Plan Proxecta 2021/2022
"Gundivós, terra de oleiros" - Plan Proxecta 3º ESO
A gravación dun vídeo sobre a olería de Gundivós foi o proxecto final realizado polo alumnado de 3º de ESO do IES Río Cabe 21/22, no que estudaron a olería tradicional da Ribeira Sacra,centrándose na parroquia de Santiago de Gundivós, noutro tempo coñecida como “terra de cacharreiros”.
Esta foi a última actividade do curso de 3º, que durante todo o ano traballou no Plan Proxecta “Patrimonioo etnográfico da Ribeira Sacra”. No vídeo, os alumnos e alumnas explican, no noso “telecabe”, as tarefas que foron realizando para coñecer a olería tradicional da RS.
Actividades na natureza - Bautismo Náutico en Castrelo de Miño
O pasado 7 de xuño o alumnado de 3º de ESO participou, acompañado de tres dos seus profesores, nunha excursión a Castrelo de Miño para a práctica de deportes náuticos; o alumnado disfrutou dunha xornada lúdica practicando paddle-surf, wind-surf, kayak, vela e hidropedal.
Estas xornadas buscan que os alumnos e alumnas fagan seus valores tales como o respecto ó entorno natural , o compañeirismo e o traballo en equipo.
Campionato de brilé
Durante o último mes de clase levouse a cabo no Río Cabe un campionato de brilé no que participaron alumnado e profesorado. Enmárcase dentro do Dafis, proxecto do departamento de Educación Física, dentro dos Plans Proxecta.
Resultou gañadora a clase de 3º - A de ESO. Parabéns ós gañadores!!!!
Compartindo saberes sobre a olaría tradicional da Ribeira Sacra: videoconferencia entre o alumnado do IES San Mamede e o IES Río Cabe.
O pasado 15 de xuño tivo lugar unha nova actividade relacionada co Plan Proxecta no que o alumnado de 3º ESO estivo traballando durante este curso. A actividade consistiu nunha videoconferencia entre dous centros (IES de San Mamede, no concello de Maceda, Ourense, e o IES Río Cabe) na que os protagonistas e auténticos relatores foron os propios alumnos/as. O obxectio que se perseguía era compartir saberes sobre a olaría tradicional que temos na Ribeira Sacra (unha na provincia de Ourense e outroa na de Lugo): o IES de San Mamede explicounos a olaría de Niñodaguia (no concello de Xunqueira de Espadañedo, a só cinco quilómetros do seu IES), e os nosos alumnos/as explicáronlles a olaría de Gundivós (no concello de Sober, a 8 quilómetros de Monforte).
A experiencia resultou do máis proveitosa e moito foi o que aprendemos. A videoconferencia comezou por ambas partes cunha introducción na que explicaban como é a cidade onde está o seu instituto (Maceda ou Monforte) e, despois, cada centro expuxo como era a olaría tradicional de súa zona: como se extraía e se preparaba o barro, tipos de barro, tipo de torno, como eran os fornos e a cocción, cor característica de cada zona, tipoloxía dos cacharros, etc.
Agradecemos aos alumnos/as de ambos centros o esforzo que fixeron e o ben que explicaron. Grazas a tod@s!
Podedes ver o traballo dos alumnos no seguinte enlace
Charlas dos alumnos/as de 3º ESO sobre a olaría de Gundivós
Os alumnos/as de 3º ESO que traballan no Plan Proxecta “Gundivós, terra de oleiros” estiveron moi atarefados as dúas últimas semanas explicando aos seus compañeiros/as de 1º, 2º, 4º ESO e aos profesores, o que aprenderon durante este curso sobre a olaría de Gundivós. Divididos en grupos, foron explicando clase por clase distintos aspectos do seu traballo: comezaron explicando desde cando a Ribeira Sacra é BIC e por que retirou a súa candidatura en xuño do ano pasado para ser nomeada Patrimonio da Humanidade; continuaron cunha breve historia da olaría de Gundivós, como se elaboraban os cacharros (extracción e preparación do barro, tipo de torno empregado, decoración, que é “capar a peza” ou en que consiste a técnica de churros), como eran os fornos para cocer os cacharros, a tipoloxía dos mesmos (ámboas, xarros, barreñóns, barreñas, meleiras, boleiros, olas, etc), por que teñen esa cor negra característica (mate por fóra e brillante por dentro) que fai distinguir as pezas de Gundivós do resto da olaría tradicional, como identificaban os oleiros as súas pezas, etc. Tamén analizaron as semellanzas e as diferenzas con outros centros oleiros tradicionais da Ribeira Sacra (Niñodaguia, provincia de Ourense) e fóra da Ribeira Sacra (Buño, na provincia de A Coruña, e Bonxe na provincia de Lugo). Cada unha das exposicións rematou cun aplauso, por suposto moi merecido, por parte dos oíntes.
Agradecemos aos alumnos/as de 3ºESO o seu esforzo e traballo grazas o cal foi posible realizar esta actividade. E tamén, por suposto, agradecemos aos alumnos/as de 1º, 2º, 4º de ESO e aos profesores a atención prestada. Moitas grazas a tod@s!
Visita ó Ecomuseo de Arxeriz - 3º Eso
O pasado xoves 28 de abril os alumnos/as de 3º ESO realizaron unha excursión a Arxeriz, onde visitamos o Ecomuseo, o Pazo e o Castro. Esta actividade enmárcase dentro Plan Proxecta “Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra” no que están a traballar. O obxectivo era coñecer un pouquiño máis a Ribeira Sacra… e conseguímolo!!
