Lingua Galega

OS TROBADORES DO CABE

A Idade Media é un período do que se fan eco na actualidade diferentes series televisivas, películas, concertos, videoxogos, exposicións, recreacións históricas etc. Con todo, existe aínda un gran descoñecemento desta época literaria, que está marcada por consideracións imprecisas que se transmitiron popularmente e que asentaron na conciencia colectiva da sociedade. Vexamos a nube de palabras realizada a partir das ideas previas que o noso alumnado de primeiro de Bacharelato posuía con respecto a este período:

 

O Medievo foi a época na que a nosa lingua coñeceu o máximo esplendor lingüístico e literario, chegando a ser lingua de reis e aquela na que a maior parte dos trobadores e xograres peninsulares compoñían as súas cantigas, debido ao seu prestixio. Co obxectivo de dar a coñecer a realidade socio-cultural dese momento, que será revivida en Monforte a fin de semana do 20 ao 21 de abril na XVII edición da Feira Medieval, os nosos estudantes de primeiro de Bacharelato, despois de achegarse aos xéneros líricos medievais (cantigas de amor, amigo, escarnio e xéneros menores) nas clases de Lingua e Literatura Galega, compuxeron as súas propias cantigas atendendo ás características temáticas e formais das modalidades escollidas. Os resultados foron expostos na aula ante os seus compañeiros coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Poesía. Nesta presentación explicaron en que medida os seus textos se axustaban aos xéneros seleccionados. Velaí algúns exemplos:

Ánxela Romero e María Quiroga 1ºBAC B:

Helena e Paula 1ºBAC B:

 Alejandro García e Lucía Rodríguez  1ºBAC B

Jorge García e Noa González  1ºBAC B

 

A actividade foi do agrado dos/as estudantes, xa que, tal e como nos indicaron, permitiulles interiorizar a teoría de forma diferente, dando cabida á aprendizaxe creativa e lúdica en equipo.

A actividade foi proposta pola profesora de Lingua e Literatura galega Tania Vázquez.

Premio provincial de Poesía na Biblioteca Pública de Lugo

 

Sandra Rodríguez Macía, alumna de 1º BAC A, premiada na fase local do "Certame de poesía Nadal 2018", recolleu tamén na Biblioteca Pública de Lugo o venres 22 o primeiro premio da última fase deste concurso, despois de competir con alumnos e alumnas de todas as bibliotecas da provincia de Lugo. O seu texto poético, que leva por título "A dor no Nadal", será publicado proximamente, xunto co resto de poemas premiados, nun volume colectivo.

O galardón está dotado de estatua de Sargadelos gravada, lote de libros e diploma.

Dende o departamento de Lingua Galega e Literatura facemos extensibles os nosos parabéns á alumna.

Na seguinte foto está a premiada coa súa profesora de L galega, Tania Vázquez, a quen a alumna lle adicou o premio cun emotivo poema. 

Visita do alumnado de 4º ESO ó Parlamento, á exposición "Castelao maxistral" e ó Pazo de Oca

No día de hoxe o alumnado de 4ª ESO viaxou á cidade de Santiago.

Primeiro foron ver a exposición "Castelao maxistral" na cidade da cultura. Logo visitaron o Parlamento, onde disfrutaron dunha visita guiada e foron recibidos polos parlamentarios monfortinos.

Despois de repoñer forzas pasearon polos xardíns do Pazo de Oca aproveitando a excelente climatoloxía.

Conferencia de Ana Boullón: "Por que nos chamamos así?"

 

 

O alumnado de primeiro de Bacharelato asistiu á conferencia de Ana Boullón que levaba por título "Por que nos chamamos así? Os apelidos galegos". A nosa relatora de hoxe é profesora titular da Facultade de Filoloxía da USC e realizou unha achega á historia da antroponimia dende o mundo castrexo, pasando polo romano, o período medieval, os Séculos Escuros ata o Franquismo e a Democracia. Desta forma, puidemos advertir como o sistema dos apelidos foi cambiando ao longo da historia da man das necesidades e vicisitudes da sociedade. En España, fronte á maioría de países de Europa, os habitantes contamos con dous apelidos, pero isto non quere dicir que ao longo do tempo isto sempre fose así. O crecemento demográfico que se rexistrou na Baixa Idade Media motivou que desa época date o xerme dos apelidos galegos actuais, pois advírtese unha importante homonimia á que hai que buscar solución. 

No s. XVI o galego desaparece dos textos escritos e é nese entón cando comeza a castelanización de moitos apelidos, tales como Otero, Ameijeiras ou Seijas, por exemplo. O noso sistema de apelidos remóntase á Lei do Rexistro Civil de 1857 e dende a Lei 40/1999 permítese regular os apelidos ortograficamente.

A continuación, realizouse unha achega aos 36 apelidos que contan con maior número de portadores en Monforte de Lemos. Como non podía ser doutra forma, o máis común, ao igual que no resto de Galicia, é Rodríguez. Podemos clasificar algúns deles seguindo a seguinte clasificación con respecto á súa orixe:

 1. Patronímicos: Rodríguez, López, González, Fernández, Vázquez, Díaz, Pérez, Álvarez, Martínez (Martís), García, Sánchez, Arias, Gómez Macía ou Arias.

