Curso 2021/22
Matrícula 2021/22
Enviado por Anónimo o Lun, 27/06/2022 - 16:49Día 28 de xuño:
Matrícula de 1º e 2º de ESO
Día 29 de xuño:
Matrícula de 3º e 4º de ESO
Día 30 de xuño:
Matrícula de 1º e 2º de BAC.
Camiñada a Pambre
Enviado por Anónimo o Xov, 23/06/2022 - 10:21O alumnado de 1º e 2º da ESO, xunto cun grupo de profesoras e profesores, fixemos unha camiñada ata o castelo de Pambre por unha ruta especialmente disposta para nós polo profesor de Educación Física, Fran. Á parte de pillar algunha troita nas pozas das corredoiras, choveu maino e seguido o día anterior, falamos e rimos, contrastamos paisaxe autóctona e paisaxe estragada, coñecemos en palabras do profesor Carlos o contexto do Reino de Galiza en que se construíu a Torre, a maior responsabilidade lévana os nosos tataravós que, ademais, na revolta irmandiña tiveron a ben deixárnolo en pé; e en palabras de Fernando quedounos localizado algún que outro ben do noso patrimonio herdado, e tamén nos falou da data en que se foi construíndo a fortaleza e quen a mandou construír. Alén diso, recorremos o castelo de abaixo arriba, termamos da vertixe na torre da homenaxe e polas escaleiras e visitamos a exposición actual “Pambre, arca de pedra”, que actualmente está aberta ao público nas salas de exposición.
Destacar a amabilidade do persoal que alí traballa e nos recibiu compracente, e agradecer ao concello de Palas o abriren as portas ao seu futuro, rapaces e rapazas que, como dixo Carlos, os seus tataravós labraron as pedras e o levantaron.
A volta foi en autobús, talvez as pernas non desen para moito máis.
Un pracer.
Teatro na biblioteca
Enviado por Anónimo o Mér, 22/06/2022 - 19:54O alumnado de 2° da ESO representou hoxe na Biblioteca do noso centro: Edelmiro II y el dragón Gutiérrez de Fernando Lalana, unha obra teatral que traballamos na materia de Lingua Castelá. Eles mesmos elaboraron os monicreques, os decorados e propuxeron diferentes ideas para facer os cambios de escenas. Fixeron unha gran actuación, foi traballo en equipo. Parabéns!
Como noutras ocasións inspirámonos na idea de @muyprofe
Excursión Correspondentes Xuvenís
Enviado por Anónimo o Mar, 21/06/2022 - 17:22Hoxe, luns 20 de xuño, os e as correspondentes xuvenís foron de excursión, como recoñecemento ao labor desenvolvido ao longo deste curso académico.
Neste día lúdico en Santiago de Compostela aproveitamos para ir ao Cine Numax a ver a película Snowden, dirixida por Oliver Stone, na que se conta a historia de Edward Snowden, un xoven analista que traballa para a Axencia de Seguridade Nacional (NSA) nun programa secreto de vixilancia mundial no 2013.
Edward Snowden a través dos xornais TheGuardian e The Washington Post fixo públicos ao redor de 9000 documentos que estaban clasificados como alto secreto sobre diversos programas de la NSA, incluíndo os programas de vixilancia masiva PRISM e XKeyscore.
Unha vez rematado o filme acercáronse ata o Parlamento de Galicia, onde foron recibidas e recibidos por Adriana Martínez (Responsable de visitas guiadas do Gabinete de Presidencia do Parlamento), Carlos Varela (Responsable de comunicación do Gabinete de prensa da Presidencia do Parlamento) e Pedro Vila (Xefe do servizo de Tecnoloxías da Información do Parlamento).
Tendo en conta o traballo que desenvolveron os e as correspondentes xuvenís ao longo do curso, puideron contar cunha visita personalizada e única, na que lles explicaron a posibilidade de ver as sesións parlamentarias en directo, en diferido e a demanda a través da Mediateca, recurso propio do Parlamento, polo que non lles fai falta empregar Youtube; como se realizan as gravacións e como se busca sempre a obxectividade, motivo polo que non se editan os vídeos das gravacións para evitar a subxectividade; e como están a traballar en que durante a emisión das sesións parlamentarias se leve a cabo a transmisión das palabras, de aí que conten tamén coa linguaxe de signos, xa que isto permite tamén a accesibilidade das persoas con discapacidade.
