Tecnoloxía
Paisaxe e sustentabilidade. Plan Proxecta. 2024
ACTIVIDADES PROXECTO PAISAXE E SUSTENTABILIDADE
ACTIVIDADE: Descrición química e mineralóxica do ferro.
O ferro é un dos elementos mais abundantes da codia terrestre e no contexto da xeoloxía galega ten unha notable importancia, xa que se depositou en forma de xacementos sedimentarios durante o período ordovícico. Isto significa, que este metal rechea as montañas da provincia de Lugo desde algo máis de 400 millóns de anos.
Tendo en conta que este proxecto pretende valorizar as minas de ferro de Freixo desde a perspectiva patrimonial, resulta necesario que os alumnos comprendan o valor do ferro como recurso natural.
En consecuencia, o 15 de xaneiro, o profesor de física e química José Manuel Gil Sanmiguel explicou aos alumnos de 4º ESO A as principais propiedades químicas do metal, desde o punto de vista de formador de menas de ferro. Xunto coas oportunas explicacións teóricas, a sesión completouse cunha mostra das principais sustancias minerais que dan lugar ás menas de ferro presentes na explotación obxecto de estudo: magnetita, hematites, siderita, limonita e pirita entre outras.
ACTIVIDADE: Pescuda de informacións históricas, culturais e patrimoniais.
Esta tarefa constituíu a maior parte do traballo e foi realizada de maneira transversal tanto polo profesor coordinador do proxecto, coma da profesora de xeografía e historia Josefa Vázquez Fernández que colaborou cun grupo de alumnos de 3º ESO.
Sexa na aula de informática ou ben desde os propios ordenadores edixgal dos alumnos, as labores de procura de información foron a base a partir da cal se asenta o proceso de definición de que lugares son os axeitados para dar coa proposta final obxecto deste traballo.
O profesorado participante tivo a misión de guiar, corrixir e indicar que camiño tomar á hora de tomar algún tipo de decisión, sempre con vista a lograr o mellor dos resultados posible.
ACTIVIDADE:Edición de material audiovisual.
Esta actividade foi levada a cabo en solitario pola profesora Maria Fe Tellado Castro, pertencente ao departamento de tecnoloxía e especialista no uso das TIC.
Este traballo aínda que non ten unha visualización tan representativa coma as outras, supón horas de esforzo persoal diante das pantallas e para a consecución dos obxectivos deste proxecto é imprescindible. Sen o perfecto uso das tecnoloxías dixitais, non teríamos chegado ata a conclusión.
Vídeo 1: Rio Cabe
METEOESCOLAS: Plan Proxecta-2024
DEPARTAMENTO DE XEOGRAFÍA E HISTORIA
Actividade: Clima e Metereoloxía na Idade Moderna
No seo do proxecto MeteoEscolas, ao longo do mes de maio, alumnado de 2º ESO xunto coa súa profesora de Xeografía e Historia Ana Isabel Delgado Iglesias, dedicouse a procurar información tanto histórica como artística sobre o clima e a metereoloxía na Idade Moderna. Coa información obtida construíron dous carteis explicativos. Un deles acerca da climatoloxía imperante na época, as "técnicas" metereolóxicas empregadas e algúns exemplos das mesmas. O segundo, sobre a Pequena Idade de Xeo e como algúns pintores dese período o reflexaron nas súas obras.
DEPARTAMENTO DE INGLÉS
Actividade: Weather forecast
Dende o departamento de inglés, a profesora Nerea Iglesias Maside levou a cabo dita actividade co alumnado de 2º ESO B durante o 3º trimestre. Como indica o nome, a actividade consistiu nunha presentación en inglés da predición meteorolóxica en varios puntos da xeografía galega, incluíndo Monforte de Lemos. Sendo as presentacións o 14 de xuño, durante as sesións previas traballouse o vocabulario relacionado cos fenómenos meteorolóxicos en lingua inglesa, así como as estruturas gramaticais necesarias para facer unha predición meteorolóxica. Unha vez adquirido este coñecemento, os alumnos divididos por grupos comezaron a elaborar as súas presentacións facendo uso das TIC. Sendo Canva a ferramenta empregada na súa maioría, pedíuselles ós alumnos que fixeran un comentario do tempo nos días anteriores, no día presente e nos días seguintes.
