Hiromu Arakawa
Nas sesión de xaneiro o grupo de lectores de MANGA leu e analizou os dous primeiros números da serie Fullmetal Alchemist de Hiromu Arakawa
Fullmetal Alchemist 1
Jazmín, Lynette e Ainara falan da historia que viven os protagonistas, os irmáns Edward e Alphonse Elric, que se presentan neste 1º número da serie. Eles intentaron realizar unha transmutación alquímica coa esperanza de devolver á vida a súa nai defunta, pero non o conseguen. Como consecuencia, Al desaparece, e queda convertido nunha máquina con espírito e Ed perde a perna esquerda. No presente, os irmáns buscan a un líder relixioso chamado Padre Cornello que pode obrar milagres e que posúe a pedra filosofal que pode devolverlle o corpo a Al, mais decátanse de que algo non é certo. Desenmascaran a Cornello ante os seus súbditos e continúan na busca dunha solución para Al.
Fullmetal Alchemist 2
No episodio 2 Cornello dille a Edward o seu plan de usar a Lior como base para a dominación mundial. Ed entón vence a Cornello coa súa alquimia superior, só para descubrir que a pedra filosofal é falsa. Cando os Elrics se van, Lust e Gluttony conseguen recuperar os seus plans matando a Cornello e substituíndoo por Envy que se enmascara como o Cornello real.
As lectoras cren que se critica o sometemento a unha ideoloxía –neste caso relixiosa-, pois Cornello só busca o poder sobre os seus súbditos. Tamén a corrupción.
A historia está chea de acción e resulta atractiva polos sucesos inesperados que che sorprenden. Resaltan como negativo a escasa presenza feminina.
Jazmín, Lynette e Ainara (2º ESO)
Made in Abyss Akihito Tsukushi
Na 2ª avaliación os lectores de manga seguen comentando algún dos libros propostos.
Ainara Saínza Docampo, de 2º ESO A, presentou ó resto do Club o manga titulado Made in Abyss, escrito e ilustrado por Akihito Tsukush.
A historia céntrase en Riko, unha moza orfa que vive na cidade de Orth, nunha illa do mar de Beoluska. Na cidade hai un estraño buraco xigante cuxo fondo vai ata as profundidades da terra: o Abismo. Dentro do Abismo hai misteriosos artefactos abandonados e restos dunha civilización avanzada desaparecida hai milenios e, polo tanto, é un sitio explorado por escavadores de caza recompensas chamados Cave Raiders (asaltantes das cavernas), que emprenden descensos arduos e perigosos para obter todas as reliquias que poidan atopar. Ademais da fauna e flora monstruosas, os Cave Raiders deberán enfrontarse a un gran mal que lles afecta canto máis profundamente descenden no Abismo, onde unha sucesión de capas exercen unha presión que os e enferma progresivamente.
O obxectivo de Riko, o protagonista, é seguir os pasos da súa nai e converterse nun lendario Cave Raider (Asubíos Brancos) e así resolver os misterios do Abismo. Un día mentres explora as covas é atacado por unha besta, pero é salvado por un robot coa aparencia dun rapaz humano ao que el chama Reg.
Ainara destaca desta serie as aventuras moi interesantes e algo fantásticas que protagonizan Riko e Reg. Para ela os personaxes principais son adorables. Riko é unha rapaza enérxica, cunha grande historia detrás, e Reg, un robot sen recordos, é o personaxe que máis lle atraeu.
As capas do Abismo que bordean á cidade onde viven son para Ainara todo un misterio e mantense a intriga e a acción ó longo da serie, composta ata o momento por 7 volumes. O que máis lle gustou foi o terceiro.
Ainara Saínza Docampo, de 2º ESO A
Adxunto | Tamaño |
---|---|
SUXESTIÓNS 2º trimestre 19-20.pdf | 679.63 KB |
Monster collection I
Os integrantes do Club de Manga, como se fixo no curso pasado, continúan lendo libros distintos para recomendarlles aos outros membros do Club e comentárllelos.
