Latín - Grego
Presentación do calendario de fauna da Finca de Quintas (A Ulloa)
Enviado por Lois o Mar, 05/03/2024 - 10:26Este 4 de marzo o INSTITUTO DE ESTUDOS ULLOÁNS presentou no centro un calendario do 2024 con texto e ilustracións da fauna da finca de Quintas. O biólogo e Xurxo Mouriño, Coordinador da Sección de ciencias, medioambiente e educación ambiental, falou e comentou cada un dos animais que co seu debuxo, elaborado polo alumnado do centro coa colaboración do departamento de Ciencias Naturais e Artes Plásticas, e texto, do propio Xurxo Mouriño e Cristina Varela, acompañan aos meses.
A avefría de xaneiro, a papuxa do mato en xullo, ou o tritón marmorado de decembro, entre outros animais, van colmando o decurso do ano mes a mes. Coñecemos costumes deles, reparamos en que existen e nos acompañan na biodiversidade, lembramos e recuperamos os seus nomes e vocabulario propio.
O IES do Camiño agradece ao IEU, e en especial a Hilda García Cabanas e a Xurxo Mouriño, o seu traballo e achega nesta iniciativa para que rapaces e rapazas ulloáns coñezan, valoren e estimen a riqueza natural na que viven.
Visita ás Médulas e ao Cebreiro
Enviado por Anónimo o Dom, 12/06/2022 - 18:26O alumnado do centro de Cultura Clásica e Latín visitamos o xoves día 9 a antiga mina romana a ceo aberto de ouro das Médulas. Tras gozar das vistas espectaculares dende o mirador de Orellán, baixamos ata o pobo onde nos agardaba un refresco ou auga que souberon a gloria. No traxecto puidémonos facer unha idea real das técnicas de extracción do ouro in situ, maiormente da ruina montium (valéndose da auga que traían por canles que podían ter ata uns 300 km); ao tempo que admiramos os milenarios castiñeiros que alí se conservan e nos informamos de como foron os romanos quen introduciron na nosa terra a explotación da castaña. Dalgún xeito tiñan que alimentarse os entre 10 e 20000 homes que en torno a ela traballaban, entre escravos e xentes dos arredores.
Á volta xantamos no Cebreiro (de CEBRARIUM, “asnos bravos”), onde tivemos a oportunidade de visitar o seu conxunto etnográfico das pallozas e coñecer como era unha aldea de montaña en tempos, a súa igrexa de estilo prerrománico (s. IX e lenda do Santo Graal) e unha das principais entradas da época romana (e actual) cara ás terras da actual Galiza.
Festival de Teatro Grecolatino Lugo - A Coruña 2022
Enviado por Anónimo o Sáb, 12/03/2022 - 23:28Este mércores, día 9, o alumnado de Cultura Clásica e Latín deste centro acudiu a Lugo ao FESTIVAL DE TEATRO GRECOLATINO LUGO-A CORUÑA 2022. Pola mañá asistiu á representación da traxedia Ifixenia en Áulide de Eurípides e pola tarde da comedia de Plauto O Persa. Ambas as dúas representadas marabillosamente pola compañía de teatro de Culleredo El Ruiseñor.
Á ida visitaron a Ponte Ferreira e unha reprodución exacta dun miliario atopado en San Román da Retorta, dous dos restos máis importantes que aquí cerca se conservan da Via XIX romana que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga), pasando por Lucus Augusti (Lugo) e polo norte do concello de Palas de Rei, e pola que hoxe discorre o chamado Camiño Primitivo cara a Compostela.
Así mesmo, andando camiño, abeiraron por Santalla de Bóveda, onde gozaron da visita ao templo romano dedicado á deusa Cibeles e logo cristianizado, datado entre os séculos III e IV e as súas pinturas do VII. Está considerado un unicum, ao non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo imperio romano.
Excursión Ás Medulas
Enviado por Anónimo o Sáb, 23/03/2019 - 23:35O pasado 12 de marzo o departamento de Latín e Grego do IES realizou unha saída extraescolar. Aproveitando a celebración do Festival de teatro escolar clásico grecolatino en Lugo, pola mañá visitamos As Medulas, a que fose a maior mina ao descuberto do Imperio romano. Despois fomos a comer ao Cebreiro, porta do Camiño de Santiago en Galicia e desde aquí dirixímonos ao teatro, a ver a representación da obra "Anfitrión" de Plauto, a cargo do grupo Noite Bohemia da Coruña.