Escoito a voz
que me silencia:
comezo a expresar
o necesario.
O mes de maio é o mes da lingua e as letras galegas e o noso centro súmase á súa celebración cun programa de actividades nos que a poesía e a música teñen un protagonismo especial. En Luísa Villata, a autora homenaxeada este ano, amplíase o sentido da poesía, que é máis plena cando tamén é música, idea que desenvolveu e defendeu no seu ensaio O outro lado da música, poesía (1999).
Precisamente, esta relación entre ambas artes foi o contido que abordaron onte, sábado 11 de maio, Gorka e Rosalía, alumnos de 1º ESO, e mais a súa profesora Anxos Cabada, no monográfico especial do programa "O Recuncho da Lingua" que dirixe cada sábado Pilar Bernárdez en Radio Estrada.
Nesta entrega colaboraron alumnos e alumnas dos colexios Pérez Viondi, que nos deron a coñecer a biografía da escritora; do Foxo, que teatralizaron algúns textos seus; do Cabada Vázquez, que elaboraron uns podcast máxicos; e Lía e Kenia, que nos lembraron o significado e a historia do Día das Letras Galegas. Recomendamos vivamente escoitar todo o programa e, en especial, a Gorka, Rosalía e Anxos a partir do min. 27 e 45 segundos.