse á cidade da Coruña para visitar o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), onde realizaron unha visita guiada e unha actividade tipo xincana de descubrimento dos obxectos expostos nel.

Finalmente acudiron á Casa das Ciencias onde disfrutaron dunha sesión de platenario e realizaron actividades autoguiadas de experimentación científica. Tedes unha reportaxe gráfica de todo o que fixeron na seguinte galería fotográfica:

   Sotavento e museos Coruña - 1º ESO

III Liga Maker Drone - Competición final

O 16 de maio, no Coliseum da Coruña, tivo lugar a Final da III Liga Maker Drone, na que participaron 17 equipos de centros educativos de Galicia.

O noso centro estaba representado por un grupo de alumnas e alumnos de 2º de ESO acompañados polo profesor Javier Fondevila, que durante todo este curso estiveron deseñando un Drone para cumplir a misión da convocatorio deste ano: lanzar veneno a niños de velutinas e se formaron na pilotaxe de drones.

Na galería fotográfica da dereita tedes imaxes do evento.

   LMD - Gran final

Visita de estudos do alumnado de Tecnoloxía de 4º ESO e 1º Bacharelatoa a Galiciencia e a Escola de Enxeñaría Aeronautica e do Espazo

O alumnado que cursa as materias de Tecnoloxía en 4º da ESO e 1º de Bacharelato, o pasado venres, 10 de maio, realizaron unha viaxe a Ourense onde visitaron Galiciencia e a Escola de Enxeñaría Aeronautica e do Espazo.

Galiciencia é a maior científica que se celebra en Galicia. Nesta edición o IES Manuel García Barros tamén estivo respresentado por Alma Diéguez e Samuel Sánchez, acompañados do profesor Javier Fondevila, presentando o seu proxecto “Xogar, mellor con madeira” (Video resumo da mostra e Revista)

Tedes unha imaxes da viaxe na galería fotográfica da dereita.

    Excursión Ourense

Visita a Galipark

O pasado martes 28 o alumando de 2º ESO tivo a oportunidade de achegarse ao recinto de multiaventuras, Galipark, en Extramundi (Padrón).

Os alumnos experimentaron un día de retos e diversión, todo isto acompañado de exercicio ao aire libre. Puxeron a proba o seu vértigo enfrontándose a un circuíto de altura provistos de arneses, mosquetóns, tirolinas e obstáculos de equilibrio.

Afinaron a súa puntería co tiro ao arco e unha actividade de laser tag.

Finalmente refrescaron a súa tarde cunhas actividades acuáticas que nos deixaron impactantes imaxes deles descendendo polo tobogán de auga!! Podedes ver as fotos na nosa galería Flickr.

Festa das Palabras

O pasado mércores 23 de Maio, tivo lugar no Auditorio Municipal de A Estrada, a XI Festa das Palabras, organizada polo equipo de Dinamizaestrada e dirixida excelentemente por dous alumnos do noso centro, Lía Vázquez e Mateo Lois, ambos de 1º de Bacharelato.

O evento reuniu a máis de 60 escolares de todos os centros do Concello, premiados no Concurso de microrrelatos e micropoemas, onde se lles entregou o libro que recolle as súas obras  e foron apadriñados no seu percorrer literario por Carlos Loureiro Rodríguez, investigador e autor estradense.

Desfrutando desta obra recén saída do prelo, e da que dispoñemos de varias copias no centro, deixámosvos unha escolma de fotos, agradecendo a participación e parabenizando aos nosos alumnos premiados:

  • Andrés Díaz Vázquez
  • Soledad Zixia Chedas Ferrín
  • Carla Campos Valcárcel
  • Antía Pérez Lodeiro
  • Mariano Ramírez Hurtado
  • e Hugo González Porto.

Excursión a Asturias (3º ESO)

Os pasados 8, 9 e 10 de Maio, un grupo de 40 alumnos e alumnas de 3º ESO disfrutaron duns días de deporte e natureza en Asturias.

A viaxe comezou en Tuñón, o mércores 8 ao mediodía onde logo dun pícnic percorremos 30 Km en bicicleta pola Senda do Oso onde tivemos a sorte de poder ver a unha parella de osas que viven en semiliberdade (custodiadas pola Fundación Oso de Asturias) e numerosa fauna e flora salvaxe (incluídos boitres!!).
A segunda xornada estivo dividida entre a visita a unha cova de rocha caliza onde puxemos a proba a nosa claustrofobia e o parque de aventuras (onde pasamos a tarde entre tirolinas, pontes colgantes, lianas...) para rematar cun fermoso paseo por Ribadesella (e facer turisteo clásico).
O último día aínda deparaba un último esforzo físico pois despedímonos cun descenso de 8 Km polo Río Sella e mil aventuras nas dúas horas de percorrido, na que afortunadamente só temos que lamentar un escarpín perdido!
A nosa estancia no Hotel La Chopera foi moi satisfactoria e apacible, o alumnando, profesorado e monitores acompañantes viviron tres días moi divertidos e de harmonía e o único malo da saída é que rematou!
Desexando vivir novas aventuras, quedan aquí as fotos para a posteridade.

Colaboración coa E.I. Elfos

Co gallo da celebración do Día Internacional do Libro o alumnado de Coro de 1º de Bach acompañou á comunidade educativa da gardería estradense en todas as súas actividades, aportando contacontos e cancións varias.


A xornada contou ademais coa participación de Teresa Filloy e David Otero, que coma nós foron agasallados, entre outras cousas, con doces, chocolate e un fermoso marcapáxinas elaborado a partir da impresión dos pés dos bebés: "LER DEIXA PEGADA".

Unha xornada chea de agarimo, tenrura e ledicia. Moitas grazas á directora de Elfos por ternos convidado a participar nesta enriquecedora experiencia. Pódense ver as fotos na nosa galería.

  

Testemuñas da transición

O pasado mércores 22 de maio, o grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO desprazouse á residencia Amboage, ao lado do noso centro, para realizar unhas entrevistas sobre o período da transición a algunhas persoas residentes.

A actividade promove que coñezan de primeira man testemuños concretos sobre diferentes momentos e valoracións subxectivas do que significou o paso da ditadura á monarquía parlamentaria no estado español.

Acompañaron ao alumnado os profesores Roberto Fernández e Brais P. Moure, de Historia e Galego.

Máis imaxes na nosa galería.

  
Distribuir contido