Esta é unha novela sobre meigas, pero non son como ti cres. As desta novela non rouban nenos, non invocan diaños, non botan mal de ollo nin lle fan mal á xente… que non o merece. As meigas desta novela viven entre nós, fan grupos de WhatsApp, vixían que ninguén salte unhas normas determinadas e axudan a quen o pida, pero tamén discuten e se enfadan unhas veces, e bailan e van xuntas de festa outras. Nesta novela coñecerás a Xiana, unha rapaza de 16 anos, neta de meiga, que se vai presentar ás probas de selección para tamén se converter en meiga e ocupar un dos postos no aquelarre. Pero xunto a ela hai máis candidatas que queren o mesmo, e só hai dúas prazas! |
Así é como se presenta a novela Meigas, de Esteban Folgar Brea, que visitou o Club de Lectura do noso centro o pasado martes 5 de marzo. O alumnado e o autor charlaron sobre diferentes aspectos da historia coma estes e sobre moitos máis, xa que foi un encontro moi participativo no que os mozos e as mozas lectores tiñan moito que comentar e que preguntar, e no que releron diversas escenas da novela para aproveitar que tiñan diante a Esteban, tal foron as ansias de saber máis!
Nunha segunda parte da xuntanza, e en pequenos grupos, os alumnos e as alumnas estiveron cavilando e escribindo unhas notas sobre o que lles gustaría que acontecese nunha nova entrega de Meigas, no caso de que houbese unha continuación. Aínda quedou pendente traballar sobre esa tradición oral popular que existe arredor das propiedades das herbas, das pedras... e os costumes, ritos e a fraseoloxía que perviven en relación ao mal de ollo, aos amores... esas supersticións e crenzas que son máis ben cousas de meigas..., ou non?
O Club de Lectura está moi agradecido con Esteban, compañeiro do IES Losada Diéguez, por compartir este momento cos rapaces e as rapazas lectoras do noso centro. Para nós, foi unha experiencia moi enriquecedora poder conversar co autor da nosa última lectura.