O videopoema "A xustiza pola man", de Noa Cabaleiro Ribadulla, 1º premio no VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Se tes problemas para visionar o traballo, preme aquí.

Dende Outeiro de Rei chegounos unha nova moi feliz: Noa Cabaleiro Ribadulla, alumna de 3º ESO do IES Nº 1 da Estrada, gañou o 1° Premio do VII° Concurso de Videocreación de poemas de Manuel María e Rosalía de Castro. co videopoema "A xustiza pola man", proposta baseada no poema homónimo de Rosalía.

O xurado do certame premiou o videopoema de Noa “por unha sobresaliente interpretación da protagonista cuns planos que transmiten plenamente a variedade de emocións que transitan o poema. Pola plasticidade das imaxes e un ritmo na montaxe que contribúen moi notablemente a conducir e achegarnos á palabra literaria”. Ademais, o xúri premiou o videopoema "Negra sombra", do alumnado do CPR de Narón, e a Sofía Regueiro, do IES Monelos da Coruña, que obtivo un accésit polo videopoema "Rosas". Moitos parabéns ao alumnado galardoado e a todos os centros e alumnos/as participantes, en especial a Noa. Noraboa!

O rexurdimento de Avelina Valladares

23-24 Concerto comentado Irmáns Valladares (10-05-24)

O panorama cultural galego do século XIX estivo marcado pola recuperación do idioma na escrita naquel Rexurdimento que privilexiou a poesía e viu aflorar con forza a narrativa e o teatro en lingua galega. Xa entón houbo intelectuais. coma os estradenses Manuel García Barros e Waldo Álvarez Ínsua, que eloxiaron unha voz, a de Avelina Valladares (Vilancosta, Berres, 1825-1902), que situaron á altura de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Ademais de textos poéticos e avanzados artigos de opinión en prensa, deixou constancia do seu talento en composicións musicais para guitarra e paino e en debuxos executados con destreza. Nos útimos tempos, asistimos a un proceso de recuperación e estudo da súa figura e a súa obra que alcanza diferentes ámbitos.

Música, poesía e moita lingua

Esta mañá deu comezo o programa das Letras Galegas 2024 no IES Nº 1 da Estrada cun concerto comentado a cargo da estradense Isabel Rei Samartim, guitarrista e profesora do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que estudou a obra dos irmáns Valladares, en especial de Avelina. 

Esta primeira actividade dirixida ao alumnado de 3º e 4º ESO puxo de relevo a estreita relación que gardan entre si a poesía e a música e permiten conectar a traxectoria de Avelina Valladares con Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Precisamente, os alumnos Gorka e Rosalía (1º ESO) e mais a súa profesora Anxos Cabada achegaranse á Radio Estrada mañá, sábado 11, para dar a coñecer os vínculos existente entre a experiencia musical e a creación literaria da escritora coruñesa. Sintonizade, pois, Radio Estrada ás 10:00 para escoitar o monográfico especial do programa "Recuncho da Lingua" que dirixe Pilar Bernárdez. A obra de Luísa Villalta será obxecto de atención durante estes días nas aulas e a través da exposición Viaxe polo metaverso, que xa ocupa os corredores do centro.

A mitoloxía a través de Ovidio e a as artes

A mitoloxía clásica centrou a sesión do club de lectura do pasado martes 30 de abril, que coordinou a profesora Ana Mella. A lectura das Metamorfoses de Ovidio serviu de introdución para analizar os grandes temas da mitoloxía grecorromana: a orixe do mundo, o panteón grecorromano dos deuses e deusas do Olimpo, os castigos eternos, os mitos amorosos, as metamorfoses, o concepto de monomito e as aventuras.  

A partir das historias que aparecen an obra de Ovidio, e co apoio das diapositivas e de tarxetas que contiñan reproducións mitolóxicas en obras artísticas, as alumnas centráronse nas que lles pareceron as máis interesantes. Foi entón cando na nosa biblioteca cobraron corpo mitos como o de Saturno devorando ao seu fillo, Prometeo e o lume sagrado, os amores de Orfeo e Eurídice, de Venus e Marte, de Apolo e Dafne ou a aventura de Perseo e a gorgona Medusa, baixo a atenta mirada de grandes pintores coma Velázquez, Rubens, Goya ou escultores como Bernini. 

