El peligro de la historia única
Chimamanda Ngozi Adichie / Marina Garcés
«Las historias importan. Importan muchas historias. Las historias se han utilizado para desposeer y calumniar, pero también pueden usarse para facultar y humanizar. Pueden quebrar la dignidad de un pueblo, pero también pueden restaurarla.»
El peligro de la historia única é a transcrición dun discurso que deu a escritora Chimamanda Ngozi Adichie nunha charla TED no ano 2009.
Ademais da transcrición do discurso, o libro contén unha reflexión final a maneira de epílogo, na que a filósofa española Marina Garcés desenvolve unha explicación sobre as historias dunha idea, e alerta sobre os perigos de restrinxir o noso punto de vista a unha soa cousa.
Rosalía Van Raaij, de 3º ESO A, opina que o libro é unha reflexión moi interesante sobre o feito de ter só unha única versión dunha historia, persoa… Comparte a opinión da autora e de Marina Garcés de que ter unha única versión de algo é moi perigoso. A ignorancia é a arma máis poderosa das ditaduras. Defende que temos dereito a saber a verdade e así poder ter opinión sobre os feitos, polo que é necesario coñecer os distintos argumentos e versións das cousas.
O asasinato de Roger Ackroyd Agatha Christie
"A señora Ferrars morreu a noite do 16 ó 17 de setembro, un xoves. Mandáronme recado ás oito da mañá do venres 17. Nada se podía facer. Levaba varias horas morta". Así comeza esta obra de Agatha Christie. Nela, monsieur Poirot non só ten que enfrontarse ao caso da desaparecida señora Ferrars –suicidio?, asasinato?–, senón tamén coa morte violenta de Roger Ackroyd. E cal é o segredo da carta azul? Estes e outros enigmas e intrigas debe desentrañar o noso inspector.
Durante os meses de novembro e decembro, Noelia, Malena, Daniela e Rosalía, de 3º ESO A, leron e comentaron esta novela de intriga.
Gustoulles moito a obra por varios aspectos: por como se presentan e van desenvolvendo os acontecementos; por como a autora relaciona as distintas mortes da historia ata chegar ao asasinato de Roger e, sobre todo, polas distintas pistas que van enredando a trama -a ventá aberta, a desaparición de Paton, o ditáfono, os motivos que podían ter os personaxes para matalo…- e que complican as pescudas.
Destacan tamén o carácter observador e o traballo minucioso do inspector Poirot, que coa súa lóxica acaba descubrindo quen asasinou a Roger.
Sorprendeulles moito que, ao final, o asasino fose o narrador, pois nunca percibiron a través da súa voz algo que o delatase.
Por último, comentan a coidada ambientación da historia, no século XIX, e a caracterización dos personaxes, tanto os da clase alta como os criados.
Din que a novela consegue manter o interese e a intriga ata o final.
Hora zulú
Santiago Lopo
Hora zulú foi a novela lida e comentada no mes de novembro por un grupo de alumnos de 1º de bacharelato A, B e C.
Un home aparece ferido e nu ao pé dun acantilado. Ninguén, nin el mesmo, sabe quen é. Intérnano nun psiquiátrico e a través de informes, correos electrónicos e outros textos, vaise descubrindo pouco a pouco a súa identidade e o que en realidade lle aconteceu.
A obra gustoulles moito aos alumnos pola súa orixinal estrutura, que mantén a intriga ata o final –a pesar de que isto nun principio lles facía complicada a lectura-- e pola historia que se conta, relacionada co paso do tempo e o ecoloxismo.
María Prieto, de 1º de Bac. A, di que lle gustou moito, a pesar de que está escrita nun formato ao que non estaba acostumada a ler, porque dende o principio hai bastantes incognitas por resolver. Estas vanse aclarando conforme les os correos e cadernos, que dan pistas sobre a identidade do Profesor, coma pezas dun crebacabezas, ata chegarmos ao caderno final no que se aclara todo.
Martín Carracedo, de 1º C, destaca o tratamento filosófico do tempo así a complexa estrutura da novela.
Resultoulle interesante a obra a Pedro Trincado, de 1º C, a quen tamén lle pareceu complicada a estrutura. Cre que, á parte dos elementos sobrenaturais e de ciencia ficción, é unha historia crible cun toque científico e retranca. As últimas páxinas pasáronlle vertixinosamente, cun bo final que chegou a conmovelo
.
Morning Star Xosé Miranda
Nos meses de outubro e novembro parte do alumnado de 1º de bacharelato A, B e C leron e comentaron esta obra de Xosé Miranda.
Morning Star é unha novela de aventuras ao xeito clásico; unha novela de odios e amores, de sangue, crimes, persecucións, paixóns e esperanzas, gavelas de bandoleiros do século XIX, de pozos con esqueletos, da busca dun tesouro e de dous rapaces procurando a liberdade e aprendendo a vivir.
A obra gustoulle á maioría do alumnado polas aventuras de “piratas” que suceden na nosa terra e porque no fondo dela percíbese algunha das características propias do ser humano: por un lado a ambición, representada nas gavelas, e por outro a superación persoal, coma no caso do protagonista, Lourenço, que de ser analfabeto e delincuente chega a ser médico e boa persoa.
A algúns alumnos chamoulles a atención a violencia de certas escenas, pero como dicían outros reflicten a realidade da época.
Destacamos algunhas opinións do alumnado: Enric, de 1º Bac A, considera a obra moi orixinal, pois di que a historia dos bandoleiros galegos non é unha temática moi tratada na nosa literatura. A obra empeza algo lenta pero logo cada vez se fai máis interesante e non podes parar de ler. Os personaxes están moi ben construídos e aínda que a idea do enfrontamento entre as gavelas polo tesouro pode paracer pouco orixinal, os escenarios galegos e os personaxes de moi distinto tipo, moi cribles, fan que a historia gañe interese en cada capítulo. Enric recomenda esta novela sobre todo para os amantes das aventuras protagonizadas por bandoleiros decimonónicos cun apetecible e fresco sabor galego.
Anxo, de 1º Bac A, di que lle gustou moito polo dinamismo da acción e por como describe o ambiente e a situación histórica. A acción mantente en tensión e emociona.
Álvaro, tamén de 1º Bac A, destaca, entre outros aspectos xa mencionados, que a novela ensina como se vivía no século XIX en Galicia.
En Arnoia, Arnoia Nmógadah, un dos príncipes Segredos das terras de Arnoia vese preso e forzado ao exilio polo pobo dos veciños, invasores da súa terra e asasinos de Mai Loretta, quen antes de morrer lle dá dous obxectos: unha bolsiña máxica e o Libredón. Coa axuda do Libredón, Nmógadah e o Mestre Lionel libéranse dos seus captores e comezan as súas aventuras: o encontro co xigante Hannak, as fragas de Brocelandia, onde recibe a espada Milmanda, as minas de Grou...
Esta novela de Méndez Ferrín foi lida por parte do alumnado de 3º ESO A no mes de novembro. En xeral, gustoulles pero pareceulles algo difícil ao principio. Conforme ían lendo, como dixo Candela, a historia ía enganchándoos polas fantásticas aventuras vividas polo protagonista e sobre todo destacan o sorprendente final.
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta Ledicia Costas
O 21 de maio de 1884 Jules Verne chegou a Vigo a bordo do seu impoñente iate. O afamado novelista levaba moito tempo tras a pista das misteriosas mulleres planta. Na botica do vello Philipot custódiase un importante segredo: alí, aparentando normalidade, viven a avoa Melisa e Violeta, dúas mulleres rodeadas dun halo de misterio. O tempo esgótase: a avoa Melisa está enferma e necesitan atopar unha cura…
A metade do alumnado de 3º ESO A leu ao longo dos meses de outubro e novembro esta obra de Ledicia Costas. Coma outros cursos, a novela gustoulles moito pola súa enorme fantasía. Amanda, por exemplo, comentou que a obra lle resultara moi interesante pola combinación de feitos reais con outros imaxinarios, creando unha historia única e especial sobre un grupo de mulleres metade humanas e metade plantas.
A Rosalía chamoulle a atención a presenza no texto dun dos seus escritores favoritos: Jules Verne.Tamén lle gustou por falar da natureza e da súa conservación. As “femmes plantes” simbolizarían que o ser humano pode convivir sen problemas coa natureza. Noelia, ademais da fantasía da historia, destaca que é un libro cheo de emocións, como o que sentiu ela co reencontro de Azucena coa súa filla.
Anagnórise María Victoria Moreno
Despois de achegarse por vez primeira ao universo adolescente na súa obra Leonardo e os fontaneiros, María Victoria Moreno decidiuse a escribir unha nova novela para un público xuvenil: Anagnórise.
