Novas pais/nais |
Como todos os anos as bibliotecas públicas de Ames reuníronse para intercambiar experiencias sobre proxectos, promover a lectura e programar actividades conxuntas como lecturas compartidas, elaboración das Guías de Nadal e Verán, así como o Boletín anual da contorna.
No seguinte enlace pódese acceder á Guía de lecturas recomendadas para este Nadal. |
|||
|
|||
Na Gala de entrega de premios do Concurso Radiofónico de Teatro Lido, Desata a Lingua 2019, que vén de celebrarse este xoves 19 de decembro, concedéronlle o Premio á mellor interpretación ao grupo Sacarina, formado por tres alumnas de 1º ESO do noso IES: Martina Bretaña, Carla Gato e Sara Iglesias. Os outros dous premios que outorgaba o Concello, mellor guión e mais o premio do público, recaeron en dous grupos do IES de Bertamiráns. A gala celebrouse este ano na Casa de Cultura de Bertamiráns e estivo dirixida por Isabel Risco e Marián Bañobre, que lle fixeron pasar a todo o público un momento moi divertido. Os premios entregáronos a Concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística e mais o Concelleiro de Educación. Parabéns a todo o alumnado participante polo traballo feito e o esforzo realizado e, en especial, ás premiadas! |
|||
Entre o 25 e o 29 de outubro celebramos no instituto o Samaín coa posta en práctica de 23 xogos populares. Recibimos ao longo dos tres días, e en varias quendas, ao alumnado da EEI Milladoiro, ao que a nosa rapazada lle explicou a mecánica dos xogos en lingua galega, posto que a actividade partiu dunha iniciativa do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do Instituto, en colaboración co EDLG da escola infantil e mais co departamento de Educación física do IES. En agradadecemento pola acollida chéganos unha carta que facemos pública a través do seguinte enlace. |
|||
Desde hoxe luns, 2 de decembro, xa se poden escoitar as pezas do alumnado do IES que participou no Concurso Radifofónico de Teatro lido na edición Desata a lingua, 2019. A partir de mañá, martes 3, e ata o domingo 8, pódese votar pola peza que máis vos guste enviando un correo a radioteatro@concellodeames.gal. As persoas que queiran votar deberán identificarse e só se computa un voto por persoa que se sumarán para outorgar un dos tres premios: o premio do público. Ademais deste, haberá dous premios escollidos polo xurado designado polo Concello de Ames: premio ao mellor guión orixinal e á mellor interpretación. O alumnado do IES do Milladoiro que participou neste concurso é o que aparece no vídeo. Abaixo deixamos os enlaces ás súas pezas para que vos sexa doado escoitalas: |
|||
Entre os días 4 e 12 de novembro o alumnado de 2º e 4º de ESO participou nun obradoiro sobre prevención de condutas aditivas a cargo de Belén Montesa e o seu equipo, obradoiro organizado en colaboración co Concello. Para poder dar conta dos resultados e de como se pode tratar o tema desde a casa terá lugar un encontro coas familias o día 3 de decembro entre as 17.50 e as 18. 50 na sala de Usos múltiples do instituto. No seguinte enlace pode accederse directamente a unha carta de invitación realizada por Belén. |
|||
No centro vén de ter lugar un obradoiro sobre educación afectivo-sexual a cargo de Belén Montesa (psicóloga, sexóloga e terapeuta familiar) subvencionado pola Secretaría Xeral da Igualdade e organizado en colaboración coa ANPA. Entre o 4 e o 6 de novembro o alumnado asistente foi o de 1º de ESO e entre 11 e o 13 o de 3º de ESO. Para poder abordar o tema coas familias terá lugar un encontro o día 3 de decembro entre as 16.45 e as 17.45 na sala de Usos múltiples do instituto. No seguinte enlace pode accederse directamente a unha carta de invitación realizada por Belén. |
|||
A ANPA do IES do Milladoiro bota a andar a Escola de nais e pais deste curso cun taller de introdución ao Mindfulness que terá lugar o vindeiro mércores de 17.00 a 19.00 no Salón de actos do noso centro.
