Skip to Content

Blogue de admin

Recollida de Diplomas da ESO

Cribado para a detección da COVID con mostra de saliva para a mocidade de 12 a 17 anos

Comunicamos que se está a levar a cabo un programa para a detección de SARS-CoV-2 con mostra de saliva en poboación asintomática de 12 a 17 anos coa colaboración das farmacias da provincia de Pontevedra (consulta a carta informativa do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra).

Trátase dunha campaña de detección de poboación asintomática, polo quen considere pode acudir a súa farmacia de referencia onde os informarán sobre o procedemento de toma de mostra e lles proporcionarán o tubo de recollida.

Concurso Verbas para Comunicar 2021

Un ano máis, con motivo do Día das Letras Galegas, a Concellaría de Xuventude convoca o concurso “Verbas para... comunicar", que relaciona a comunicación, a mocidade e a lingua galega a través da presentación de traballos en formato texto ou audiovisual en lingua galega no que se transmita unha idea, unha reflexión, unsentimento, opinión, etc., que queiramos comunicar e compartir con outras persoas.

Resumo das bases (completas aquí ou en PDF)

- A temática será libre.
- Todos os traballos deberán expresarse en lingua galegae valorarase a corrección lingüística.
- Cada persoa ou grupo poderá presentar un único traballo que deberá ser inédito.
- A organización desbotará e non entrarán en concurso aqueles traballos que conteñan mensaxes discriminatorias, sexistas, violentas, groseiras ou ofensivas.
- Os traballos premiados exporanse na web e remate o concurso aparecerán co nome e apelidos dos/as autores/as os traballos premidados. Tamén se lles dará repercusión a través das redes sociais empregadas pola Concellería: facebook, instagram, etc.

Categorías

- Categoría A: 1º, 2º, 3º ESO.
- Categoría B: 4º ESO, 1º e 2º BACH.

Modalidades

1) Redacción : dun texto en lingua galega que transmita unha idea, sentimento, etc., Só presentación individual. O tamaño do texto non poderá ser superior ás 12 liñas. O soporte será o papel ou cartolina e o seu tamaño non poderá superar un folio A4, pero si poderá ser inferior a este. O formato de presentación do papel
ou cartolina será libre.
2) Audiovisual : elaboración dun vídeo (curta) ou audio (tema musical ou outros) cunha duración máxima de 5 minutos. Pode presentarse de xeito individual ou grupo/clase. Pode ser gravado con móbil ou cámara. Obrigatorio que teña mensaxe en galego escrita ou verbal.

Presentación

Ata o 11 de maio ás 20h. Os traballos presentaranse EN LIÑA a través desta páxina web.

Subnormal

Parva, idiota, maricón, gordo, puta, marimacho, zombi, imbécil... subnormal! 

Subnormal, esta foi a lectura que este venres reuniu o alumnado que forma parte do clube "Narrando con imaxes". A obra, de Fernando Llor e Miguel Porto, baséase nas vivencias de Iñaki Zubizarreta, ex-xogador de baloncesto que cando tiña 11 anos sufriu acoso escolar, "ese monstro con cara de neno que estraga infancias, marca vidas e, nos casos máis extremos, chega a provocar que nenos de curta idade atenten contra si mesmos", tal e como afirma o protagonista no epílogo deste cómic.

Este libro xa esá dispoñible na nosa biblioteca para toda a comunidade educativa. Animámosvos a coñecer de primeira man as reflexións e a ollada dos rapaces e as rapazas do clube entrando no blogue da biblioteca

Participación no Parlamento Xove 2021

Recén rematado o último debate da categoría de Bacharelato do Parlamento Xove 2021, cunha vitoria para despedirse con bo sabor de boca, só resta darlle a noraboa ao equipo formado por Marta Alonso, Laura Amoedo, Paula Estévez e Laura Lorenzo polo gran traballo realizado nas últimas semanas.
Foron moitas horas de investigación, aprendizaxe e convivencia levadas con moi bo ánimo e compañeirismo. Hai que destacar tamén a colaboración dos seus compañeiros Blanca Quiñones e Álvaro Domínguez, así como de Montse e Manuel, da cafetería do centro, por axudarnos en todo o que lles pedimos.

Efecto dominó, entre os ríos Verdugo e Oitavén

Rematamos unha intensa semana de actividades coas charlas nas que onte e mais hoxe están a participar os alumnos e alumnas de 1º ESO no marco do programa "Efecto dominó. Entre ríos", unha iniciativa das Concellarías de Educación e Medio Ambiente acollida polo Departamento de Bioloxía e Xeoloxía do noso centro.

Aproveitando que o pasado 22 de marzo celebrouse o Día Mundial da Auga  iniciamos a campaña "Efecto Dominó, entre ríos", o alumnado de 1º ESO participa no deseño dos contidos dun material divulgativo e didáctico sobre valores ambientais dos espazos naturais que constitúen as ribeiras dos ríos Verdugo e Oitavén, que atravesan e dan vida ao noso concello.

