Skip to Content

Blogue de admin

Novos titoriais para desenvolverse mellor nas novas tecnoloxías

O Departamento de Tecnoloxía achega catro novos titoriais para botarnos unha man no manexo das TIC e que nos poden axudar a todos e a todas a mellorar a nosa competencia dixital nas tarefas máis cotiás: entregar tarefas, desenvolverse mellor nos diferentes formatos dos ficheiros, navegar cunha resolución e funcionalidade óptimas na Aula Virtual, etc.

Trátase dos seguintes manuais:

  • Titorial de acceso á Aula Virtual.
  • Titorial sobre como facer capturas de pantalla.
  • Titorial para descargar a aplicación que permite traballar na Aula Virtual dende o móbil.
  • Titorial para pasar un documento de texto (formatos word, .odt, etc.) a PDF.

Criterios para a distribución de máscaras entre o alumnado

A Consellería de Educación vén de facer públicos os criterios e procedemento de distribución de máscaras entre o alumnado matriculado en educación primaria, ESO e educación especial en centros públicos e concertados no curso 2020/2021.

Preme aquí ou na imaxe para acceder á orde.

Enquisa sobre recursos informáticos dispoñibles no ámbito familiar

enquisa

Con esta consulta, dende o IES de Soutomaior pretendemos ter unha información actualizada sobre esta cuestión coa intención de obter unha radiografía real e actualizada da situación en caso de confinamento (individual, grupo ou centro).

- Cubra unha enquisa por cada fillo/a escolarizado/a no centro.

- Prema na seguinte ligazón para acceder á enquisa:
 

https://forms.gle/u3Bj8pJ39EBrK1YR7

 

Grazas de antemán pola súa colaboración.

Novos modelo de exames ABAU 2021

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) comunica que xa están dispoñibles na súa páxina os modelos de exames para as probas ABAU 2021, que manteñen, con lixeiros axustes, a estrutura básica da ABAU 2020, pois continúa a excepcionalidade derivada da pandemia.

Resolución da Iniciativa Arco, programa de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación

A Consellería de Educación vén de publicar a resolución definitiva da Iniciativa Arco, programa de Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación polo cal o IES de Soutomaior contará cun/cunha docente para desenvolver medidas de inclusión educativa en 1º ESO.

arco

Este programa está financiado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación FSE Galicia 2014-2020).

Procedemento das comunicacións sobre casos COVID-19

Ante a aparición dos primeiros casos positivos no centro educativo, é preciso aclarar o seu procedemento de comunicación ás familias:

  1. Sanidade carga na aplicación EduCovid o resultado dun positivo indicándonos de quen se trata (alumnado, profesorado ou persoal non docente).
  2. Desde o centro educativo cargamos nesa aplicación os datos dos contactos da persoa positiva, tanto nas aulas como no transporte escolar, nun radio de 2 metros e por máis de 10 minutos.
  3. Cando Sanidade nos confirma un positivo, tamén enviamos un aviso por AbalarMóbil ás familias do alumnado da clase ou clases que entraron en contacto con esa persoa (sen identificar os datos desa persoa conforme á Lei de Protección de Datos Persoais). As autoridades sanitarias poderán chamar a estes contactos para solicitar información ou para dar indicacións de como deben actuar.
  4. En caso de non recibir ningunha chamada esas persoas seguirán coa súa vida normal, pois será que non foron consideradas contactos estreitos.

Así mesmo, dende o centro aclararamos  dúbidas a respecto do Protocolo COVID-19 que nos fixeron chegar algunhas familias:

  • É a Consellería de Sanidade quen ten a potestade de ditar illamentos, corentenas, ou solicitar PCR.
  • Os centros educativos temos o deber de comunicar todos os contactos con positivos e  vixiar para que se tomen as medidas de prevención no  ámbito escolar.
  • Ainda que teñamos información dun caso positivo por outras fontes (familia, amizades…), non poderemos realizar comunicacións de contactos ou facelo oficial ata que Sanidade nos confirme ese caso.
  • É responsabilidade de todos e de todas tomar as medidas de protección e seguir os protocolos de uso de máscara, distanciamento social, hixiene de mans… para evitar contaxios.
  • Ante algún síntoma compatible co COVID-19, é conveniente quedar na casa ata descartar a enfermidade.
  • Estas faltas de asistencia poderanse xustificar cun simple comunicado dos responsables legais ao centro (a través das titorías) e non precisarán de ningún xustificante médico.

Agradecemos a vosa comprensión e a colaboración que estades a realizar para que entre todos e todas poidamos minimizar os riscos, sempre conforme ás instrucions que nos achegan as autoridades sanitarias. 

Axustes do Plan de Adaptación do Protocolo Covid-19

 

Titoriais sobre usos básicos das TIC

 
O Departamento de Tecnoloxía elaborou unhas infografías moi prácticas sobre algúns dos usos máis comúns que facemos das TIC no ámbito académico, privado e profesional:
  • Como enviar un email.
  • Como facer fotos das tarefas.
  • Tipos básicos de ficheiros e como identificalos.
  • Como gardar un ficheiro.

Podedes descargalas tanto en formato .jpg como .PDF nos arquivos adxuntos (tamén todas xuntas nun único PDF).

Ademais, tamén tedes dispoñibles os seguintes titoriais en PDF:

  • Titorial de acceso á Aula Virtual.
  • Titorial sobre como facer capturas de pantalla.
  • Titorial para descargar a aplicación que permite traballar na Aula Virtual dend eo móbil.
  • Titorial para pasar un documento de texto (formatos word, .odt, etc.) a PDF.

Coidamos que unificar o modo de levar a cabo este tipo de tarefas escolares pode ser de grande utilidade para todos/as, por iso animamos a todo o alumnado e ás familias para que sigan estas pautas e as incorporen no seu día a día.

Aclaracións sobre o transporte escolar

O aumento da matrícula para o presente curso 2020-2021 no IES de Soutomaior, que supera os 400 alumnos e alumnas, motivou un incremento do número de usuarios/as do transporte escolar.

Na solicitude deste servizo para o alumnado da ESO incluída na matrícula ordinaria (mes de xullo), aclarábase que os usuarios excepcionais, que son aqueles que teñen o domicilio a menos de 2 km do centro, cursan unha ensinanza non obrigatoria (Bacharelato) ou están fóra da área de escolarización (Concello), poderían ter acceso a este servizo de houbese prazas vacantes neste servizo que oferta a Consellería de Educación.

Con todo, e en previsión desta problemática, o centro solicitou unha ampliación de prazas á Inspección de Recursos Educativo Complementarios, que respondeu aludindo á normativa vixente (Instrución 1/2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional do 8 de xuño sobre a xestión do Servizo de Transporte Escolar no Curso 2020-2021).

Ante esta situación, o centro e a empresa adxudicataria intentamos xestionar todas as opcións posibles para darlle o servizo ao maior número de solicitudes. Así, o autobús procedente de Vilaboa reforzará as paradas de Arcade máis afastadas (Peirao-Feira-Cruceiro) e os dous microautobuses da Pontesampaio recollerá, na parada do Cruce de Pierres, o alumnado para vir ao centro (entradas), pero non se pode garantir para todos o servizo no regreso (saídas).

Distribuir contido


by Dr. Radut