Ao chegar ao Ecomuseo fomos recibidos por Mar e Sonia que nos explicaron como se vivía nesa zona da Ribeira Sacra en épocas pasadas. Moito foi o que aprendemos: o papel tan importante que tiñan as barcas do río, os tipos de barcas, os apeiros usados na pesca, as pontes que había sobre o Miño, os pobos que quedaron mergullados pola construción dos encoros dos ríos Miño e Sil, como era o traballo nas viñas (como se facía a poda ou se daba o sulfato, como se vendimiaba e trasladaba a uva nos culeiros ou cestos), como eran as cubas, para que se usaban os alambiques…. Despois visitamos o Pazo, a súa cociña (con pezas curiosas como o meleiro ou o sacaleites, como facían para fregar, etc ) e, finalmente, desprazámonos ata o Castro, onde coñecemos como eran as vivendas, a muralla e o foso que o arrodeaban, etc. Dende o alto do castro puidemos contemplar unhas impresionantes vistas do meandro que describe o Miño no lugar coñecido como O Cabo do Mundo. Abofé, unha forma ben fermosa de rematar a nosa visita.
Agradecemos a Mar e a Sonia as súas explicacións, paciencia e amabilidade.
Podedes atopar máis fotos na galería
Visita ao Centro Oleiro Rectoral de Gundivós
Este luns 21 de febreiro, os alumnos/as de 3ºESO desprazáronse ata a parroquia de Santiago de Gundivós, no concello de Sober, para coñecer de primeira man por que a esta parroquia se lle chama “terra de cacharreiros”. Esta visita (que realizamos en dúas quendas: un grupo pola mañá e outro pola tarde) é unha nova actividade que se enmarca no Plan Proxecta Patrimonio Etnográfico da Ribeira Sacra, no que os noso alumnado está a traballar.
Desprazámonos ata Gundivós cun claro obxectivo: coñecer as características tan peculiares da súa olería e que fan que as pezas que alí se elaboran sexan únicas. A nosa curiosidade pronto tivo reposta. E nisto moito lle temos que agradecer a Elías González, un rapaz novo que no seu día arriscou e apostou por seguir coa tradición na elaboración dos cacharros ata converter a súa Rectoral nun centro de referencia da olería tradicional. Elías explicounos de onde provén o barro que usa para elaborar as pezas (das chamadas “veigas”), a técnica que utiliza (torno baixo ou lento), como se elaboran as pezas, en que consiste o método de churros (especial en Gundivós), os distintos tipos de cacharros (desde as pezas de bodega como os xarros, ámboas ou escurrecubas, ata outras como os meleiros, chocolateiras, braseiros, boleiros, barreñóns, sacaleites, etc); cal é a súa decoración típica (bigotes, bincos, liñas discontinuas, rectas ou en forma de ondas), as distintas partes dun xarro (orellas, barriga, biqueira), o combustible empregado para cocer os cacharros no forno (a carqueixa), como se lle dá esa cor negra opaca por fóra e brillante por dentro tan característica (queimando a peza e botándolle resina ou pez no interior), etc.
A verdade é que foi unha visita do máis produtiva: aprendemos e pasámolo moi ben. E iso sempre é bo. Agradecemos a Elías González a súa paciencia e explicacións. Grazas a el coñecemos un pouquiño máis o patrimonio tan rico que temos na nosa contorna.
Entrevista a Obdulia Rodríguez,"Lula", referente da olería de Gundivós
O martes 2 de febreiro pola tarde, unha representación do alumnado de 3º ESO (Alejandro de 3ºA e Paula, Sabela e Gabriela de 3ºB) xunto con dúas das súas profesoras, desprazáronse ata a casa de Obdulia Rodríguez (máis coñecida como Lula), oleira xa xubilada de Gundivós, para facerlle unha entrevista. Trátase dunha actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta “Patrimonio etnográfico da Ribeira Sacra” que neste curso estuda a olería no concello de Sober, centrándonos na parroquia de Gundivós, na que Lula desempeñou un papel fundamental.
Lula recibiunos na entrada da súa casa onde ten un auténtico museo no que garda, en estantes e moi ben colocadiñas, gran variedade de pezas das que ela elaboraba. Explicounos como se chamaba cada unha delas e para que se usaban (dende o meleiro, a chocolateira, o xarro “abuelo”, o boleiro, maceteiros, escorrecubas, olas para mazar o leite, para traer auga, ámboas para o viño, etc.), onde ían buscar o barro xa que en Gundivós non había, como o traían en carros, o duro que era o traballo de oleiro, como funcionaba o torno baixo, etc. Explicounos tamén un pouquiño da súa vida: que tiña 12 anos cando empezou a traballar o barro, que lle ensinou unha tía súa o oficio cando esta casou, que estivo emigrada uns anos en Suíza e ao volver retomou o oficio, etc. Ao final da entrevista Alejandro preguntoulle: “se se puidera viaxar ao pasado, volvería elixir esta profesión?”. Sen dubidar nin un segundo contestou cun rotundo “si”, e iso a pesar da dureza do traballo de oleiro na súa época!
Moito foi o que aprendemos con esta actividade, e sobre todo tivemos o pracer de coñecer e entrevistar a unha muller forte, emprendedora, traballadora, decidida, amante da súa profesión, que aos seus case 95 anos segue tendo as ideas moi moi claras. A mágoa foi non poder realizar esta actividade con todos os alumnos/as de 3º ESO, pero as circunstancias (a pandemia, a idade de Lula) non no lo permitiron.
Agradecemos a Lula e a Chelo, súa sobriña, o cariño co que nos recibiron na súa casa e todas as explicacións que nos deron. Tamén agradecemos a participación dos nosos alumnos reporteiros Alejandro, Sabela, Paula e Gabriela que, en representación dos seus compañeiros, pasaron unha tarde distinta… pero seguro que moi proveitosa.