Jazmín Esteban Ureña, de 2º ESO A, leu e recomendoulles aos compañeiros o volume 1 da serie Monster Collection, de Sei Itoh. Neste episodio1, Kasche, a aprendiz de mago, emprende unha grande aventura, para recuperar un gran tesouro antigo roubado na colección da Academia. Como ningún dos feiticeiros maiores está dispoñible, a pesar de que saben que as súas habilidades son limitadas, o director da Academia decide envialo para rastrexar o tesouro desaparecido. A súa capacidade para facer amigos, tanto criaturas humanas como máxicas, sérvelle ben na súa procura. Un ladrón con talento e un fermoso mozo vampiro únense a ela na viaxe mentres loitan contra os exércitos humanos e as hordas dos non mortos.
Jazmín cóntalles a historia aos demais e comenta que, a pesar de que hai algunhas escenas subidas de tono, a acción atrapa, os personaxes son graciosos e os debuxos moi bos. O que menos lle gustou é a visión algo machista da protagonista como unha rapaza bonita pero torpe e teimuda que se namora do ladrón e que logo se declaran.
Recoméndao porque é moi entretido.
Jazmín Esteban Ureña 2º ESO A
Crónica del asesino de Reyes Patrick Rothfuss
Crónica del asesino de Reyes é unha triloxía de novelas do xénero fantástico escrita por Patrick Rothfuss.
Nela nárrase a vida de Kvothe, aventureiro, arcanista e músico famoso. A trama está dividida en dous tempos diferentes: o presente, no que Kvothe lle conta a súa historia a Cronista, e o pasado, no que se desenvolve a maior parte da acción.
A día de hoxe só dous dos tres libros foron publicados, e a data de publicación do terceiro está sen concretar.
1. Primeiro día: El nombre del viento (Abril 2007)
2. Segundo día: El temor de un hombre sabio (Marzo 2011)
3. Terceiro día: Las puertas de piedra (TBA)
A serie é, en esencia, a biografía dun famoso músico, simpatista e aventureiro chamado Kvothe. Despois de gañar notoriedade a unha idade temperá, desaparece da vida pública e finalmente é localizado nunha pousada dunha aldea perdida por Cronista. Despois dun pouco de persuasión, Cronista convence a Kvothe para que lle conte a historia da súa vida, o que lle levará a contala durante tres días (de aí a división en tres volumes).
A historia de Kvothe vese interrompida por interludios no presente. Mentres tanto, o amigo e aprendiz de Kvothe, Bast, non está disposto a deixar que se convirta nun simple pousadeiro e tenta facer espertar ao antigo Kvothe. A historia prosegue así en dous niveis: Kvothe conta a historia da súa vida a través de narración en primeira persoa, mentres que os interludios no presente relátanse en terceira persoa e deixan entrever que hai máis cousas das que conta o protagonista. Os tres libros son só as divisións na mesma narrativa, ningún deles por si só son unha historia.
Os libros gustárome moitísimo. Podo dicir que son os meus libros favoritos. A súa lectura non se parece a nada do que teño lido. Conta unha e mil historias interesantísimas a través do protagonista. Pasarás noites en vela desexando ler un capítulo máis.
Non é recomendable para lectores inexpertos xa que ten unha trama algo enrevesada e hai que meterse a fondo para entendela, pero si llo recomendo a quen lle guste ler.
Doulles un 10 sobre 10.
Rafael Ferreira Álvarez 2º ESO C
Bajarse al moro J. L. Alonso de Santos
Esta obra teatral, publicada en 1885 polo dramaturgo español José Luis Santos, narra a vida dun policía, (Alberto), un artesán (Jaimito) e a súa curmá (Chusa) e a súa relación coa droga, e como o encontro cunha fermosa moza terá consecuencias na rutina deste grupo.
Persoalmente resultoume un libro moi ameno e de fácil lectura e comprensión. Ademais, aínda que é breve, dános unha clara percepción do que é estar metido no estraperlo, nas drogas e os diversos sentimentos que causa: egoísmo, medo…
Ao final do libro preséntase a opinión do autor de forma sutil sobre a sociedade e outros asuntos relacionados que che fan pensar, algo que tamén me chamou bastante a atención.
Amanda Abalde Calvo 4º B
A Velliña Vella Vicente Risco
“A Velliña Vella” é un relato escrito polo ourensán Vicente Risco publicado en 1925 na revista Céltiga, de Bos Aires. Pertencente á Época e á Xeración Nós, na súa obra sempre había intención didáctica de cara a amosar os seus pensamentos filosóficos e políticos, neste texto máis que noutros.
