O 8M, Día Internacional da Muller, é un día de celebración mais sobre todo de reinvindicación para lembrar que "aínda queda moito camiño por percorrer" para conquistar a igualdade, como lembraron as nosas alumnas nunha nova colaboración do IES co espazo "O Recuncho da Lingua" dentro do programa Ensaiar é de covardes, de Radio Estrada.
Neste caso, as alumnas de 3º ESO Noa Cabaleiro, Ana Dorelle, Lía Expósito, Alba Moimenta e Manuela Rey falaron sobre diversas mulleres do pasado e do presente, salientando o seu labor como pioneiras en distintos ámbitos, así como as adversidades ás que se enfrontaron pola súa propia condición de mulleres: Herminia González, Exeria, Avelina Valladares, Isabel Zendal, Pepa a Loba, Rita Fernández, Irene González... Nunha segunda parte do seu traballo de investigación, que dan a coñecer neste programa, centráronse nas mulleres contemporáneas da nosa contorna e esta foi a quenda para Rosa de Cabanas, Elena Ferro, Mónica Rey Baltar, Vanesa Casal (Casal de Creación) e Mar Blanco.
Así mesmo, explicaron as orixes e as loitas internacionais que lle deron sentido a esta data mais tamén algúns referentes galegos do 8M como foron as loitas da revolta do pan, ou das pedradas, que tivo lugar en 1918 na comarca de Trasancos.
Por outra banda, os corredores do centro acolleron os traballos elaborados polo alumnado de Francés de 3º e 4º ESO (Nous sommes fortes!), que nos achegaron as biografías de destacadas mulleres galegas do pasado, como Syra Alonso ou Elisa e Marcela, e mulleres contemporáneas como as xa mencionadas Elena Ferro ou Mónica Brey. Ademais, nas Titorías, como 2º ESO A, que difundiron as biografías de mulleres científicas de aquí e de acolá, como Jane Goodall ou Jocelyn Bell.
Todas elas padeceron a criptoxinia, ese fenómeno recorrente ao longo da historia e na maioría das culturas que consiste na ocultación das mulleres e dos referentes femininos en diferentes ámbitos da sociedade, especialmente os de maior prestixio. Porque, como tamén nos lembraron as nosas mulleres do mañá, "conseguir dereitos non é fácil". A visibilidade e o recoñecemento, tampouco.