8 MARZO 22_ Día Internacional da Muller

Hoxe, 8 de marzo, conmemorase o Día Internacional da Muller

Este ano a UNESCO une a súa voz á de toda a familia das Nacións Unidas ao celebrar este día baixo o lema “ Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”. Deste xeito, recoñécese a contribución das mulleres e das nenas en todo o mundo que están liderando o peso na adaptación, mitigación e resposta ao cambio climático, para construír un futuro máis sostible para todas e todos. 

 

Este ano puidemos volver a participar na “Andaina pola igualdade real” que organiza o Centro de Información á Muller (CIM) do Concello de Palas de Rei, na que participamos xunto co CEIP Palas de Rei, xa que xuntas e xuntos somos máis fortes. 

 

Queremos agradecer ao noso alumnado e ao profesorado o compromiso coa igualdade e a súa participación nesta actividade.

 

Aspiro, señores, a que reconozcáis que la mujer tiene destino propio; que sus primeros deberes naturales son para consigo misma, no relativos y dependientes de la entidad moral de la familia que en su día podrá construir o no construir; que su felicidad y dignidad personal tiene que ser el fin esencial de su cultura, y que por consecuencia de ese modo de ser mujer, está investida del mismo derecho a la educación que el hombre.”

 

Dña. Emilia Pardo Bazán

Discurso en el Congreso Pedagógico Internacional, 1892

 

 


Podedes ver as fotos da Andaina no seguinte enlace:

 

Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio. Comezo do período de inscrición. Convocatoria 2022

Aberto o período de inscrición para probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, do 3 ao 16 de marzo de 2022, ambos incluídos.

Pode consultar a Orde do 17 de decembro de 2021 pola que se regulan as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo, e se convocan para o ano 2022 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).

Máis información:

 

Tamén podes acudir ao departamento de orientación.

 

Fonte: edu.xunta.gal/fp

Excursión a Santiago

O xoves 3 de marzo os grupos de 1° e 2° da ESO visitaron Santiago, onde tiveron oportunidade de visitar diversas prazas da cidade vella da capital do País. Posteriormente dirixíronse ao Parlamento, onde realizaron unha visita guiada para coñecer en profundidade esta institución, máxima representación da expresión democrática da vontade do Pobo Galego.

 


Podedes ver algunhas das fotos desta excursión no seguinte enlace:

 

Encontro coa escritora Andrea Maceiras

Os membros do Club de Lectura do IES do Camiño tivemos o pracer de coñecer este xoves á escritora Andrea Maceiras, autora do libro "O que sei do silencio", unha novela que fala de acoso, pero dende múltiples perspectivas. 

Foi un encontro fermoso no que descubrimos o que empurrou a Andrea a escribir esta historia, así como moitas das historias que escribe. Preguntámonos polas fronteiras entre o real e ficticio na obra. Descubrimos que, de entre todos os que recibiu, o premio que máis lle gustou, foi precisamente o de ser unha das escritoras máis escollidas nos clubes de lectura. Soubemos, entre outras cousas, que escribe dende nena, que lle gusta regalar historias e que nunca obrigaría ó seu alumnado a ler os seus libros. Revelounos, como docente que é, que os profes non temos alumnas ou alumnos preferidos, porque todos e todas sodes especiais dalgún xeito.  

En definitiva, foi unha actividade ben bonitiña na que Andrea Maceiras, de xeito cercano, sinxelo e moi profesional; nos invitou a todas e a todos a non quedar en silencio.

Grazas pola vosa boa disposición e pola participación!

 


 

Podedes ver as fotos do encontro no seguinte enlace:

Cruz Vermella_ Obradoiro sobre Saúde Sexual

Continuando coas accións formativas en colaboración coa Cruz Vermella de Lugo, no noso centro celebrouse hoxe, martes 22, o Obradoiro sobre Saúde Sexual co alumnado de 3º da ESO.

 

Este Obradoiro promove e reforza os hábitos de vida saudables e, nesta ocasión especialmente, aqueles asociados á saúde sexual.

