Como cada curso, a Biblioteca foi o lugar de encontro dos lectores e as lectoras, especialmente, dos mozos e das mozas que forman os nosos Clubs de Lectura. Cada sesión foi unha descuberta, unha celebración dos libro e un momento de convivencia para compartir as lecturas que a profesora Mónica Souto coordinou coa colaboración de Rosario, Lurdes, Patricia, Chus, Ana e Román. A perspectiva da diversidade, a inclusión, a igualdade ou a memoria... estiveron presentes a través dos versos, os relatos e o teatro, e dos xogos, os desafíos, a creatividade, que tamén estiveron presentes nas lecturas das materias de Lingua Castelá, Lingua Galega, Filosofia, Educación Plástica, Historia...
Este xoves 20 de xuño era o día da súa festa, e ao igual ca nos anos pasados, o Recreo Cultural acolleu unha despedida, que foi moito máis ca iso grazas á proposta excepcional de Javier e Laura, Catro Elefantes, que son quen de converter as lecturas do curso (ver ficheiros anexos) en xogos moi dinámicos e creativos que cativaron a rapazada dos clubs. Formáronse dous equipos que tiveron que superar sete probas. Para superalas, tiñan que procurar pistas como a "morea d letras", continuar un poema, facer un puzzle, debuxar un cómic representando unha emoción, facer unha figura de arxila representando algo que os motivase ou algunha emoción. Houbo tempo libre para o deporte e ata para unha minisesión de maquillaxe. E, despois do xantar, uns merecidos agasallos e aínda máis deporte e ata piscina. Grazas a Mónica Mato, Patricia, Rosario, Matilde, Beatriz e Catro Elefantes por acompañalos e facer posible esta bonita xornada.
Mais esta non foi unha despedida, apenas un punto e á parte para os clubs, que voltan en setembro, e un punto e seguido para entrar na estación máis lectora do ano. Como vén sendo costume, as Bibliotecas dos IES Manuel García Barros, Antón Losada Diéguez e Nº 1 achégannos as súas recomendacións lectoras para o verán. Gocemos das vacacións e un verán lector!
Recomendacións Lectoras (verán 2024) de Román Landín
.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Recomendacions Verán 2024.pdf | 1.99 MB |
Panel_libros_01.jpg | 560.12 KB |
Panel_libros_02.jpg | 691.51 KB |
Panel_libros_03.jpg | 593.2 KB |