A visita do inspector J. B. Priestley
No mes de marzo alumnos de 1º de bacharelato A e C analizaron esta peza de Priestley.
A obra comeza cunha cea na casa da familia Birling, na que celebran compromiso entre Sheila, a filla dos Birling, e Gerald Croft. De súpeto aparece o Inspector Goole que lles comunica que unha moza se suicidou cun desinfectante. Co transcorrer da obra, descóbrese que todos os integrantes da familia e o noivo de Sheila tiveron algunha relación con esa moza, que ía cambiando o nome. Foi empregada do Sr. Birling e despedida; Sheila fíxoa botar por bobadas, Gerald tivo unha relación como amante, a Sra. Birling non a quixo axudar cando foi a pedir axuda a un fogar de mulleres e o fillo que esperaba a moza era de Eric, fillo da familia. Vaise o inspector e decátanse de que non existe ningún policía chamado así e que ningunha moza morrera dese xeito. Pero cando parecía que todo era unha broma ou o home era un tolo, soa o teléfono e comunícanlle a Birling que morreu unha moza por tomar desinfectante e que un inspector de policía irá á súa casa para interrogalos.
A trama da obra mantívonos enganchados de principio a fin, por como transcorre a historia, polo papel de xuíz do falso inspector e a tensión que xera dende que aparece.
A súa estrutura circular era algo inesperado. A intriga que se mantén ao longo da obra fai que a nosa mente constrúa un final que en nada se parece ao que elabora o autor, impactante e inesperado. Ademais, constitúe unha crítica da sociedade inglesa da época, moi clasista, e fai que o lector-espectador reflexione o sobre os seus actos e as consecuencias que estes poden causar nos demais.
Daniel Valdivieso, Lucía Jorge e César Rodríguez
Anagnórise Mª Victoria Moreno
Un grupo de alumnos de 3º A lemos e comentamos este trimestre a obra Anagnórise de Mª Victoria Moreno.
A novela cóntanos a historia de Nicolau Arís, un rapaz con problemas que un día decide deixar os estudios no Instituto e marcha a Madrid co propósito de encontrar a uns amigos que se dedican a negocios relacionados co tráfico da droga. A viaxe en autostop faina cunha muller intelixente, de nome celosamente oculto, que o recolle na estrada, e coa cal fala durante as horas que pasan xuntos dentro do coche. Os diálogos van revelando a personalidade de ambos. Xa no destino, Nicolau e a súa amiga ocasional sepáranse sen que o rapaz saiba o nome dela. Ó remate, despois de que Nicolau entre en contacto cos compañeiros que o agardan en Madrid, irá buscar a súa amiga. Só entón saberá o seu nome.
A obra gustounos moito á maioría do grupo, pois fala dunha historia bastante realista e trata de moitos problemas da vida cotiá da xente da idade de Nicolau. Tamén se poden ver as preocupacións, os cambios, avances e reflexións do protagonista ao longo da viaxe. Fíxonos reflexionar sobre todo o que conta.
Valoramos a obra como moi entretida. Destaca o personaxe de Xulia, a intriga que se mantén sobre quen será esta muller e o xiro inesperado do final: era a nai de Natalia, a “moza” do protagonista.
Lucía Prieto, Ainhoa Marcos, Noelia Carollo e Candela Estévez
Unha rosa é unha rosa
Un grupo de alumnos de 1º Bac A e B lemos ao longo do 2º trimestre esta obra de teatro de Suso de Toro.
Unha rosa é unha rosa (Unha comedia de medo) cóntanos a historia da vella Rosa, que reparte a súa herdanza en tres partes, entre os seus dous sobriños, Pololo e Adela, e a filla doutra sobriña xa morta. A vella Rosa é seguidora na televisión dos telefilmes do detective tenente Colombo, do que sabemos da súa ascendencia galega. A morte da vella Rosa, en estrañas circunstancias, desencadeará unha divertidísima trama de enredo que remata cunha inevitable hecatombe tráxica.
