Un ano máis, e xa van dezasete, o Teatro Principal da Estrada acolleu o pasado xoves 14 de decembro unha nova "Festa da Poesía", que á súa vez serviu de marco para a entrega do XXVIII Certame de Poesía Avelina Valladares, que recaeu en Manuel López Rodríguez pola obra Fiotaxidermista.
Ademais da lectura de dous dos textos deste poemario a cargo do seu autor, polo escenario pasaron rapaces e rapazas de diferentes centros educativos da Estrada. En representación do IES Nº 1, Fátima Oubelkhir, Danna Rivas, Roque Castaño, Rosalía Mazás e Nora Diéguez recitaron "A miña relación máis longa", poema extraído de Materia, de Yolanda Castaño, que podedes escoitar na voz da poeta.