FONDO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDA MATERIAL ESCOLAR: CURSO 2022/23.

FONDO DE LIBROS DE TEXTO E AXUDA MATERIAL ESCOLAR: CURSO 2020/21.

Publicada a orde pola que se convocan as axudas para o fondo solidario de libros de texto para o curso 22-23. Teñen máis información: https://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros

No noso centro, ao estarmos dentro do Proxecto E-Dixgal (libro dixital) ao menos en 6 materias por curso, non hai axuda para libros, pero si para adquirir material escolar.

Está aberto o prazo para presentar as solicitudes ata o 22 de xuño, incluído.

Dado que en 2º e 4º non hai cambio de libros este ano, este alumnado debe, se o ten a ben, agardar  ata setembro para adquirilos, pola posibilidade de que se lles poidan facilitar dende o fondo libros do centro, de haber existencias.


RESUMO da Orde do 29 dea bril de 2022.

Axudas ESO1º, 2º, 3º e 4º ESO  (Material Escolar

REQUISITOS: Ter devoltos os libros do curso 2021/22.

EXCLUSIÓN: A falta de devolución dos libros de texto será causa de EXCLUSIÓN da participación no fondo solidario.

SOLICITUDES:

  • Unha solicitude única por familia para todos os fillos e fillas do centro.
  • Desde o 18 de maio ao 22 de xuño de 2022

DOCUMENTACIÓN:

  • SOLICITUDE que se obtén na conserxería ou en http://www.edu.xunta.gal/portal/fondolibros
  • Fotocopia dos DNI de todos os membros da unidade familiar.
  • Fotocopia do libro de familia en que figuren todos os membros da unidade familiar.

SUBSTITUCIÓN LIBRO FAMILIA

  1. Sentencia xudicial de separación ou divorcio ou, de ser o caso, convenio regulador onde conste a atribución da custodia do/da menor.
  2. Certificado ou volante de convivencia.
  3. Informe dos servicios sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia.
  4. Certificado do grao de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia recoñecido por un órgano que non pertenza a Xunta de Galicia.

NOTA: O alumnado ten a obriga de conservar en bo estado os libros de texto adquiridos na súa integridade con cargo ao importe das axudas, así como incorporalos, ao rematar o curso escolar 2022/2023, a un fondo solidario que se constituirá no centro (banco de libros).

IMPORTANTE : Solicitude única por familia para todos os fillos e fillas.

O alumnado de 2º e 4º ESO, cursos que non están suxeitos o cambio de libros este ano, deberan agardar ata setembro para adquirilos, ante a posibilidade de un reparto de libros do “Fondo Libros” do centro.

Día das Letras Galegas 2022

O venres 13 de maio, a creadora artística Fátima Delgado presentou no noso centro o espectáculo Poesía e pulso: os lugares de Florencio.

Foron 60 minutos de poesía e música electrónica. Con eses elementos, Fátima Delgado foi tecendo un relato que nos levou de Córgomo (verdadeiro locus amoenus natal de Florencio Delgado Gurriarán) ao horror da guerra e ao drama do exilio no acolledor México, país que lle había inspirar ao poeta mestizos versos galego-mexicanos. Nesta narración-recitado-dramatización, a saudade tivo un papel protagonista, igual ca o tivo na vida e obra de Florencio Delgado. 

Deste xeito, o IES do Camiño celebrou o Día das Letras Galegas 2022, adicado ao insigne Florencio Delgado Gurriarán.

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Día das Letras Galegas 2022

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2022

O día 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, polo que este ano propuxémonos facer uns marcapáxinas moi especiais co alumnado da ESO e de FP Básica a través da hora de titorías, coa axuda dos seus titores e titoras.

Nesta actividade o alumnado, por parellas ou en pequenos grupos, tiña que elaborar un marcapáxinas que estaría dedicado a unha muller científica, no que se recollería, por un lado, un pouco da súa biografía e, polo outro, os fitos alcanzados. 

