ANPA
VOLVEN AS NENAS E OS NENOS Á ESCOLA DE CUVIDE
Despois de que se tivese fumigado e limpado a Escola de Cuvide, mañá martes 17 xa poden volver os nenos e nenas a clase. Esperamos que todo vaia ben e non volvamos ter "visitas" pouco desexables. Para evitalo imos tratar de manter pechada a cancela do patio. Os gatos son moi seus e non nos farán caso, co que lles gusta saltar. Pero os cans seguro que quedan á porta se así llo indicamos. Unha boa porta trancada vaillo dicir moi clariño.
Continuaremos alerta, para axudar todos e todas a que non se repita. E en caso de que asi sexa, para poñer remedio o antes posible.
Grazas pola colaboración.
- APIs de Blogue
PROTESTAS NA ESCOLA DA VACARIZA
- APIs de Blogue
A ESCOLA DA VACARIZA AÍNDA LATEXA!!!!
Como sabedes, as familias do Cra de Rianxo, a Anpa, o profesorado do centro, os veciños, o Concello de Rianxo e a Asemblea polo Ensino Público da Barbanza levamos meses traballando xunt@s para tratar de impedir que se peche a Escola da Vacariza, que este ano conta con pouca matrícula, pero que para os anos vindeiros xa tería as nenas e nenos precisos para cumprir coa ratio esixida pola Consellería. Podedes ver máis información no seguinte enlace:
http://fotosderianxo.com/2013/06/26/non-ao-peche-da-escola-unitaria-da-vacariza/
Recentemente, e ante a falta de resultados dos intentos de negociación coa inspección, o actual profesorado do Cra organizouse solidariamente e comprometeuse a asumir, de xeito excepcional e para o presente curso, a docencia da Escola da Vacariza aínda que a Consellería non adxudique esa praza a ningún docente. A dirección do centro fixo esta proposta a semana pasada á consellería, pero foi rexeitada. É por iso que mañá luns 9 vai ir á Xefatura Territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria unha comitiva para pedir que a Consellería permita que a Escola siga aberta. Acudirán familias, membros da Anpa, o alcalde de Rianxo e tamén un representante da Asemblea Polo Ensino Público da Barbanza.
Agardamos que todo saia ben!
- APIs de Blogue
FESTA FIN DE CURSO DA ANPA "IRMÁNS ÍNSUA" DO CRA NO CAMPING DE RIANXO
O domingo 23 as familias do Cra celebramos a nosa festa de fin de curso no parque de aventuras do camping de Rianxo, na Praia do Porrón e no monte dos arredores.
Unha gran familia feita de familias máis pequenas
- APIs de Blogue
NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA INFANTIL DO CRA DE RIANXO.
Despois de ter levado contos, música e cariño a todas as escolas co Cra, chegou a hora de celebrar na Escola de Cuvide a última sesión deste curso do Club de Lectura Infantil do Cra de Rianxo. Se chove abrigarémonos nesa escola e contaremos alí os contos e escoitaremos a trompeta de Uxía. Pero se non chove reunirémonos un pouco máis arriba, en Campo Maneiro. Como isto está ao lado do Colexio Brea Segade de Taragoña, seguro que se achegan nenas e nenos desa escola. Tamén virán membros da asociación AMICOS, unha asoción da Barbanza sen ánimo de lucro que acolle a familias de Persoas con Discapacidade Intelectual e que trata de mellorar a calidade de vida destas persoas e das súas familias.
VÉMONOS ALÍ!
- APIs de Blogue
PARABÉNS! CHEGAN NOVAS FAMILIAS. BENVIDAS AO CRA!
