Biblioteca

Recital poético no centro de día

O día 4 de xuño os/as voluntarios/as da biblioteca e algún dos membros do club de lectura do IES do Camiño acudiron ó Centro de día de Palas de Rei a facer un recital poético. Ademais de lecturas e flores participamos nun “pasapalabra” e recibimos un marcapáxinas elaborado polos usuarios/as. Aproveitamos este medio para agradecer o recibimento, os agasallos e a boa disposición do persoal do centro. Foi un encontro emotivo e ben bonito. Grazas a todas/os!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Recital poético no centro de día

Obra teatral Manzanas Rojas

O pasado 9 de maio o alumnado da materia de Oratoria representou para o grupo de quinto de primaria do CEIP de Palas de Rei a obra teatral Manzanas Rojas de Luis Matilla. A actividade tivo lugar na biblioteca e a este espazo acudiu toda a rapazada que previamente tiñan lida dita obra xunto coa súa titora.

Moitas grazas pola participación e colaboración do cole e parabéns ó alumnado!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Obra teatral Manzanas Rojas

Día do Libro

O pasado 23 de abril, Día do libro, organizamos unha busca do tesouro na biblioteca do IES do Camiño. O alumnado debía resolver dúas probas. A primeira consistía en completar unha sopa de letras con palabras sacadas dalgúns títulos recoñecidos da nosa literatura que estaban incompletos. Na segunda proba debían unir obra e escritor/a ata dar co título que sobraba, o cal era a pista definitiva para saber onde se atopaba agochado o tesouro.

Moitas grazas a todos/as por participar e parabéns a Sabela, a gañadora!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Día do Libro

8M, día da muller

O venres pasado, 8M, Día da Muller, na biblioteca do IES do Camiño e grazas a colaboración coa especialista de Pedagoxía Terapéutica do noso centro, reflexionamos sobre os coidados. O alumnado ía marcando, nun espazo deseñado para tal fin, quen se encarga das tarefas máis invisibles do día a día no fogar: dar afecto, acompañarnos a comprar roupa, axudarnos cos deberes, escoitarnos, etc. Os resultados deixan claro que seguen sendo mulleres as protagonistas de moitos deses traballos. De feito, logo dunha semana o cartel elaborado segue dando que falar entre a rapazada. Ademais desta actividade, proxectamos o corto "Loitar saben" que nos levou ó pasado das mulleres galegas, mulleres loitadoras e traballadoras que fixeron camiño.

Igualmente tivemos unha xornada xuntanza co CEIP Palas de Rei para reivindicar os dereitos das mulleres traballadoras.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> 8M, día da muller

Día da paz e non violencia

O día 30 de xaneiro celebramos na biblioteca do IES do Camiño o Día da Paz cunha actividade na que situamos xeograficamente os conflitos dos que nos falan, de xeito diverso, unha serie de libros previamente seleccionados. As rapazas e rapaces buscaban os libros, marcábamos e comentabamos onde situalos dentro dun mapamundi tendo en conta o argumento ou o contexto no que se desenvolve a trama.

Para a realización da actividade foi imprescindible a colaboración dos voluntarios/as da biblioteca no tempo de lecer, pero tamén do profesorado.

Grazas a todas/os!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Día da paz e non violencia

Obradoiro de Braille

O día 26 de xaneiro fixemos un obradoiro de braille na biblioteca que consistía en familiarizarse con este sistema táctil de escritura colocando en celas de seis puntos baleiras, os puntos en relevo correspondentes a cada una das letras do nome en braille, de tal xeito que o alumnado puido elaborar un chaveiro.

No obradoiro participaba o alumnado de Proxecto Competencial de 3º da ESO que está desenvolvendo un proxecto sobre diversidade funcional, no que tamén se traballa o braille.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Obradoiro de Braille

O nadal na biblioteca

Queremos agradecer a colaboración do alumnado na decoración de nadal da biblioteca. Algúns dos que participaron son tamén voluntarios no tempo de lecer. Grazas a todas/os!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Nadal na Biblioteca

O 25N na biblioteca

Con motivo do 25N na biblioteca do IES do Camiño convidamos ao alumnado a deixar a súa pegada en forma de bolboreta participando así, como xa fixeramos en anos anteriores, no proxecto "El latido de las mariposas". Ademais abrimos unha porta violeta signando un pedaciño da canción de Rozalén e escribimos mensaxes contra a violencia. Grazas a todas/os por vir!!

Álbum: Curso académico 2023/24 -> O 25N na Biblioteca

Samaín na Biblioteca

Decoramos a biblioteca para celebrar o samaín con lecturas terroríficas. O alumnado de 1ºESO colaborou elaborando tumbas onde enterraba para sempre os seus erros ortográficos.

Álbum: Curso académico 2023/24 -> Samaín na Biblioteca

Busca do tesouro na biblioteca

Con motivo do Día do libro o pasado 24 de abril fixemos unha busca do tesouro na biblioteca. Encantounos ver ó noso alumnado buscando, conversando, mirando, anotando e desfrutando entre libros. Grazas a todas e a todos por participar e parabéns á gañadora.

Álbum: Curso académico 2022/23 -> Busca do tesouro na biblioteca
Distribuir contido