O tema é a visión do escritor sobre os problemas que está a padecer Galicia nese momento e o desamparo no que se atopa. Aborda este asunto a través dunha vella, con características atribuíbeis á súa Galicia soñada, que lle expón os seus problemas a catro dos seus fillos (que somos todas e todos os galegos) e mais ao escudeiro Pai Soares, co que se atopa ao principio e á fin do relato.
Este primeiro e último é un celta agochado na historia do noso país que sae da súa cova (dolmen) co obxectivo de emprender a súa romaxe (peregrinación) cara á igrexa cristiá de Santo André de Teixido, o maior símbolo de peregrinación de Galicia despois da propia catedral de Santiago de Compostela, pois “a San Andrés de Teixido vai de morto quen non foi de vivo”.
O resto dos fillos que interveñen no texto son representantes das distintas clases sociais da época, se ben poden significar polo seu rol no sociedade aos ámbitos dende os que reivindicar e defender as ideas nacionalistas que Risco, en boa parte, fundou. Un avogado, do ámbito xurídico, que di non dispor de leis axeitadas que defendan á vella; un escritor, do ámbito cultural, que di que el escribe o que a xente quere e non sobre preocupacións que non teñen; un indiano retornado de América que promove co seu diñeiro numerosas obras e desenvolvemento en Galicia, dende o ámbito económico, que di que xa con iso que fai acada pregoar o seu nome e satisfacer á xente; e por último, un labrego, representante social da Galicia rural imperante neste tempo, que seica di comprender á vella, mais aclara que el non pode facer máis que preocuparse do seu e conclúe que a solución para a vella pasa por “un goberno que quitara os foros, que quitara os caciques, que quitara os trabucos (impostos)”, plasmando así as principais reivindicacións do nacionalismo galego en 1925.
Que problemas di ter a vella Galicia? Reclama a seus fillos (a sociedade galega) como seus, pois di que os mesmos veciños que viñeron e lle arrebataron todas as súas terras tamén trocaron de tal maneira aos seus fillos que xa nin os coñece.
Risco aproveita pois unha estrutura paralelística, que case semella a dun conto de intención didáctica cara a un público infantil, tomando elementos populares da tradición oral e cun vocabulario sinxelo, para organizar as interaccións da vella cos seus fillos, tendo repetidas veces un diálogo no que se expón o problema e os fillos dan a súa resposta. Ademais, tamén podemos dicir que sempre tendo en conta o simbolismo de todo o relato, ofrece unha narración circular, ao comezar coa vella atopándose co Pai Soares de camiño a Teixido, e ao rematar co Pai Soares de volta atopando á vella petando nun dolmen para espertar “aos que dormen debaixo o sono eterno”, en clara alusión ao glorioso pasado que pode ou debe volver para nós.
No resto dos aspectos literarios de “A Velliña vella” podemos destacar o emprego da terceira persoa narradora dos feitos e un léxico propio do galego hiperenxebrista non normativizado, promovido mormente polos autores de Nós, que plasmou nesta prosa directa, clara, aguda e sobria expresamente.
Tamén está caracterizado pola introdución de escenarios urbanos na narrativa galega, que ata agora permanecía no rural; se ben é certo que Risco combina ámbalas dúas cousas.
Interpretando o texto podemos ler entre liñas boa parte do pensamento de Vicente Risco.
O relato comeza xa facendo unha clara referencia á cristiandade de Galicia combinada co suposto bo pasado histórico celta. Estes dous elementos, expresados aquí en que o propio Pai Soares acode a Santo André de Teixido porque se non, e como lle informa a vella, “non entrarás no ceo” e reforzados polo feito de que o celta bica os pés da vella Galicia en sinal de respecto (en contraposición aos galegos do presente da vella, que non fan máis que ignorala), son para Risco esenciais na sociedade galega e deste xeito trata de amosalo.
En base a estas dúas características, xunto á lingua propia, o carácter eminentemente rural da sociedade, e o tradicionalismo, Risco artella o que para el é a raza galega, cunha orixe étnica común co pobo celta, e así o expresa definindo á vella na liña 3 (“branca coma o luar”).
Neste sentido, olla para Irlanda con especial atención, ao ser un país de fondas conviccións católicas e pola loita vitoriosa contra o imperialismo inglés.