Os obxectivos da actividade eran en primeiro lugar, empregar a lingua inglesa en situacións formais como a presentación dun parte meteorolóxico, traballar a produción oral así como facer uso das TIC na súa elaboración. Outros obxectivos a acadar foron o traballo en equipo e a auto corrección e autorregulación no discurso oral, e pódense subliñar competencias como a competencia lingüística e aprender a aprender, sendo todos estes obxectivos e competencias acadados amplamente.
DEPARTAMENTO DE CIENCIAS NATURAIS
Actividade: Atmosferas planetarias
A vida é posible no planeta Terra entre outros factores pola presenza de osíxeno na nosa atmosfera. A capacidade de respirar da que gozamos é un elemento diferenciador co resto dos planetas que conforman o sistema solar ao cal pertencemos. Ademais diso, a estrutura e a composición da atmosfera terrestre acubilla fenómenos metereolóxicos de diversa índole que inflúen a cotío nas nosas vidas.
Baixo estas premisas, a profesora de Ciencias Naturais Raquel Seoane Cuquejo decidiu facer unha actividade de planetoloxía comparada con alumnos de 1º ESO. A idea principal foi estudar e analizar as atmosferas presentes en todos e cada un dos planetas do noso sistema solar para determinar de maneira sinxela que fenómenos atmosféricos se dan neses corpos celestes.
A efectos prácticos, o estudo desta pesquisa culminou coa elaboración de paneis informativos sobre cada planeta mais a reprodución a pequena escala dos devanditos planetas. Esta ultima parte foi feita en colaboración coa profesora de Educación Plástica de 1º ESO Iria Trebolle Díaz, á cal agradecemos enormemente a súa desinteresada colaboración.
Actividade: Construción dunha estación metereolóxica
Entre xaneiro e maio deste ano os alumnos de 2º ESO B guiados polo seu profesor Javier Barros Pereira combinaron as súas clases de tecnoloxía coa construción da caseta de madeira que aloxará o termómetro e o pluviómetro doados por MeteoGalicia en novembro do ano pasado.
A pesar de seguir as indicacións dadas no tocante á escolla de materiais e á montaxe das diferentes pezas, o proceso construtivo non resultou doado. O feito de dispor de tan só unha hora para ir ao taller e tendo en conta que o deseño inclúe algunha dificultade técnica relevante, coma o corte dos barrotes en forma de dente de serra, supuxo que esta parte do proxecto demorase máis do previsto.
Con todo foi un reto que chegou a bo termo. A finais de maio a obra concluíu con éxito. Só faltou instalala nos xardíns do fermoso patio do noso centro, con vistas ao impresionante castelo de Monforte de Lemos, pero as choivas abundantes das últimas semanas do curso académico impedíronnos levas a cabo a dita operación.
Esperamos dar continuidade a este proxecto o próximo curso e poder enviar datos reais a MeteoGalicia para seguir aprendendo as peculiaridades do clima da cidade do Cabe.
DEPARTAMENTO DE FÍSICA E QUÍMICA
Actividade: Práctica de laboratorio para diferenciar os conceptos de calor e de temperatura
Calor e temperatura son termos que a maioría dos mortais utiliza indistintamente nas súas conversas, mais a realidade é ben diferente. Por este motivo e porque tamén ambos os dous conceptos son de importancia fulcral en metereoloxía, a profesora de física e química Maria del Carmen Pérez Rodríguez, animou ao seu alumnado de 2º ESO durante catro sesións do mes de marzo a pasar polo laboratorio para aprender a diferenciar esas nocións.
O experimento consistiu en demostrar o principio do equilibrio térmico, onde o calor sempre flúe dunha rexión de maior temperatura a unha de menor temperatura ata que se alcanza unha temperatura uniforme.
Así, esta sinxela operación ilustrou como se distribúe a enerxía térmica sendo unha base importante para entender conceptos máis avanzados en metereoloxía, coma cando se fala do movemento de masas de aire frío e quente na atmosfera.
