Novas pais/nais |
Dende aquí pode accederse ao calendario de final de curso 2019-2020 para 2º de Bacharelato. O calendario foi actualizado segundo as últimas instrucións. |
|||
|
|||
|
|||
Publicada, no DOG do día 19 de maio de 2020, a Orde pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar dirixidas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria e educación especial en centros docentes sostidos con fondos públicos para o curso escolar 2020/21. O prazo único para a presentación das solicitudes e da documentación complementaria comeza o día 20 de maio e remata o 19 de xuño. Enlace á aplicación informática Extracto da Orde da convocatoria Para a presentación presencial da documentación: Anexo I e Anexo II da Orde de convocatoria. |
|||
Dende hoxe, 15 de maio, xa se recolle na web da CIUG toda a información sobre a Convocatoria Ordinaria das ABAU 2020. |
|||
A partir do luns 11 de maio o centro volve abrir. O horario de atención ao público será de 10h. a 13.30 h. De xeito ordinario o contacto entre o persoal do centro educativo e a cidadanía será a través do teléfono e do correo electrónico. De ser preciso achegarse ao centro para calquera xestión será necesario solicitar cita con anterioridade. Durante a estancia no centro haberá que respectar unha distancia mínima de polo menos dous metros, tanto nos accesos coma nos espazos de atención ao público. Así mesmo, será preciso extremar as medidas de hixiene respiratoria (ao tusir cubrir a boca cun pano desbotable ou contra o brazo co cóbado flexionado e evitarase tocar os ollos, o nariz ou a boca); de ser posible portarase máscara e en caso de ter que asinar algún documento é preferible que traian o seu propio bolígrafo. Non será posible acceder ás aulas para recoller ningún tipo de material. |
|||
No día de hoxe, 6 de maio, publícase no DOG a Resolución do 5 de maio de 2020 na que se recolle o acordo sobre o restablecemento do procedemento de admisión de alumnado para o vindeiro curso, quedando os prazos como se reflicte a continuación:
|
|||
No DOG de hoxe, 6 de maio, recóllese a Resolución do 28 de abril de 2020 (que modifica a Resolución do 26 de febreiro de 2020) pola que se ditan as instrucións para a realización da ABAU dentro do curso 2019-20 no que se refire ás características e deseño das probas. Neste enlace pode accerse a toda a información. |
|||
O 13 de maio a Univesidade de Vigo celebrará unha Xornada de Orientación Universitaria Virtual e o día 14 unha Xornada de Portas Abertas Virtual, onde se poderá contactar co profesorado das distintas titulacións. |
|||
O mércores, 29 de abril, celebrouse unha reunión da Comisión de Coordinación Pedagóxica na que se chegou aos seguintes acordos en relación aos Criterios de avaliación e cualificación: 1. Alumnado coas dúas primeiras avaliacións aprobadas: NOTA MEDIA DA 1ª E DA 2ª AVALIACIÓN + Traballos de reforzo ou ampliación realizados no terceiro trimestre, se os houbera, PARA SUBIR NOTA. 2. Alumnado con algunha avaliación suspensa: O profesorado proporá as probas e/ou traballos necesarios para recuperar a materia. Unha vez avaliada e cualificada, aplicarase a fórmula anterior. NOTA MEDIA DA 1ª E DA 2ª AVALIACIÓN (NO SEU CASO, DA RECUPERACIÓN) + Traballos de reforzo ou ampliación realizados no terceiro trimestre, se os houbera, PARA SUBIR NOTA. Desde este enlace pode accederse ás Instrucións da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre. |
|||
Hoxe, 23 de abril, e tamén mañá a UDC (Universidade da Coruña) pon en marcha unhas xornadas de portas abertas virtuais nas que os visitantes (futuros estudantes e as súas familias) poderán coñecer esta Universidade (titulacións,residencias públicas, asociacións estudiantís...) e interactuar cos responsables das titulacións. Neste enlace podedes acceder a toda a información sobre as xornadas; tamén na aplicación móbil UDC.gal para Android e para IOS. |
|||
