Santiago de Compostela foi o destino da saída didáctica que realizou o alumnado de 1º ESO o pasado martes 7 de maio por iniciativa dos Departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega. A primeira parada tivo lugar no Museo do Pobo Galego, que non é un museo calquera, é un dos centros museísticos máis importantes do noso país. Creado en 1977 no antigo convento de San Domingos de Bonaval, atesoura algunhas das coleccións etnográficas e prehistóricas máis importantes de Galicia e é unha visita obrigada para todos aqueles e aquelas que queiran afondar na historia, tradicións e formas de vida de noso. Así o fixemos das man do servizo didáctico da institución, da que o IES Nº 1 é socio-colaborador. Ademais, na súa igrexa os rapaces e rapazas visitaron o Paneteón dos Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey, Domingo Fontán e Alfredo Brañas.
O bo tempo acompañounos e fixo posible que, tras a comida, os xogos e os risos se espallasen polo Parque de Bonaval antes de comezar un percorrido pola cidade antiga da man dun guía excepcional, Marcos Borrageros, que nos descubriu algunhas claves e uns cantos segredos da cidade e do seu patrimonio histórico-artístico nunha andaina polas súas prazas, rúas e calellas.