Dinamización Lingua Galega

Cinta Adhesiva visita o IES Castelao

Co gallo do día da muller, o xoves sete, tivemos a oportunidade de desfrutar da poesía e música de Cinta Adhesiva. Letras comprometidas e de gran calidade poética cunha posta en escena entre sombras e cores. Grazas por compartir con nós este traballo tan cheo de forza e matices!

 

 

Álbum: Curso 2023/2024 -> Espectáculo con Cinta Adhesiva

23f Día de Rosalía de Castro

Un 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Ela é o emblema de Galicia, a muller que conseguiu facer historia e, o máis importante, mudar o rumbo da historia. Xa coetáneos do seu tempo, coma Curros, lle dedicaban versos que describían a brillante figura que era: unha muller “que tiña na fronte unha estrela e no bico un cantar”.

Álbum: Curso 2023/2024 -> 23f Día de Rosalía de Castro

Imos ao teatro, á sala Ártika, ver Mosca

O alumnado de 2º de ESO acudiu á sala Ártika para gozar da representación de “Mosca” e descubrir en primeira persoa o significado da violencia e o acoso.
Tras a representación tiveron a ocasión de intercambiar opinións cos actores nun coloquio que consideramos realmente enriquecedor.

O Castelao xa está nas rúas do barrio coa campaña Aquí tamén se fala galego!!

O noso alumnado xa está espallando a campaña nas rúas da contorna do instituto, coñecendo ás e aos comerciantes e visibilizando a lingua. En breve teremos exemplos concretos deste bo facer.

 

 

Entroido galego: traxe, historia e tradición

O alumnado de 4 PDC visitou a exposición: Entroido galego: traxe, historia e tradición.

A mostra recolle nove traxes do Entroido tradicional galego, con breves fichas descritivas con datos de interese cultural. Merdeiro, Peliqueiro, Boteiro… e a ti, cal che gusta máis?

Álbum: Curso 2023/2024 -> Visita exposición os traxes do Entroido

Lectura do manifesto da campaña: Aquí tamén se fala galego

Comezamos no IES Castelao a nosa participación na campaña “Aquí tamén se fala galego".

Esta iniciativa, ideada polo IES Rafael Dieste e secundada por máis de 170 centros escolares da Galiza, pretende erradicar a falsa imaxe de que nas cidades non se fala galego.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Lectura manifesto da campaña: Aquí tamén se fala galego

Charla Merdeiros 29 xaneiro

Este luns, dous membros da asociación "A merdeira" do Casco Vello de Vigo achegáronse ao noso centro para presentarnos o Entroido galego e principalmente o personaxe do Entroido vigués, "o merdeiro" que estivo silenciado durante a época da posguerra por ser incómodo para o réxime. Descubrimos de onde vén o seu nome, o porqué da súa vestimenta e máscara e as súas orixes.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Charla merdeiros

Bernardo Atxaga visita o IES Castelao

O día 5 de decembro ficará gravado na historia do IES Castelao pola visita de Bernardo Atxaga.

O acto foi presentado polos nosos alumnos Héctor Barbosa e Sandra López coa colaboración do profesor Ramón Nicolás. Eles deron paso aos distintos momentos en que se dividiu o encontro.

A primeira parte consistiu nun recital de poemas tirados da obra de Atxaga, Exteriores do Paraíso, e dunha escolma da literatura galega. As sinerxias entre o euscaldún e os autores elixidos púxose de manifesto nas voces do noso alumnado, co acompañamento musical da man das nosas pianistas Antela Pedrido e Carmen Bastos.

Lecturas:

-“Escribo nunha lingua estraña” (Clara González) - “Letanía de Galicia”, de U. Novoneyra (Carmen Bastos, Jenni Rodríguez, Xan Carrera, Pablo López, David Giráldez, Hugo Alonso e Rodrigo Fernández Porteiro).

-“O grilo é un poeta monótono” (Julieta Núñez) - “Respice finem”, de Vázquez de Neira (Uxía Marinho).

-“O dicionario das pedras” (Lucía González) - “Longa noite de pedra” , de Celso Emilio Ferreiro (Bruno Alonso).


- “Sobre o paraíso con trombón” (Diana Labbad) - “Blues”, de M. Rivas (Alexandra Alonso).


- Egun finlandiar bat (Garikanorekin hizketan telefonoz) (lectura en éuscaro por Isaac Elcorrobarrutia) - “Un longo día finlandés” (tradución ao galego e lectura a cargo de Nicole Alonso, Marcos López e Sara González).
 


 

A seguir, Bernardo deleitonos coas súas anécdotas vitais e literarias, conseguindo ter prendados os asistentes.

Para a ocasión o Paraninfo Xela Arias foi adobiado con traballos do alumnado de Expresión Artística que se inspirou na obra de Bernardo Atxaga Exteriores do Paraíso. (Selene Abalde, Laura Castro Rivero, Sofía Gallego Alonso; Taxia da Cunha da Silva, Antía Álvarez Pillado, Breixo Merino Gómez; Carmen Martínez Noguerol).


Finalizamos o acto coa interpretación da canción popular “A miña burriña”, que tanto lle gustaba a Francisco Fernández del Riego. O noso cantareiro e pandereteiro Leo Noel foi, ademais, quen lle entregou un agasallo moi especial en nome de toda a comunidade educativa do IES.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Encontro literario con Bernardo Atxaga

Certame Escolar Provincial de Regueifas

O venres 24 de novembro o alumnado do grupo de regueifas, xunto a parte do alumnado de 2º ESO A e C acudiron ao IV Certame Escolar Provincial de Regueifas organizado pola Asociación Oral e apoiado pola Deputación de Pontevedra.

A sede foi unha vez máis a Asociación de Valadares, onde acudiron dez centros seleccionados entre todos os que participaron nos obradoiros de regueifa impartidos nos meses de outubro e novembro. Na primeira fase subiron dez alumnos e alumnas do noso centro a regueifar nas diferentes rondas. Na segunda fase, onde seleccionaron soamente a vinte regueifeiros e regueifas, pasaron Noelia e Mateo. E finalmente, na fase final onde só seleccionaron a catro persoas, conseguiu entrar Noelia, quen recibiu unha tableta como agasallo.

Álbum: Curso 2023/2024 -> Certame de Regueifas
Distribuir contido