O vindeiro mércores, día 22 de abril, a ANPA tiña organizada unha charla sobre a ABAU para as familias, pero como consecuencia da alerta sanitaria a Oficina de Información Universitaria (OiU) da USC viuse obrigada a suspender a súa actividade presencial. Desde esta oficina veñen de comunicar que seguen á disposición da sociedade a través do correo electrónico oiu@usc.es e tamén que contan cun servizo de chat/videoconferencia os mércores de 10 a 14h. e de 16 a 19h. Pode accederse ao servizo de videoconferencia a través da páxina web da OiU ou directamente desde aquí. |
|||
Publicadas as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas para as probas de acceso a ciclos formativos de grao medio. Mentres dure a situación derivada da pandemia por Covid-19, será posible presentar unha reclamación á listaxe provisional a través do correo electrónico probas.ciclos@edu.xunta.gal, con independencia de que con posterioridade se estableza o período de reclamación presencial nos centros de inscrición. Neste enlace pode accederse a toda a información ao respecto: como realizar unha reclamación, calendario actualizado das probas,etc. |
|||
A conselleira de Educación, Universidades e Formación Profesional reuniuse onte, día 6 de abril, con membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) para fixar as datas da convocatoria extraordinaria da ABAU, que finalmente terá lugar os días 15, 16 e 17 de setembro. Neste enlace pode accederse á toda a información ao respecto. |
|||
A consellería de Educación e a CIUG acordaron as datas para a celebración da convocatoria ordinaria da ABAU: 7, 8 e 9 de xullo. Déixase para máis adiante a fixación das datas da convocatoria extraordinaria, en todo caso será antes do 10 de setembro. A través deste enlace accédese ao portal da Consellería, con toda a información da que se dispón ata o momento. |
|||
A partir de hoxe, 31 de marzo, e ata o 2 de abril celebraranse vía telemática as xuntas de avaliación dos grupos de ESO e de 1º de bacharelato. Avaliaranse unicamente os contidos traballados durante as clases presenciais realizadas ata o 12 de marzo pois a asistencia ao centro o día 13 foi opcional para o alumnado. As notas comunicaranse o venres 3 a partir das 12 h. a través da aplicación abalarMóbil (desde aquí pode accederse a un manual no que se explica como descargala no caso de que algunha familia non o fixera aínda). Despois do período vacacional de Semana Santa dará comezo a terceira avaliación, na que, cando menos no seu inicio, se continuará a traballar de forma telemática. |
|||
No día de hoxe, 25 de marzo, na Conferencia Sectorial de Educación acordouse de forma xeneralizada manter o calendario escolar. Na xuntanza consensuouse o aprazamento da ABAU, que na convocatoria ordinaria se situará entre o 22 de xuño e o 10 de xullo e na extraordinaria antes do 10 de setembro. Desde aquí pode accederse a toda a información que actualmente hai respecto a este tema. Así mesmo, acordouse no Congreso a prórroga do estado de alarma ata o 24 de maio. Ata entón continuaremos atendendo ao alumnado e ás familias por vía telemática. |
|||
Igaxes, ONG coa que o centro vén traballando estreitamente, abre un canal de atención a familias para dar resposta ás posibles consecuencias que este estado de emerxencia poida estar provocando no ambiente familiar ou no benestar da mocidade e na súa saúde emocional. Desde Igaxes séguese prestando apoio vía telefónica e telemática aos mozos e mozas que forman parte dos seus programas. Agora poñen en marcha un canal de atención aberto a todas as familias con fillos e fillas (sexa cal sexa a súa idade) durante a emerxencia. Desde aquí pode accederse ao contacto. Do mesmo xeito, ASEIA (Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e Adolescencia) mentres dure o estado de alarma pon en marcha un Servizo de primeiros auxilios emocionais para adolescentes entre 12 e 18 anos e coidadores de nenas e nenos de 0 a 11 anos cuxo obxectivo é dar apoio emocional e orientación psicolóxica, social e educativa a aqueles menores, e aos seus coidadores, que se atopen en dificultades de desbordamento emocional derivadas da situación de distanciamento social a causa do estado de alarma decretado pola pandemia do COVID-19. Desde aquí pode accederse á súa web con todos os datos de contacto.
