Lingua galega

Departamento de Lingua Galega: composición e programación didáctica (Curso 2023-2024)

O Departamento de Lingua Galega está formado no presente curso por:

Román Cerqueiro Landín (Xefe de Dpto.): imparte Lingua Galega en 2º e 4º ESO e Lingua Portuguesa en 3º e 4º ESO. 

Beatriz Quintela Rúa: imparte Lingua Galega en 3º ESO e Lingua Portuguesa en 1º e 2º ESO. Directora.

Mónica Mato Bustelo: imparte Lingua Galega en 1º ESO. Xefa de Departamento de Lingua Francesa. Coordinadora do Equipo de Dinamización da Lingua Galega. 

Rosario Blanco Gómez: imparte LGL en 1º ESO. Xefa do Departamento de Xeografía e Historia. 

Para acceder á Programación Didáctica de cada unha das materias impartidas polo Departamento, prema en:

Castelao é máis ca unha obra de arte; é matriz inesgotable de obras de arte

O pasado venres 22 de xuño tivo lugar en Rianxo a entrega do I Certame Cousas ao son da "Lela" de Castelao e da "Rianxeira", músicas que enmarcaron un acto ben lindo e acolledor que guiaron os alumnos e alumnas do Grupo Ekos.

Estes estudantes de 2º de Bacharelato do IES Félix Muriel, coordinados pola profesora Sofía Rama, presentaron un acto que puxo fin á primeira edición dun concurso que ten como finalidade homenaxear a obra e a figura de Castelao a través da elaboración dunha "cousa", isto é, dese xénero narrativo híbrido tan característico do autor que está a medio camiño entre o relato curto e o microrrelato, con elementos dramáticos e líricos, acompañado de deseño artístico. 

#Aquítaménsefala: moitas grazas!

23-24 #Aquítaménsefala

A campaña #aquítaménsefala nacía con grande éxito no curso 22-23 como unha iniciativa estudiantil do IES Rafael Dieste para promocionar o uso do galego no ámbito comercial e empresarial e rachar os prexuízos que perviven sobre o idioma. No arranque deste curso a equipa promotora da Coruña compartía xenerosamente a iniciativa, que chegou a máis de 200 centros de ensino de Galicia e do Bierzo e 50.000 locais comerciais e empresas.

Presentación de "Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta"

aaaa

Instrucións de uso

Rompe o precinto textual do poema
Axita os versos con enerxía durante dez segundos
Lévaos á boca e degústaos lentamente como paso previo a calquera interpretación
Mastiga as palabras ata que se disolvan no teu estado de ánimo
Cuspe nun vaso a retórica sobrante
Usa deles como apoio emocional transitorio
E logo, repite a dose cando a vida entre en zonas de turbulencia

 

"Instrucións de uso" (da poesía), catro avatares e a ler. Estes versos que abren o poemario Aplicación instantánea, de Carlos Negro, coma un manual de intencións do que pode ser a poesía, ou mesmo coma un temón para sucar as vidas de @musamorta_08, @ofelia_azul, @skornabois_33, @diva_divina_01 e de nós mesmos.

Estoutra guía procurou orientar as lecturas do alumnado de 4º ESO e estimular a creatividade. Estes foron algúns dos resultados.

Helena Castaño Pazos gaña o I Certame Artístico ‘Cousas’

Non hai mellor día que o 17 de maio para recibir este tipo de novas. Esa foi a data na que coñecemos que o traballo "Cunetas", de Helena Castaño Pazos, alumna de 4º ESO do noso centro, resultou gañador do I Certame Cousas, que convocou o Grupo Ekos do IES Félix Muriel de Rianxo para homenaxear a figura de Castelao, de cuxas "cousas" toma o nome, e que procura impulsar a creación artística da mocidade en galego nunha proposta que combina texto e debuxo. A entrega de premios terá lugar o venres 21 de xuño.

O xurado apreciou na obra de Helena a proximidade ás "Cousas" de Castelao, tanto pola temática da memoria histórica como pola estilización do seu debuxo. Ademais, na súa acta de resolución, o xúri  valorou a súa brevidade como "perfume condensado nun frasco". 

Que é para vós un poema?