Coñecemos o noso patrimonio etnográfico e histórico-artístico en Compostela

23-24 Santiago 1º ESO (07-05-24)

Santiago de Compostela foi o destino da saída didáctica que realizou o alumnado de 1º ESO o pasado martes 7 de maio por iniciativa dos Departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega. A primeira parada tivo lugar no Museo do Pobo Galego, que non é un museo calquera, é un dos centros museísticos máis importantes do noso país. Creado en 1977 no antigo convento de San Domingos de Bonaval, atesoura algunhas das coleccións etnográficas e prehistóricas máis importantes de Galicia e é unha visita obrigada para todos aqueles e aquelas que queiran afondar na historia, tradicións e formas de vida de noso. Así o fixemos das man do servizo didáctico da institución, da que o IES Nº 1 é socio-colaborador. Ademais, na súa igrexa os rapaces e rapazas visitaron o Paneteón dos Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey, Domingo Fontán e Alfredo Brañas.

O bo tempo acompañounos e fixo posible que, tras a comida, os xogos e os risos se espallasen polo Parque de Bonaval antes de comezar un percorrido pola cidade antiga da man dun guía excepcional, Marcos Borrageros, que nos descubriu algunhas claves e uns cantos segredos da cidade e do seu patrimonio histórico-artístico nunha andaina polas súas prazas, rúas e calellas. 

O instituto converteuse nun set de rodaxe

23-24 Dinamiza TV Set de Rodaxe (23-04-24)

3... 2... 1... Rodando! E alí estaban todos e todas: camarógraf@s, sonidistas, iluministas, dirección, axudantes de dirección, xornalistas, críticas literarias, script, entrevistadores/as, a equipa do atrezzo, os/as responsables de guión, de localización... Mozos e mozas de todos os cursos baixo a coordinación de Lucas Terceiro e Paula Cereixo na parte técnica e da profesora Mónica Mato, responsable do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, organizando a aterraxe deste set de rodaxe dende hai semanas en colaboración coas profesoras Rosario, Anxos e Beatriz, que foron preparando, xunto co alumnado, os contidos deste novo Noticieiro de Dinamiza TV gravado este pasado martes 23 de abril.

Houbo nervios, moita ilusión, tamén paciencia, risos, curiosidade, consellos... mais nervios... máis risos, e a gravación foi saíndo adiante nunha xornada ben diferente e moi formativa. A aprender, apréndese facendo. Moitas grazas e noraboa a toda a equipa participante!

Aínda haberá que agardar unhas semanas para ver o resultado, unha nova emisión do Dinamiza TV, a serie de noticieiros nacidos da colaboración do Concello da Estrada e Dinamizaestrada, o colectivo de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do concello, co obxectivo de fomentar o uso do idioma no audiovisual e na mocidade.

FP Innova 2024

26/04/2024 13:33

 FP Innova 2024

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organizou FP Innova Galicia 2024, un Congreso de Innovación na Formación Profesional, que se desenvolveu entre os días 24 e 26 de abril na Cidade da Cultura de Galicia.

Trátase da sexta edición dun evento que se constitúe como referente na difusión da innovación didáctica e tecnolóxica, da transferencia de coñecemento e da capacidade de emprender na que está imnersa a Formación Profesional de Galicia.

O alumnado de 4º do noso centro visitou o congreso este venres, amosando curiosidade e interese polos traballos que os seus iguais están a desenvolver nos ciclos de formación profesional. 

Viaxe a Lisboa: programa definitivo e informacións varias

Tras a confirmación do horario da saída (08:00 do luns 29 de abril no instituto) e algúns cambios nas actividades de cada xornada, actualizamos o programa da viaxe do alumnado de Língua Portuguesa de 3º e 4º ESO a Lisboa, que poden consultar aquí

Na seguinte presentación lembramos algunhas informacións e indicacións básicas da saída.