 2. Delexicais (alcumes): Iglesias, Blanco / Branco, Prieto / Preto...

 3. Toponímicos: Figueiras, Carballada, Casanova, Salgueiro, Castro, Losada / Lousada, Fuente / Fonte, Otero / Outeiro, Guitián...

Nas semanas previas, o alumnado elaborou con relación á conferencia diversos murais nos que investigaron sobre a etimoloxía, significado e distribución dos seus apelidos. Para isto, servíronse da Cartografía dos apelidos de Galicia, ferramenta de grande interese traballada na aula. Os resultados están expostos no centro e convidamos a todos os interesados/as a que se acheguen a coñecer máis de preto os seus apelidos. 

Deixamos tamén a ligazón ao vídeo que se reproduciu de forma paralela á presentación da relatora de hoxe e que foi elaborado por Alejandro García Rodríguez: 

 https://www.youtube.com/watch?v=5YbZdXkMnvM&feature=youtu.be

(Texto: Tania Vázquez)

CHARLA ANA BOULLÓN: POR QUE NOS CHAMAMOS ASÍ? Os apelidos galegos

O cartel foi elaborado polo alumno de 1ºBAC Alejandro García Rodríguez.

Premio fase provincial do Certame da Poesía de Nadal convocado pola Biblioteca Pública de Lugo.

A alumna de 1º de Bacharelato, Sandra Rodríguez Macía, que como xa informamos foi gañadora do concurso local de Biblioteca Pública de Lugo, acaba de gañar tamén a fase provincial dentro da súa categoría cun poema no que transmite a tristeza que a voz lírica padece pola perda dun ser querido nesas datas tan sinaladas.

Un Primeiro Premio que recollerá o próximo 22 de febreiro.

Noraboa!

 

 

Premio fase local certame de Poesía de Nadal convocado pola Biblioteca Pública de Lugo

Unha alumna do IES Río Cabe recibe o primeiro premio no certame de poesía «Nadal 2018».


Sandra Rodríguez Macía, alumna de primeiro de Bacharelato do IES Río Cabe de Monforte de Lemos, vén de recibir o primeiro premio na fase local do certame de poesía «Nadal 2018», organizado pola Biblioteca Pública de Lugo, coa súa composición «A dor no Nadal», na que transmite a tristeza que a voz lírica padece pola perda dun ser querido nesas datas tan sinaladas. Esta estudante, que competía na categoría C (de 12 a 16 anos), recollerá o galardón o próximo xoves día 24.  A premiada non só destaca no ámbito literario, senón tamén no deportivo, pois hai tres anos a súa destreza xa fora recoñecida ao lograr ser gardameta do Monte Forte.

A alumna presentouse ó Concurso animada pola súa profesora de galego Tania Vázquez.

 

Despois de recoller o Premio:

Obradoiro de regueifas para 2º ESO

O alumnado de segundo da ESO e de PMAR 1 asistiu hoxe a un obradoiro de regueifa impartido por Sara Marchena e Sara Villa Aira, graduadas en Lingua e Literaturas Galegas pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente imparten obradoiros de regueifa e improvisación oral de temáticas diversas, con especial atención á Regueifa Feminista ou á perspectiva de xénero dentro do repente galego.

A sesión comezou cun achegamento teórico moi breve no que se explicaron as relacións que existen entre a regueifa e as composicións dialogadas medievais, tales como as tensós, para facer fincapé despois no cultivo da regueifa nas vodas do s. XIX entre grupos de persoas que estaban convidadas á cerimonia (ou ben contratadas) e outras persoas alleas á celebración. O obxectivo da disputa dilemática era conseguir a honra de partir a regueifa, un pan branco moi prezado daquela, ao mesmo tempo que a persoa gañadora podía obter a maior parte. A regueifa continúa cultivándose actualmente baixo distintas denominacións, especialmente, en Vigo, Camariñas, Vilariño de Conso ou no Courel.

Posteriormente, o alumnado achegouse á melodía métrica e rimática da regueifa co fin de poder entre todos elaborar e cantar unha copla, que foi a seguinte: 

Vouche dicir unha cousa

Estas profes son moi serias

Estou farta de estudar

Eu teño moitas materias.

 

A continuación, os/as estudantes divididos en grupos tiveron que compoñer coplas que rematasen con algún dos versos propostos: 

  1. Como Sabela de OT
  2. Ai! Que ben canta Natalia
  3. A min gústame Alba Reche
  4. A min non me gusta OT 

Deixámosvos un dos resultados: 

Vouche dicir unha cousa

Antonte fun tomar un té

Vin cantar unha rapaza

Como Sabela de OT.

 

Finalmente, as disputas dilemáticas tiveron unha temática máis variada, de modo que as coplas foron moi diversas. Podedes ler algúns exemplos:

 Teño que dicirche unha cousa

Gústame tocar a frauta

A ti gústanche outras cousas

Tes que facerte astronauta.

 

Vouche dicir unha cousa

Tes que ir para a Nasa

Non te queremos na casa

Tes que facerte astronauta.

 

Día das letras galegas

Co gallo do día das letras galegas o alumnado de 1º ESO, na materia de lingua e literatura galega, busca respostas sobre MARÍA VICTORIA MORENO, autora homenaxeada este ano 2018.

 

Os misterios do señor Burdick

O alumnado de 1ºB ESO  resolve "os misterios do señor Burdick". De seguido podedes ver as creacións feitas polos alumnos/as deste curso:

Distribuir contido