Esta tarde ides achegarvos á Sede de Asados novas familias cheas de ilusión, e algúns temores, porque vindes informarvos de como é o lugar onde se van escolarizar os vosos meniños e meniñas. A ANPA "Irmáns Ínsua" queremos felicitarvos por ter escollido o Cra de Rianxo porque é unha escola na que as vosas crianzas se van sentir moi a gusto xa que serán atendidos por moi bos profesionais. Van estar moi ben coidadas, van recibir moito cariño e van aprender moitas cousas que levarán con eles toda a vida. Desde agora poñémosnos á vosa disposición para todo o que precisedes e animámosvos a que vos asociedes a nós. A Anpa "Irmáns Ínsua" somos unha asociación de Nais e Pais que temos algún fillo ou filla estudando no Cra de Rianxo e que nos unimos para, entre todas e todos, tratar de que a escola dos nosos fillos e fillas sexa mellor. O máis importante é que entendades que a ANPA non é un organismo alleo que nos organiza, non é unha institución que faga cousas por nós, non é un colectivo que nos apoia.
A ANPA SOMOS NÓS
Nestes momentos temos varios proxectos inmediatos abertos: o Club de Lectura Infantil da Escola de Cuvide que se celebrará mañá mércores ás cinco e media en Campo Maneiro (Taragoña), a campaña para tratar de impedir que peche a Escola da Vacariza, a festa de Fin de Curso no parque de aventuras do Camping de Rianxo e a participación no Festival Xoubajazz con dúas sesións de contacontos e obradoiros impartidos por familias do Cra.
Animámosvos a participar activamente na educación das vosas fillas e fillos.
O tempo que lles dedicamos ás nosas crianzas sempre é o tempo mellor aproveitado!
O CLUB DE LECTURA VIAXA Á ESCOLA DE OUTEIRO (TARAGOÑA)
O mércores 22 de Maio, nova sesión do Club de Lectura Infantil do Cra de Rianxo!
Haberá contos e o gaiteiro Isaac, antigo alumno do Cra e irmán de Breogán, da escola de Campo de Pazos, tocará unhas pezas para nós. Non esquezamos a merenda nin a gorra, que a visita ao Río Te ha ser ben bonita...
E, por suposto, non deixedes a camiseta verde na casa... Non volo perdoaría!
- APIs de Blogue
CHUVIA PARA MAÑÁ
Como saberedes O Clube de Lectura "Frores do meu amigo" do Cra de Rianxo, en colaboración coa Anpa "Irmáns Ínsua", tiña organizado para mañá pola tarde un roteiro para visitar varios petroglifos do lugar de Leiro, tendo prevista a saída ás 16 horas da Fonte de Meiquiz. Ante a previsión de chuvia intensa, queda suspendida a actividade ata novo aviso.
As actidades da mañá, coa Carreira das Letras e a merenda en "familia", mantéñense no Polideportivo de Taragoña.
Por favor, difundide a noticia nas vosas escolas.
Gracias.
- APIs de Blogue
MESA REDONDA PARA DEBATER SOBRE A LOMCE
A Anpa do IES da Pobra do Caramiñal organizou para hoxe ás 7 da tarde unha mesa redonda para informar e debater sobre a nova lei do ensino, na que van medrar os nosos fillos e fillas.
Está confirmado que a dita mesa redonda vai acudir o Delegado Provincial, e sería unha gran ocasión para oír, de primeira man, o que o goberno pretende con esta lei. No debate da mesa redonda tamén participará un representante da Asemblea polo Ensino Público da Barbanza, desde a que se anima ás familias e profesores a acudir lucindo as camisetas verdes.
Animádevos!
A mesa é ás 19:00 horas no Auditorio Municipal da Pobra do Caramiñal.
Un saúdo
- APIs de Blogue
O CLUB DE LECTURA VAI Á ESCOLA DE RAÑO
Este mércores 8 de Maio ás 4:30, nova sesión con contos e música. Se o tempo o permite iremos merendar a Meiquiz, ao pé dos seus hórreos. Se cadra aínda alguén se anima a contarnos cousas das mallas...
Non deixedes as Camisetas Verdes na casa, que son moi festeiras!
Xa sabedes. ACTIVIDADE ABERTA AO MUNDO ENTEIRO!!!
- APIs de Blogue
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- seguinte ›
- última »