Álvaro Aira di que o pasou moi ben lendo o texto. Os personaxes, simples, provocan unha gran comicidade por como son descritos. Os seus diálogos son chispeantes e reflicten a súa personalidade ridícula. Tamén lle atraeu os cambios repentinos no guión e a concentración da acción cara ao final.
Da mesma opinión é Santiago Leboreiro, que engade que ademais de ser divertida invita a reflexionar sobre o que se pode chegar a facer por avaricia, pois a peza critica claramente á sociedade actual da "comodidade e da ambición".
Outros alumnos comentan como o autor nos vai avisando do que lle vai suceder á vella Rosa a través das escenas da televisión en que ve a serie do tenente Colembo.
Recomendan a súa lectura.
Álvaro e Santiago (1º Bac A e B)
Os nenos da varíola
María Solar
Os membros do Club de Lectura de novela histórica lemos ao longo do mes de marzo esta novela de María Solar que levou o Premio Fervenzas Literarias 2017 ao Mellor Libro Xuvenil do ano e o Premio Gala do Libro 2018 na categoría de Mellor Obra Xuvenil.
A historia sitúanos na Coruña do 1803. A través da acción coñecemos a pobreza da época, que obrigaba aos país a deixar os nenos no hospicio por falta de recursos. Ás veces, poucas, cando os país melloran economicamente volvían recollelos. Noutros casos os nenos eran abandonados alí por diferentes circunstancias.
Pola historia sabemos tamén dun importante feito médico: a Real Expedición Filantrópica da varíola, na que participaron rapaces de diferentes orfanatos. Así achégasenos a unha das aventuras máis importantes da historia da humanidade, protagonizada por uns nenos que non tiñan idea de facerse heroes. Nos seus pequenos corpos, brazo a brazo, levaron a vacina da varíola a América. Sacados deste hospicio da Coruña e dos de Santiago e Madrid, cruzarán o perigoso Atlántico formando parte da Expedición do doutor Balmis e na que Isabel Zendal, a directora do orfanato, xogará un papel determinante.
Dos personaxes destacamos a Ezequiel, que conseguiu mellorar de vida; a Clemente e Valentina polo seu cariño e a Isabel Zendal, que non abandona aos seus nenos na travesía a América.
Malena, Noelia e Rosalía (3º ESO A)
FAIRY TAIL 1 HIRO MASHIMA
Outro grupo do Club Manga lemos ao longo do mes de marzo o volumen 1 da saga FAIRY TAIL,de Hiro Mashima.
Este volume explica os primeiros capítulos da historia. Neles vemos como o gremio de meigos Fairy Tail é o máis temido de todo o reino. Alí conviven os magos máis duros, os máis atrevidos... e os máis destrutivos. Lucy é unha moza que quere ingresar en Fairy Tail para poder desenvolver os seus poderes máxicos e cumprir os encargos que lle poidan saír desde o gremio. É así como coñece a Natsu, un Dragon Slayer, mago que utiliza a maxia dos dragóns, e que lle permite converter en lume calquera parte do seu corpo. Xunto ao resto dos seus compañeiros, enfrontaranse aos encargos máis temibles e duros que lles poidan chegar, ata contra outros gremios que ansían o poder de Fairy Tail.
A obre gustounos moito porque está chea de aventuras e “romances”. Máis dunha vez aparecen inimigos cos que se fan máis fortes e fan novas amizades. Con todo, os “malos” son demasiados malos: Zeref é é o mago maís malvado posible, Acnologuia era un home que mata a tantos dragóns que se converteu nun…, mais tamén son moi divertidos e entretidos.
Lara Agra
ONE PIECE Nº 1 EIICHIRO ODA
Algúns dos membros do Club de Lectura de Manga lemos na primeira quincena de marzo o volume I da serie One piece, do mangaka Eiichiro Oda.
