O INCENDIO

O luns estreamos o club de lectura cunha invitada moi especial SARA VILA ALONSO coa súa obra “O incendio”.  Unha obra que non deixou a ninguén indiferente. Grazas pola visita Sara e parabéns polo bo traballo!

Encontro literario con Paula Carballeira

O 10 de xuño de 2024 foi un día ben especial no IES Castelao. Paula Carballeira visitou o noso centro. E aínda que non era a primeira vez, de seguro, que desta volta non foi coma as anteriores. 

Pola mañá atendeu o alumnado de 1º de Bacharelato e mais do Club de lectura A pé de obra, que leu a súa obra As alumnas, último Premio Nacional de Teatro. Confesoulles como construíu a obra tras unha encomenda da compañía de teatro onde traballa. Nótase que é unha das mellores contacontos galegas, pois mantivo a súa atención en todo momento. Afondou na historia real que agocha a trama e no importante que é para ela representar este texto. Ao finalizar a sesión, un grupo de alumnas entrevistaron a Paula para a revista do IES, que moi pronto poderedes ler. 

Unha vez finalizaron as clases co alumnado foi a quenda dos profesores. O encontro con Paula Carballeira supuxo o peche do curso escolar do Club de lectura de adultos. En primeiro lugar, tivo lugar un xantar íntimo coa autora. Non podemos contar ren do que alí se falou, mais estas conversas é coma mel nas filloas, só se pode experimentar e non contar. En segundo lugar, sorprenderon a Paula coa inauguración dun novo espazo dentro do edificio: o Paseo Paula Carballeira. Nese corredor enmarcaránse todas as visitas culturais que se acheguen ata o IES Castelao para compartir a súa arte. Como non podía ser doutro xeito, Paula asinounos o seu particular paseo da fama. Por último, celebraron o derradeiro encontro do club de lectura, que consistiu en falar coa autora dun xeito máis íntimo da obra. Ao igual ca a rapazada, o profesorado ficou pampo con como Paula contaba o que significaba esta obra para ela. 

Sen dúbida, foi unha xornada que ficará para a lembranza! Agardamos que Paula nos volva visitar pronto. Mentres tanto, boa lectura!

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro con Paula Carballeira

Derradeiro encontro do club de lectura escolar: Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz

A semana pasada tivo lugar o derradeiro encontro do club de lectura escolar ‘A pé de obra’ para comentar a novela Noite de voraces sombras de Agustín Fernández Paz.

Sen dúbida algunha, non puido ter mellor peche. Este libro entusiasmou a rapazada. Unha boa maioría reflexiounou sobre o trasfondo da historia, chegando a interesarse por indagar no pasado da illa de San Simón; foron quen de establecer analoxías cos conflitos bélicos actuais e a decatarse de que sempre cometemos os mesmos erros.


O nivel do encontro foi moi alto. Houbo quen empatizou con Sara, a protagonista. A aparición de entes sobrenaturais non lle restou verosimilitude á lectura, mesmo entenderon que a eran precisos para darlle ritmo á acción. Incluso houbo quen dixo que se sentía identificada co comportamento despreocupado e procrastinador da pantasma.
Coñecer a historia é capital para comprender o mundo actual. Esta foi a conclusión á que chegaron e están no certo.
Sen dúbida, foi un peche fantástico para rematar o curso.

Agardamos por vós para o vindeiro ano! Boa lectura!

Club de lecturas de adultos: Amor de tango, de María Xosé Queizán

O club de lectura de adultos reuniuse por penúltima vez este curso para comentar a novela ‘Amor de tango’ de María Xosé Queizán.
Durante o encontro salientaron a virtuosidade da autora para fiar tantos temas, dar tantas (e pequenas) doses de historia, mesturada con moito lirismo, paixón e entrega.
A obra non deuxou indiferente a ninguén, dado que cadaquén atopou aspectos nos que reparar: a dureza da guerra, o deporte feminino, a vida nas fábricas, a maternidade, a protección familiar, o amor e, por suposto, o baile.
Con esta novela péchase o ciclo de encontros de adultos. Unha actividade que contou con boa parte do profesorado e que agardamos que medre no vindeiro curso.

Visita a Celanova, terra de Curros e Celso Emilio

O alumnado de 1º de bacharelato, 4º ESO PDC e Club de lectura tivo unha xornada moi especial neste 25 de abril. Acudiron ata Celanova, o que significou a décima visita do instituto.