|
|||
Un curso máis, a Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) desenvolve no noso centro o proxecto EpD_Lab (Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento), que chega á súa quinta edición. O proxecto está organizado en oito obradoiros que se realizan cada mes en dúas sesións de 50 minutos e que, neste curso, está dirixido ao grupo de 2º PMAR. O alumnado constrúe as súas propias narrativas dixitais, usando diferentes aplicacións en cada sesión, coa finalidade de fomentar a súa conciencia crítica e a sensibilización social. Para ter acceso á información relacionada co noso centro pica aquí. |
|||
Correspondentes 3.0 é un proxecto de innovación educativa dependente do Instituto da Xuventude que integra nos centros de secundaria a información xuvenil a través do voluntariado dos propios alumnos e alumnas. Este curso contamos con nove rapazas e rapaces de 3º e 4º de ESO que se encargarán de difundir entre os seus iguais a información que se achegue desde o Instituto de Xuventude. Co obxectivo de que as familias do alumnado voluntario teñan máis información e coñezan a mecánica do programa, celebrarase unha reunión co coordinador, Vicente Fornés, o día 26 de novembro, ás 18.30 horas na aula 231 do instituto. |
|||
Un curso máis, a Área de Didáctica da Matemática da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co programa Conecta-Aleida, vai realizar no noso centro a actividade Anaquiños matemáticos co alumnado de 1º ESO seleccionado polo departamento de Matemáticas do IES do Milladoiro. Terá lugar en sesións quincenais dunha hora de duración, os mércores de 16:30 a 17:30 a partir do 20 de novembro e ata o 27 de maio. As sesións terán lugar no IES do Milladoiro e no seguinte enlace pode consultarse a programación das mesmas. Os obxectivos xerais desta actividade son: 1- Traballar contidos matemáticos en contextos interdisciplinares. 2- Potenciar unha actitude positiva do alumnado cara ás matemáticas. 3- Caracterizar a aprendizaxe do alumnado coa realización de propostas motivadoras. |
|||
O IES do Milladoiro participa un curso máis no "Plan de consumo de froita" promovido e subvencionado polo FOGGA (Fondo Galego de Garantía Agraria) e a Unión Europea. Grazas a el, repartiremos froita fresca de xeito gratuíto en diversos períodos ao longo do curso, o primeiro deles do 4 ao 15 de novembro. O obxectivo preferente deste plan no noso centro é o alumnado de 1º e 2º ESO, que poderá recoller a froita no primeiro recreo. No segundo, o resto do alumnado poderá recoller a froita sobrante.
Esta acción responde á preocupación pola saúde do alumnado que fixo ao IES do Milladoiro merecedor do distintivo "SELO DE VIDA SAUDABLE".
|
|||
Hoxe, martes 29 de outubro, tivemos a última xornada de convivio co alumnado de infantil a través dos xogos populares. O alumnado das dúas quendas que viñeron hoxe, ademais de aprender a xogar da man do noso alumnado, recibiu -igual ca os anteriores- as intrucións e a comunicación en lingua galega. O profesorado da Escola infantil, ao final da actividade, agasallou á nosa rapazada con galletas.
|
|||
Todo o alumnado de 3º da ESO en diante (3º da ESO, 4º da ESO e Bacharelato) conta con Seguro Escolar por accidentes durante a súa estancia no centro (ou actividade extraescolar). Por tanto, é moi importantante que en caso de accidente (ou outros supostos cubertos), á hora de acudir a un centro médico se consulte primeiro na secretaría do centro e se solicite nela a documentación que é necesario achegar: parte de accidentes, xustificante do pago do seguro... Non facelo dese xeito pode carrexar problemas futuros (e irresolubles) para as familias, dado que a Seguridade Social pode requirirlles o pago das facturas correspondentes pola asistencia recibida. En caso de dúbida é importante que se consulte na secretaría do centro.
|
|||
Todo o alumnado de 3º da ESO en diante (3º e 4º ESO e bacharelato) conta con Seguro Escolar por accidentes durante a súa estancia no centro. Por tanto, é moi importantante que en caso de accidente (ou outros supostos cubertos), á hora de acudir a un centro médico se solicite na secretaría do centro a documentación que é necesario achegar: parte de accidentes, xustificante do pago do seguro... Non facelo pode carrexar problemas futuros para as familias, dado que a Seguridade Social pode requirirlles o pago das facturas correspondentes pola asistencia recibida. En caso de dúbida é importante que se consulte na secretaría do centro.
|
|||
Hoxe, luns 28, continuamos coa actividade "Xogamos no Samaín", organizada polo EDLG, en colaboración co Dpto. de E.Física. Visitáronnos dous grupos de alumnos e alumnas da EEI Milladoiro: entre as 8.50 e as 10.30 recibimos un grupo de 50 alumnos e alumnas de 5 anos, que compartiron xogos co alumnado de 4º ESO A e o alumnado de Portugués de 3º de ESO e de 1º de Bacharelato; entre as 10.50 e as 12.30 o alumnado de 3º ESO A e 4º ESO B recibiu a un grupo formado por 50 alumnos e alumnas de 4 anos. Toda a rapazada puxo en práctica os distintos xogos populares mentres conversaban en galego.