Video 1: Néboas
Video 2: Predicción en Inglés
Vídeo 3: Predicción en inglés 2
Video 4: Planetas
2º ESO. Visita Meteo Galicia. Santiago de Compostela
17.04.2024
O 17 de abril de 2024 o alumnado de 2º ESO acompañado do seu profesorado Javier Barros, Nerea Iglesias, Ana Delgado e Laura Rodríguez visitou as instalacións de MeteoGalicia en Santiago de Compostela dentro do Plan Proxecta Meteo Escolas. Foi unha xornada moi entretida e chea de coñecementos.
1º Bacharelato. TIC. Relatorio: Rompendo barreiras coa Intelixencia Artificial
06.02.2024
O 6 de febreiro o alumnado de 1º Bacharealto da materia TIC participou, xunto coa súa profesora Fe Tellado, nunha conferencia acerca da Intelixencia Artificial impartida pola Subdirectora de Distribución e Comunicación da E. E. de Telecomunciacións da Universidade de Vigo, Laura Docío Fernández.
Tiveron oportunidade de coñecer un pouco máis acerca do mundo da IA e ver en que proxectos se traballa actualmente na Universidade. Contounos que están preparando unha IA para que as persoas sordas se poidan comunican coas persoas ointes aínda que non entendan linguaxe de signos. Por outra banda tamén nos contou que outros compañeiros traballan no deseño dunha aplicación de IA que permite recoñecer se as imaxes son reais ou xeradas por IA algo que vai resultar fundamental nun futuro para evitar delitos.
1º ESO. Identificación de madeiras duras e brandas. Parque de Zapardiel. Monforte de Lemos
06.02.2024
Esta actividade xorde como posta en práctica dos coñecementos adquiridos polos alumnos de 1º ESO A, dentro do bloque de contidos Os materiais de uso técnico da materia Tecnoloxía e Dixitalización I, no relativo aos tipos de madeira existentes na industria.
O aproveitamento da madeira como recurso natural conta cunha longa e ancestral tradición no noso país, polo que cómpre que o alumnado coñeza todas as posibilidades de uso que o dito material ofrece.
Alén diso, a escasos metros do noso centro, a vila de Monforte dispón dun espléndido parque con unha ampla variedade de especies arbóreas que son obxecto de estudo e análise neste nivel educativo.
Tendo en conta os aspectos mencionados anteriormente, os alumnos divididos en grupos de catro compoñentes e provistos dunha ficha botánica, recolleron datos a pé de campo como se fosen auténticos botánicos. A xeometría das follas, a forma da copa, o tipo de codia, os froitos existentes mais outros datos fornecidos polo profesor foron as claves para poder identificar árbores e poder determinar finalmente o tipo de madeira ao cal pertencen.
Castiñeiros, cedros, álamos, plataneiros e cipreses entre outros foron algunhas das especies que se conseguiron identificar sobre o terreo. Foi unha entretida e didáctica última hora de clase ao relento baixo un tímido sol de inverno nun emblemático espazo natural de Monforte, onde os alumnos quedaron con vontade de seguir pescudando datos por máis tempo.
O alumnado estivo acompañado do seu profesor Javier Barros.
2º ESO. San Vicente. Monforte de Lemos. A néboa como fenómeno meteorolóxico característico de Monforte de Lemos
02.02.2024
No seo do proxecto Meteoescolas, no cal participa o noso centro durante este curso 2023/2024, realizouse o pasado venres 2 de febreiro unha actividade divulgativa sobre o fenómeno atmosférico que ocorre con máis frecuencia en Monforte de Lemos e ademais constitúe unha estampa típica da vila, principalmente no inverno: a néboa. O alumnado participante foi o grupo de 2º ESO - B acompañado do seu profesor Javier Barros.
A finalidade da devandita actividade foi aproveitar a proximidade do IES á máxima elevación do casco urbano da localidade, ou sexa o monte de San Vicente que se levanta a 360 metros sobre o nivel do mar, para gravar un vídeo onde os alumnos son os protagonistas e explican os fundamentos científicos que posibilitan a existencia de semellante espectáculo natural.