 

Por todo elo o seu obxectivo principal é fomentar a educación e a promoción da saúde como clave da prevención de actitudes, comportamentos e hábitos que levan aparellados riscos asociados ao seu benestar físico, psíquico e social. 

 

Deste xeito, durante o obradoiro abordáronse os conceptos de saúde, sexualidade  e saúde sexual  (sexo, sexualidade, anatomía e fisioloxía, identidade sexual, orientación do desexo), embarazos non planificados, infeccións de transmisión sexual (mecanismos de transmisión e bases para a súa prevención), VIH e Sida (vías de transmisión do VIH, prevención da infección por VIH, detección da infección por VIH e o VIH e Sida no mundo).

 

Así mesmo tratáronse os prexuízos, estereotipos e mitos que hai ao redor da sexualidade. 

 

E o alumnado puido aproveitar para formular todas aquelas dubidas e cuestións a Alba, técnica da Cruz Vermella. 

Visita aos centros de FP de Lugo

O xoves, 17 de febreiro, fomos de visita aos centros de formación profesional de Lugo co alumnado de 2º de bacharelato e de 2º de formación profesional básica.

Durante esta xornada o alumnado visitou  o CIFP Politécnico de Lugo,  onde puidemos facer un percorrido polas distintas familias profesionais que se imparten neste centro educativo: Edificación e Obra Civil, Electricidade e Electrónica, Fabricación Mecánica, Industrias Alimentarias, Madeira Moble e Cortiza, Sanidade e Servizos Socioculturais e á Comunidade. 

 

Os nosos alumnos e alumnas puideron coñecer de primeira man como son estas ensinanzas e escoitar como é a experiencia de estudar estes ciclos, como se estruturan e son as clases, etc. Ademais, durante esta visita vemos e conversamos con antigo alumnado do IES do Camiño, o que nos fai sempre moita ilusión. 

 

Continuamos a nosa viaxe ata a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, onde nos acercamos a un tipo de ensinanzas máis descoñecidas. Neste centro impártese Deseño de Interiores, Deseño Gráfico, Cerámica Artística, Fotografía, Gravado e Serigrafía Artística. Ademais de ver as estancias do centro e coñecer en que consisten as distintas ensinanzas, puidemos confeccionar unha camiseta en Serigrafía Artística, que foi sorteada e o gañador foi Adán.

 

Así mesmo, sorteáronse tamén dous alfís, que nos regalaron en Fabricación Mecánica no CIFP Politécnico,  e que gañaron Carlos e Verónica

 

Despois dunha xornada tan intensa, aproveitamos para recargar forzas xantando en Lugo e á tarde volvemos para Palas de Rei. 

 


Podedes ver as imaxes da xornada no seguinte enlace:

Charla informativa Universidade de Vigo

O SIE, a sección de información ao estudante da Universidade de Vigo, ten como obxectivo ofrecer aos futuros universitarios e universitarias unha información clara e completa sobre todo o relativo á vida universitaria. 

Viaxe ao Teatro Principal de Ourense

O grupo de teatro Obradoiro Municipal de Teatro de Palas de Rei, do que forma parte alumnado do IES do Camiño de Palas de Rei, participaron xunto a outros centros educativos na mostra de teatro REVIRACONTOS, celebrada o día 9 de febreiro no Teatro Principal de Ourense.

 

Obradoiro para a prevención da discriminación por orientación sexual e LGTBI _ Cruz Vermella

No noso centro desenvolveuse hoxe mércores 9 de febreiro o Obradoiro para a prevención da discriminación por orientación sexual e LGTBI, enmarcado dentro das accións formativas que leva a cabo a Cruz Vermella nos centros educativos para prever condutas violentas. 

Obradoiro para a prevención do Racismo e a Xenofobia_ Cruz Vermella

No noso centro desenvolveuse hoxe martes 8 de febreiro o Obradoiro para a prevención do Racismo e a Xenofobia, enmarcado dentro das accións formativas que leva a cabo a Cruz Vermella nos centros educativos para prever condutas violentas. 

 

Distribuir contido