|
|||
Este venres, 25 de outubro, comezou a actividade dos Xogos populares polo Samaín, que este ano se vai realizar durante tres días para así poder atender a todo o alumnado de infantil de catro e cinco anos. Vanse realizar un total de cinco sesións para que todo o alumnado da EEI desa idade poida vir ata o instituto aprender a xogar da man do alumnado de 3º e 4º da ESO. Este, organizado por parellas, acolle a cadansúa parella de infantil para lle ir ensinando cada un dos xogos, ata un total de 23. O alumnado do instituto ten ademais o reto de explicarlles a actividade en galego e de manterse falando en galego coa rapazada xa que é unha iniciativa do Equipo de dinamización da lingua galega (EDLG) do Instituto, en colaboración co EDLG da escola infantil e mais co departamento de Educación física do IES. Este venres viñeron 50 rapaces e rapazas nunha quenda entre as 11h e as 12,30h. Para o luns haberá dúas sesións doutros 50 membros do infantil en cada unha das quendas e o martes outras dúas, unha de 50 e outra de 25.
|
|||
O alumnado do IES do Milladoiro que se anotou para participar no Concurso de teatro radiofónico, tivo hoxe, xunto co alumnado do IES de Bertamiráns, a primeira das dúas xornadas formativas que ofrece o concello. A sesión desenvolveuse desde as 11 ata as 13,15 da mañá na Casa de cultura do Milladoiro. Desde o noso IES acudiron oito grupos e un total de 23 rapaces e rapazas que foron atendidos por dous membros do Grupo “Ibuprofeno Teatro” (Santiago Cortegoso e Marián Bañobre).
A continuación repartíronse en dúas salas para traballar a guionización cunha explicación máis detallada, dar asesoramento aos diferentes grupos nos seus respectivos guións e atender dúbidas sobre a actividade. A seguinte sesión de formación vai ser o vindeiro 6 de novembro xa no IES para practicar a locución dos textos que xa teñen que estar rematados. Vaise gravar na semana do 18 de novembro nos locais de Ames Radio. |
|||
O venres 25 presentouse por parte da Asamblea de Cooperación pola Paz (ACPP) o programa Escolas sen racismo ante o alumnado de 1º de ESO. No mesmo acto tamén se presentou a Axenda escolar feminista elaborada para o curso 2019-2020 e á qie se pode acceder a través deste enlace. O centro recibiu unha placa en recoñecemento ó labor desenvolvido. |
|||
O alumnado de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato asistiu á montaxe teatral Language Planning, baseada na obra Made in Galiza de Séchu Sende. A respresentación correu a cargo de Os Quintilláns Teatro e a actividade foi organizada polo EDLG e o Departamento de Lingua galega en colaboración co Concello. O alumnado foi agasallado cun exemplar de Made in Galiza (publicado por Galaxia) e ao final da representación puido manter un coloquio co autor e tamén cos actores.
|
|||
|
|||
A POSTA EN ESCENA DA NOSA AUTOESTIMA |
|||
O alumnado do IES Milladoiro sumouse hoxe masivamente á Folga Mundial polo Clima. O alumnado de 4º de ESO elaborou unha pancarta coa que acudirán á manifestación un grupo de alumnos/as do centro.
|
|||
Hoxe, 19 de setembro, o alumnado de 2º de ESO asistiu a unha charla organizada en colaboración co Concello de Ames. |
|||
|
|||
O vindeiro xoves 5 terá lugar un encontro coas familias do alumnado de 1º de ESO ás 19 horas na sala de Usos múltiples. O encontro coas familias co resto do alumnado novo no centro terá lugar o luns 9, tamén ás 19 horas. |
|||
Adxúntase enlace directo á listaxe de libros de texto para o curso 2019-2020. |
|||
Os boletíns de notas serán entregados polos titores/as o xoves 5; ese mesmo día recolleranse os libros de texto pendentes de entrega. Aquí atoparás a información con detalle: DOCUMENTO |
|||
Para ver o calendario de exames de setembro pincha aquí. |
|||
Informamos ás familias que solicitaron participar no fondo de libros de texto que a listaxe provisional será publicada nesta web o 11 de xullo. O prazo de alegacións á listaxe provisional abrangue exclusivamente os días 12 e 15 de xullo. Recordamos que o alumnado con libros do fondo que deba acudir á convocatoria de setembro ten que entregar os libros prestados o día de recollida do boletín de notas, xoves 5 de setembro, ao seu titor ou titora. A listaxe definitiva do fondo solidario coa relación de axudas admitidas e excluídas será publicada nesta web e no centro o 13 de setembro. A entrega de libros ao alumnado terá lugar o 18 e o 19 de setembro de 2019. A entrega de vales de axudas para o material irá dende o 16 ao 28 de setembro e deberán ser recollidos persoalmente polos interesados na secretaría do centro. |
|||
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »