Un fatiño de rapaces do Club, de 1º da ESO, estiveron a preparar unha lectura colectiva de dous dos contos aos que Roald Dahl lles dá unha volta na súa colección titulada, en castelán, "Cuentos en verso para niños perversos".
Despois de ensaiar durante unha chea de recreos ata encaixar ben os personaxes e non cometer erros, fixeron a lectura pública dentro das sesións que se levaron a cabo na semana do 24 ao 28 de abril no salón de actos do instituto para celebrar o Día do Libro deste ano 2017.
Ademais, algúns fixeron ilustracións, tanto para a lectura de Roald Dahl como para o personaxe de Don Quixote que, como non podía ser doutra maneira, protagonizou moitas das outras lecturas que se fixeron eses días.
Velaquí queda o testemuño gráfico tanto da actuación como da mestría dos debuxantes
Gústanos moito esta historia aínda que algúns pensamos que o final debeu ser feliz. É incrible o ben que están feitos os debuxos, que van narrando as historias paralelas con escenas sempre semellantes…
Esta historia gráfica relata a vida dun mozo e unha moza que viven na mesma cidade moi preto un do outro sen que nunca cheguen a atoparse, porque sempre saen en direccións opostas da casa. As súas vidas están como baleiras sen coñecérense. Pasa o tempo e esa falta énchese porque se atopan casualmente, pero unha sucesión de casualidades fai que se separen.
O encontro entre os mozos pode resultar “empalagoso”, como lle parece a Rosalía, pero a ela mesma sedúcea a forma na que imos coñecendo a cidade na que viven, o paso das estacións… sen encontrarse. Lucía Pereira considera que o encontró é “forzado” e, sen embargo, a Sergio gustoulle porque é coma se se coñecesen de toda a vida.
Outras Lucías (Coto, Prieto) consideran inapropiado o final, non lles gusta por quedar como incompleto, porque debeu ser un final feliz. Igual opina David, marabillado polos debuxos, sobre todo os das escaleiras, tan ben feitas, aínda que chegue a resultar algo inverosímil que os protagonistas non se crucen nunca.
Lía destaca a maneira como están mesturadas as cores e como están dadas as sombras nesta historia que a todos se lles fixo curta e lles gustou, porque o final, que non é feliz nin redondo, faite pensar.
Lucía Coto, Lía García, Iago Gil, David Troncoso (1º ESO-B)
Carlos Heras, Daniela Oliveira, Lucía Pereira, Lucía Prieto, Sergio Puente,
Rosalía Van Raiij (1º ESO-C)
O libro de Patrick Ness conta como vive un rapaz de trece anos a doenza da súa nai enferma de cancro. Conor, o protagonista, pasa por unha etapa moi complicada e o mundo real vólveselle máis serio do que pensaba.
O monstro é unha figura creada pola súa imaxinación que o visita moitas noites ás 00:07 para axudalo a asumir a súa situación. El vaille contar tres historias nas que o ben e o mal son relativos. Por suposto, o feito de que a súa nai estea a sufrir entristece a Conor pero hai cousas que, aínda que un non queira, teñen que pasar. No pesadelo final non quere desprenderse dela pero ten que facelo, entende que iso non sería tan malo… Nas historias, ese feito atopa unha xustificación.
A enfermidade da nai marcará na novela un momento de tránsito: o final e o comezo dunha nova etapa que o protagonista vive coa axuda do monstro (“a árbore da vida).
O tema é a perspectiva da enfermidade, o cancro, desde a mocidade. Recomendamos ler o libro para entender que pensa e sente Conor nesa situación.
Laura Calvar, Humberto Díaz, Samuel Fernández,
Ana Soneira , Jessica Valcárcel