Skip to Content

Blogue de admin

Información sobre o cribado masivo no centro (09-03-2021)

Logo do cribado masivo de onte (alumnado, profesorado e persoal non docente), esta mañá comunicáronnos que se detectaron  dous casos positivos e asintomáticos. Estes positivos xa están illados nas súas casas. Tamén nos puxemos en contacto coas familias dos contactos estreitos para que garden a corentena. Estes contactos foron comunicados ao Sergas para que lles fagan un seguimento.

  • Non ter recibido mensaxe Abalar do grupo de clase do voso fillo ou da vosa filla significa que todo está correctamente.
  • Nos casos detectados e nos contactos comunicados será o Centro de Seguimento e Control quen dará as indicacións directamente, establecendo as pautas a seguir.

Esperamos que estas medidas tamén axuden a mellorar a situación da contorna e aproveitamos a ocasión para destacar a profesionalidade do equipo do SERGAS desprazado ao centro, a axilidade na organización dos membros da comunidade educativa e a boa predisposición e colaboración das familias. Moitas grazas a todos/as.

O 8M no IES de Soutomaior

Para conmemorar o 8M, o Día da Muller, durante os días previos, o alumnado traballou nas titorías os valores da igualdade de xénero e do proceso de emancipación das mulleres na súa loita histórica para reverter as situacións de discriminación e rachar co patriarcado. Este traballo audiovisual é un dos froitos dese traballo colectivo.

Ademais, un grupo de alumnas e alumnos de 4º ESO D leu o manifesto desta xornada e animou á comunidade educativa a sumarse ás reinvindicacións desta data cunha marcha simbólica ao son das tarteiras e as palabras de orde durante o recreo.

megafonía recreo

Ademais, durante o mes de marzo, podemos ver os retratos da exposición "Mulleres sabias", cedida polo Centro de información á Muller do Concello. Esta mostra conta cos retratos de veciñas veteranas e acompáñase de pequenos obxectos propios de cada muller e procura proxectar o apoderamento, a visibilización e a concienciación das mulleres de mais idade, así como poñer en valor as oportunidades da idade e da experiencia vital como fonte de sabedoría e a ruptura dos estereotipos de beleza impostos por unha sociedade patriarcal.

Escaneado 3D de obxectos reais

O pasado venres 5 de marzo o alumnado de 1º de Bacharelato asistiu a unha charla-obradoiro sobre Escaneado 3D de obxectos reais, impartida por Juan Pedro Ortíz Sanz, profesor de Enxeñería Agroforestal da USC no Campus Universitario de Lugo. Na parte teórica desta actividade, o profesor explicoulle aos rapaces e ás rapazas que os modelos 3D son figuras virtuais tridimensionais que representan un obxecto real e que se están empregando xa en múltiples campos como a medicina, arquitectura, videoxogos, ou no deporte. Na parte práctica, o alumnado utilizou unha aplicación gratuíta para móbiles coa que crearon un modelo en 3D dunhas cunchas de vieira, a partir de 10 fotografías tomadas por eles mesmos.

A actividade foi organizada polos Departamentos de Orientación e Tecnoloxía no marco do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, promovido pola USC para achegar aos centros de ensino secundario o traballo que se desenvolve na universidade.

Videconferencia: Nocións básicas para o manexo da aula virtual e os servizos de comunicación entre familias e escola

Dende o Centro de Formación e Recursos de Pontevedra (Consellería de Educación) comunícannos que hai prazas libres para a videoconferencia que se desenvolverá hoxe baixo o título: "Nocións básicas para o manexo da aula virtual e os servizos de comunicación entre familias e escola".

Será impartida por Venancio Piñeiro e desenvolvorease entre as 19:00 e as 21:00.

Trataranse aspectos básicos sobre o emprego das aulas virtuais, entrega de tarefas, comunicación ca escola e abrirase unha quenda de preguntas para aclarar as dúbidas das familias.

Para asistir, hai que conectarse á hora de inicio na seguinte sala:

https://eduxunta.webex.com/meet/venancio

Supersorda de Cece Bell, nova recomendación lectora

O club de lectura Narrando con imaxes reuniuse esta mañá para facer unha posta en común de Supersorda, de Cece Bell, unha historia autobiográfica sobre a xordeira da protagonista que non deixou indiferentes aos mozos e mozas do club.

Por iso, queren partillar connosco as súas impresións e recomendar vivamente esta lectura que está dispoñible na Biblioteca do instituto.

