Hoxe venres 8 de novembro o alumnado do obradoiro de regueifas do centro, xunto a parte do alumnado de 1º ESO A e C acudiron ao V Certame Escolar Provincial de Regueifas organizado pola Asociación Oral e patrocinado pola Deputación de Pontevedra.
A sede foi unha vez máis o Centro Veciñal e Cultural de Valadares, onde acudiron dez centros da provincia seleccionados entre todos os que participaron nos obradoiros de regueifa impartidos nos meses de outubro e novembro. Na primeira fase subiron nove alumnos e alumnas do noso centro a regueifar nas diferentes rondas. Na segunda fase, onde xa seleccionaron soamente a vinte regueifeiros e regueifas, pasou Mateo de 4 ESO.
Foi unha xornada festiva onde todos e todas compartimos e ganhamos, parabéns polo bo traballo!
Onte resolveuse o concurso organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística para festexar o Samaín: "Mensaxes desde o alén". Na categoría individual a gañadora foi Giorgina Saavedra Souto de 1ESO B, cun vídeo no que falaba como se dunha meiga feiticeira se tratase. Na categoría grupal as gañadoras foron Gaia Alves e Candela Mellado de 2 ESO B, transformándose nas mulleres do Home do Saco e do Chupasangues e advertíndonos que nos portaramos ben. Moitos parabéns ás gañadoras!!
E para que poidades ter uns felices pesadelos aquí vos deixamos as súas mensaxes.
Xa están dispoñibles para ler as revistas escolares deste curso 2023-2024.
- As cousas do Castelao
- As outras cousas do Castelao
Recollen os mellores traballos, entrevistas, exposicións e artigos deste ano.
Parabéns a ambos os equipos!
Un ano máis volvemos visitar a Fundación Penzol, a que consideramos a nosa casa. O alumnado de 1º de Bacharelato achegouse ata a antiga casa do Concello para coñecer os fondos da biblioteca, as obras de arte que garda e ler a exposición dedicada a Luísa Villalta, homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.
Queremos agradecer a ambilidade e o tempo do seu director, Xosé Manuel Soutullo.
Este xoves 23, o alumnado de 1º ESO quixemos saír e visibilizar a nosa lingua polas rúas da cidade dunha maneira lúdica e divertida. Por isto, participamos na actividade do Correlingua que partiu desde o concello ata o parque de Castrelos. Polo camiño, iamos portando unha bonita pancarta feita na clase de Educación Plástica e Visual e compartindo viaxe con outros 22 centros educativos. Logo, no parque de Castrelos puidemos desfrutar das cancións do grupo de música Cuarta Xusta. Unha xornada festiva ben bonita. Fagamos sentir a nosa lingua no día a día!
Onte, 15 de maio, celebramos no noso centro o Día das Letras Galegas. Comezamos cun concurso poético-literario na nosa biblioteca, onde o alumnado gañador de cada aula tiña que recitar o seu poema diante dun xurado. A continuación tivemos o festival propiamente, onde homenaxeamos a poliédrica Luísa Villalta, a través da lectura da súa poesía e dunhas pinceladas biográficas con acompañamento do alumnado de música.
Tamén contamos coa inestimable participación das poetas Lara do Ar e Silvia Penas que recitaron obra propia e obra de Luísa Villalta. A parte festiva correu a cargo do alumnado de regueifas e do grupo de pandereteiras do centro.
Unha xornada ben bonita para dar pulo á nosa lingua!
No IES Castelao temos moita canteira de escritores. Co gallo das Letras Galegas, celebramos o II Certame literario As letras do Castelao. En homenaxe á autora deste ano, Luísa Villalta, as composicións foron poéticas e de temática libre.