Reunión familias Lisboa 23-04-24 de Román Landín

A acrópole na aula

23-24 Club de lectura A acrópole na aula (16-04-24)

Na derradeira sesión do noso clube de lectura do pasado martes 16 de abril, o alumnado descubriu a mitoloxía grega.

Xuntos repasamos, a partir de obras de arte, as diferentes lendas que compoñen o imaxinario do mundo helenístico. E que a día de hoxe seguen vixentes e serven de inspiración para artistas como Alba Reche ou as Fillas de Cassandra. 

Para comprenderen os mitos tiveron que identificalos nun xogo de pistas que rematou coa representación teatral das lendas máis coñecidas.

Xornada de deporte escolar

23-24 Deporte Escolar Bádminton (23-04-24)

Unha representación do alumnado de 3º e 4º ESO do noso centro participou esta mañá na terceira xornada de deporte escolar, dedicada ao bádminton, que organiza a Agrupación de Deporte Escolar da Estrada. No Pavillón Coto Ferreiro déronse cita uns 150 rapaces e rapazas do CPR N.S. Lourdes, o IES Manuel García Barros, o CPI Santa Lucía de Moraña e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de ⁠Cuntis.

 

Foto cedida polo IES Manuel García Barros

Pola súa banda, o alumnado de 1º ESO participou o pasado martes 16 no Día da Educación Física, que ten como finalidade visibilizar a importancia da actividade física na idade escolar, xunto co alumnado doutros colexios e institutos da localidade. Cada centro participante tiña asignado un espazo nas prazas e rúas para desenvolver os xogos e actividades e ás 12h reuníronse todos na praza do Concello. 

Spring Week 2024, programa de inmersión lingüística en inglés

23-24 Spring Week (do 14 ao 20 de abril)

 

O alumnado de 3º ESO participou no programa Spring Week entre os días 14 e 20 de abril na vila de Mondariz-Balneario. Nesta estadía de inmersión lingüística en lingua inglesa, o alumnado practica e mellora o seu dominio do idioma dende un enfoque comunicativo, especialmente oral, no que combinan as tarefas de aula con outras actividades lúdicas.   

No primeiro día o grupo visitou Mondariz-Balneario para coñecer mellor este concello, pequeno en tamaño pero dunha historia moi rica que garda relación coas súas famosas instalacións termais, e nos días sucesivos coñeceron outros puntos de interese da vila e a contorna, como o Castelo de Sobroso.

Ollar cunha ollada violeta e diversa

Campo de plumas escolma de Román Landín

Nas vésperas do Día da Poesía, o pasado 19 de marzo reunímonos baixo a coordinación da profesora Beatriz para facer un percurso poético iluminado polas cores do arco da vella da antoloxía Campo de plumas: poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, escolma e tradución de Jesús Castro Yáñez publicada por Rinoceronte. 

Safo, ou Safo de Lesbos, a primeira poeta da historia da que coñecemos o nome, e se cadra a primeira muller lesbiana ou bisexual coñecida na historia polo seu nome, abriunos un abano moi interesante de textos para descubrir escritores e escritoras que abordaron temáticas LGBTIQ+: Abu Nowas, Catulo, Walt Whitman, Emily Dickinson, Kavafis e Lorca.

Xornada final e entrega de premios do Torneo de Xadrez de Primavera

A Biblioteca acolleu un novo campionato de xadrez que se desenvolveu nestes tres últimos e intensos xoves de marzo con cadanseus recreos. Os cruzamentos foron variados e entre os xogadores e as xogadoras puidemos ver caras máis veteranas e outras máis novas desta escola de xadrecistas que coordina o profesor Roberto dende hai tres cursos.

Finalmente, as partidas finais coroaron unha vez máis a Rodrigo Folgar, que foi acompañado no pódium por Xian Gestoso e Iván Hermida. Moitos parabéns a eles e mais a todas as persoas participantes! 

Novo encontro dos grupos de oratoria dos IES Nº 1 e Antón Losada Diéguez

O pasado mércores 13 de marzo tivo lugar o terceiro debate entre os grupos de Oratoria do IES Antón Losada Diéguez e o IES Nº 1 que coordinan os Departamentos de Lingua Castelá de ambos centros. Desta volta, a temática escollida foi os deportes de combate e as preguntas formuladas foron estas: "Debemos prohibir estes deportes, para conseguir unha sociedade máis pacífica?", "A súa práctica é positiva ou negativa para os deportistas?"

Polo IES Nº 1 participaron Ana Dorelle, Xian Gestoso, Manuel Caramés e Nuria Gamallo. Pola banda do IES Antón Losada interviñeron Antía Álvarez, Samuel Carracedo, María Cerviño, Paula Coto e David Santos.

Xa sabedes, dádelle ao play e opinade.

Bolsas para cursar estudos postobrigatorios no curso 2024-2025

Ábrese o prazo para solicitar as BOLSAS DE CARÁCTER XERAL PARA O CURSO ACADÉMICO 2024-2024 para estudantes que vaian cursar estudos postobrigatorios: Bacharelato, Formación Profesional de grao básico, medio, superior, etc. 

PRAZO: dende o 19 de marzo ao 10 de maio de 2024

Aínda que o alumnado non saiba con seguridade que ou onde vai estudar, débese solicitar a bolsa igualmente neste prazo.

Nesta ligazón pódese obter máis información. 

8M: mulleres de onte, de hoxe e do mañá

O 8M, Día Internacional da Muller, é un día de celebración mais sobre todo de reinvindicación para lembrar que "aínda queda moito camiño por percorrer" para conquistar a igualdade, como lembraron as nosas alumnas nunha nova colaboración do IES co espazo "O Recuncho da Lingua" dentro do programa Ensaiar é de covardes, de Radio Estrada.

Neste caso, as alumnas de 3º ESO Noa Cabaleiro, Ana Dorelle, Lía Expósito, Alba Moimenta e Manuela Rey falaron sobre diversas mulleres do pasado e do presente, salientando o seu labor como pioneiras en distintos ámbitos, así como as adversidades ás que se enfrontaron pola súa propia condición de mulleres: Herminia González, Exeria, Avelina Valladares, Isabel Zendal, Pepa a Loba, Rita Fernández, Irene González... Nunha segunda parte do seu traballo de investigación, que dan a coñecer neste programa, centráronse nas mulleres contemporáneas da nosa contorna e esta foi a quenda para Rosa de Cabanas, Elena Ferro, Mónica Rey Baltar, Vanesa Casal (Casal de Creación) e Mar Blanco. 

De akelarre coas 'Meigas' de Esteban Folgar Brea

Esta é unha novela sobre meigas, pero non son como ti cres. As desta novela non rouban nenos, non invocan diaños, non botan mal de ollo nin lle fan mal á xente… que non o merece.

As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp, vixían que ninguén salte unhas normas determinadas e axudan a quen o pida, pero tamén discuten e se enfadan unhas veces, e bailan e van xuntas de festa outras.

Nesta novela coñecerás a Xiana, unha rapaza de 16 anos, neta de meiga, que se vai presentar ás probas de selección para tamén se converter en meiga e ocupar un dos postos no aquelarre. Pero xunto a ela hai máis candidatas que queren o mesmo, e só hai dúas prazas!

 

23-24 Club de Lectura Meigas (05-03-24)

Entre o silencio e a música, a nosa microliteratura

Os nosos microrrelatos e micropoemas agroman na primavera "porque os escrebemos no tempo silencioso da invernia", como anunciaba Luísa Villalta, escritora a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que, por este mesmo motivo, amadriña o XI Concurso de Microrrelatos e Micropoemas DinamizaEstrada, convocado polos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do noso concello. 