Neste manga, o primeiro da serie, preséntasenos os personaxes e pónsenos en contexto:
Gold Roger, o lendario Rei dos piratas deixou o One Piece -o seu lendario Tesouro- escondido nunha zona do mundo chamada GRAND LINE e os piratas máis fortes compiten por achalo. Un neno chamado Luffy quería ser pirata, pois idolatraba a Shanks, o líder dunha tripulación que visitou a súa vila. Un día, por accidente, Luffy comeu unha froita do diaño do botín de Shanks. Grazas a esa froita, o seu corpo volveuse de goma pero nunca poderá nadar. O día que os piratas abandonaron a vila, Shanks obsequioulle a Luffy a súa mais preciada posesión: o seu chapeu de palla. Dez anos pasaron desde ese día e Luffy saíu ao mar buscando converterse no novo Rei dos piratas. Aquí comeza a grande aventura de Luffy!
Os lectores opinan que o libro está cheo de acción, que é moi divertido. Os personaxes están ben construídos e a trama ben pensada, tanto que te atrapa e unha vez que comezas a lelo, sen decatarte, estás inmerso nun mundo de piratas, tesouros, amizade e aventuras. Isto fai que che apeteza ler os seguintes volumes.
Para Rafael Ferreira, de 1º ESO A, este foi o primeiro libro de manga que leu e custoulle un pouco lelo, pois nunca lera os textos ao revés. Como aos demais membros do club que o leron, gustoulle moito o grafismo, os debuxos así como as aventuras. Ademais cren que o argumento destaca valores como o espírito de superación, a tolerancia cara á diferenza e o compañerismo. Danlle un dez sobre dez.
Lynette Álvarez, Rafael Ferreira e Ikenna Ezine Costas
El pupitre de al lado Takuma Morishige
En febreiro, algúns membros do Club de lectura de Manga leron e comentaron o libro de Takuma Morishige El pupitre de al lado.
Este manga, en xaponés Tonari no Seki-kun e cuxa tradución literal é O meu veciño Seki, é un obra que nos teletransporta á aula onde estudan os protagonistas, Yokoi e Seki.
Yokoi é unha estudante aplicada que senta ao fondo da clase, mentres Seki, o seu compañeiro de ao lado, non presta ninguna atención aos profesores e ás súas explicacións. Seki ponse a xogar con cousas que trae na súa carteira escolar .Yokoi tenta prestar atención en clase pero día tras día resúltalle imposible “grazas” ás travesura do seu compañeiro de pupitre. Travesuras que a pesar de que comezan sendo máis ou menos normais, como debuxar cousas na mesa, facer circuítos de dominó con gomas de borrar ou tecer, pronto se volverán máis e máis excéntricas. Estas distraccións case sempre terminan custándolle unha regañina á rapariga, mentres que Seki parece ter o don de evitar calquera incriminación. Yokoi pídelle que atenda ás clases pero el non lle fai ningún caso.
A obra consta de varios capítulos autoconclusivos, tiras cómicas cunha extensión máis longa do habitual, que manteñen un mesmo esquema narrativo.
É unha obra moi entretida e interesante porque aínda que os personaxes non falan e o único texto que sae é o dos pensamentos de Yokoi, enténdese perfectamente. É moi simpática, repleta dun humor moi branco. O ritmo é moi áxil e dinámico, grazas á curta duración de cada capítulo e da unidade de espazo, tempo e personaxes, que sempre adoitan ser os mesmo.
P. A. R., de 2º ESO A, di que este manga serve como unha boa lección do que NUNCA hai que facer na clase.
Os lectores recomendan este libro.
Lynette Álvarez (1º ESO B) e P. A.R. (2º ESO A)
O achado do castro Manuel Núñez Singala
Na 1ª avaliación, os alumnos de 2º de PMAR, coa profesora do Ámbito Lingüístico Irene del Río, leron, interpretando os distintos personaxes, obra de teatro O achado do castro. Ademais, comentaron a peza entre todos. O texto gustoulles moito pola historia, moi divertida; polos personaxes, ridiculizados polo autor, que eran moi simpáticos e tamén por como falaban.