Así foi o noso Entroido 2021

Un desfile de entroido... en diferido e a través das pantallas! O entroido non se deixou de celebrar este ano, aínda que se fixo baixo novos formatos, diferentes, pero seguros e divertidos.

Durante as últimas semanas os diferentes grupos estiveron preparando as súas coreografías nas clases de Educación Física e nas Titorías. O venres 12 puidemos gozar do traballo dos compañeiros e as compañeiras.
 
4º ESO D gañou o desfile co seu número "Around the world". 2º ESO D e 4º ESO A completaron os tres primeiros postos, que se decidiron pola votación pública dos grupos participantes. Podedes ver todas as actuacións na canle da Biblioteca en Youtube.

 
Ademais, 11 grupos participaron na modalidade "Photocall Centros Educativos" do Confientroido, o programa que organizou o Concello de Soutomaior e ao que podedes acceder premendo aquí.

Un anaquiño de Uganda en Soutomaior

Emilio J. Puime tróuxonos un pouco de Uganda á clase de música. Un galego, etnomusicólogo e cooperante internacional, tratou de fortalecer o noso pensamento sobre os dereitos humanos relacionándoos coa música tradicional en Uganda. Ademais, Emilio coordina a ONG Destino Uganda, que se adica a mellorar a vida de nenos e nenas en situación de vulnerabilidade e pobreza extremas, sendo a música o que se converteu no medio de vida para estes rapaces.

Durante a charla con Emilio, púidose ver como a etnomusicoloxía pode traballar coa cooperación ó desenvolvemento, xa que garantir o cumprimento dos dereitos humanos e dos obxectivos da Axenda 2030 (ODS) é a maneira de convervar o patrimonio cultural inmaterial en áreas desfavorecidas.

Apareceron termos como a globalización, cultura, relativismo cultural ou tradición; este foi seguido da visualización de exemplos de música tradicional en Uganda, para entender que non é mellor nin peor, simplemente diferente.

De maneira conxunta, chegouse á conclusión da necesidade da conservación do patrimonio e o cumprimento dos dereitos humanos, xunto cos obxectivos de desenvolvementos sostible (Axenda 2030), pois así poderemos ter un mundo máis humano e habitable.

Qrt m8! O amor en tempos de pandemia

Non esaxeramos nada se dicimos que esta mañá foron necesarias moitas mans de alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato para repartir centos de mensaxes e cartas de amor polo centro.

O correo do amor fixo un grande traballo, moi dilixente, ben organizado e seguindo sempre as medidas de seguridade e hixiene que requiren estes tempos. Noraboa e grazas por encher os corredores e aulas de sorrisos e nervios, e moita alegría, que boa falta fai.

   

Aprendendo en familia

O 23 de febreiro, entre as 18:30 e as 20:00, terá lugar a primeira das charlas dunha nova edición da Escola de Familias que promove o Concello de Soutomaior.

A primeira ponencia  achegarase a unha cuestión de especial interese nestes tempos, "Familias ante a COVID-19: convivencia ou supervivencia?", e versará sobre as dificultades que se están a dar na contorna familiar e de convivencia para xestionar emocionalmente esta crise e todas as súas posibles consecuencias. A sesión estará guiada por un membro de ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e na Adolescencia), entidade especializada na atención integral en saúde emocional e mental comunitaria dos nenos, adolescentes e as súas familias.

Para participar nesta charla a través de videoconferencia as persoas interesadas deben inscribirse a través deste formulario antes do xoves 18 de febreiro.

Finanzas para mortais

Esta mañá deu comezo o programa "Finanzas para mortais" no que participa o alumnado de Economía de 4º ESO C e que contará cunha segunda sesión o 22 de febreiro. A charla foi impartida por José Carlos Pérez Pazos e abordou cuestións financeiras básicas como activar contas e tarxetas bancarias, operar na banca on line, a seguridade nas operacións e novos modelos de pagamento como Bizum.

Esta actividade ten por obxecto fomentar o emprendemento e a cultura financeira no sistema educativo non universitario como motores da innovación, a competitividade e o crecemento da economía, e encádrase no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo Eduemprende no que colaboran a Consellería de Educación, a Fundación da Universidade de Cantabria para o estudo e a investigación do sector financeiro (UCEIF) e o Banco Santander S.A.

 

Distribuir contido


by Dr. Radut