No pasado mes de outubro, un grupo de 20 docentes galegos e galegas participou nun proxecto de estadías formativas en centros educativos da cidade do Porto no marco do programa PIALE, un Programa Integral de Aprendizaxe de Línguas Estranxeiras que ten por obxectivo promover o intercambio pedagóxico e a inmersión linguística en diferentes idiomas presentes no noso sistema educativo.
Román Cerqueiro Landín, profesor do Departamento de Lingua Galega, integrouse durante un período de catro semanas na Escola Profissional de Comércio Externo coa finalidade de mellorar a súa competencia lingüística en lingua portuguesa, coñecer o funcionamento do sistema educativo portugués e actualizar, deste xeito, as metodoloxías de ensinanza. Estamos a falar tanto de metodoloxía en xeral como, máis en particular, as relativas ao ensino do portugués, que no IES Nº 1 se oferta en toda a etapa da ESO como 2º Lingua Estranxeira e que, durante o actual ano lectivo, vai ver finalizar a primeira promoción de estudantes que a cursou integramente dende a súa introdución no noso currículo no curso 2020-2021.
A experiencia resultou positiva e confirmou a necesidade deste tipo de formación para acadar os obxectivos propostos, alén de para visualizar a oportunidade que o sistema educativo galego ten de seu na Lusofonia para reforzar as competencias lingüísticas plurilingües do alumnado e o profesorado, nomeadamente en lingua galega, mellorando tamén o estatus social do noso idioma e o horizonte cultural, profesional e vivencial dos galegos e as galegas.
Nos ficheiros anexos pódense consultar os seguintes documentos:
- Memoria gráfica e visual da estadía.
- Presentación da Unidade Didáctica Desfrute em vida (31-10-2013).
- Memoria de Difusión (actualización: marzo de 2024).
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Unidade Didática Desfruta em vida (31-10-23).pdf | 22.34 MB |
PIALE_23-24_ Memoria_Román_Cerqueiro_Landín.pdf | 89.73 KB |