Desde o alto de San Vicente temos unha visión panorámica sen igual de todo o val de Lemos, que nesa mesma mañá estivo cuberto por abundantes e persistentes ata cerca da unha da tarde. En consecuencia, esas condicións meteorolóxicas facilitaron o desenvolvemento do plan de traballo previsto.
Lois e África levaron a voz cantante no tocante á explicación dos fenómenos físicos que producen o tal fenómeno natural, como por exemplo a inversión térmica, a ausencia de refachos de vento xunto con as condicións orográficas da zona.
O resto de compañeiros contribuíron para completar o traballo con labores menos visíbeis mais importantes de cara ao resultado final. Verónica, Estefanía Fernández, Emeli e Sabela alternáronse á hora de rexistrar o documento audiovisual e o resto deron ideas ou ben participaron a modo de figurantes en diversas secuencias.
A continuación unha serie de imaxes que testemuñan o descrito nestas liñas. Unha mañá fría e húmida, mais satisfactoria desde o punto de vista do deber cumprido aprendendo conceptos cotiás de maneira diferente.
1º Bacharelato + ESA Bacharelato de Adultos + CS Guía, información e asistencia turísticas. Expo. INCIBE.Monforte de Lemos
14.12.2023
15.12.2023
O 15 de decembro os alumnos e alumnas de 1º Bacharelato de TIC acompañados polos docentes Javier Barros e Mª Fe Tellado e o 14 de decembro os alumnado de Bacharelato de adultos xunto co alumnado do Ciclo de Guia e Información turísticas acompañados polas profesoras Mª Soledad González e Mª Fe Tellado participamos nas actividades organizadas polo INCIBE (Intituto Nacional de Ciberseguridade) que se desprazou ata Monforte co seu roadshow.
Alumnado e profesorado desfrutamos e aprendemos sobre a importancia de manter a nosa privacidade na rede, como crear contas de correo electrónico máis seguras, os pasos a seguir para verificar os enlaces que recibimos, evitar fraudes, etc.
Practicamos o aprendido e coñecemos máis acerca do INCIBE participando nun escape room, nun taller de ciberseguridade e xogando un rato na zona de gamificación.
Foi unha actividade moi entretida e divertida.
Drone Day
O alumnado de 2º de ESO visitou, acompañado de dous dos seus profesores, as instalacións do CIAR (Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas) para participar no “Drone Day: Aplicacións profesionais dos drons”, unha xornada divulgativa sobre as potencialidades de avións non tripulados, promovida pola multinacional Boeing dentro do deu acordo coa Xunta na Civil UAVS Initiative.
Ali o alumnado puido aprender sobre os múltiples usos e aplicacións dos drons como ferramenta de traballo e logo, mediante simuladores primeiro e voando os drons despois, aprendeu dun xeito prático o seu manexo. Unha actividade que resultou moi didáctica á vez que divertida.
Visita á Fundación TIC 2018
O alumnado de 4º de ESO visitou, o mércores 9 de maio, as instalacións da Fundación TIC en Lugo, onde puideron achegarse ao mundo da produción e realización audiovisual, visitar platós reais e ver os centros de control da imaxe e do son. Eles puideron facer unha pequena práctica, xa que exerceron de presentadores, entrevistadores e enviados especiais dun pequeno informativo.
Foron acompañados polos seus profesores do Departamento de Tecnoloxía, Fe Tellado Castro e Iván Capón Caloto.
A continuación podedes ver o vídeo co "ticodiario" realizado polo alumnado e algunhas fotos da actividade:
Visita á Fundación TIC 2017
O alumnado de 4º de ESO do IES Río Cabe visitou o xoves 4 de maio as instalacións da Fundación TIC en Lugo, onde puideron achegarse ao mundo da produción e realización audiovisual, visitar platós reais e ver os centros de control da imaxe e do son. Eles puideron facer unha pequena práctica, xa que exerceron de presentadores, entrevistadores e enviados especiais dun pequeno informativo.
A continuación podedes ver algunhas fotos da actividade e o vídeo co "ticodiario" realizado polo alumnado:
Máis información na páxina da Fundación TIC de Lugo.
- 1
- 2
- 3
- seguinte ›
- última »