23-24 Encontro con carlos Negro (21-05-24)

 

As palabras
que non se gardan
nos mesmos caixóns de sempre.
Se cadra iso. Pero sen estar segura. 
                                                   @musa_morta_08

Que a poesía non morde xa o sabiamos. Que ninguén morreu de ler poesía, ou cando menos nós non sabemos de caso ningún, é un feito. Que aos poetas lles gusta xogar ao baloncesto, cociñar ou quedar coas amizades é de sentido común. Que a poesía fala de amor e de desamor, da morte, dos grandes fitos da historia e das miudezas do noso día a día, daquilo que nos fai ferver o sangue con carraxe, do que nos emociona no máis íntimo ou do que nos trascende.

Encontro con Carlos Negro arredor de "Aplicación instantánea"

O próximo martes 21 de maio o alumnado de 4º ESO manterá un encontro con Carlos Negro, autora do poemario Aplicación instantánea (2018), Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Esta obra, xunto con outros poemas do autor que teñen como destinatario principal, que non único, o público adolescente, "conecta de modo inmediato co sistema operativo das súas emocións", tal e como se sinala na presentación editorial do libro. 

Mozo, moza: "Se decides descargar este programa no teu menú de lecturas, terás acceso ilimitado ao universo afectivo de catro avatares que entran na vida co furor da irreverencia: contra a orde exacta dos armarios, contra o balbordo das atraccións de feira, contra o monocultivo cerebral dos eucaliptos, contra a ferruxe dos discursos que ignoran o movemento das dunas" 

Ao outro lado da radio, a música e a poesía en Luísa Villalta

O videopoema "A xustiza pola man", de Noa Cabaleiro Ribadulla, 1º premio no VI Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María

Se tes problemas para visionar o traballo, preme aquí.

Dende Outeiro de Rei chegounos unha nova moi feliz: Noa Cabaleiro Ribadulla, alumna de 3º ESO do IES Nº 1 da Estrada, gañou o 1° Premio do VII° Concurso de Videocreación de poemas de Manuel María e Rosalía de Castro. co videopoema "A xustiza pola man", proposta baseada no poema homónimo de Rosalía.

O xurado do certame premiou o videopoema de Noa “por unha sobresaliente interpretación da protagonista cuns planos que transmiten plenamente a variedade de emocións que transitan o poema. Pola plasticidade das imaxes e un ritmo na montaxe que contribúen moi notablemente a conducir e achegarnos á palabra literaria”. Ademais, o xúri premiou o videopoema "Negra sombra", do alumnado do CPR de Narón, e a Sofía Regueiro, do IES Monelos da Coruña, que obtivo un accésit polo videopoema "Rosas". Moitos parabéns ao alumnado galardoado e a todos os centros e alumnos/as participantes, en especial a Noa. Noraboa!

O rexurdimento de Avelina Valladares

23-24 Concerto comentado Irmáns Valladares (10-05-24)

O panorama cultural galego do século XIX estivo marcado pola recuperación do idioma na escrita naquel Rexurdimento que privilexiou a poesía e viu aflorar con forza a narrativa e o teatro en lingua galega. Xa entón houbo intelectuais. coma os estradenses Manuel García Barros e Waldo Álvarez Ínsua, que eloxiaron unha voz, a de Avelina Valladares (Vilancosta, Berres, 1825-1902), que situaron á altura de Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal. Ademais de textos poéticos e avanzados artigos de opinión en prensa, deixou constancia do seu talento en composicións musicais para guitarra e paino e en debuxos executados con destreza. Nos útimos tempos, asistimos a un proceso de recuperación e estudo da súa figura e a súa obra que alcanza diferentes ámbitos.

Música, poesía e moita lingua

Esta mañá deu comezo o programa das Letras Galegas 2024 no IES Nº 1 da Estrada cun concerto comentado a cargo da estradense Isabel Rei Samartim, guitarrista e profesora do Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela que estudou a obra dos irmáns Valladares, en especial de Avelina. 

Esta primeira actividade dirixida ao alumnado de 3º e 4º ESO puxo de relevo a estreita relación que gardan entre si a poesía e a música e permiten conectar a traxectoria de Avelina Valladares con Luísa Villalta, autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Precisamente, os alumnos Gorka e Rosalía (1º ESO) e mais a súa profesora Anxos Cabada achegaranse á Radio Estrada mañá, sábado 11, para dar a coñecer os vínculos existente entre a experiencia musical e a creación literaria da escritora coruñesa. Sintonizade, pois, Radio Estrada ás 10:00 para escoitar o monográfico especial do programa "Recuncho da Lingua" que dirixe Pilar Bernárdez. A obra de Luísa Villalta será obxecto de atención durante estes días nas aulas e a través da exposición Viaxe polo metaverso, que xa ocupa os corredores do centro.