A saída comezou coñecendo a vila de Vilanova dos Infantes, descubrindo a súa historia a través da Torre da Homenaxe, a virxe do Cristal e o museo dos zapateiros. A seguir, dirixíronse ata Celanova onde visitaron o mosteiro de San Rosendo, a casa de Curros e a biblioteca do IES Celanova. Percorreron os puntos máis sinalados nun roteiro literario no que recitaron versos dos dous poetas máis famosos destas terras, Curros e Celso Emilio.

Despois, asistiron a un magnífico concerto de órgano que os deixou abraiados. Remataron a excursión coa subida ao castro de Castromao, dende onde puideron desfrutar das marabillosas vistas que se albiscan dende o alto da croa.

Dende o IES Castelao queremos agradecer á Fundación Curros Enríquez e aos guías (Paula e Aquilino) a súa hospitalidade e amabilidade! De seguro que nos habemos de ver de aquí a dentro dun ano.

Namentres seguiremos cantando:

Unha noite na eira do trigo
Ó refrexo do branco luar…

Álbum: Curso 2023/2024 -> Saída a Celanova, terra de Curros e Celso Emilio

María Canosa visita o IES Castelao

María Canosa visitou o IES Castelao para ter un encontro co alumnado de 1º da ESO, logo de ler a biografía que escribiu da autora homenaxeada nas letras galegas deste ano: Luísa Villalta. Melodías de palabras.

O encontro versou arredor do proceso de creación desta obra. María explicou a complexidade que tivo ao escribir sobre alguén a quen non coñeceu pero coa que si tivo conexións literarias.

Debullou a personalidade de Luísa a través de fotografías e anécdotas que acompañaron un interesante relato. O alumnado tivo ocasión de interesarse máis pola autora e a súa obra e realizou un coloquio posterior para analizar o encontro.

Moitísimas grazas, María, pola visita. Agardamos que volvas pronto polo noso centro.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Visita de María Canosa

Club de lectura de adultos: comentamos A trenza, de Laetitia Colombani

O club de lectura de adultos, A pé de obra, reuniuse nesta semana que xira arredor do Día do libro para comentar a obra ‘A Trenza’ de Laetitia Colombani.
Entre todos debullaron as particularidades das tres historias que se van entrelazando ata confluír nun punto en común.
Superación, enfrontamentos contra o establecido, lágrimas e tamén risas acompañaron o noso profesorado con cada páxina lida. Esta foi unha historia que non os deixou indiferentes; pois a maior parte deles conectaron e sentíronse identificados coas protagonistas.
Ademais, coma en encontros anteriores, nesta conversa compartiron experiencias persoais relacionadas con viaxes, traballo e situacións semellantes ás que se narran no libro.
Unha hora ben proveitosa, adozada cunhas boas larpeiradas!

Encontro literario con Branca Trigo para presentar o seu poemario Trans0

Este luns, o alumnado de 1º Bach D e E e o club de lectura tivemos a sorte de contar con Branca Trigo, alumna en prácticas do máster de educación no noso centro, para que presentase o seu último poemario Trans0 e nos falase xunto a Alfredo Vázquez da súa editorial Malafera e de proxectos como o micro aberto Cerimonia de Gaivotas.

Ao final da xornada agasallounos cun recitado dalgúns poemas do libro. Todo un pracer, Grazas Branca!

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro literario con Branca Trigo

Club de lectura: encontro literario para comentar o libro 48 horas

O luns 15 de abril tivemos a enorme sorte de contar no noso Club de Lectura coa presenza dun escritor moi novo de idade pero xa moi experimentado e cunha bagaxe e unha experiencia extraordinarias no trato co alumnado e o lectorado xuvenil.

 

Trátase, nin máis nin menos, que de Cándido Paniagua Pousa, o noso prezado e imprescindible profesor e vicedirector que tivo a ben compartir connosco un tempo para falar sobre a súa segunda novela, 48 horas.

Soubemos de primeira man cal foi o motivo que o levou a formular como o fixo a trama da obra (ao xeito dun reto da época na que a escribiu), que empezou  digamos- polo final, que pagou o tributo debido aos ingredientes cos que toda novela con adolescentes debe contar e incorporou a súa dose de amor/desamor.

Pero, sobre todo, soubemos que con esta novela, construída para o público xuvenil na forma e no estilo, pretende dar a coñecer a nosa cultura, concretamente, as lendas, tradicións e historia da súa terra, Xinzo de Limia. E abofé que o conseguiu!

 

Tamén nos dixo Cándido, no agradable encontro que mantivemos, que as súas preferencias non van hoxe tanto pola novela de intriga e suspense, piar fundamental desta novela, cuxo final non agradou a todos, seica.

Brindamos por moitos outros encontros con este grande escritor para compartirmos novas historias súas!

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro club de lectura: 48 horas