Skip to Content

Blogue de admin

Felicitación de Nadal do IES de Soutomaior

O IES de Soutomaior quere desexarvos a todos/as unhas felices festas e unha boa entrada no 2021. Moito ánimo e moita forza!

Os nosos heroes e heroínas con máscara

A Concellería de Xuventude de Soutomaior púxolle o ramo á campaña "Heroes e heroínas con máscara" co sorteo e a entrega de premios ás persoas participantes nun certame que tiña como finalidade reforzar a sensibilización entre a xente nova sobre o uso da máscara en todos os contextos e momentos das nosas vidas cando partillamos espazos con outras persoas e non podemos manter a distancia de seguridade. Non é o único é elemento preventivos fronte á pandemia COVID-19 pero é moi importante para evitar contaxios e que se siga propagando.

Podedes ver todos os vídeos presentados na páxina da campaña, na que podían participar persoas de 10 a 35 anos. Entre elas, atopamos alumnos e alumnas de diferentes cursos do noso centro e, ademais, a sorte quixo que os dous ordenadores portátiles fosen para Manuel del Río (1º BACH) e María del Mar Ruíz (2º BACH). Parabéns a ambos polo premio e a todos e a todas polas vosas achegas.

Resolución do XIX Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal do Concello de Soutomaior

Postal de Lucía Castrillo (3º ESO), 2º premio na Categoría Simple D

O Xurado desta nova edición do Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal fixo pública a relación de traballos premiados nas diferentes categorías (simple, tridimensional e audiovisual).

Entre os preto de 200 traballos presentados hai unha boa representación do alumnado do instituto, ao que felicitamos pola calidade e a mensaxe das súas postais e felicitacións. Á volta das vacacións recibiredes un agasallo do Concello, que repartiremos no centro, mentres que as persoas premiadas xa foron avisadas do acto de entrega que terá lugar mañá no Multiúsos de Arcade. 

Por mor das restricións de seguridade, será un acto moi diferente aos dos anos pasados, mais podedes ver os traballos premiados nas diferentes modalidades premede aquí.

Obradoiro de Sketchnoting no club de lectura "Narrando con imaxes"

Conseguir que unha actividade, unha clase, unha experiencia concreta... deixe pegada no alumnado é ben difícil pero tamén é o máis fermoso da escola. Onte iso aconteceu no obradoiro de sketchnoting impartido por Javier Alonso para a rapazada do Clube de lectura Narrando con Imaxes.

Non deixedes de ler a crónica da actividade no blogue da biblioteca.

Quen vive aí?

Comecemos por fixarnos no chan que pisamos. Esa é unha terra viva. E así, os amigos e amigas de Teixugo S. Coop Ambiental voltaron ao noso instituto para, no marco do Plan Revitaliza da Deputación e grazas ao Departamento de Bioloxía e Xeoloxía, seguir formando o alumnado de 1º ESO na compostaxe, unha estratexia colectiva que procura reducir a cantidade de residuos que acaban no colector e precisa de todos e todas nós coa finalidade de pechar o ciclo da materia orgánica, ademais de axudar a frear o cambio climático.

En concreto, os rapaces e rapazas identificaron os invertebrados presentes no composteiro, sinalando a súa función no proceso da compostaxe, a través de sinxelos capturadores de fauna e material de aumento e chaves dicotómicas.

Ademais, o alumnado de 1º ESO tamén está a coñecer mellor o mundo dos fungos grazas á plantación de cogomelos e shiitake en alpacas que temos no IES. Moito che nos presta esta colleita! A que si?

As irmáns Mirabal, as tres bolboretas violetas

O alumnado de 4º ESO D e a súa titora, Menchu, sumáronse ao 25N reinvindicando as tres bolboretas, Patria, Minerva e María Teresa Mirabal, asasinadas baixo as ordes do ditador Trujillo o 25 de novembro de 1960 na República Dominicana. Esta reivindicación foi iniciada polo movemento feminista latinoamericano en 1981 e logo asumida pola Asemblea xeral das Nacións Unidas o 17 de decembro de 1999 na que se especificaba o que se entendía por violencia contra a muller:

«Todo acto de violencia baseado na pertenza ao sexo feminino que teña ou poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada».  

Dende a Concellaría de Igualdade de Soutomaior fixéronnos chegar ao centro diferentes materiais da campaña deste ano, Ultraviolenta. dando luz ás violencias invisibles, coa que se procurou poñer o foco sobre as violencias menos visibles pero igual de perigosas e presentes no día a día no noso contorno.

Xornada de Formación do III Torneo de Debate Académico de Galicia

 

Esta mañá o alumnado de 1º de Bacharelato que cursa a materia optativa Obradoiro de Habilidades Comunicativas recibiu a formación preparatoria do III Torneo de Debate Académico de Galicia, no que o IES de Soutomaior contará con dous equipos.

Alba Formoso, profesora de oratoria, fundadora e presidenta da Escola de Debate e Oratoria TALKK, foi o encargada de impartir a formación, que se desenvolveu a través de videoconferencia debido ás restricións e medidas de seguridade obrigadas pola actual crise sanitaria. A pesar das limitacións do medio, o alumnado participou activamente nas propostas feitas por Alba Formoso, que introduciu as claves de iniciación ao debate, activou dinámicas que fixeron reflexionar o alumnado e deus a coñecer as características e a estrutura do torneo, que convocará na Coruña a 48 equipos e máis de 240 alumnos e alumnas entre o 25 de xaneiro e o 6 de febreiro.

