Lingua Galega
Charla sobre o entroido e exposición de máscaras
Enviado por Lois o Mér, 31/01/2024 - 11:53O alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato tivo un encontro co entroido da man de Xosé Manuel Seixas, investigador desta festa. Nesta charla estiveron presentes unhas convidadas moi especiais: as máscaras que elabora, de xeito artesán, o propio relator. A través destas fíxose un percorrido moi visual polos entroidos de Galicia, do norte de Portugal e mesmo da illa de Sardeña.
Semana de cine en galego no IES do camiño
Enviado por Lois o Lun, 08/01/2024 - 11:02Nestes últimos días antes das vacacións do Nadal, o alumnado do centro puido ver cine de calidade na Semana do Cine en Galego 2023 do IES do Camiño.
Así, o luns 18, os alumnos e alumnas de 1º e 2º da ESO viron Pinocho, unha versión animada do conto clásico, dirixida por Guillermo del Toro.
O martes 19, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu á proxección da premiada As bestas, de Rodrigo Sorogoyen.
E o mércores 20, os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO puideron gozar de Pradolongo, de Ignacio Vilar.
Unha vez máis, o alumnado valorou moi positivamente este ameno xeito de adquirir aprendizaxes múltiples, ao tempo que abren as mentes a realidades diferentes ás propias
Obradoiro de portugués
Enviado por Lois o Ven, 20/10/2023 - 11:34O mércores 18 de outubro, a totalidade do alumnado de 1º ESO máis o da materia de Portugués de 2º, asistiu ao obradoiro O PORTUGUÊS TÃO PERTO, ofrecido pola AGAL e a Deputación de Lugo.
O alumnado tomou conciencia neste ateliê da vantaxe que representa a nosa lingua á hora de acceder ao ámbito social, cultural e mesmo laboral de numerosos países en todo o mundo.
Ademais, os alumnos e alumnas ficaron sorprendidos ao comprobar que, por sermos galegofalantes, a lingua portuguesa é moi doada de aprender para nós, de xeito que en apenas uns minutos foron quen de construír frases perfectamente correctas en portugués.
Semana de cine en Galego
Enviado por Lois o Ven, 09/12/2022 - 11:28O día 5 de decembro, o IES do Camiño iniciou a Semana de Cine en Galego. Este evento anúnciase desde hai semanas nos corredores do centro a través duns magníficos carteis creados polo alumnado de Imaxe e Son de 2º de Bacharelato.
Ademais, elaboráronse uns trípticos que se lle serán entregados a cada alumno/a á entrada da sala de proxección e que conteñen información relativa á sinopse, datos técnicos, crítica de especialistas e espectadores, etc. No folleto hai tamén un espazo en branco para que cada escolar faga a súa propia valoración do filme.
A primeira película que se proxectou é O monstro mariño, unha cinta de animación do estadounidense Chris Willians. Nela, uns épicos cazadores de monstros mariños sucan os mares na busca dos mesmos. Mais unha polisoa intrépida virá cuestionar a dicotomía bos/malos…, e moitas otras cousas.
Continuando coas proxeccións cinematográficas da Semana de Cine en Galego, o alumnado de 3º, 4º ESO e 1º FP Básica viu o mércores Vilamor, unha película na que o seu director (Ignacio Vilar) recrea a historia da comuna hippie que se estableceu na zona da Fonsagrada nos anos 70 (xusto cando remata a ditadura). Un filme moi axeitado para reflexionar sobre cuestións plenamente actuais como o abandono do rural, a preocupación polo medio ambiente, o fenómeno okupa, o compromiso social, etc.
Despois da proxección, haberá, como sempre, cinefórum na clase de Lingua Galega.
Para rematar a Semana de Cine en Galego deste ano, o alumnado de 1º e 2º de Bacharelato asistiu o venres 9 á proxección de Elisa e Marcela, un filme de 2019, dirixido pola premiada Isabel Coixet.
Aínda que transcorreron 121 anos desde que estas dúas mestras decidiron vivir o seu amor dun xeito libre (con dolorosas consecuencias para ambas), os insultos, discriminacións e agresións ao colectivo LGTBI están moi vivos na sociedade actual. De aí a necesidade de lembrar a aquelas que loitaron no seu día por un mundo inclusivo, polo pensamento libre e a xustiza igualitaria
Tamén despois de ver esta cinta haberá cinefórum na clase de Lingua para facer unha reflexión colectiva sobre a mesma.
Obradoiro de regueifas
Enviado por Lois o Mér, 16/11/2022 - 13:20O luns 14 de novembro o alumnado de 3º e 4º da ESO, así como o de 1º de Bacharelato, participou nun obradoiro de regueifas impartido pola artista Lupe Blanco.
Tras unha impactante introdución ‘regueifada’ á historia desta forma da improvisación, a ponente foi guiando ao auditorio polos seus aspectos métricos. A continuación, os alumnos e alumnas convertéronse en regueifeiros/as, elaborando as súas propias coplas, que remataron cantando a viva voz.
Foi unha actividade divertida, creativa e moi dinámica, que gustou moito aos/ás participantes.
Letras Galegas 2022
Enviado por Anónimo o Mar, 21/06/2022 - 17:12Este ano adícaselle o Día das Letras Galegas a Florencio Delgado Gurriarán, o poeta refuxiado en México que contribuíu enormemente a manter viva na Galicia exterior a lingua e a cultura galegas, nun intre moi complicado para elas.
Partindo desa condición de exiliado do autor homenaxeado, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística quixo achegarse co alumnado á realidade dos refuxiados/as do século XX e dos nosos días. O resultado é un gran mural histórico e literario que todo o alumnado do centro (gran parte do cal traballou na súa elaboración) está a visitar nestes días finais de curso, con dous obxectivos: reflexionar sobre o drama humano destas persoas e fomentar a empatía con elas.
Día das Letras Galegas 2022
Enviado por Anónimo o Xov, 19/05/2022 - 21:31O venres 13 de maio, a creadora artística Fátima Delgado presentou no noso centro o espectáculo Poesía e pulso: os lugares de Florencio.
Foron 60 minutos de poesía e música electrónica. Con eses elementos, Fátima Delgado foi tecendo un relato que nos levou de Córgomo (verdadeiro locus amoenus natal de Florencio Delgado Gurriarán) ao horror da guerra e ao drama do exilio no acolledor México, país que lle había inspirar ao poeta mestizos versos galego-mexicanos. Nesta narración-recitado-dramatización, a saudade tivo un papel protagonista, igual ca o tivo na vida e obra de Florencio Delgado.
Deste xeito, o IES do Camiño celebrou o Día das Letras Galegas 2022, adicado ao insigne Florencio Delgado Gurriarán.
Obradoiro portugués
Enviado por Anónimo o Xov, 28/04/2022 - 18:33Este xoves desenvolvéronse no noso centro dous obradoiros de achegamento ao portugués: un para 1º e 2º da ESO, e outro para 3º e 4º da ESO; ambos cunha duración de aproximadamente 90 minutos.
Dun xeito lúdico e visual, o noso alumnado puido descubrir a utilidade do galego para entrar no mundo que se expresa en portugués, o da lusofonía, que tantas posibilidades ofrece en termos xeográficos, culturais e económicos.
A relatora empregou recursos tan atractivos como a música ou imaxes de actualidade para facernos conscientes da nosa proximidade á ortografía e ao léxico do portugués.
Sen dúbida, esta actividade ha contribuír a desbotar prexuízos sobre a traída e levada falta de utilidade da nosa lingua!
- 1
- 2
- 3
- seguinte ›
- última »