Ademais viron como se estrutura a súa web e cales son as redes sociais que usa o Parlamento de Galicia, neste caso Facebook e Twitter, nas que dan conta do que sucede no Parlamento, tales como as actividades que se desenvolven, publicación da axenda diaria, comparten o vídeo do pleno con enlace directo á Mediateca onde se atopa aloxado. Todo elo sempre desde a obxectividade, non se realizan comentarios ás novas publicadas.
Unha vez rematada esta sesión informativa puideron ver a sala de control, dende onde supervisan as oito camaras que teñen no hemiciclo e como a través de Akamai poden retransmitir en streaming a todo o mundo. Ademais accederon ao hemiciclo, alí explicáronlles o seu funcionamento, os tempos de intervención dos deputados e deputadas, como xestionan este tempo de intervención e como se lles proxecta o que teñen para cada intervención; como se gravan as sesións e como nesas gravacións son o máis obxectivos e limpos posibles, evitando posibles situacións “cómicas” que poden desviar o foco do que realmente é importante a nivel informativo. Á parte de resolveren as dúbidas que xurdiron ao longo desta visita.
Grazas pola vosa amabilidade e acollida, polo voso saber compartido, Adriana Martínez, Carlos Varela e Pedro Vila.
Letras Galegas 2022
Enviado por Anónimo o Mar, 21/06/2022 - 17:12Este ano adícaselle o Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán, o poeta refuxiado en México que contribuíu enormemente a manter viva na Galicia exterior a lingua e a cultura galegas, nun intre moi complicado para elas.
Partindo desa condición de exiliado do autor homenaxeado, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística quixo achegarse co alumnado á realidade dos refuxiados/as do século XX e dos nosos días. O resultado é un gran mural histórico e literario que todo o alumnado do centro (gran parte do cal traballou na súa elaboración) está a visitar nestes días finais de curso, con dous obxectivos: reflexionar sobre o drama humano destas persoas e fomentar a empatía con elas.
Xogos tradicionais
Enviado por Anónimo o Dom, 19/06/2022 - 11:51O venres, 17 de xuño, todo o alumnado do instituto participou nunha xornada de xogos tradicionais.
A Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional de Melide, capitaneada por Paco e Manolo Charrancas, acercou ao alumnado a carrilana, o aro, a petanca, a buxaina, tirapedras ou tiracoios, leiriñas, tres en liñas, tiratacos ou tirabalas, as chapas, carreiras de sacos, a chave, zancos, a corda, a rá e moitos máis xogos.
A verdade que quedamos con ganas de máis! Así que agardamos velos nalgunha outra ocasión.
Se queredes ver e xogar na vosa casa algúns dos xogos tradicionais, aos que xogamos e algúns outros, podedes descargalos na APP de xogos tradicionais:
- Google Play: https://play.google.com/store/apps/details?id=com.ozonomultimedia.xogos_tradicionais_app&hl=es_419&gl=US
Beca de residencia no Centro Residencial Docente da Coruña
Enviado por Anónimo o Ven, 17/06/2022 - 14:19Convocatoria de becas para o curso 2022/23 no Centro Residencial Docente da Coruña, dirixida a estudantes de bacharelato, ciclos medios e superiores, FP Básica e universitarios que cursan os seus estudos fóra da súa localidade.
O prazo para solicitar praza neste centro en período ordinario remata o 11 de xullo de 2022 para o alumnado matriculado en bacharelato e o 1 de agosto de 2022 no caso do alumnado matriculado en ciclos formativos.
Máis información na web https:/crdcoruna.es e no DOG. Nº 107 do 6 de xuño de 2022.
Acollida familias
Enviado por Anónimo o Mar, 14/06/2022 - 22:42Na xornada de hoxe tivemos a sesión de acollida, por un lado, coas familias do CEIP de Palas de Rei e, polo outro, coas familias e o futuro alumnado de 1º de Bacharelato do CPI de Guntín, ás que agradecemos a asistencia a esta xornada.
Durante a mesma buscouse familiarizar aos asistentes co centro e a súa organización, informar sobre os cambios educativos derivados da implantación da LOMLOE, as normas de convivencia, mecanismos de información e participación e resolver todas aquelas dúbidas que puideron xurdir.
Benvidos e benvidas! Vémonos en setembro.