Xeografía e historia

Encontro cos heroes descoñecidos da Revolução dos Cravos

En ocasións, os acontecementos máis pequenos, as accións individuais e as xentes humildes e case esquecidas escriben as páxinas máis grandes da Historia. E iso aconteceu nun abril de 1974 en Portugal. No 50º aniversario da Revolução dos Cravos temos a sorte de contar coa xornalista estradense Tereixa Constenla no noso centro para conversar co alumnado en torno aos "heroísmos descoñecidos" que fixeron posible o acontecemento máis marcante do devir do pobo portugués e que protagonizan a súa obra Abril é un país (Kalandraka, 2024).

A xornalista Tereixa Constenla Fontenla é na actualidade a correspondente en Lisboa do xornal El País, foi xefa da sección de Cultura do mesmo diario e redactora do suplemento cultural Babelia. Antes de se dedicar ao xornalismo cultural, traballou como reporteira de temas sociais en Andalucía para diversos medios. Algúns dos seus artigos recibiron galardóns como o Premio Unicaja de Artículos Periodísticos (2013). En 2021 publicou Cuaderno de urgencias, un libro autobiográfico que é a un tempo carta de amor e de duelo, unha celebración da vida.

En Abril é un país, a autora combina a investigación documental e a entrevista a moitos dos protagonistas da Revolução dos Cravos, rescatando momentos épicos acontecidos naquela mañá do 25 de abril de 1974 no que o pobo saíu á rúa para abrir paso á democracia e ás liberdades.

Coñecer a nosa historia para entendérmonos mellor

23-24 Visita a Lugo (14-05-24)

Hoxe, 14 de maio, coñecemos un pouco mellor Lugo para coñecérmonos máis a nós mesmos. As rúas e prazas da cidade milenaria, a muralla romana e os seus museos e centros de interpretación desvelaron algúns dos seus segredos para o alumnado de 2° ESO e de Latín de 4° ESO nunha saída didáctica organizada polos Departamentos de Xeografía e Historia, Lingua Castelá e Lingua Galega.

Os estudantes visitaron a Sala de Exposicións Porta Miñá, o Espazo Sub Terra Aquae e o Centro Arqueolóxico San Roque da man do persosl do Concello. Logo, no Museo Provincial, e a partir dos relatos de Carlos Negro, Andrea Maceiras, Anxo Fariña e Ledicia Costas lidos previamente nas aulas, completaron un xogo de pistas que os levou a coñecer pezas e cadros de diferentes épocas: o carneiro alado de ouro e torque de Burela, os cadros de Fernández Montenegro, mosaicos, moedas, estelas e xogos romanos, a "Mariscala" que encadeou a Pardo de Cela... 

Despois de comer a cuberto no Mercado Municipal, o alumnado dividiuse en grupos para seguir as pistas da aplicación do Lugo romano desenvolvida polo Colexio Galén. Finalmente, un breve paseo pola Muralla despediunos de Lugo ata unha próxima ocasión. 

Coñecemos o noso patrimonio etnográfico e histórico-artístico en Compostela

23-24 Santiago 1º ESO (07-05-24)

Santiago de Compostela foi o destino da saída didáctica que realizou o alumnado de 1º ESO o pasado martes 7 de maio por iniciativa dos Departamentos de Xeografía e Historia e Lingua Galega. A primeira parada tivo lugar no Museo do Pobo Galego, que non é un museo calquera, é un dos centros museísticos máis importantes do noso país. Creado en 1977 no antigo convento de San Domingos de Bonaval, atesoura algunhas das coleccións etnográficas e prehistóricas máis importantes de Galicia e é unha visita obrigada para todos aqueles e aquelas que queiran afondar na historia, tradicións e formas de vida de noso. Así o fixemos das man do servizo didáctico da institución, da que o IES Nº 1 é socio-colaborador. Ademais, na súa igrexa os rapaces e rapazas visitaron o Paneteón dos Galegos Ilustres, onde repousan os restos de Rosalía de Castro, Castelao, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey, Domingo Fontán e Alfredo Brañas.

O bo tempo acompañounos e fixo posible que, tras a comida, os xogos e os risos se espallasen polo Parque de Bonaval antes de comezar un percorrido pola cidade antiga da man dun guía excepcional, Marcos Borrageros, que nos descubriu algunhas claves e uns cantos segredos da cidade e do seu patrimonio histórico-artístico nunha andaina polas súas prazas, rúas e calellas. 

Contamos as historias non contadas

Fonte da fotografía: Faro de Vigo.

Dende hai xa algunhas semanas un grupo de alumnos e alumnas de 3º ESO, xunto coa súa profesora Rosario e  o seu profesor Marcos, están a colaborar en "As historias non contadas", un proxecto educativo promovido polo CIM da Estrada no marco do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero co obxectivo de que a mocidade elabore os seus propios programas radiofónicos para visibilizar as historias e as achegas da muller en diversos campos. 

En formato podcast, e co impulso de APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega), os programas están dispoñibles na canle A Ollada da Sospeita así como en Radioestrada

Visita ao PACC de Campo Lameiro

O alumnado de 1º de ESO visitou o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, nunha saída organizada polo departamento de Xeografía e Historia. Alí puideron coñecer de primeira man un dos xacementos máis importantes da prehistoria galega.

A visita comezou cunha pequena andaina, para ir observando unha das pegadas máis interesantes que deixaron os nosos antepasados: os petróglifos, eses pequenos gravados nas rochas con deseños xeométricos e naturalistas.

A seguir, o alumnado visitou a recreación dun poboado da Idade de Bronce; e, xa para rematar a experiencia, participaron nun obradoiro de cerámica. Por unhas horas, convertéronse en oleiros para comprender o proceso de creación de pezas neolíticas.

2014-15 Petroglifos de Campolameiro e castro de Castrolandín

O alumnado de 1º ESO visituo o martes 26 os petroglifos de Campolameiro e o castro de Castrolandim

 

2014-15 Petroglifos de Campolameiro e castro de Castrolandín