O pasado mércores 30 de outubro celebramos o Magosto e mailo Samaín. E, como manda a tradición no noso centro e nesta celebración tan popular do outono galego, demos boa conta das castañas asadas acompañadas de panceta, chourizo e pan, grazas ao bo facer e ao traballo do mestre Ramiro e o alumnado de 4º ESO, que tamén se encargou dos xogos e da ambientación musical da festa. Sen eles, e sen a coordinación da profesora Ana Mesego e demais colaboradores/as entre o profesorado e o persoal non docente, non sería posible celebrar o magosto un ano máis.
E, para rematar a xornada, ademais do arrecendo das castañas asadas, dos risos, dos disfraces máis terroríficos e orixinais e do bo ánimo co que compartimos este momento de convivencia escolar, aínda nos agardaban as lambonadas do Concurso de Doces do Magosto e do Samaín. O xurado, composto por alumnado, profesorado e María da Cafetería, tívoo moi difícil para escoller os doces caseiros máis sabedeiros e mellor presentados. Se alguén non os catou, aquí tedes unha boa mostra destas sobremesas de castañas, cabazas, noces, mazás... Receitas que saben de medo!