Tamén se expresan de xeito claro as súas ideas antimodernas, aludindo a que Galicia “coroa podía levar na testa”, mais na práctica semella que “o mundo principia unha nova vida” e “andan a crebar as vellas madeiras”. Nótase certo rexeitamento cara a todo o moderno, pois aí residen para el os problemas actuais de Galicia.
Estes problemas son sobradamente coñecidos (a vella de loito vai vestida), mais non semellan ser da preocupación dos galegos, pois para Risco sofren da colonización -ben sexa cultural, política ou ambas- por parte dos seus veciños españois “e trocaron de tal xeito aos meus fillos, que case non os coñezo, nin eles me coñecen a min” e denuncia o desamparo da terra galega ante a lei, a cultura, a economía e a sociedade.
Esta parte do relato pode ser interpretada, non sen razón, como unha reivindicación dos valores da lingua e a cultura galega ante a opresión española, e máis que iso, o coñecido como autoodio, que como sabemos pode ser traspasado á nosa actualidade. E digo pode tendo en conta o resto do perfil biográfico do escritor, que posteriormente chegou a comungar con ideas e réximes fascistas que, coma o actual presidente do Estado con certos pactos, non durmirían tranquilos se algunhas das ideas cara a Galicia de Risco se levaran a cabo.
Aínda así, para solucionar isto, Risco pon na boca do labrego -representante da Galicia pura e verdadeira- tres conceptos sinxelos mais chave na ideoloxía do autor, que son a esixencia e estabelecemento dun goberno que quitase os foros (maioritariamente solucionado un ano despois grazas á lei de redención de foros de 1926), os caciques, e os tributos. Mais ante isto entra en xogo a crítica que fai cara aos labregos, plasmando no diálogo con este o clásico inmobilismo, indiferenza e particularismo da clase baixa galega, e na verba “trabucos” un toque de humorismo.
Deste mesmo xeito, fai unha crítica social ao conxunto da sociedade galega por non adherirse aos valores nacionalistas da época que el, entre outros, propugna, e especialmente notamos a súa teima cara aos indianos que estimulan a economía galega pero que non se preocupan (na maioría dos casos) polo nacionalismo.
Tamén é de destacar o afán colectivista de Galicia que igualmente se ve a través do labrego, na contra do individualismo influenciado de novo polo moderno (“neste mundo, cada un goberna a súa vida e procura do seu”). Achamos aquí unha idea de termos un conxunto de país unido e concienciado, de xeito interclasista, para acadar rexurdir ese pasado glorioso que a Vella remata vendo como única e última solución, atopada de novo á fin do relato polo escudeiro petando cun croio nunha pedra dos xentís (dolmen) “para espertar ós que dormen debaixo o soño eterno”.
Vicente Risco foi un dos pais do nacionalismo galego, destacando na súa teoría todas as ideas que aquí se salientan. Hoxe en día sabemos que Galicia ten capacidade dabondo para coñecer o seu pasado, reivindicalo e combinalo coa modernidade, outra cousa é que se aplique. Malia todo, é enormemente interesante coñecer tanto literaria coma ideoloxicamente os perfís das personalidades que en boa medida contribuíron a que hoxe o galego sexa unha lingua cada vez máis normalizada.
Samuel Fernández Torre 2º BAC-D
O grupo de lectura de 1º de Bacharelato A, B e E leron esta obra de Marilar Aleixandre, profesora hai anos no noso centro.
A historia, di Uxía , relata a violación de dúas alumnas de 2º de Bacharelato e as repercusións que este feito vai supoñer nas súas vidas e nas do seu círculo familiar e de amizades.
Álex cre que na obra se amosa ben claro a reacción de familia e amigos ante este doloroso feito. A autora, di, presenta dúas posturas ou formas de reaccionar moi diferentes entre a xente. Por un lado, os país de Sofía apoian a filla e defenden a necesidade de denunciar a violación, mentres que os de Lupe sosteñen que é mellor esquecelo todo para non danar máis a filla. Dentro do grupo de amigos a maioría apoian e axudan as rapazas pero outros como Mauricio insúltanas acusándoas de provocadoras. Estas actitudes reflicten o que pensa a sociedade realmente.
Brais e Uxía destacan a variedade de textos que emprega a autora na novela: ademais da narración, hai textos xornalísticos, análises de ADN, redaccións dos alumnos, informes do Consello Escolar quer dan, segundo eles, veracidade, realismo os feitos que conta.
