Longa vida ao Entroido de Couso!

2024 02 11 Entroido Pontevea

Despois de 8 anos sen se celebrar, a parroquia de Couso recuperou o seu entroido tradicional. Os Encontros de Correos e Xenerais, o Coro dos Bonitos e mais o Coro dos Vellos e a danza típica do Entroido do Ulla recuperada pola asociación O Rexionalista luciron en todo o seu esplendor e cobraron toda o seu sentido no contexto onde teñen razón de ser: o entroido córrese na aldea para a aldea. 

A chuvia non desanimou os veciños e as veciñas e a comitiva percorreu as aldeas de Sequeiró, Castro, Maíndo, Couso, Barco, Fontenlo e o Souto de Vea cunha parroquia volcada na súa festa. As músicas, os vivas, as coplas entre uns e outros, a retranca nunhas regueifas que cantaron ao Festival As Nosas Músicas, ao empoderamento das mulleres ou a esa teima urbanita de querer levar o entroido rural ás vilas e ás cidades descontextualizando totalmente a festa: "Couso baila mentres o Concello chora" sentenciaba o retrouso das charangas.  

Atención señores digan todos a miña voz, vivan os entroidos de Santa María de Couso cos seus correos, xenerais, coros e directores que os mandan e dirixen!
VIVA!

Viva a xente que nos rodea e mira!
VIVA!

Viva a nosa unión!

VIVA!