Destacamos a opinión de Andrea Villalba: “O libro pareceume moi entretido, xa que era unha obra de teatro na que todos tivemos que participar. Gustoume o xeito divertido de falar dos personaxes. O achado do castro ten moitos secundarios moi graciosos e accións inesperadas. Algúns dos personaxes que máis me gustaron foron Carmiñae, Manolitus, Catulo e Caleno”.
Texto
Durante o mes de xaneiro os membros do club de novela histórica, de 3º ESO A, leron a obra de César Mallorquí La catedral. Escolleuse esta novela porque nos interesaba coñecer aspectos da vida da Idade Media e esta é a época na que se sitúa a acción.
Telmo Yáñez parte de Navarra cara a Bretaña porque foi elixido imaxineiro para participar na construción da catedral de Kerloc´h, financiada pola orde da Águila de San Juan. Pero esa catedral encerra crimes e macabras ofrendas. Esta Orde invoca en realidade ao diaño, e Telmo sairá vitorioso na súa loita contra o Mal.
Nesta obra, que nos gustou moito, mestúrase historia medieval, intriga e fantasía. Tal e como vemos no mapa que realizou Rosalía, Telmo parte de Estella a Bretaña e xa se nos vai presentando os lugares que percorren os peregrinos no Camiño de Santiago. No trascurso da novela coñecemos moitos datos da época medieval como as clases sociais: nobres, cregos, guerreiros, servos e artesáns, que dependían dun señor feudal, e logo os construtores, entre os que se encontra Telmo, que eran a única clase libre. Tamén coñecemos as ordes relixiosas que participaron nas Cruzadas: a Orde dos Templarios e a da Águila de San Juan. Esta última é a que encarga a construción da catedral de Kerloc´h, pero para honrar ao demo, pois Carcassone cre que nas cruzadas foi abandonado á súa sorte por Deus. Tamén lles chamou a atención a escasa presenza feminina na historia, só Valentina e a súa nai, o que reflicte a situación da muller na época.
En resumo, o libros resultou moi interesante pola intriga, fantasía e o que se nos conta da época medieval. Moi recomendable.
Noelia Carollo, Rosalía Van Raaij e Malena Lorenzo
INAZUMA ELEVEN 1, 2 e 3 TENYA YABUNO
Os membros do Club de Lectura de MANGA, de 1º ESO B, leron neste mes de xaneiro Inazuma 1,2 e 3, de Tenya Yabuno. Os textos gustáronlles moito, pois tocan o tema do fútbol, deporte que lles apaixona, e ademais son divertidos, emocionantes, con algo de intriga, e de fácil lectura. Destaca a opinión de Ikenna E. Costas que di que estes mangas ensinan que hai que traballar en equipo para conseguir o premio final. Tamén lle chamou a atención a escasa presenza de rapazas, porque, di, o fútbol tamén é un deporte de mulleres. Encántanlle os debuxos en branco e negro e a súa perfección. Dos tres volumes, o alumnado considerou máis interesante o número 1.
Velaquí un breve resumo dos tres volumes:
INAZUMA ELEVEN Nº 1
Mark Evans é o capitán e porteiro do club de fútbol do seu colexio. Malia o seu talento, non teñen un auténtico equipo de fútbol e os mesmos alumnos da súa escola non parecen moi interesados en xogar. Pero cando aparece un misterioso xogador, o equipo ponse en marcha, e o protagonista sairá a buscar e reclutar novos membros para o equipo.
INAZUMA ELEVEN Nº 2
O encontro entre o equipo de Arion e o do Sector 5, a organización que controla o resultado dos partidos, chega ao seu momento culminante neste volume 2. Dez anos despois de que o equipo de Mark Evans revivise a forza do lóstrego, un novo rapaz entusiasta do deporte rei, Arion Sherwind, chega ao Instituto Raimon para manter viva a lenda.
INAZUMA ELEVEN Nº 3
O Raimon loita por participar no Fútbol Frontier. Na fase clasificatoria intensifícase o choque de supertécnicas fronte a novos contrincantes.