Ollar cunha ollada violeta e diversa

Campo de plumas escolma de Román Landín

Nas vésperas do Día da Poesía, o pasado 19 de marzo reunímonos baixo a coordinación da profesora Beatriz para facer un percurso poético iluminado polas cores do arco da vella da antoloxía Campo de plumas: poemas LGBT+ para a mocidade dende a Antigüidade ata hoxe, escolma e tradución de Jesús Castro Yáñez publicada por Rinoceronte. 

Safo, ou Safo de Lesbos, a primeira poeta da historia da que coñecemos o nome, e se cadra a primeira muller lesbiana ou bisexual coñecida na historia polo seu nome, abriunos un abano moi interesante de textos para descubrir escritores e escritoras que abordaron temáticas LGBTIQ+: Abu Nowas, Catulo, Walt Whitman, Emily Dickinson, Kavafis e Lorca.

E, ademais, coa profesora Anxos lemos o “diario violeta”, O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas, e fomos abrindo as pálpebras e deixando que o arco da vella tinguise as niñas dos nosos ollos, cegos ante os micromachismos do día a día, de cor violeta. Quixemos palpar esas sensacións, quixemos debuxar as lentes violetas que nos ensinaron o camiño e así fixemos.

Fixemos as lentes, de cartulina lilás, con espellos de celofán, azuis e vermellos. E pintamos, debuxamos en cartulinas brancas situacións machistas e outras esperanzadoras cheas de igualdade. Unhas de cores frías (verdes e azuis), e outras de cores cálidas (laranxas e vermellas) e probamos a mirar coas diferentes lentes.

Os ollos do clube de lectura abríronse moito, co abraio, ao descubrir que os lentes co celofán azul non deixaban ver os deseños de cores frías, e que os de celofán vermello non permitían ver os deseños de cores cálidas. 

Foi un xogo de cores e luz marcando o camiño.