Con esta verba de orixe grega o libro vai facendo un gran xogo ao longo da súa trama, que se configura a través dunha viaxe en coche entre algún punto da Galiza e Madrid. Esta viaxe une as vidas de Nicolau, un rapaz que decide facer autostop para fuxir dos seus problemas, e unha condutora adulta case descoñecida até o final.
As leas do rapaz van dende unhas malas relacións familiares a un conflito amoroso que tivo con Natalia, a súa namorada. Ao longo da viaxe, a condutora adulta sen nome trata de averiguar as circunstancias que moven a Nicolau para facer esa viaxe só. Deste xeito, a muller consegue (moi lenta e paulatinamente) descubrir a súa historia e, ao cabo, gañar a súa confianza. Grazas a isto, a condutora decátase de quen é o rapaz que subiu no seu coche, e cae na conta da relación non coñecida ata o final (de infarto, por certo) entre ela e o rapaz. Por isto é que (aínda que empregando tamén a súa sabedoría adulta) a muller semella coñecer perfectamente os seus pensamentos, e a súa identidade verdadeira, co que se dá sentido ao título da novela.
Esta obra, que para Montse Pena (n' A voz insurrecta) supuxo unha pequena gran revolución na literatura xuvenil galega, foi traducida ao resto das linguas peninsulares, foi eloxiada pola crítica e incluída na Lista de Honra do IBBY (Organización Internacional para o Libro Xuvenil), así como na Biblioteca Galega 120, publicada por La Voz de Galicia no 2002.
Estes recoñecementos veñen a salientar a calidade narrativa e a orixinalidade do libro, así como outros aspectos da trama: o achegamento das drogas á adolescencia ou os prexuízos machistas do protagonista respecto a que quen a recolla para facer unha viaxe longa sexa unha muller, reconvertidos por esta en clave feminista.
Como curiosidade, teño que dicir que olfacteando un pouco en internet non atopei ningunha referencia á “sorprendente” similitude entre a protagonista deste libro e a súa autora, pois trátase dunha señora á que lle gusta conducir, que coñece os segredos do mundo do motor (María Victoria Moreno incluso lle poñía nome ou alcume aos seus coches), que resulta ser escritora, e claro está, que é unha muller adulta e madura. Para colmo, cando ela escribiu a novela destinárona ao instituto de Vilalonga, e, segundo di Montse Pena, para Moreno foi unha ledicia ter que coller o coche tódolos días para percorrer a distancia entre Pontevedra e Sanxenxo, xa que antes traballaba no Valle-Inclán da mesma cidade do Lérez.
Por certo, durante a súa estancia en Vilalonga “reencontrouse” coa súa benquerida Sara Alonso, cando era unha nova profesora adxunta e María Victoria a xefa do departamento.
Samuel Fernández 4º ESO C
A rateira Agatha Christie
No mes de maio, o alumnado de 3º ESO A reunímonos en varios recreos para falar da obra de teatro A rateira de Agatha Christie.
Na obra, Giles e Mollie Ralston inauguran a súa nova casa de hóspedes nos arredores de Londres e esta converterase por uns días no epicentro dun macabro xogo criminal cun asasino solto entre os seus clientes. Illados por unha tormenta de neve e sabendo que calquera deles pode ser a próxima vítima, os oito ocupantes da casa, un dos cales é un sarxento de policía, deberán pescudar quen é o asasino e quen está chamado a ser o próximo cadáver antes de que sexa demasiado tarde.
O libro gustounos moito. A trama estaba ben artellada e consegue manter ata o final a intriga. Os personaxes están perfectamente perfilados. Son xente común, pero a maioría ten un pasado escuro do que apenas falan e que queren esquecer. A. Christie consegue que desconfíes de calquera deles como autor dos asasinatos, aínda que o culpable resultou ser o que menos parecía.
Ademais, pareceunos interesante o feito de que a autora denuncie a través da peza o maltrato infantil e as consecuencias que calquera acto poden traer para os demais.
Algúns, con todo, cremos que hai algunha pequena incongruencia, como que os irmáns non se recoñeceran ou que Ralston e Christopher colleran tanta confianza sabendo que calquera podía ser o asasino.
Cremos que a trama está ben construída, os personaxes ben pensados e que a autora mantén a tensión ata o final. Este foi para a maioría de nós sorprendente.
Alicia, Mateo, Leyre Ramallo, Silvia, Brais, Adriana, Hugo, Ana, Miriam, Cristian, Pedro e Eva
3º ESO A