Estes mesmo mércores publicarase a pregunta desta edición e a partir de entón comezará unha intensa fase de investigación sobre o tema proposto, a elaboración do argumentario e os discursos dos equipos e a súa posta en práctica. O camiño cara ao III TDAG aínda acaba de comezar.

O Plan Revitaliza volta ao noso centro

Esta semana o Plan Revitaliza achegou ao alumnado a problemática dos residuos para seguir afondando na conscienciación da súa xestión e da responsabilidade que temos todos e todas na súa redución e separación a través de alternativas necesarias como a compostaxe.

No marco deste programa educativo impulsado pola Deputación de Pontevedra, o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía organizou dúas charlas orientadas ao alumnado de 1º ESO e 1º BACH.

Da man de Teixugo S. Coop Ambiental, os máis cativos e cativas coñeceron máis polo miúdo quen son os "intrusos no composteiro". Nesta actividade analizáronse os residuos impropios que se poden atopar nos composteiros, a súa orixe, composición e os seus efectos sobre o medio. O principal obxectivo da charla foi identificar os microplásticos e coñecer o seu impacto ambiental.

Por outra banda, o alumnado de Bacharelato conseguiu, a través de sinxelos capturadores de fauna e material de aumento e chaves dicotómicas, realizar a identificación de invertebrados presentes no composteiro, sinalando a súa función no proceso da compostaxe.

Profesorado Curso 2023-2024

 

PROFESORADO

DEPARTAMENTO

Abilleira Sanmartín, Xosé Linguas Clásicas
Aguiar Hormías, Ana María Educación Plástica e Visual
Alonso Gasalla, Irene Ángela Lingua Inglesa
Blanco Rivera, Fernando Lingua Galega
Branca, Giuseppe Filosofía
Bussieres Valcarce, María Carmen Economía
Cal Malleiro, Gabino Relixión
Campos Castro, Modesto Educación Física
Cid Vila, Eduardo Lingua Castelá
Cortegoso Otero, Iria Lingua Castelá
de Malet Pintos-Fonseca, Marina Matemáticas
Díaz López, Beatriz Educación Plástica e Visual
Escudero Fernández, Montserrat Bioloxía e Xeoloxía
Galván Fernández, Lucía  Orientación – PT
González Lago, María Nieves Lingua Francesa
González López, María Rosalía Tecnoloxía
González Piñeiro, Cristina Orientación
González Varela, Alicia Lingua Inglesa
Iglesias Casal, Ricardo Lingua Galega
López Senín, Lucía Bioloxía e Xeoloxía
Loureiro Vázquez, Alba Lingua Galega
Martínez Silva, Marta Física e Química
Molares Molares, Orlando Lingua Castelá
Muñiz Alonso, Gabriel Tecnoloxía
Otero Suárez, Damián Xeografía e Historia
Pazos Otero, Alicia Lingua Castelá
Peón Fernández, María Vanesa Educación Física
Pereira Carreiro, Antía Lingua Inglesa
Pérez Alonso, Iria Lingua Castelá
Quintana Martínez, Catarina Matemáticas
Ricón Rodríguez, Antonio Lingua Inglesa
Rodríguez Rodríguez, Lara Lingua Francesa
Rodríguez-Doforno Paz, Iago Física e Química
Sánchez Crestelo, María Xeografía e Historia
Santos Suárez, Sandra Matemáticas
Sotelo Pardos, Alejandro Física e Química
Vázquez García, Luciano Xeografía e Historia
Vázquez Gómez, Adriana Rosario Lingua Galega
Veiga Santoro, Marisa Matemáticas
Veiga Sertal, Paula Música
Villar Cendón, Manuel Matemáticas

Animádevos a participar nestas novas propostas creativas do Concello!

O Concello de Soutomaior vén de presentar dúas novas iniciativas que buscan promover a reflexión crítica e a implicación social da mocidade apoiando as súas inquedanzas e habilidades no ámbito artístico e fomentando o uso da lingua galega como canle de expresión creativa e emocional que nos liga á comunidade e ao noso tempo.

Por unha banda, o Concurso de Postais e Felicitacións de Nadal chega á súa edición nº XIX con novidades e diversas categorías segundo as idades e modalidades (modalidade simple, tridimensional/voluminosa e audiovisual). O prazo de presentación remata o 16 de decembro. Consulta as bases premendo aquí ou no banner.

E, por outra banda, dende o Concello chega unha proposta orixinal e necesaria, a Campaña Heroes e Heroínas, que ten como finalidade sensibilizar a veciñanza sobre o uso da máscara en todos os contextos e momentos das nosas vidas cando compartimos espazos con outras persoas e non podemos manter a distancia de seguridade. Desta volta, o alumnado debe gravar un vídeo que cumpra uns determinados requisitos técnicos e de contido. O prazo remata o 18 de decembro. Consulta as bases premendo aquí ou na imaxe.

Tanto para o concurso como para esta campaña, non dubidedes en procurar a axuda do profesorados dos Departamentos de Educación Plástica, lingua galega e Normalización Lingüística.

Distribuir contido


by Dr. Radut