Que che pareceu...?

Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta

O grupo de lectura de 3º A e B  leu  na 1ª quincena de maio  Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta  de  Ledicia Costas.

O texto, en xeral, gustou ao alumnado. Ana recomenda a súa lectura por ser moi entretido xa que conta sucesos con personaxes reais como Sanjurjo ou Jules Verne e fantásticos como o tema das mulleres planta.  Que se desenvolvese a historia en Vigo e nas Illas Cíes tamén lle dá á historia un punto de realismo. Elisa sostén que a historia, ademais, está presentada como unha intriga ou misterio que se vai desenvolvendo ao longo da novela. Tamén hai emoción e sentimentos, di África, como o que sentiu ela co reencontro de Azucena coa súa filla.

A visita do inspector

A VISITA DO INSPECTOR | J. B. PRIESTLEY | Casa del LibroA visita do inspector  

O outro grupo de lectura de 1º Bacharelato A e B leron e comentaron a peza de J. B. Priestley A visita do inspector.                     

Erros e tánatos

O grupo de lectura de 1º Bacharelato A e B leu no mes de abril  o libro de relatos de Gonzalo Navaza Erros e tánatos.

Ao alumnado xa lles chamou a atención o tan suxerente e enigmático título. Na mitoloxía grega, Eros era o deus do amor e Tánatos o da morte. Xuntos e contrapostos  conforman os dous instintos básicos do ser humano. Neste libro o autor xoga cos termos Eros e Erros, algo que lle pareceu moi orixinal a Irene, e que responde ao feito de que na maioría dos relatos hai erros que levan a tánatos.

 A Xoel, Ainhoa e Bárbara gustoulles o xiro dramático, ás veces, pero sempre sorprendente que teñen os relatos ao final. Tamén ese humor e ironía que presentan, e que desdramatizan as historias, é algo a destacar e que fai o libro moi atraente.

Non te amola!

Non te amola!, de Xela Arias.

O grupo de lectura de 2º ESO E leu ao longo desta semana coa súa profesora Mónica Soto a obra de Xela Arias Non te amola!

O libro encantoulles e algúns deles expresan a súa opinión a través de cartas á propia autora. Velaquí algunhas:

Esta si que che é desgraza

Recursos teatrais para a expresión dramática na escola Didáctica E Outros  Materiais Educativos - Materiais: Amazon.es: Casalderrey, Fina: Libros

“Esta si que che é desgraza”                  Fina Casalderrey

O grupo de lectura de 3º ESO B leu na  clase  durante a semana do 6 ao 9  de abril a  peza  de teatro  “Esta si que che é desgraza” da obra  Recursos teatrais para a expresión dramática na escola, de Fina Casalderrey. Esta peza é unha teatralización libre da Cousa de Castelao “Se eu fose autor teatral”.

Fixemos a lectura teatralizada e  os alumnos compararon e comentaron a versión lida.

Carriandola

          Carriandola, de  Aloysius e Simón Blanco

Estamos no ano 2020. Mais non no noso 2020. Nesta realidade alternativa, o mundo leva na escuridade 12 anos. Logo do grande apagón, a electricidade desapareceu, talvez para sempre. Galicia vive tempos convulsos, de medo, tebras e fanatismo. Mais algo está a piques de mudar nun recanto da Vía da Prata que se dirixe a Santiago. Mariña, unha nena especial, alérxica ás mentiras, vivirá unha inesperada aventura na procura da luz.

Esta abraiante viaxe foi seguida por un grupo de alumnos de 2º ESO C que nos dan a súa opinión sobre este fermoso texto.

Dúas moedas

Un grupo de alumnos de 2º ESO C  leu no1º trimestre  Dúas moedas, de Núria Tamarit. Na obra,  Mar, unha adolescente europea, viaxa a Senegal acompañando á súa nai, que traballa no proxecto de construción dunha biblioteca e unha emisora de radio nunha aldea  ao norte da rexión. Pronto se decatará  de que a metade da súa equipaxe eran tópicos, prexuízos e descoñecemento.

 Velaquí o que opinan sobre esta fermosa historia algúns dos alumnos:

Antía Álvarez Pillado:  “O que máis me gustou do libro foi a representación das persoas de África. Os medios de comunicación case sempre representan os refuxiados ou os de países de África como “pobres negritos” que necesitan axuda, pero o que necesitan, en realidade, é voz para contar o que pasa”

Mei You Falagan Mota: “O que máis me gustou foi o significado que se lle dá á historia da viaxe de Mar, a protagonista. Reflicte moi ben que, aínda que teñas moitas cousas non por iso vas ser máis feliz. É unha historia moi bonita!”

Lais Guimarães Paro Bellagamba: “O libro en xeral é moi bo e o feito de ensinar curiosidades sobre a forma de vida que leva a xente de Senegal e a súa cultura é fantástico e, dende o meu punto de vista, educativo”.

Emmanuella Obinyimkyina Otsiwah: “O que máis me gustou foi a trama e o colorido dos vestidos das mozas de Senegal e os debuxos en xeral. Gústame tamén a personaxe principal e a historial toda”.

Beleza vermella

 Beleza vermella           Arantza Portabales

En Santiago cométese un espantoso crime que, en realidade, semella unha obra de arte. Unha instalación de vangarda. A asasinada é a sobriña da máis importante artista galega, e a maneira en que aparece o cadáver semella un dos seus traballos de vangarda. Seis persoas, todas achegadas á vítima, son sospeitosas, porque todas poderían ter motivos para cometer o crime.

O grupo de lectura de 1º Bac A e B leu e comentou esta novela de A. Portabales.  En xeral, a valoración é moi positiva. Naiara comenta que o libro lle encantou, tanto que llo recomendou a súa nai. O que máis lle gustou son o ben que  están entrelazadas e desenvolvidas as distintas historias ata chegar ao desenlace. Mantén a intriga ata o final. A Pedro gustoulle especialmente como están tratados os personaxes, con tanto transfondo, e as relación  que se establecen entre eles,  de xeito que todos son posibles asasinos de Xiana, todos tiñan motivos e isto non se despexa ata o final. David cre que a autora logra darlle profundidade á trama porque non se centra só no caso de Xiana senón que tamén amosa a vida e preocupacións dos outros personaxes. A isto engádese o emprego de varios narradores, o  que dá varias perspectivas á historia.

Distribuir contido