O inicio de cada capítulo hai citas sobre o mito de Medusa, de aí o título, di Alba, que nos recordan que na actualidade pasa o memo que no pasado, que as vítimas acaban sendo castigadas pola sociedade, feito que critica a autora.
Paula comenta que lle gustou a novela porque reflicte a realidade que viven as mulleres dende sempre, cómo cambiou a vida das protagonistas, como foron valentes e rexeitaron os cartos do soborno e seguiron adiante coa denuncia.
O grupo de lectura valorou moi positivamente a novela porque defende os valores da igualdade entre homes e mulleres, a liberdade destas para actuar, o respecto, o valor da amizade e o apoio da familia nos problemas da vida.
Grupo de alumnos de 1º Bac A, B e E
A expedición do Pacífico Marilar Aleixandre
O segundo grupo de lectura de 3ª ESO A leu e comentou esta novela de aventura e ao mesmo tempo científica de Marilar Aleixandre.
A obra novela a verdadeira expedición que se levou a cabo entre 1862 e 1866. Paula cpmenta que a viaxe tiña como obxectivo coñecer a flora e a fauna de Sudamérica descoñecida para os europeos. A viaxe, que parte de Cádiz, percorre, di Uxía, varios países que tocan o Pacífico para volver novamente a España. A autora, apunta Joel, ademais de relatar este feito científico, aproveita para amosar a polémica que na época se produciu entre os teorías do darwinismo, que defende a evolución das especies e que está representada por Andrés e Diego, e o creacionismo, Deus creou as especies individualmente sen ter que evolucionar, defendida por Arguijo.
Liam, Judith e Lucía destacan o enfoque feminista da historia, pois Emilia debe disfrazarse de home para poder entrar na expedición. A novela, din, retrata perfectamente a situación da muller na época, que estaba destinada a casar e coidar da familia e que non tiña dereito ao voto, nin a estudar nin a realizar traballos que daquela facían só os homes, pero grazas ao personaxe de Emilia ponse en valor todo o que as mulleres poden e deben facer.
3º ESO A
Mª Victoria Moreno
Anagnórise conta, segundo Ana, a historia de Nicolau, un rapaz das Rías Baixas que ten problemas na súa casa e decide deixalo todo e marchar a Madrid en autostop. Recólleo Xulia Andrade, unha escritora da zona, aínda que durante a viaxe non se din como se chaman. Lara destaca que Nicolau marcha porque logo de que cinco anos atrás a súa irmá pequena morrese afogada, a súa nai comezou a beber e o seu pai embarcou nun pesqueiro. Ademais, sofre polo desamor dunha rapaza. Consigo levaba haxix para entregarlle a un compañeiro en Madrid.
Antía di que na novela se ven os prexuízos machistas da época, fins do s. XX, porque a Nicolau non lle gustou que o condutor do coche que o recolle fose unha muller, pero ela ao longo da viaxe vaillos desmontando nas conversas que manteñen.
Uxía cre que estas conversas coa condutora sérvenlle a Nicolau para ser consciente de si mesmo. Paula aclara que iso ten relación co título da novela, que non se revela e que che obriga a buscalo no dicionario. Esta palabra é un topos clásico da trama narrativa -especialmente do teatro- no que un personaxe é recoñecido por outros (ou se dá conta el mesmo) da súa verdadeira identidade. Claramente é o que lle pasa a Nicolau.
Ao chegaren a Madrid sepáranse. Ela marcha a un hotel, e déixalle o seu contacto. El vai a un piso cuns amigos, e lévalles medio quilo de haxix para fumar e vender, pero, comenta Iago, decátase de que ese non é o seu ambiente, non lle gustou o que viu. Cre que el é mellor persoa que eses rapaces e unha semana despois volve en busca de Xulia. No hotel dinlle que ela morreu nun accidente de tráfico. De regreso a Galicia, no camposanto descobre que Natalia, a súa namorada, é filla de Xulia e que en realidade ela non o enganara.
Paula di que lle gustou moito o estilo da escritora, como está construída a historia- que mantén a intriga sobre os personaxes- e como se ve a evolución da personalidade de Nicolau.
Ademais paréceulle moi curioso que o apelido de Xulia, Andrade, coincidise co do personaxe Antón Andrade Asorei da obra Leonardo e os fontaneiros da mesma autora.
Grupo de lectura: 1ª metade de 3º ESO A