Nesta nova edición voltaron participar centos de estudantes con micropoemas e microrrelatos que debían incluír as palabras "silencio" e "música", respectivamente, escollidas no 1º trimestre nunha votación polos escolares de entre unha serie de termos recollidos na obra de Luísa Villalta. Non foi doado o labor dos xurados dos respectivos centros nin do xurado da fase final, que se reuniu a finais de febreiro para seleccionar os textos e deseños gañadores entre os máis de 200 traballos finalistas. 

Probas específicas para a acreditación das competencias dixitais do alumnado de 4º ESO

A Consellería de Educación publicou a Resolución pola que se ditan instrucións para a acreditación das competencias dixitais do alumnado que cursa ensinanzas de ESO e Bacharelato en Galicia no curso 2023/2024.

Alumnado que cursa 4º da ESO:

Viaxe de fin de etapa da ESO

Este pasado martes tivo lugar a reunión coas familias para dar a coñecer e ultimar os detalles finais da viaxe de fin de etapa da ESO. Agradecemos a colaboración das familias e a organización por parte do grupo de profesoras implicadas na actividade, comezando por Ana, a responsable de Actividades Extraescolares e Complementares.

París agarda polo alumnado de 4º ESO entre o 31 de marzo e o 4 de abril. Xa falta menos!!!

Encontro co novelista Fernando Lalana

Na tarde de hoxe, martes 5 de marzo, o alumnado de 3º ESO participou nun coloquio co escritor Fernando Lalana, que mantivo unha charla entretida e interesante sobre a novela 13 perros a partir das preguntas que lle foron formulando os rapaces e as rapazas. 

A obra é unha novela de detectives que desenvolve con grandes doses de humor unha brillante homenaxe ao cinema negro e ás novelas de espías. Nela, o tenente Felipe Manley, do Centro Nacional de Intelixencia, acaba de descubrir que o satélite europeo Meteosat está en perigo. A esta investigación súmase outra historia protagonizada por Elvira Ballesteros, unha maestra en paro que acaba de obter o diploma de detective privada e se enfronta, coa axuda do seu fillo Félix, ao seu primeiro caso: a desaparición dun galgo persa. Que relación podería ter o can desaparecido co caso internacional que segue o tenente?

A actividade foi posible grazas á organización das profesoras do Departamento de Lingua Castelá e a Editorial Bambú.

Torneo de Xadrez de Primavera

Chega a primavera e coa nova estación un novo Torneo de Xadrez, que se desenvolverá os vindeiros xoves 7, 14 e 21 de marzo durante os dous recreos de cada día na Biblioteca. 

 

Lembrade que podedes pearticipar todos os alumnos e alumnas interesados malia que non esteades inscritos nas clases de xadrez que imparte o profesor Roberto. 

 

Animádevos e anotádevos na Biblioteca!

 

Tamén se fala da Estrada no MillaFALAdoiro

A campaña Aquí Tamén se Fala que se desenvolve no noso centro e en máis de 180 centros de ensino de toda Galicia chegou á radio escolar do IES do Milladoiro (Ames), o MillaFALAdoiro. Os alumnos e Brais Tato Mejuto e Pedro Souto Riveira e o profesor Román foron entrevistados por Diego Madarnás, un rapaz deste centro amesán que conta cunha sección propia, as Entrevistas con Diego, que vos animamos a escoitar. Grazas a Diego e aos técnicos Erik e Mario, así como oa profesorado coordinador da radio, Valentina Formoso e Manolo Maseda, por contar connosco para afirmar unha vez máis que #aquítaménsefala e moito!

Sortie au théâtre en français: Les trois mousquetaires

O pasado 26 de febreiro o alumnado de Lingua Francesa de 3º e 4º ESO asistiu á representación teatral de Les trois mousquetaires, que tivo lugar no paraninfo do Colexio La Salle de Santiago de Compostela. Este texto clásico de Alexandre Dumas foi adaptado e representado pola compañía BHM Producciones – La Bohème e a saída foi organizada polo Departamento de Francés do noso centro coa finalidade de permitirlle o alumnado coñecer e gozar, a través do teatro, de obras de autores franceses e practicar e motivar a aprendizaxe do idioma.