|
|||
En cumprimento do RD463/2020 do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 o instituto estará pechado. O profesorado está a traballar desde o seu domicilio e utilizando medios telemáticos para comunicarse. O alumnado consultará a páxina web do IES nas seccións destinadas aos distintos departamentos didácticos e a Aula virtual, onde poderá atopar as tarefas para realizar durante este período. Empregarase tamén abalarMóbil para manter un contacto fluído coas familias. O teléfono de contacto do centro para urxencias é o 717 701 075 de 10:00 a 13:00 h. |
|||
O presidente da Xunta de Galicia comunicou a súa decisión de pechar os centros educativos de Galicia desde o vindeiro luns, 16 de marzo, con carácter oficial, e de xeito recomendado desde mañá venres, 13 de marzo ata o 24 de maio. Suspéndense, polo tanto, a actividade lectiva presencial e as actividades complementarias e extraescolares. Polo momento, non dispoñemos de máis información; non obstante daremos cumprido aviso de calquera novidade. |
|||
ANULADA Co gallo da saída didáctica a Portugal organizada polo departamento de Lingua galega, convócase ás familias do alumnado participante a unha reunión o vindeiro luns, día 16, ás 18.30 horas na sala de Usos múltiples. |
|||
Xa dispoñemos no centro dos títulos académicos correspondentes ó alumnado que rematou no noso IES os seus estudos (ESO ou bacharelato) no ano 2018 (non neste curso pasado). Previamente xa recibiramos os correspondentes ó alumnado que rematara estudos nos anos 2014, 2015, 2016 e 2017. Os interesados/as (non os pais), ou unha persoa que eles autoricen, poden pasar por secretaría para retiralos, identificándose co seu DNI. Véxanse as instrucións e o modelo de autorización no enlace de debaixo. Téñase en conta que só dispoñemos do título daqueles alumnos/as que remataron estudos (ESO ou bach.) no noso centro; se se fixo noutro centro, o interesado/a deberá dirixirse a el. |
|||
O alumnado de centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, matriculado no réxime xeral de 1º, 2º, 3º e 4º ESO e 1º e 2º Bacharelato está en prazo para solicitar axudas para formarse en linguas estranxeiras. Neste arquivo pódese atopar un resumo da información. En AxudasLe accédese á páxina oficial, na que se debe formalizar a solicitude. O prazo remata o 26 de marzo (este día incluído). |
|||
No DOG do venres, 7 de febreiro, realízase a convocatoria para participar nas probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional. A través deste enlace pode accederse á convocatoria. |
|||
Lémbrase que a saída está prevista para as 22.30 h. do día 8 e que o autobús sairá do aparcadoiro da Casa da Cultura. O regreso será o día 15, ao mesmo lugar e aproximadamente ás 11 horas. Os alumnos/as deben levar con eles o Permiso para a saída de menores ao extranxeiro (non o deben gardar na equipaxe que se deixe no maleteiro). |
|||
Informamos de que estamos en prazo (entre o 1 e o 17 de febreiro) para que o alumnado de 6º do CEP de Ventín (centro adscrito) presente en Ventín a súa Reserva de praza para o noso IES. Tras iso, coas prazas que queden vacantes, abrirase para todo o resto de alumnado interesado o proceso de Admisión (entre o 1 e o 20 de marzo), sobre o que proximamente publicaremos toda a información relevante. Recórdase que a realización desa reserva ten carácter vinculante e é incompatible coa presentación de solicitude de admisión noutro centro (salvo renuncia expresa e por escrito á reserva previamente feita, presentada neste IES antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión —1 de marzo—). O alumnado que xa é do noso Centro non ten que facer ningún destes trámites (nin o de Reserva nin o de Admisión). Máis información na propia aplicación de admisións ou na web da Consellería. |
|||
Os contratos-programa son unha iniciativa de innovación educativa posta en marcha dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ofrecer aos centros de ensino público unha estratexia de mellora da calidade do ensino. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concedeu este curso ao IES do Milladoiro as 8 liñas dos contratos-programa solicitadas: 1. REFÓRZA-T. Acompañamento fóra do horario lectivo para 1º e 2º de ESO 2. MELLORA DAS COMPETENCIAS CLAVE- Competencia lingüística 3. IGUÁLA-T 4. CON-VIVE 5. PREVENCIÓN DO ABANDONO TEMPERÁN E O ABSENTISMO 6. MELLORA DO NIVEL DE COÑECEMENTOS PARA ACADAR A EXCELENCIA 7. MELLORA DA CALIDADE PARA A XESTIÓN DOS CENTROS 8. PREMAT EN 3º E 4º DE ESO. Acompañamento fóra do horario lectivo para o reforzo da competencia matemática en 3º e 4º de ESO.
|
|||
O departamento de francés quere informar ás familias do alumnado que cursa a materia optativa de Francés da posibilidade de presentarse a unha proba externa (DELF scolaire), que a Alianza Francesa en colaboración coa Consellería de Educación convocan cada ano coa finalidade de obter un diploma recoñecido nunha ampla maioría de países e que pode mellorar e enriquecer o currículo dos estudantes. |
|||
Co gallo da saída didáctica a Andorra organizada polo Departamento de Educación Física, convócase ás familias do alumnado participante a unha reunión o vindeiro martes, día 14, ás 18.15 horas na sala de Usos múltiples. |
|||
O centro acolle desde hoxe e ata o día 21 de xaneiro a exposición Os obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Un camiño para acabar coa pobreza e as desigualdades alá e acolá. A exposición está organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade; chega ao noso centro grazas aos Servizos Sociais do Concello. |
|||
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »