Hora de Ler

Hora de Ler do 13 de Maio: Letras Galegas

         Poesía | Pensamiento, emoción, Bach y 'muiñeira vella': esto ...

          Este ano homenaxéase o 17 de Maio a Luísa Villalta. Para quen queira achegarse á súa figura ofrecemos aquí algúns recursos para usardes nesta Hora de Ler da semana das Letras Galegas.

          Contamos cunha biografía musicada que comparte o CEIP Chans-Bembrive ou o seu poema "Estación" musicado por Sandra Tenreiro ou César Morán.

          Tamén podemos afondar nalgún dos seus poemas da man de Xosé Mª Álvarez Cáccamo (xúntase abaixo PDF).

          A Real Academia Galega fornece, amais da biografía recollida no primeiro enlace, moitas novas e vídeos sobre a autora, algúns moi breves e ilustrativos da súa vertente literaria e musical (Palabra de muller, 2'09'').

          Máis lúdico, do equipo Bibliocuntis envían un xogo de versos e imaxes para emparellar do seu poemario Papagaio, que tamén xuntamos abaixo en PDF.

          E non esquezades desfrutar da magnífica exposición que hai no vestíbulo con traballos do alumnado de Plástica sobre textos de Luísa Villalta.

 

Felices Letras Galegas !

Hora de Ler arredor do Día do Libro

              

          Vimos desenvolvendo desde hai días unha chea de actividades sobre autores, libros e lecturas. Ninguén é alleo á festa do libro, ao Día do Libro.

          Esta festa celébrase desde hai ben tempo en España e máis recentemente a nivel mundial como unha data de reivindicación da lectura e tamén dos dereitos de autor. Faise cadrar a efeméride coa curiosa coincidencia do falecemento na mesma data de ilustres escritores: Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega.

          Para celebrar o Día do Libro realízanse moitas actividades: feiras, exposicións, conferencias, concursos, lecturas compartidas, a lectura ininterrompida do Quixote, solta de libros... No instituto levamos días con reunións sobre libros, facendo lecturas públicas, cun concurso de microrrelatos aberto a todo o alumnado e outras actividades.

          Fóra do centro, entre os premios que se conceden por estas datas é de salientar o Premio Cervantes, que se entrega cada 23 de abril no paraninfo da Universidade de Alcalá de Henares e que este ano correspondeu a Luis Mateo Díez.

          Convidámosvos nesta Hora de Ler a que desfrutedes da prosa deste insigne narrador, co breve fragmento titulado "El lobo".

          Que vos guste!

Hora de ler - 8m

Dende a Biblioteca Ramiro Fonte sumámenos á conmemoración do 8m, Día Internacional da muller. 

Por iso propomos, para a hora de ler do xoves 7 de marzo (durante a 5ª sesión), unha escolma de textos narrativos, poéticos e xornalísticos que abordan este día dende diferentes perspectivas. Ademais, achegamos unha actividade máis lúdica para poñerlles cara a importantes mulleres da historia. 

 

Hora de Ler... a Rosalía de Castro

            LEER Billete de España 500 pesetas 1992 1L2029631 Rosalia de Castro | eBay

           O día 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, recordando o nacemento, hai 187 anos, desta autora auroral das nosas Letras.

          Por esa razón queremos dedicarlle a sesión da HORA DE LER deste xoves 22 de febreiro (día, por certo, do 85º aniversario do falecemento en Collioure de Antonio Machado,  e ambos cantaron nalgún momento co mesmo ton: Unha vez tiven un cravo / cravado no corazón... / Mi cantar vuelve a plañir: "Aguda espina dorada / quién te pudiera sentir / en el corazón clavada").

          Ofrecemos unha escolma de textos de Rosalía de Castro, así como unhas actividades e uns pasatempos sobre a figura e a obra da nosa escritora pioneira.

          Aproveitade para visitardes a instalación do vestíbulo feita polos departamentos de Plástica e Lingua galega. Contemplade a Rosalía retratada e lede os seus versos viaxando polas augas imparables que a trae a nosa mocidade.

          Sempre viva Rosalía!

En xaneiro lemos a Castelao

                   

                    O 30 de xaneiro celébrase o Día da Ilustración recordando a data de nacemento do escritor de Rianxo que dá nome ao noso centro.

          Nós homenaxeámolo sempre e especialmente nestes días; por iso propoñémosvos algunha lectura del para a Hora de Ler.

HORA DE LER

         

         

          Hoxe 31 de outubro, ás 9:50, desenvolverase a segunda sesión da HORA DE LER.

          Como andamos no tempo do Samaín, das historias de defuntos e pantasmas... recomendámosvos unha lectura que podedes facer compartida en voz alta entre todos na clase. Ademais é de Castelao, o autor que levamos como bandeira do noso centro.

          Trátase de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete.

          Que gocedes desta HORA DE LER!

HORA DE LER: Non pases palabra!

         

          Para  celebrar as Letras Galegas propoñémosvos nesta Hora de Ler que busquedes información e atopedes o nome correspondente ás autoras (ou un título) deste "rosco"

          Elas son mulleres que escribiron ou que escriben e poucas delas, polo de agora, foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Pero todo vai andando nese camiño.

          A ver cantas atopas!

          Non pases palabra!

En abril, enigmas mil

          Na Hora de Ler do xoves 20 de abril enviouse nas Caixas Viaxeiras un novo enigma deste Mes dos Libros. Trata arredor do DÍA DO LIBRO. 

          Tamén irá o cuestionario nas Caixas na Hora de Ler deste xoves 27 de abril e pódese ver aquí tamén. Entre os que entreguen algún dos enigmas destes meses de abril e maio debidamente cubertos sortearemos un vale de 25 € para libros ou material escolar, de  debuxo..., coma sempre.

          Animádevos a resolvelos!

Distribuir contido