"Experimentos para conocer el mundo"

No boletín mensual de novembro vai ser o Departamento de Física e Química o que nos propoña "Experimentos para conocer el mundo", de Javier Fernández Panadero, un especialista en divulgación que explora dunha maneira divertida a Ciencia a través de moitos ensaios en Física e en Química, empregando unha linguaxe sinxela, amena e non exenta de rigor.

A Ciencia vai máis aló do que se fai nos laboratorios. A Ciencia trata de como funciona o teu corpo e o mundo que che rodea. Neste libro proponse converter o teu mundo nun laboratorio no que poderás facer máis de setenta experimentos sinxelos, divertidos, que poderás gozar en compañía e permitiranche entender mellor a máxica Ciencia que aparece en cada recuncho do Universo.

Picando nesta ligazón poderas ler un breve resumo, as razóns polas que se recomenda e a quen vai dirixido.

                                                                                                              

Este xoves "Mes da Ciencia en galego" no MGB

O vindeiro xoves 21 de Novembro, dentro do conmemorado Mes da Ciencia en galego, celebraremos no IES Manuel García Barros unha xornada de divulgación científica onde os departamentos de Bioloxía e Xeoloxía e o de Física e Química teñen preparado un lote de experimentos e experiencias.

Será o alumnado de 4⁰ ESO e 1 de Bacharelato o que guiará estas prácticas, en distintas localizacións do centro e en colaboración coa Biblioteca, para sorprender ao alumnado de 3⁰ ESO e que fiquen asombrados e asombradas coa ciencia!

                                                                                                    

Acto de solidariedade con Valencia

O pasado xoves 14 de novembro, os alumnos, profesores e persoal non docente do IES Manuel García Barros gardaron un minuto de silencio como mostra de solidariedade coas vítimas da DINA de Valencia.

Asimesmo, en datas previas, levouse a cabo unha campaña de recollida de alimentos, téxtíles e material diverso para enviar aos afectados.

Xornadas sobre "Prácticas Restaurativas"

sábado 26 de outubro, de 10:00 a 14:00, e o sábado 16 de novembro, de 9:30 a 19:30, celebráronse na biblioteca do IES MGB dúas xornadas de formación para o profesorado sobre Prácticas Restaurativas, impartidas por Rafael Pérez de Lis, psicólogo con ampla experiencia neste ámbito e no traballo con adolescentes.

Dende o centro, expresamos o noso profundo agradecemento polo seu esforzo e dedicación. A formación resultou ser unha experiencia moi enriquecedora e produtiva."

Teatro no Concello: "Ifixenia na porta do súper"

O próximo venres 15 de novembro, ás 21:00, no Teatro Principal de A Estrada, a Compañía Humana representa "Ifixenia na porta do súper". Esta obra recibiu unha moi boa acollida entre o público, especialmente no público xuvenil, porque a temática pode ser do seu interese.

Ifixenia é unha rapaza de barrio que pasa os días entre o consumo de alcohol e a apatía...

Se queredes acudir como público, falade con Bea ou co equipo da biblioteca e vos dirá como conseguir un desconto.

Se algún titor/a quere preparar a asistencia, hay unha guía didáctica dispoñible na biblioteca.

Lembra que este curso o noso lema é "Entra no teatro".

Toda a información nesta ligazón.

Xogos Populares no Magosto

O venres 8 de novembro, dentro da celebración do Samagosto, o departamento de EF organizou xunto co alumnado de 4ºESO uns xogos populares para os estudantes de 1º e 2º de ESO no pavillón Coto Ferreiro.

A rapazada participou en equipos en xogos tan coñecidos como o pano, o brilé, a chave, a remuda de carozos/conos, a remuda de tres en liña e o xoga-tira coa corda.

Para 3º de ESO, outro grupo de rapazas e rapaces de 4º de ESO, organizou un xogo de pistas polo patio, onde, tamén en equipos, tiñan que atopar unhas pistas que lles levaban a outras, ata acadar o tesouro que se atopaba na cafetería. Foi unha xornada festiva onde toda a ESO estivo xogando xunto co profesorado "ao de sempre".

Máis imaxes neste álbum da nosa Galería en Flickr

Imaxes do Samagosto 2024 (Despedida de Miguel Couceiro)

Samagosto 2024

Arrancan as clases de baile tradicional no IES Manuel García Barros.

Grazas á colaboración do grupo de música e baile tradicional Tequexetéldere e ao Concello da Estrada, estáse a impartir baile tradicional nos centros educativos da Estrada da man dun bailador profesional, Martín Fuentes, estudante de Grao en Mestre de Educacion Primaria coa especialidade de musica, estudante tamén de clarinete no conservatorio. 

As clases estánse levando a cabo no Instituto Avelina Valladares e no IES Manuel García Barros e están incluídas na programación das clases de Educación Física. 

O alumnado de 1º ESO disfruta dunha clase semanal de baile tradicional dende o 28 de outubro ata o 20 de decembro, día no que se concluirá esta actividade coa celebración dunha foliada.

A través do baile galego traballan tanto o referente ao apartado psicomotriz (coñecemento corporal, equilibrio, lateralidade, segmentación corporal, coordinación e control postural, automotización de movementos, coordinación oculo-espacial) como ao auditivo, sociolóxico e afectivo-social.

“Con este proxecto de baile tradicional galego o que se pretende non só é que os rapaces e as rapazas, de 12 a 13 anos, coñezan a cultura tradicional galega, senón tamén a importancia que ten dentro da súa evolución, tanto a nivel psicomotor como a nivel psicoevolutivo”, apuntan dende a organización.

Venres 8 de novembro, celebración SaMagosto

O vindeiro venres a partir do segundo recreo celebraremos o Samagosto.

Teremos degustación de castañas, xogos populares, obradoiro de pintura de caras, concurso de disfraces e foliada. 

Anímate a participar!

Miguel Couceiro, 31 anos no García Barros

Esta semana despedimos a Miguel Couceiro, logo de 31 anos de permanencia no Centro.

Da súas experiencias logo de 44 de traballo, dos seus recordos, planes de futuro e habilidades no tenis de mesa fala esta entrevista concedida ao Faro de Vigo.

Hora de Ler

Comezamos este curso coa Hora de Ler para o primeiro trimestre. Serán 10 minutos diarios de lectura en 1º e 2º da ESO.

Empezamos o luns 4 de novembro a 1ª hora. Consulta aquí o calendario.

Estrea da aula taller de Tecnoloxía para 1º ESO

Esta semana o alumnado de 1º ESO estreou o taller da aula de Tecnoloxía, para levar a cabo a construcción do seu primeiro proxecto, un marcapáxinas. Esta actividade está incluída na Unidade de "Proceso Tecnolóxico", onde o alumnado descubre como se levan a cabo as fases dun proxecto para logo rematar coa sua construcción. 

Dentro deste proceso traballan por grupos onde cada persoa ten unhas responsabilidades e uns roles (persoa coordinadora, secretaria, encargada de material, de limpeza, de seguridade, de ferramentas, etc).

A seguinte e última parte do proxecto será a súa autoavaliación dentro de cada grupo.

Descubrindo cousas novas coa chegada ao instituto!

O xérmolo teatral do IES Manuel García Barros

Nas pasadas semanas vén de consolidarse un grupo de teatro formado por alumnado voluntario de 2º da ESO e coordinado polo equipo de Normalización Lingüística, que se atopa xa preparando un texto para a participación no Certame de Teatro Escolar Olimpio Arca que terá lugar a finais do mes de Novembro no Auditorio Municipal da Estrada.

Proposta de actividades acuáticas do alumnado de bacharelato na piscina da AGASP

O alumnado de 1º de bacharelato está aproveitando as instalacións da piscina da AGASP para as clases de educación física.

Esta iniciativa enmarcada na unidade "As nosas propostas" dos grupos de bacharelato A, B e C consiste na realización dunha sesión de actividades acuáticas organizada polo propio alumnado. 

A maiores do disfrute da actividade durante a clase de educación física, tamén lles permite coñecer unha das instalacións situadas no Concello na que practicar actividades físicas e deportivas saudables no seu tempo de ocio.

24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares

Mañá xoves, 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares, celebraremos un sinxelo e "doce" acto na MeGaBiblio no 2º Recreo.

Distribuir contido