As mulleres homenaxeadas nesta actividade son: 

  • Ángeles Alvariño.
  • Elizabeth Blackburn.
  • Jocelyn Bell Burnell.
  • Mar Capeáns.
  • María J. WonenburgerPlanells.
  • Mary Anning.
  • Özlem Türeci.
  • TarsyCarballas.
  • Ángela Ruiz Robles.
  • Isabel Zendal.
  • Katalin Kariró.
  • Katherine Johnson.
  • Margarita Salas.
  • Marisol Soengas.
  • Ann Makosinski.
  • Deborah García
  • Inmaculada Paz Andrade.
  • María José Alonso.
  • Rosalind Franklin.
  • Sonia Villapol.
  • Sophie Germain.
  • Augusta Ada Byron. (Ada Lovelace)
  • Antonia Ferrín. 
  • Barbara McClintock.
  • Minia Manteiga.
  • Olimpia Valencia.
  • Rachel Carson.
  • Ana María Prieto.
  • Lise Meitner.
  • Olga MoreirasTuni.

Hoxe por fin o noso proxecto ve a luz e poderá ser repartido entre os membros da comunidade educativa e o CIM de Palas de Rei.

Agardamos que vos gusten! 

Podedes ver os 30 marcapáxinas feitos polo alumnado e revisados por Marta Blanco e Cristina Eiras premendo na seguinte imaxe. 

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia 2022

Calendario fin de curso 2021/22

 
 

8 MARZO 22_ We Can do it!!

Este ano, entre outras actividades, para conmemorar o Día Internacional da Muller acordamos facer un mural colaborativo entre todos os membros da comunidade educativa. 

O lema do cartel foi “We Can do It!” (Podemos facelo!). Foi creado en 1943 por Howard Miller, no contexto da II Guerra Mundial, coa finalidade de animar ás traballadoras da compañía eléctrica Westinghouse Electric de Estados Unidos. 

O cartel non tivo moito éxito  durante a Segunda Guerra Mundial. Mais, na década de 1980, foi redescuberto e amplamente reproducido de moitas formas, a miúdo chamado " We Can Do It!", pero tamén coñecido como " Rosie the Riveter". Nel represéntase a figura emblemática dunha forte traballadora da produción no período da guerra. Esta imaxe " We Can Do It!" foi utilizada para promover o feminismo e tamén para outras cuestións políticas a partir da década de 1980. 

Así mesmo, a imaxe foi portada da revista Smithsonian en 1994, e tamén se converteu nun selo postal de primeira clase de Estados Unidos en 1999. Ademais, foi incorporada a partir do ano 2008 en materiais de campaña de varios políticos estadounidenses, e tamén foi reelaborada por un artista no ano 2010 para celebrar á primeira muller en converterse en Primeira ministra de Australia. 

Como curiosidade, saber que o cartel é unha das dez imaxes máis solicitadas nos Arquivos Nacionais e Administración de Documentos dos Estados Unidos.

A día de hoxe é considerado un símbolo do empoderamento feminino  e da loita pola igualdade e o feminismo. 

Moitas grazas a todas e todos os que fixestes posible este cartel polo 8M e do que agora podemos desfrutar na entrada do instituto. 

Álbum: Curso académico 2021/22 -> 8M_ We can do it!!

Obradoiro portugués

Este xoves desenvolvéronse no noso centro dous obradoiros de achegamento ao portugués: un para 1º e 2º da ESO, e outro para 3º e 4º da ESO; ambos cunha duración de aproximadamente 90 minutos.

Dun xeito lúdico e visual, o noso alumnado puido descubrir a utilidade do galego para entrar no mundo que se expresa en portugués, o da lusofonía, que tantas posibilidades ofrece en termos xeográficos, culturais e económicos.

A relatora empregou recursos tan atractivos como a música ou imaxes de actualidade para facernos conscientes da  nosa proximidade á ortografía e ao léxico do portugués. 