Viaxe a Lisboa: programa definitivo e informacións varias

Tras a confirmación do horario da saída (08:00 do luns 29 de abril no instituto) e algúns cambios nas actividades de cada xornada, actualizamos o programa da viaxe do alumnado de Língua Portuguesa de 3º e 4º ESO a Lisboa, que poden consultar aquí

Na seguinte presentación lembramos algunhas informacións e indicacións básicas da saída.

Reunión familias Lisboa 23-04-24 de Román Landín

No 50º aniversario da Revolução dos Cravos

Información sobre a excursión a Lisboa

Convocamos ás familias a unha reunión informativa sobre a saída didáctica a Lisboa do alumnado de 3º e 4º ESO de Lingua portuguesa:

  • Data: martes 23 de abril.
  • Hora: 18;30.
  • Lugar: Biblioteca.

Así mesmo, nas seguintes ligazóns podende descargar os documentos informativos que parte do alumnado xa levou impresos  para as casas:

Entre o silencio e a música, a nosa microliteratura

Os nosos microrrelatos e micropoemas agroman na primavera "porque os escrebemos no tempo silencioso da invernia", como anunciaba Luísa Villalta, escritora a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas e que, por este mesmo motivo, amadriña o XI Concurso de Microrrelatos e Micropoemas DinamizaEstrada, convocado polos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do noso concello. 

Nesta nova edición voltaron participar centos de estudantes con micropoemas e microrrelatos que debían incluír as palabras "silencio" e "música", respectivamente, escollidas no 1º trimestre nunha votación polos escolares de entre unha serie de termos recollidos na obra de Luísa Villalta. Non foi doado o labor dos xurados dos respectivos centros nin do xurado da fase final, que se reuniu a finais de febreiro para seleccionar os textos e deseños gañadores entre os máis de 200 traballos finalistas. 

Tamén se fala da Estrada no MillaFALAdoiro

A campaña Aquí Tamén se Fala que se desenvolve no noso centro e en máis de 180 centros de ensino de toda Galicia chegou á radio escolar do IES do Milladoiro (Ames), o MillaFALAdoiro. Os alumnos e Brais Tato Mejuto e Pedro Souto Riveira e o profesor Román foron entrevistados por Diego Madarnás, un rapaz deste centro amesán que conta cunha sección propia, as Entrevistas con Diego, que vos animamos a escoitar. Grazas a Diego e aos técnicos Erik e Mario, así como oa profesorado coordinador da radio, Valentina Formoso e Manolo Maseda, por contar connosco para afirmar unha vez máis que #aquítaménsefala e moito!

Abrimos as fiestras no día grande de Rosalía de Castro

A colaboración de Pablo García Villamor e Desirée Vidal Godoy nun novo especial do programa Recuncho da Lingua, que coordina Pilar Bernárdez en Radio Estrada, puxo o ramo á celebración do Día de Rosalía 2024 no noso centro. Pablo e Desirée achegáronse á obra da poeta interpretando as cartas nas que ela e mais o seu home, Manuel Murguía, conversaron arredor da creación poética e o proxecto ao que dedicaron boa parte das súas vidas: a dignificación da lingua e a cultura galegas. Podedes escoitalos a partir do minuto 29. No programa tamén participaron alumnos e alumnas dos Colexios Pérez Viondi, O Foxo e Cabada Vázquez. 

Na frente unha estrela, no bico un cantar

Roteiro Rosalía 23-24

Nas ondas con Pedro Souto Riveira

Pedro Souto Riveira, alumno de 4º ESO, participou hoxe no programa nº 408 (07-02-2024) do Proxecto Neo, unha experiencia radiofónica veterana e recoñecida do IES Perdouro de Burela. A partir do minuto 48, o Pedro falou das súas paixóns e experiencias en proxectos educativos e locais. 

