O noso instituto súmase á celebración do 50º aniversario da Revolução dos Cravos que levou a democracia e a liberdade a Portugal para poñer fin á ditadura de Oliveira Salazar.
Por unha banda, no 25 de abril, o profesor Manuel Amor Couto conversará sobre a importancia desta data para o pobo portugués, mais tamén para o galego, cos estudantes de Língua Portuguesa do noso centro que, ademais, están a preparar unha instalación artística con cravos vermellos, a flor que simbolizou a revolta de abril.
Por outra banda, para a semana todo o alumnado de portugués participará en saídas didácticas que terán como destino Braga e Guimarães, para o alumnado de 1º e 2º ESO, e Lisboa, para o alumnado de 3º e 4º ESO.
Na capital portuguesa visitarán, entre outros espazos, o Museu do Aljube, "Resistência e Liberdade". Como o seu nome indica, este memorial ten como obxectivo lembrar e documentar a resistencia en prol da liberdade e da democracia en Portugal.