Revista Viva Nós de Nós, o día da nosa festa grande

23-24 Revista Viva

Onte, martes 18 de xuño, voltamos ao Teatro Principal para poñerlle o ramo ao curso 23-24 coa VIII Revista Viva. Nós de Nós, o día de festa maior no que vestimos unha pequena mostra do que somos coas mellores galas da música e dos bailes, do teatro, da narración oral, da poesía e da lingua.  

A nosa directora, Beatriz, animounos a construír comunidade sen esquecer que formamos parte dun mundo no que a barbarie, como a que asola o pobo palestino, non nos pode ser indiferente. Así é como entedemos a educación, coma un camiño á cultura, á arte, á vida.  

Un pouco antes, Manuele Pardo e David Canto, "Á Par do Canto", recibíronnos nas portas cun pasarrúas que anunciou a foliada que armaron despois. Ghaiteiros! Bailáronse valses e Sara animouse coa pandeireta. Brava!  

Victoria e Celia fixeron festa coas palabras e Noa e Helena recrearon o legado poderoso de Rosalía e Castelao en A xustiza pola man e Cunetas, respectivamente. Moitos parabéns!

Con Celso Fernández Sanmartín herdamos outras palabras, as dos avós e as avoas, a da memoria oral popular que chega onda nós para explicarnos o mundo que nos rodea, ás veces para poñernos medo, outras para facernos rir, sempre para nos emocionar e aprender. 

Xurxo Souto fixo tremer o teatro cun trebón de enerxía, entusiasmo e sabedoría para reinvindicar con Luísa Villalta a palabra poética cantada e reafirmar o orgullo da colectividade. Definitivamente, somos un pobo de artistas!

Elier, Helena, Germán, Lucía, Ainoa, Carla e o profesor Lolo demostrárono. Ovación!

Un anaco é unha parte de algo, mais moitos anacos fan algo moi grande. Grazas e parabéns, Anacos Educativos, por facer posible o que debería de ser: sermos en galego.

En Jorge, Rodrigo, Saúl, Martín e Andrés recoñeceuse o alumnado que tantas partidas de xadrez bota nos recreos. Campións! O noso agradecemento para o seu mestre, Roberto.

"Unha animalada de obra", nin máis nin menos, foi o que fixo o grupo de teatro. Bo facer de actrices e actores e mensaxe sobre as táboas con Cristina Andrade como directora de Alexandre, Sofía, Yanira, Rita, Nora, Alejandro, Andrés, Lucía, Fátima, Lía e Xián. Gran traballo! 

A rapazada de 3º e 4º ESO tomou o escenario para facernos bailar nas butacas cunha coreografía fresca e variada na que os implicou o profesor Fran, que aínda nos tiña gardada unha sorpresa, a grande sorpresa da velada: unha ilusión óptica interpretada polas profes ao ritmo das Tanxus. Deixástesnos coa boca aberta!  

Pablo, Iria e Adriana, que guiaron maxistralmente a gala, despediron a Revista Viva e o magnífico cartaz de Rosa de Cabanas deixou paso na pantalla ao vídeo-resumo do curso elaborado polo profesor Jano, o cronista en imaxes da vida do IES. De fondo, soaban os "Camiños" de Lamatumbá.