Houbo tempo para dar a coñecer o Praíña Sp. C, do clube e mais del mesmo como xogador; divulgar a tradición dos Xenerais da Ulla, especialmente do Entroido de Couso; e comentar a súa implicación en iniciativas audiovisuais e na campaña Aquí tamén se fala do IES Nº 1. Falou Pedro e falou ben!

Estamos moi agradecid@s a Bernardo Penabade e Vanesa Vila-Verde por convidarnos a participar neste proxecto referente da radio escolar e o diálogo intercultural. Foi un pracer! Convidámosvos a escoitalo!!!

Faro ATSF

Contos, debuxos, contos e xogos para festexar o Día de Castelao

23-24 Día de Castelao (30-01-24)

O noso centro festexou o aniversario do nacemento de Castelao este pasado martes 30 de xaneiro. Médico de formación, destacou como escritor, debuxante, activista cultural e político. Fundador e deputado do Partido Galeguista, foi un dos pais do Estatuto de Autonomía de 1936 e é considerado a figura máis importante do século XX en Galicia.

Pola mañá, a Biblioteca acolleu unha actividade de divulgación da súa biografía e da súa obra, con especial protagonismo para a relación que Castelao tivo coa Estrada. Roque, Celia e Paula, de 1º ESO, demostraron coñecer moi ben o rianxeiro e levaron cadanseu regalo simbólico de mans da directora.

Xa pola tarde, os mozos e as mozas de 1º ESO dramatizaron para todo o alumnado dous relatos do libro Retrincos (1934), "O Rifante" e "O retrato", ás que lle souberon dar vida. Noraboa!

O Proxecto Neo conecta A Estrada e Burela

O noso centro estivo presente na emisión nº 406 (31-01-2024) do programa radiofónico do Proxecto Neo, unha iniciativa educativa nacida  hai 12 anos no seo do Modelo Burela como proxecto de innovación educativa do IES Perdouro. Este programa de diálogo intercultural está en antena todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde e pódese escoitar en calquera lugar do mundo a través da radio á carta ou das emisoras Radio Foz e Radio Valadouro na Mariña, Cuac FM na Coruña, Radio Filispín en Ferrol, A Xente de Teo en Compostela e Radio Piratona en Vigo 

#Aquítaménsefala! Na Estrada tamén se fala!

O alumnado do IES Nº 1 súmase á campaña “Aquí tamén se fala galego” xunto a outros 150 centros educativos nunha iniciativa cultural cooperativa que se vai converter na maior campaña cultural e de dinamización lingüística realizada activamente pola mocidade galega.

#aquítaménsefala é unha iniciativa estudiantil, con accións directas na contorna do alumnado, que naceu con grande éxito no IES Rafael Dieste da Coruña para promocionar o uso do galego no ámbito comercial e empresarial e rachar os prexuízos que perviven sobre o idioma.

Os mozos e as mozas achegaranse nas próximas semanas aos establecementos, empresas e todo tipo de negocios da vila e as parroquias da Estrada para que se sumen a esta iniciativa co único compromiso de mostrar publicamente que aquí tamén se fala galego. Dende o IES Nº 1 faremos difusión do voso apoio a través das nosas redes e dos medios de comunicación para unírmonos aos milleiros e milleiros de establecementos que se van sumar en toda Galicia.   

Experiencia formativa no Porto

No pasado mes de outubro, un grupo de 20 docentes galegos e galegas participou nun proxecto de estadías formativas en centros educativos da cidade do Porto no marco do programa PIALE, un Programa Integral de Aprendizaxe de Línguas Estranxeiras que ten por obxectivo promover o intercambio pedagóxico e a inmersión linguística en diferentes idiomas presentes no noso sistema educativo.
Román Cerqueiro Landín, profesor do Departamento de Lingua Galega, integrouse durante un  período de catro semanas na Escola Profissional de Comércio Externo coa finalidade de mellorar a súa competencia lingüística en lingua portuguesa, coñecer o funcionamento do sistema educativo portugués e actualizar, deste xeito, as metodoloxías de ensinanza.

Así nacen as historias

O pasado 4 de decembro o alumnado de 1º ESO participou nun obradoiro de creación literaria impartido por Raquel Queizás, contadora de historias, actriz, titiriteira e filóloga que se achegou ao noso centro grazas a un proxecto impulsado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) en colaboración coa Deputación e co noso Departamento de Lingua Galega.

Distribuir contido