O rexurdimento de Avelina Valladares

23-24 Concerto comentado Irmáns Valladares (10-05-24)

O panorama cultural galego do século XIX estivo marcado pola recuperación do idioma na escrita naquel Rexurdimento que privilexiou a poesía e viu aflorar con forza a narrativa e o teatro en lingua galega. Xa entón houbo intelectuais. coma os estradenses Manuel García Barros e Waldo Álvarez Ínsua, que eloxiaron unha voz, a de Avelina Valladares (Vilancosta, Berres, 1825-1902), que situaron á altura de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Ademais de textos poéticos e avanzados artigos de opinión en prensa, deixou constancia do seu talento en composicións musicais para guitarra e paino e en debuxos executados con destreza. Nos útimos tempos, asistimos a un proceso de recuperación e estudo da súa figura e a súa obra que alcanza diferentes ámbitos.

O pasado venres 10 de maio o alumnado de 3º e 4º ESO tivo a oportunidade de asistir a un concerto comentado de Isabel Rei Samartim, guitarrista e profesora estradense que investigou e divulgou a obra dos irmáns Valladares, que podemos encontrar no Cancioneiro de Marcial Valladares Ayes de mi país, publicado xunto con J. L. do Pico Orjais en 2010, e na súa tese de doutoramento A guitarra na Galiza (2020), que trata a historia da guitarra galega e na que merece especial atención a obra de Avelina.

A través das palabras, as músicas e as imaxes que a profesora Isabel Rei Samartim foi fiando para nós, puidemos coñecer o contexto social, familiar e cultural no que se formou Avelina Valladares e que explica a súa dedicación ás artes. Entre outras composicións, soaron melodías italianas e rigodóns franceses, e pezas como "Alborada" e "Soidade" da propia Avelina, que nos transportaron, por uns momentos, á casa grande de Vilancosta.

A nova no Faro de Vigo.