Ao participaren no proxecto, os rapaces e as rapazas recuperan boas prácticas ambientais, poñen en valor os recursos medio ambientais e convértense en axentes sensibilizadores para achegar estes valores ao maior número de persoas.  

Nesta primeira sesión, o alumnado asistiu a unha charla preliminar para activar coñecementos xerais, que se completará cun roteiro de xornada completa polos ríos dende o centro ata a Presa do Inferno co obxectivo de coñecer o terreo e elaborar paneis de sensibilización.

Sintoniza coa túa melodía profesional

O alumnado de 4º ESO sumouse hoxe ao ciclo de obradoiros "Ti decides!", un programa de accións socioeducativas non formais que o Concello de Soutomaior oferta aos centros escolares do municipio. En concreto, os grupos de A e D participaron no obradoiro "Sintoniza coa túa melodía profesional" para descubrir, a través dunha experiencia de xogo, as habilidades e todas as oportunidades que se poden atopar no actual mundo laboral.

Así mesmo, 3º ESO pechou a acción "Sexualidade avanzada. Obradoiro de innovación", que ao longo de tres sesións traballou moitos contidos relacionados coa identidade de xénero, os estereotipos, a tolerancia, a igualdade e o bo trato cara un mesmo/a e cara ás demais persoas, etc.

Igualmente, da man de AMAINA, Asociación para a Promoción da Saúde, todos os grupos de 1º ESO están asistindo aos obradoiros de iniciación en material sexual e afectivo-sexual, que continuarán á volta das vacacións. E, por último, 2º ESO A e 2º ESO B abordan esta sermana a problemática das condutas aditivas de tiferente tipo: drogas, novas tecnoloxías...

Ti Decides!

Un curso máis, esta mañá deu comezo Ti Decides, un programa de accións socioeducativas non formais que o Concello de Soutomaior ofrece aos centros educativos coa finalidade de promover condutas máis saudables e respectuosas así como pautas de carácter preventivo ante condutas aditivas entre a poboación escolar do municipio.

Este conxunto de accións accións mesturan metodoloxías convencionais e outras máis disruptivas cuxo labor é a prevención de hábitos e condutas de risco, de adiccións, no desenvolvemento emocional e nas habilidades sociais básicas, na educación en valores e na xestión de conflitos, na conformación da cidadanía e identidade dixital, nas relacións  afectivo sexuais, etc. Tamén son accións enfocadas á toma de decisións poñendo en valor a información e a selección como elementos referentes á hora de abordar calquera proceso que implique ter que optar e polo tanto asumir as consecuencias do que decidimos.

Hoxe a quenda correspondeulle ao alumnado de 3º ESO cun obradoiro que aborda a sexualidade e no que se produndiza sobre as ciberviolencias da man de Leticia Costas, formadora e consultora de Innovación e Metodoloxías de Deseño Centrado nas persoas, e  Rosana Martínez, Docente-Investigadora Predoutoral na Universidade de Vigo especializada en violencias sexuais, ciberviolencias no colectivo adolescente e Educación afectivo-sexual.

A tecnoloxía das cousas pequenas

Esta mañá estivo connosco Francisco J. Fraga López, Profesor Titular de Universidade da Área de Física Aplicada e Decano da Facultade de Ciencias de Lugo (USC), para impartir a charla "Nanotecnoloxía, realidade ou ficción?", para o alumnado de 1º BACH B, co obxectivo de dar a coñecer os campos de investigación que se están abrindo dende hai anos neste campo e como xa hai logros que mudarán aspectos básicos das nosas vidas.

Esta actividade foi organizada polos Departamentos de Orientación e Tecnoloxía no marco do programa A Ponte entre o ensino medio e a USC, promovido pola USC para achegar aos centros de ensino secundario o traballo que se desenvolve na universidade.

 

Escola de Familias: a educación sexual e a diversidade

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar nunha nova sesión da Escola de Familia organizada polo Concello de Soutomaior. Terá lugar o martes 23 de marzo de 18.30 a 20.00h en modalidade virtual. As poñentes serán Cristina Martínez Bernárdez e Nuria Salgado Sánchez, psicólogas e membros de Aseia Vigo.
Inscricións de balde nesta ligazón.
 
Nesta nova cita abordaranse temas coma as etapas do desenvolvemento psicosexual; a sexualidade e a formación do carácter; o lugar do corpo na sexualidade adolescente; falar de sexo: de que sí se fala e de que non?; fontes de información: medios de comunicación/internet, escola, amigos, familia…; desmontando mitos, a pornografía; modelos de masculinidade-feminidade: a deconstrucción do xénero...
 
Distribuir contido


by Dr. Radut