Sen dúbida, esta actividade ha contribuír a desbotar prexuízos sobre a traída e levada falta de utilidade da nosa lingua!

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Obradoiro portugués

Covid 19. Historia dunha pandemia. Leccións por aprender

Hoxe o alumnado de 1º de Bacharelato, 3º e 4º da ESO contaron cunha charla enmarcada dentro do Programa Ponte entre  a USC e o ensino medio.

Nesta ocasión acudiu ao noso centro o profesor da Facultade de Farmacia, Dº Alberto Coelho Cotón, para impartir unha charla sobre a covid. Durante a mesma  puidemos ver a evolución da pandemia ao longo destes dous anos, os tratamentos que xurdiron,  como actúan as vacinas con ARN , os modos de transmisión do virus, as medidas de prevencións , a importancia do distanciamento social e o emprego das máscaras e a importancia de coñecer que o virus se transmite mediante os aerosoles. 

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Covid 19. Historia dunha pandemia.

Visita ao parque eólico experimental de Sotavento

Este venres, día 22 de abril, os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato, visitaron o parque eólico experimental de Sotavento.

Comezamos a visita cunha charla na que nos explicaron de onde provén a enerxía que consumimos nos nosos fogares e que peso ten cada unha das fontes de enerxía, tanto renovables como non renovables, no balance final.

Seguidamente, divididos en grupos, puidemos coñecer de cerca, como funcionan as placas solares térmicas e fotovoltaicas; vimos tamén o mecanismo interno dos aeroxeneradores e a súa mecánica, e entramos nun deles para observalo por dentro.

Tamén puidemos visitar a vivenda bioclimática. Un centro de interpretación da arquitectura bioclimática, cuxa estrutura móstranos as posibilidades reais dun modelo da construción eficiente. Onde puidemos comprobar a aplicabilidade das enerxías renovables nunha vivenda familiar e a comparación das innovacións tecnolóxicas neste campo.

Por último, antes de regresar, cargámonos de enerxía renovable xantando nas instalacións.

 

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Visita a Sotavento

Obradoiro Municipal de Teatro de Palas

Este xoves compartimos escenario o Obradoiro Municipal de Teatro de Palas (do que o noso alumnado é compoñente principal) e a Aula de Teatro do IES Chan do Monte  MOGOR de Marín. Dobre sesión de teatro na Casa da Cultura, ás 12:30 para os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO representouse a obra HISTORIAS MÍNIMAS, e ás 13:30 para 3º, 4º e 1º de BAC a obra A GRAN FINAL.
Humor e crítica social; risas e aplausos; ata nos cuestionamos as nosas actitudes ante o que nos propón a sociedade sen máis. Deixámonos ir... e cando reparamos dificilmente nos recoñecemos.
Á par festexamos a nosa lingua e gozamos do teatro, a arte humana total!

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Obradoiro Municipal de Teatro de Palas

Xornada de Igualdade de Xénero

No día de hoxe contamos novamente coa presenza de Alba, técnica de igualdade do Centro da Información da Muller do Concello de Palas de Rei, que impartiu un Obradoiro sobre Igualdade de Xénero ao alumnado de 3º da ESO. 
 
Durante esta xornada puideron acercarse e traballar diferentes conceptos e terminoloxía relacionada coa igualdade, estereotipos e prexuízos asociados ao xénero, ver as diferentes violencias que sofren as mulleres, sobre todo facendo especial fincapé na violencia dixital relacionada co uso das novas tecnoloxías, redes sociais.... que afecta principalmente aos adolescentes. 
  

Así mesmo, o alumnado puido trasladar a Alba aquelas dúbidas ou cuestións que foron xurdindo durante esta sesión. Queremos agradecer tamén a participación  e implicación dos alumnos e alumnas durante a mesma. 

 

 

Álbum: Curso académico 2021/22 -> Xornada de Igualdade de Xénero
Distribuir contido