Fonte da fotografía: Faro de Vigo.
Dende hai xa algunhas semanas un grupo de alumnos e alumnas de 3º ESO, xunto coa súa profesora Rosario e o seu profesor Marcos, están a colaborar en "As historias non contadas", un proxecto educativo promovido polo CIM da Estrada no marco do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero co obxectivo de que a mocidade elabore os seus propios programas radiofónicos para visibilizar as historias e as achegas da muller en diversos campos.
En formato podcast, e co impulso de APAIOGA (Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega), os programas están dispoñibles na canle A Ollada da Sospeita así como en Radioestrada.
Os estudantes Eric Claro, Brais Neira, Anxo Bibián, Leo Mediano, Iván Blanco, Aroa Aboy, Hugo Domínguez e Raja Oubelkhir asinaron a primeira entrega do IES Nº 1 cunha entrevista a Vanesa Iglesias Casal, artesá estrandense e ex-alumna do centro.
A pasada semana Aroa Aboi e Hugo Domínguez voltaron a Radio Estrada. Podedes escoitalos a partir do minuto 18.
"As historias non contadas" ten o seu horario de emisión os mércores no espazo da Galería, en Radio Estrada, a partir das 11.15 horas da mañá e, do mesmo xeito, os episodios tamén están dispoñibles nas canles de Ivoox e Spotify da Ollada da Sospeita.
Revista de prensa: Faro de Vigo (11-04-23 e 13-04-2023), La Voz de Galicia (13-04-2023), El Correo Gallego (14-04-2023), Diario de Pontevedra (13-04-2023).